Faith No More é unha influente banda estadounidense de rock experimental formada en San Francisco, California en 1979.[1][2] Antes de recibir o seu nome actual en xullo de 1983,[3] o grupo actuou cos nomes Sharp Young Men e Faith No Man.[1] O baixista Billy Gould, o batería Mike Bordin e o teclista e guitarrista Roddy Bottum son os membros que máis tempo estiveron no conxunto, tendo tocado en Faith No More dende a súa creación. A banda pasou por varios cambios de formación dende o principio. O grupo separouse oficialmente en abril de 1998, pero volvería a reunirse no ano 2009. A súa derradeira encarnación está composta por Gould, Bordin, Bottum, o guitarrista Jon Hudson, e o vocalista Mike Patton.

Faith No More
A banda en directo no 2009
OrixeSan Francisco (California), Estados Unidos
Período1979 - 1998
2009 - presente
Xénero(s)metal alternativo, rock experimental, funk metal, rock alternativo, post-punk
Selo(s) discográfico(s)Mordam, Slash, Reprise, Reclamation!, Ipecac
MembrosMike Patton
Billy Gould
Roddy Bottum
Mike Bordin
Jon Hudson
Antigos membrosChuck Mosely
"Big" Jim Martin
Dean Menta
Trey Spruance
Mark Bowen
Courtney Love
Wade Worthington
Artistas relacionadosMr. Bungle, Pop-O-Pies
Na rede
fnm.com
IMDB: nm1655135 Facebook: faithnomore Twitter: faith_no_more Instagram: faithnomore MySpace: faithnomore Youtube: UC-YWvtG0eKGhkDfs_7DFxKA Bandcamp: faithnomore Spotify: 6GbCJZrI318Ybm8mY36Of5 iTunes: 170077 Last fm: Faith+No+More Musicbrainz: b15ebd71-a252-417d-9e1c-3e6863da68f8 Songkick: 171120 Discogs: 12937 Allmusic: mn0000134729 Deezer: 2255 Genius: Faith-no-more Editar o valor em Wikidata

Historia editar

Primeiros anos editar

A traxectoria de Faith No More comezou moito antes da formación da banda. No ano 1981, os amigos Mike Bordin e Billy Gould xa tocaban xuntos e formaban parte da banda Faith No Man, o embrión do que sería Faith No More. Bordin tocaba a batería, Billy era o baixista e completaban a formación Wade Worthington nos teclados e Mike "The Man" Morris na guitarra e na voz.

A sonoridade da banda era un híbrido entre The Cure e Sex Pistols, evidente nas composicións e na postura e voz de Mike "The Man", o líder da banda. Despois dalgúns meses, o teclista Worthington saíu da banda por desentendementos. O escollido para substituílo foi Roddy Bottum, colega de cuarto de Billy. Desentendementos resultantes da postura ditatorial do vocalista espertaron en Billy, Bordin e Roddy a idea de que a banda funcionaba mellor cando estaban sen o vocalista.

Coa intención de botar ao vocalista, os tres integrantes decidiron saír da banda, para inmediatamente montar un novo conxunto sen o vocalista. O nome da banda sería Faith No More, utilizando un xogo de palabras, xá que o vocalista Mike "The Man", non tocaría "No More" (nunca máis) con eles.

Os primeiros tempos da banda como Faith No More foron bastante erráticos. Un número enorme de guitarristas e vocalistas pasaron polo grupo antes de atopar a súa primeira formación estable. Entre os guitarristas que pasaron pola banda están: Mike Morris, Jake Crucifix, Mark Stewart, Desmond Trial, Scott Colbertson e Mark Bowen; e como vocalistas pasaron: Joe 'Pop-o-Pie' Pye, Walter, Paula Frazer, Mike Morris e Courtney Love.

A formación de Faith No More só gañou algunha estabilidade coa entrada do guitarrista Jim Martin e do vocalista Chuck Mosely en 1984. Con esa formación, en 1985 a banda gravou o seu primeiro disco, We Care a Lot, pola discográfica independente Mordam. Co disco a banda conseguiu un contrato coa discográfica Slash (subsidiaria da Polygram), e a consecuente posibilidade de alcanzar un público maior, que viu dous anos despois co álbum Introduce Yourself, no ano 1987. No disco aparecía unha renovada versión de "We Care a Lot", que tivo un éxito menor na MTV. Chuck Mosley sería despedido da banda en 1988 polo seu comportamento errático durante as sesións de gravación e os concertos.

The Real Thing editar

Mosley sería substituído polo vocalista Mike Patton. Patton, que cantara na súa banda do instituto, Mr. Bungle, foi fichado por recomendación de Martin, despois de que escoitase unha demo de Mr. Bungle. Patton deixou a Humboldt State University para unirse a Faith No More, e en dúas semanas escribiu todas as letras das cancións do que sería o álbum The Real Thing.

O vídeo musical de "Epic" foi emitido regularmente pola MTV en 1990, a pesar das protestas de activistas polos dereitos dos animais por unha imaxe a cámara lenta dun peixe fóra da auga. Ese mesmo ano Faith No More realizou destacadas actuacións no MTV Video Music Awards (o 6 de setembro) e no Saturday Night Live (o 1 de decembro).

"From Out of Nowhere" e "Falling to Pieces" foron lanzadas como sinxelos, e unha versión do tema de Black Sabbath "War Pigs" tamén foi producida. En 1990 a banda iniciou unha extensa xira polos Estados Unidos, chegando The Real Thing a ser platino no Canadá, nos Estados Unidos e en Suramérica. O álbum tamén tivo vendas altas en Australia, Reino Unido e Europa, chegando ao redor dos 4 millóns de copias vendidas en todo o mundo.

En febreiro de 1991, Faith No More lanzou o seu único álbum ao vivo oficial, Live at the Brixton Academy. O álbum tamén incluía dous temas de estudio non editados anteriormente, "The Grade" e "The Cowboy Song". Ese mesmo ano a banda contribuíu coa canción "The Perfect Crime" á banda sonora de Bill & Ted's Bogus Journey. Jim Martin tamén realizaría un breve cameo no filme como "Sir James Martin" e cabeza do "Faith No More Spiritual and Theological Center".

Angel Dust editar

Faith No More amosou unha cara máis experimental no seu seguinte álbum, Angel Dust. Do disco editáronse como sinxelos as cancións "A Small Victory", "Midlife Crisis" e "Everything's Ruined". O traballo incluía unha gravación do tema da película Cowboy de medianoite, e posteriores edicións tiñan tamén unha versión do clásico de The Commodores "Easy", que nalgunhas partes do mundo converteuse no maior éxito da banda. Angel Dust, a pesar de non ser tan exitodo como The Real Thing nos Estados Unidos, vendeu 665.000 copias nese país, e conseguiu vender máis que The Real Thing en moitos outros países. En Alemaña foi certificado ouro, ao vender máis de 250.000 copias. O álbum tamén acadaría o mesmo número de vendas que The Real Thing no Canadá e Australia, e o superaría nos Países Baixos, Francia, Rusia e o Reino Unido.

Despois de xirar para promocionar Angel Dust no verán de 1993, o guitarrista Jim Martin deixou a banda debido a conflitos internos. Segundo Roddy Bottum, Martin foi despedido a través dun fax, e o propio Martin dixo que a decisión de marchar foi súa. O guitarrista de Killing Joke Geordie Walker foi convidado a unirse a Faith No More despois da saída de Martin, pero declinou a invitación. O posto sería ocupado finalmente polo compañeiro de Mike Patton en Mr. Bungle, Trey Spruance, que deixaría o grupo despois de gravar o álbum de 1995 King for a Day... Fool for a Lifetime; xusto antes de que a banda comezase a súa xira mundial de presentación. Spruance foi substituído por Dean Menta, o técnico de teclados do grupo.

King for a Day... Fool for a Lifetime editar

O quinto álbum de estudio de Faith No More, King for a Day... Fool for a Lifetime, foi editado en marzo de 1995[4] e varía moito en estilo entre canción e canción, pasando por xéneros como post-hardcore/punk, country, jazz, bossa nova, thrash metal ou gospel, xunto con elementos típicos da banda, entrelazándose perfectamente. Del sacáronse os sinxelos "Digging the Grave", "Evidence" e "Ricochet". O disco conta con Trey Spruance, de Mr. Bungle, na guitarra. O disco foi ouro en Reino Unido, Australia, Nova Zelandia, Países Baixos e Alemaña, e vendeu ao redor do millón e medio de copias. Porén, estas vendas foron significativamente menores que a dos seus anteriores traballos, e a banda decidiu acurtar a súa xira a catro meses. Unha box set de 7 discos de 7 polgadas foi editada, incluíndo caras b e entrevistas.

Album of the Year editar

Album of the Year foi lanzado en 1997 e conta cun novo guitarrista, Jon Hudson, que fora un atigo compañeiro de habitación de Billy Gould. O álbum estreouse máis arriba do agardado, entrado nas listas de varios países europeos. Ata a data o disco leva vendidao ao redor dos dous millóns de copias en todo o mundo. Os sinxelos "Ashes To Ashes" e "Last Cup of Sorrow" tiveron un éxito mínimo. "Stripsearch" foi tamén lanzada como sinxelo en varios países.

Separación da banda editar

A comezos de 1998 comezaron a circular rumores sobre a inminente disolución de Faith No More. Empezando por un rumor escrito no grupo de noticias da banda alt.music.faith-no-more, que afirmaba que Mike Patton abandonara o grupo para centrarse no seu proxecto paralelo; este co tempo confirmaríase parcialmente como certo. Faith No More realizaría o seu derradeiro concerto o 7 de abril de 1998 en Lisboa.

A banda cancelou a súa xira de abreconcertos con Aerosmith e o 20 de abril Billy Gould anunciaría a súa separación cunha declaración realizada a través de correo electrónico e fax, dicindo "A decisión entre os membros é mutua" e "a separación permitirá agora a cada membro adicarse aos seus proxectos individuais sen obstáculos". A banda "agradeceu a todos os seareiros e asociados que apoiaran ao grupo a través da súa hstoria". Tras a disolución os seus compoñentes pasarían a traballar en distintos proxectos.

Reforma editar

A finais de novembro de 2008 comezaron a circular rumores de que Faith No More podería reunirse para realizar concertos no verán de 2009 no Reino Unido[5], pero estes foron descartados polo baixista Billy Gould. El explicou: "Se algo como ocorrese, tería que vir da banda, e non falei con ningún deles no últmo ano. Así que polo que eu sei, non hai nada do que falar, e estou bastante seguro de que se contactases con Patton el diríache o mesmo".[6]

Porén, o 24 de febreiro de 2009, tras meses de especulacións e rumores, Faith No More anunciou que se reuniría cunha formación idéntica á da era do Album of the Year,[7] embarcándose nunha xira bautizada como The Second Coming Tour. Para coincidir coa xira de reunión da banda, Rhino publicou o 8 de xuño no Reino Unido o sexto recompilatorio de Faith No More, The Very Best Definitive Ultimate Greatest Hits Collection, un álbum dobre que incluía os seus éxitos e caras b e rarezas.[8] Despois Faith No More tocou en grandes festivais europeos, incluído o Download Festival no Reino Unido en xuño, os festivais Hurricane e Southside en Alemaña, o Greenfield Festival en Suíza, o Hove Festival en Noruega e o Roskilde Festival en Dinamarca. A xira continuou en 2010 con aparicións no Soundwave Festival en cidades australianas en febreiro e marzo. Durante a xira a banda engadiu versións ao seu repertorio, como "Poker Face" de Lady Gaga e "Switch" de Siouxsie and the Banshees.[9]

Despois dun hiato de 11 meses, Faith No More realizou catro concertos en América do Sur en novembro de 2011. Na primeira data, o día 8, a banda tocou unha "canción misteriosa" o que levou a especular sobre material novo. O grupo tocou no Sonisphere France o 7 de xullo de 2012, e despois de máis concertos en Europa en 2012 Faith No More estivo novamente inactiva durante un tempo. Mike Patton pasou o ano 2013 xirando co seu reformado supergrupo Tomahawk, mentres que o resto dos membros tamén se dedicaron aos seus proxectos paralelos. En xullo de 2013 Billy Gould confirmou que o hiato da banda non sería permanente, dicindo "Faremos algo de novo só cando todos os membros estean centrados niso e preparados para o desafío. Este non é o momento... aínda".[10]

Nunha entrevista en 2015, Roddy Bottum dixo que orixinalmente a banda quería reformarse co guitarrista Jim Martin para a súa xira de reunión, pero non puido ser.[11]

Discografía editar

Álbum Ano Selo
We Care a Lot 1985 Mordam Record
Introduce Yourself 1987 Slash Records
The Real Thing 1989 Slash Records
Angel Dust 1992 Slash Records
King for a Day... Fool for a Lifetime 1995 Slash Records
Album of the Year 1997 Slash Records
Sol Invictus 2015 Reclamation Records, Ipecac

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Faith No More Songs, Albums, Reviews, Bio & More". AllMusic (en inglés). Consultado o 2022-07-05. 
  2. "Faith No More: The inside story of The Real Thing". Kerrang! (en inglés). Consultado o 2022-07-05. 
  3. "Faith No More v. Manifesto Records, Inc., 040417 CAAPP2, B271323". vLex (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2022. Consultado o 2022-07-05. 
  4. "::official FAITH NO MORE site:: Biography::". www.fnm.com. Consultado o 2023-10-14. 
  5. blabbermouth.net - FAITH NO MORE Reunion In The Works? (en inglés)
  6. "Faith No More Not Reuniting". www.ultimate-guitar.com (en inglés). Consultado o 2023-10-13. 
  7. "Faith No More News". web.archive.org. 2009-03-25. Archived from the original on 25 de marzo de 2009. Consultado o 2023-10-13. 
  8. "Faith No More: 'The Very Best' Greatest-Hits Collection Due In June - Apr. 28, 2009". Blabbermouth. Archived from the original on 04 de xaneiro de 2012. Consultado o 13 de outubro de 2023. 
  9. "Faith No More - Switch and Stripsearch Live Melbourne 25/02/2010". Consultado o 2023-10-13. 
  10. "Faith No More - Could there be more?". Faith No More Blog. Consultado o 2023-10-14. [Ligazón morta]
  11. Blabbermouth (2015-03-24). "FAITH NO MORE Keyboardist Explains Original Guitarist JIM MARTIN's Absence From Reunion". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). Consultado o 2023-10-14.