O faiado[1] ou faio[2] é a parte máis alta da casa, inmediatamente debaixo da cuberta, non sempre habitábel, onde se adoitan amontoar mobles e trebellos vellos e en desuso a xeito de rocho. Por extensión tamén ás veces é denominado faiado un teito de táboas.

Faiado dunha casa ventilado e alumeado grazas a unha xanela.

Hoxe en día adoitan rehabilitarse para empregalos coma estudios, salas ou pequenos cuartos.

Curiosamente en portugués o faiado denomínase sótão, polo que cómpre non confundir co soto galego.

Características editar

A súa especial configuración determina as peculiaridades e as súas posibilidades de uso. Os seus principais inconvenientes son a falla de espazo delimitado polo teito inclinado que forman as vertentes ou abas da cuberta, e a escaseza e má orientación da luz situada en ocasións a rente do chan.

A casa tradicional galega non acostuma ter o faiado habitábel, xa que a pequena pendente da cuberta non permite unha altura de abondo até a cumieira para acoller un cuarto; porén si adoita separarse do sobrado ou primeiro andar cun forxado de trabes de madeira ou un teito de táboas, xa que si podía existir un zapón para usalo como rocho ou incluso preservar parte da colleita. Estruturalmente o espazo conséguese grazas a unhas estruturas en tesoira nas cubertas de catro augas ou unha estrutura sinxela de cangos dende a cumieira ao beirado en casas con tellados de dúas augas e muros piñón (triangulares). Os muros poden contar con varios ocos ou vans para permitiren a ventilación e o acceso á luz, que poden ser fiestras, xanelas, bufardas ou lumieiras segundo teñamos en conta do maior a menor talle. Malia non ser moi comúns en Galicia, nos faios habitábeis aparecen bufardas levantándose por riba do tellado ou lousado da casa; son moi comúns nas Illas Británicas por exemplo.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar