Eyjafjallajökull

Eyjafjallajökull, denominación conformada polas palabras islandesas ey («illa»), fjall («montaña») e jökull («glaciar»), é un dos glaciares mais pequenos de Islandia. Está situado ao norte da rexión de Suðurland e ao leste do glaciar Mýrdalsjökull. A capa de xeo do glaciar cobre un volcán de 1.666 m. de altitude, que ten entrado en erupción cunha frecuencia relativa dende a Idade do xeo. A penúltima erupción foi de 1821 a 1823, causando un fatal desprazamento do glaciar. O cráter do volcán ten un diámetro de entre 3 e 4 quilómetros e o glaciar cobre unha área duns 100 km².

Glaciar Gígujökull, baixando do monte Eyjafjallajökull

O extremo sur da montaña foi unha vez parte da liña da costa atlántica. O mar retirouse uns 5 quilómetros, polo que agora son visibles uns acantilados escarpados cun gran número de fervenzas, sendo a máis coñecida a chamada Skógafoss. Con ventos fortes, a auga das fervenzas máis pequenas poden ascender por cima da montaña.

Topografía editar

O Eyjafjallajökull atópase entre o val Þórsmörk, ao norte, e a costa do océano Atlántico, ao sur. A parte superior do glaciar está marcada por unha profunda depresión correspondente á caldeira, de entre tres e catro quilómetros de diámetro. O pico máis alto é o Hámundur, con 1.666 metros sobre o nivel do mar, é unha parte do bordo. Un cume secundario é o Guðnasteinn, que divide o bordo do cráter.

A maioría das erupcións son de tipo fisura, e prodúcense ao leste e ao oeste dos francos do volcán, incluíndo as bocas eruptivas Hamragardahraun, Hofdahraun, Irahraun, Midskalarheidahraun e Skerjahraun Raudahraun. A chaira que se estende dende os seus pés ata a costa do océano Atlántico formouse pola deposición sucesiva dos materiais, incluíndo hialoclastita, arrastrados polas inundacións diversas do volcán e do veciño Katla.

Hidroloxía editar

No lado norte do campo de xeo atópanse os graciares Steinsholtsjökull e Gígujökull, que descenden por separado ata o val de Þórsmörk. A lingua glacial do Gígujökull ten un curso irregular que descende dende os 1.400 metros do cráter da vertente norte. As augas da fusión do Eyjafjallajökull alimentan moitos ríos que descenden das pronunciadas ladeiras do volcán, formando profundos canóns, como o Stakkholtsgjá. As numerosas fervenzas atraen os turistas, como Seljalandsfoss, de 65 metros de altura, ou Skógafoss, de 62 metros de altura, que tamén recibe auga do desxeo do Mýrdalsjökull.

Xeoloxía editar

Trátase dun estratovolcán, formado hai uns 700.000 anos, construído por lava de basalto e andesita. Ten sido moi activo, e experimentou erupcións arredor do 550, en 1612, entre os anos 1821 e 1823, e en 2010.

A erupción de 1821-23 foi unha erupción pequena,[1] pero produciu un gran dano, debido á alta concentración de flúor na cinza, que en altas doses pode ter efectos negativos na estrutura ósea de gando, cabalos, ovellas e seres humanos. A erupción tamén provocou que algúns graciares derretesen e desbordasen os ríos Markarfljót e Holtsá. A fase eruptiva iniciouse o 19 e 20 de decembro, e continuou cunha serie de erupcións explosivas os días seguintes, orixinándose chuvias de cinza nos arredores do volcán. A erupción continuou de xeito moderado ata xuño de 1822, comezando a finais de xuño e principios de agosto dese mesmo ano outra serie de erupcións explosivas. As columnas da erupción acadaron alturas considerables.

En 1823, inspeccionáronse os cráteres, observándose fisuras preto da caldeira, ao oeste de Guðnasteinn. Na primavera de 1823, o volcán Katla, situado preto e debaixo do glaciar Mýrdalsjökull, entrou en erupción, observándose columnas de vapor ao mesmo tempo no curuto de Eyjafjallajökull. A cinza das erupcións de 182 atópase en todo o sur de Islandia, presentando unha cor gris escura, de gran pequeno e rocas intermedias.

Erupción de 2010 editar

 
Erupción do volcán.

A erupción comezou o 20 de marzo de 2010,[2] a uns 8 quilómetros ao leste do cráter do volcán. Esta primeira erupción non ocorreu no graciar e foi menor que a prevista por algúns xeólogos. O 14 de abril de 2010 comezou unha nova erupción, esta vez no cráter superior, xusto no centro do glaciar, o que causou o desxeo deste e as inundacións dos ríos próximos, provocando a evacuación de máis de 800 persoas. Esta erupción tivo natureza explosiva, estimándose entre a súa potencia entre dez e vinte veces superior a anterior. Lanzou cinza volcánica á atmosfera, chegando a unha altura de varios quilómetros e estendéndose por unha área de miles de quilómetros cadrados[3], causando a máis grande interrupción de tráfico aéreo no noroeste de Europa dende a segunda guerra mundial o 15 de abril de 2010, incluído o peche de aeroportos e do espazo aéreo da maior parte do norte e centro de Europa. Calcúlanse en 20.000 os voos cancelados.[4][5][6][7], o que lles afectou a máis de 6,8 millóns de pasaxeiros[8] e provocará unhas perdas estimadas de 1.500 millóns de euros[9]

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar