F.C. Porto (baloncesto)

A sección de baloncesto do Futebol Clube do Porto, club polideportivo con sede na cidade do Porto, é un equipo portugués que milita na LPB, a máxima categoría do baloncesto deste país. O equipo xoga os seus partidos como local no pavillón Dragão Caixa, sendo o adestrador do club o galego Moncho López.

F.C. Porto
Información xeral
Liga LPB
Fundación 1926
Historia Dragon Force (2013-2015)
Cores           Azul, branco
Presidente Portugal Jorge Nuno Pinto da Costa
Adestrador Galicia Moncho López
Localización
Cidade Portugal Porto, Portugal
Pavillón Dragão Caixa
Capacidade 2.115
Inauguración 23 de abril de 2009
Campionatos
Liga 12 (1952, 1953, 1972, 1979, 1980, 1983, 1996, 1997, 1999, 2004, 2011, 2016)
Copa 15 (1979, 1986, 1987, 1988, 1991, 1997, 1999, 2000, 2004, 2006, 2007, 2010, 2012, 2019, 2024)
Supercopa 7 (1986, 1997, 1999, 2004, 2011, 2016, 2019)
Copa da Liga 8 (2000, 2002, 2004, 2008, 2010, 2012, 2016, 2021)
fcporto.pt/basquetebol

No ano 2012 o equipo suspendeu a súa actividade despois de perder o título de liga no último partido da final ante o S.L. Benfica no seu pavillón. Con todo, retomouna a seguinte temporada na terceira división co nome de Dragon Force. Con todo, o equipo regresa rapidamente a elite e na temporada 2015−16 volta á Liga Portuguesa de Basquetebol, recuperando o seu antigo nome. O F.C. Porto é o segundo equipo máis laureado do baloncesto portugués.

Historia editar

Na súa refundación en 1906, "refundación" porque o club contaba xa cunha pequena e breve existencia no século XIX, no Futebol Clube do Porto practicábanse as seguintes modalidades: fútbol, atletismo, boxeo, crícket, halterofilia, wáter-polo e natación. Daquela o baloncesto non era sequera coñecido en Portugal. A introdución deste deporte no país foi contra o ano 1913, e trece anos despois un grupo de socios portistas decidiu crear no club un equipo de baloncesto. António Sanches, António Marta e Daniel Barbosa foron os impulsores da idea, uníndoselles posteriormente Gabriel Batista e A. Cabral para completar o equipo. O segundo lugar na Taça António Cardoso acadado na primeira época entusiasma á comunidade, que forma de inmediato outros catro equipos. Os baloncestistas do FC Porto adestraban nunha cancha ao aire libre incluída no complexo da Constituição.

Á par de clubs coma o Académico, o Fluvial ou o Estrela e Vigorosa Sport, o FC Porto contribuíu a facer da cidade de Porto a grande forza motora do baloncesto en Portugal, primeiro coa fundación da Associação de Basquetebol do Porto, a primeira do país, en 1926, e despois coa creación, en Porto, da Federação Portuguesa de Basquetebol, en 1927. Os anos 1930 e 1940 non foron moi fértis en títulos para a sección, mais aínda así, a práctica da modalidade foise consolidando nun club que se mostraba cada vez máis eclético. En 1940 o F.C. Porto xogaba xa nun recinto cuberto e iluminado na Avenida dos Aliados. Os froitos veríanse ao final da década: nas tempadas 1947-48 e 1949-50, o F.C. Porto foi campión nacional da Segunda División e dúas tempadas despois foi bicampión nacional da Primeira División en 1951-52 e 1952-53.

A maior lenda do baloncesto portista chegou no inicio da década dos 1970. Dale Dover fora un dos máis importantes xogadores da Universidade Harvard nos anos anteriores.[1], con Dover como xogador-adestrador, o F.C. Porto reconquista o título nacional dezanove anos despois. Nesta época, o equipo portista xogaba nun pavillón prestado, habitualmente no Pavilhão Rosa Mota ou no pavillón do Futebol Clube de Gaia, pasando a xogar no complexo das Antas cando foi concluída a construción do Pavilhão Américo de Sá. Ao final da mesma década, por iniciativa de Matos Pacheco, dirixente do baloncesto do F.C. Porto dende principios dos anos cincuenta, e Jorge Araújo, prodúcese a profesionalización da sección.[2] O cambio é notable mesmo no palmarés, véndose claramente un antes e un despois da pofesionalización.

O ano 1995 marca un xiro crucial no baloncesto portugués. É nese ano no que a Liga de Clubs de Basquetebol, fundada seis anos antes, organiza a primeira liga profesional. O baloncesto do FC Porto asóciase a un patrocinador, UBP (pasando denominarse FC Porto UBP), e entra con paso firme na era do baloncesto profesional, gañando as dúas primeiras edicións da liga. Nas mesmas datas, o equipo múdase ao Pavilhão Rosa Mota, onde podía dispor de mellores condicións de traballo. En 1997 foi creada a "F.C. Porto, Basquetebol, SAD", á par da FC Porto, Futebol, SAD. Jorge Nuno Pinto da Costa ocupa a presidencia das dúas SAD e do club, mentres que Fernando Gomes é o principal administrador. A asociación con UBP dura apenas unha tempada; nas catro tempadas seguintes, o F.C. Porto é patrocinado pola Câmara Municipal da Maia e polo Banco Mello (pasando a chamarse Porto Maia Banco Mello) e na tempada 2000-01, o nome do equipo pasa a ser FC Porto Multitema. Na tempada 2001-02, o club asóciase a Ferpinta, un grupo empresarial portugués ligado á metalomecánica, á agropecuária e ao turismo, pasando a utilizar a designación que aínda hoxe emprega: F.C. Porto Ferpinta. Aínda que a nivel nacional o F.C. Porto se encontre entre os mellores e sexa sempre candidato ao título en todas as competicións, a súa traxectoria a nivel internacional é modesta, reflexo da posición do baloncesto portugués respecto das restantes federacións europeas e mundiais. As súas mellores tempadas en competicións europeas foron en 1997 e 2000, anos nos que acadou os cuartos de final da Copa Saporta.

Palmarés editar

FC Porto

  • Liga de Portugal
    • Campións (12): 1951–52, 1952–53, 1971–72, 1978–79, 1979–80, 1982–83, 1995–96, 1996–97, 1998–99, 2003–04, 2010–11, 2015–16
  • Taça de Portugal:
    • Campións (15): 1978–79, 1985–86, 1986–87, 1987–88, 1990–91, 1996–97, 1998–99, 1999–00, 2003–04, 2005–05, 2006–07, 2009–10, 2011–12, 2018–19, 2023–24
  • Taça da Liga
    • Campións (8): 1999–00, 2001–02, 2003–04, 2007–08, 2009–10, 2011–12, 2015–16, 2020–21
  • Supertaça de Portugal
    • Campións (7): 1986, 1997, 1999, 2004, 2011, 2016, 2019
  • Troféu António Pratas
    • Campións (1): 2010

Dragon Force

  • Proliga (Segunda División)
    • Campións (2): 2013–14, 2014–15
  • Troféu António Pratas Proliga
    • Campións (1): 2014

Bibliografía editar

  • Barbosa, Alfredo. Dragão Ano 111 - História Oficial do Futebol Clube do Porto - vol.6. Porto: O Comércio do Porto. 2004.
  • Barbosa, J. Tamagnini; Dias, Manuel. Figuras e Factos do F.C. do Porto - de A a Z - 1893/2005. Porto: New D - Notícias do Douro. 2005.

Notas editar

  1. "Dover Is Named District All-Star". The Harvard Crimson (en inglés). 7 de abril de 1969. Consultado o 24 de setembro de 2015. 
  2. "Matos Pacheco, referência do basquetebol do F.C. do Porto". Desportivo de Leça. 25 de xuño de 2005. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 24 de setembro de 2015. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar