Os etruscos foron un pobo de lingua non indoeuropea da Península Itálica que apareceu entre os séculos VIII-VII a.C. O espazo primixenio ocupado por este pobo comprendeu o territorio entre os ríos Arno e Tíber, entre o mar Tirreno e os montes Apeninos, aínda que logo de expandiron polo val do Po, o Lacio e a Campania. Autodenominados "rasna" ou "rasena", o actual termo etrusco deriva do latín "etrusci", mentres que os gregos empregaban o termo "Τυρρηνοί" ou tyrrhēnoi. Esta cultura foi obxecto de grandes controversias xa dende a Antigüidade: autores gregos e romanos teorizaron sobre a súa procedencia e interesáronse polos seus costumes.

Extensión da civilización etrusca

Historia editar

Orixe editar

A procedencia da cultura etrusca é unha cuestión longamente discutida dende a Antigüidade. Unhas teorías insistiron en presentar aos etruscos como inmigrantes procedentes de Oriente, da Lidia, de onde se viron na obriga de emigraren a raíz da invasión indoeuropea de Asia Menor. Formarían parte dos chamados Pobos do Mar, protagonistas das grandes migracións que trocaron o escenario do Mediterráneo Oriental. Deste xeito, para Heródoto, os tirrenos ou etruscos, eran lidios que chegaron á Península Itálica baixo o mando de Tirreno, fillo do rei Atis. Doutra parte, Helánico, identifícaos cos pelasgos, que segundo Antíclides, chegaron con Tirreno.[1] Os traballos arqueolóxicos sinalan indicios que poderían confirmar esta teoría, como que fronte a cultura de Villanova, desenvolvida por indoeuropeos na Umbría, os etruscos practicaban a inhumación fronte a incineración dos primeiros. A nivel lingüístico, o idioma etrusco presenta semellanzas con linguas de Asia Menor, especialmente coa escrita na estela funeraria prehelénica de Kaminia en Lemnos.[2]

As hipóteses dunha orixe lidia foran xa rexeitadas por Dionisio de Halicarnaso, para quen os etruscos eran autóctonos da Península Itálica. Investigadores dos séculos XIX e XX apoiaron esta posibilidade sinalando a existencia dun sustrato preitálico, e preindoeuropeo polo tanto, en toda a Península, considerando que na Etruria, aínda que se recibiran influencias orientalizantes, se conservaría a inhumación fronte a incineración.[2]

Outra teoría naceu a principios do século XIX, cando autores como Barthold Georg Niebuhr e Karl Otfried Müller propuxeron que a se instalaran na Toscana logo dunha migración dende os Alpes. Xustificaban esta teoría relacionando o nome co que se denominaban os etruscos, rasena, co pobos raetianos da zona alpina.[1]

Dende mediados do século XX, as interpretacións de autores especializados, como Massimo Pallottino, conclúen que o pobo etrusco foi o resultado dos grupos propios da Península Itálica que evolucionaron na Idade do Ferro recibindo achegas culturais de Grecia e Oriente.[3][4]

Traxectoria editar

Segundo a tradición clásica, os etruscos inicialmente destacaron pola piratería atribuíndolles saqueos como o da imaxe de Hera en Samos, o rapto de mulleres de Brauronia ou un ataque a Atenas. Para algúns autores, entre os séculos VIII e VI a. C os etruscos o dominio marítimo do Tirreno e do Adriático era semellante ás talasocracias gregas.[5][6] Segundo Plinio, os etruscos foron os responsables da invención da áncora e do rostrum.

A súa superioridade militar lles permitiu imporse ás poboacións veciñas (umbros, lígures etc,...). Xa no VII a C. constituíran un poder forte e dominaban un territorio que se chamou Etruria, fundando tamén a cidade de Tarquinia. Foi entón cando emprenderon a súa política expansiva, ocupando as rexións contiguas a Umbría e, atravesando os Apeninos, dominaron o val do Po no século VI a.C. A eles se debe a fundación de Parma, Mutina (Módena), Mantua e Melpum (Milán) e a ocupación de numerosas cidades, como Cortona, Perusa, Felsina (Boloña) e varios portos do Tirreno e comarcas como o Piceno. No 540 a.C. aliáronse cos cartaxineses para expulsar os gregos de Córsega e despois lanzáronse á conquista do Lacio e da Campania. Cara ao sur ocuparon a Campania, onde rivalizaron cos gregos, fundando as cidades de Capua (Volturnum), Nola, Acerra, Nocera, Uri, Velleia ou Velsu. O seu contacto cos gregos da colonia de Cumas permitiulles adoptar algúns elementos da súa civilización, como o alfabeto. Fundamental na comunicación entre a Etruria orixinal e os dominios meridionais, a presenza etrusca en Roma xa foi descrita na propia historia lendaria da cidade con reis como Tarquinio Prisco, Servio Tulio e Tarquinio o soberbio, e está corroborada polo rexistro arqueolóxico. O seu contacto cos gregos da colonia de Cumas permitiulles adoptar algúns elementos da súa civilización, como o alfabeto.

A finais do século VI a. C comezou a decadencia do poderío etrusco. O tirano de Cumas, Aristodemo, logrou rexeitalos e favoreceu a sublevación do Lacio. Roma expulsou o seu derradeiro rei, Tarquinio o Soberbio e proclamou a República. As cidades etruscas de Campania acabaron sucumbindo aos samnitas durante o século V a.C.: no 474 a.C. os campanos, aliados cos siracusanos, desfixeron a frota etrusca. A difusión da malaria nas chairas e lagos da zona acentuou a súa debilidade. A comezos do século IV a.C. os galos, dende o norte, ocuparan o val do Po, e no 396 a.C tomaron a etrusca Melpum.[7] Co tempo Roma e a súa política de conquista de Italia, rematou por incorporar as cidadades etruscas ao seu dominio.

Institucións editar

Todo o que sabemos dos etruscos procede das fontes narrativas romanas, que se complementan cos achados arqueolóxicos. Pero non convén esquecer o prexuízo histórico antietrusco dos romanos. Xa se dixo que os etruscos non chegaron a constituír un Estado, senón que estaban organizados en cidades-estado, coa súa respectiva zona de influencia. Á fronte de cada cidade había un rei, que se dedicaba ao comercio e posuía obradoiros artesáns. O rei, chamado lucumón, rodeábase de parentes e achegados que dominaban toda a actividade económica da cidade.

Chegou a haber doce destas cidades, todas amuralladas, que nalgún intre se uniron nunha federación, a chamada dodecarquía etrusca ou liga das doce cidades. Estas cidades eran: Caere, Tarquinia, Vulci, Rosellae, Vetulonia, Populonia, Volsinii, Clusium, Arretium, Perusa, Volaterrae e Cortona. A federación tiña unha base relixiosa e cultural e os seus representantes xuntábanse anualmente no templo de Voltumna (Orvieto). A menos que a hexemonía dunha delas se deixase sentir con especial intensidade sobre as demais, todas tiñan unha ampla autonomía, incluída a decisión de ir á guerra.

Antes do século V a.C. cada cidade contaba co seu lucumón e á fronte das doce cidades estaba o xefe da federación. Este era escollido nas sesións do templo de Voltumnus. Cada rei tiña o poder xudicial e estaba á fronte do exército local e dos cultos. Ademais, moita da simboloxía que logo adoptaron os romanos como representativos do poder ten a súa orixe nas monarquía etruscas, como por exemplo: a coroa de ouro, o cetro, a toga, a cadeira curul e o fascio.

Posteriormente, entre os séculos IV e o IV a. C. as monarquías etruscas deron paso a réximes oligárquicos, como tamén aconteceu noutras áreas mediterráneas. Estes novos sistemas o poder era compartido entre un consello aristocrático e as seguintes maxistraturas:

  • Zilc ou zilath: cargo relacionado co pretor ou cónsul romano.
  • Purth ou purthne: que podería estar por riba do anterior.
  • Maru ou marunuch: semellante o edil romano con atribucións relixiosas.
  • Camthi e macstrevc: con responsabilidades administrativas e militares.
  • Tamera e eisnevc: responsabilidades sacerdotais.

Tito Livio en Ab urbe condita libri, sinala que en Veies optárase por restaurar unha monarquía, espertando tal decisión o rexeitamento do resto de etruscos. Deste xeito, optaron por non axudala nas súas guerras contra a República romana.

Sociedade editar

 
Detalle do sartego dos esposos atopado en Caere (finais do século VI a. C.)

Grazas ás inscricións e textos pódese coñecer a onomástica etrusca, da que se deduce que a súa organización era xentilicia. Este sistema antroponómico contiña o pronomen persoal e o nome da familia ou xentilicio, ademais do patronímoco e do matronímico, e o cognomen que identificada a póla do gens ou familia.

As fontes indican que toda a poboación etrusca pertencía a unha familia ou gens, e non só a oligarquía. Isto relaciónase cunha débil diferenza entre grupos sociais, polo menos na orixe da súa civilización. Con todo, cómpre indicar que non se pode deducir igualitarismo social pois existían familias aristocráticas cuxos nomes se suceden nos cargos políticos como foi o caso da gens Ceicna en Volterra ou os Cilnii en Arretium. Existían, ademais, plebeos e escravos, e asocíase o termo lautni e etera con liberto ou servo.[8]

As mulleres gozaban de consideración social e éralles recoñecida a súa personalidade xurídica ata o punto que a sucesión se facía por liña materna. Isto, xunto co emprego do matronímico, levou a Jacob Johan Bachofen a considerar que en Etruria se conservaran as estruturas matriarcais que segundo as súas teorías se deran no Mediterráneo durante o Neolítico. Mais, aínda que gozaran de máis consideración e dereitos que noutras civilizacións, a sociedade era patriarcal cun gran peso da familia. Isto non evitou que gregos e romanos criticaran o rol da muller nesta cultura.

 
Espello etrusco de bronce do Museo Británico (cara 500-475 a.C.)

Economía editar

As cidades de Etruria coñeceron unha importante prosperidade. A agricultura etrusca baseábase no cultivo de trigo, oliveira e vide, ademais de contar con importantes recursos madeireiros no noroeste. A potencia agraria foi fomentada grazas ás técnicas hidráulicas construíndo canles para o regadío. A minería proporcionou outros recursos abondosos: tanto ferro, especialmente na illa de Elba e nas comarcas de Populonia e Vetulonia, como de cobre e estaño nas zonas litorais.[1]

Derivado disto, Etruria contou cunha metalurxia e unha sofisticada ourivería. Destacaron varios núcleos especializados: Perusa para o traballo do bronce e dos seus louvados espellos, Vulci cos trípodes e candelabros e Arretium nas armas. Coiros, tecidos e cerámica son outros produtos que foron aprezados no comercio.

Malia a importancia da actividade mercantil, a moeda tivo unha difusión serodia. Nun primeiro momento empregaron as de Focea, logo a partir do V a.C. acuñaron moedas de seu en ouro, prata e bronce. Moi características son as pezas de ouro cunha cabeza de león no anverso.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Briquel, Dominique (2018). "L’émergence d’une grande puissance". Les Étrusques. Presses Universitaires de France. ISBN 9782130804031. 
  2. 2,0 2,1 Pericot García, Luis; Ballester Escalas, Rafael (1970). Historia de Roma. Montaner y Simón. p. 10. ISBN 84-274-0036-5. 
  3. Pallottino, Massimo (1975). Etruscologia. U. Hoepli. 
  4. Bordet, Marcel (2021). Précis d'histoire romaine. Armand Colin. ISBN 9782200630669. 
  5. Pericot García, Luis; Ballester Escalas, Rafael (1970). Historia de Roma. Montaner y Simón. pp. 13–14. ISBN 84-274-0036-5. 
  6. Thuillier, Jean-Paul (2003). "Les Étrusques entre deux mers". Les Étrusques. Histoire d'un peuple. Armand Colin. pp. 175–191. ISBN 9782200262358. 
  7. Briquel, Dominique (2018). "Le crépuscule d’une civilisation. Déclin et survivances". Les Étrusques. Presses Universitaires de France. pp. 67–92. ISBN 9782130804031. 
  8. Pericot García, Luis; Ballester Escalas, Rafael (1970). Historia de Roma. Montaner y Simón. p. 19. ISBN 84-274-0036-5. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Briquel, Dominique (2018). Les Étrusques. Presses Universitaires de France. ISBN: 9782130804031.
  • Heynes, Sybille (2000). Etruscan Civilization: A Cultural History. Getty Publications ISBN: 9780892366002.
  • Pallottino, Massimo (1975). Etruscología. U. Hoepli.
  • Sprenger, Maja; Bartoloni, Gilda (1983). The Etruscans: Their History, Art, and Architecture, Harry N. Abrams. ISBN:0810908670.
  • Thuillier, Jean-Paul (2003). Les Étrusques. Histoire d'un peuple. Armand Colin. ISBN: 9782200262358.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar