Espermátida

células xerminais masculinas que dan lugar ao espermatozoide maduro

As espermátidas[1] son células xerminais masculinas haploides que son o resultado da división de espermatocitos secundarios e dan lugar ao espermatozoide maduro. Como resultado da meiose cada espermátida contén só a metade do material xenético presente no espermatocito primario orixinal.

Epitelio xerminal do testículo.
1: lámina basal
2: espermatogonia
3: espermatocito primario
4: espermatocito secundario
5: espermátida
6: espermátida madura
7: célula de Sertoli
8: unión hermética (barreira hematotesticular)
Esquema que mostra as analoxías no proceso de maduración do óvulo e o das espermátidas (espermatozoides inmaturos).
Sección transversal dun túbulo seminífero dun testículo de rata (× 250).

No testículo, as espermátidas están conectadas unhas con outras por material citoplásmico (ponte protoplásmica) e teñen material citoplásmico superfluo arredor dos núcleos. Este tipo de pontes protoplasmáticas aparecen tamén nas espermatogonias e espermatocitos e son resultado da división incompleta dos citoplasmas durante a división (citocinese incompleta), polo que constitúen sincitios. Os espermatozoides sepáranse deste sincitio no momento da súa liberación do epitelio e paso á luz do túbulo seminífero.

Cando se forman, as espermátidas termperás arredondadas deben sufrir un proceso de maduración para converterse en espermatozoides chamado espermioxénese.

Durante a maduración, ás espermátidas empézalle a crecer unha proxección filamentosa (futuro flaxelo), desenvolven unha parte media engrosada na que se localizan mitocondrias e forman un acrosoma. O ADN das espermátidas sofre un empaquetamento, quedando moi condensado. Inicialmente o ADN empaquétase coas proteínas básicas nucleares habituais (histonas) e despois estas son substituídas por protaminas durante a elongación da espermátida. A cromatina moi empaquetda resultante é transcricionalmente inactiva.

En 2016 científicos da Universidade médica de Nanjing afirmaron ter producido artificialmente células similares ás espermátidas de ratos a partir de células nais. Inxectaron estas espermátidas en óvulos de rato, o cigoto formado foi implantado en ratos e finalmente naceron crías.[2]

Reparación do ADN editar

A medida que as células xerminais postmeióticas se desenvolven en espermatozoides maduros perden progresivamente a capacidade de reparar os danos que sofre o ADN que entón se acumulan e son transmitidos ao cigoto e finalmente ao embrión.[3] En concreto, a reparación das roturas de dobre febra polo mecanismo da unión de extremos non homólogos, aínda que está presente nas espermátidas arredondadas, parece perderse a medida que se desenvolven dando lugar a espermátidas alongadas.[4]

Notas editar

  1. Definición de espermátida no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. Cyranoski, David (25 de febreiro de 2016). "Researchers claim to have made artificial mouse sperm in a dish". Nature. doi:10.1038/nature.2016.19453. Consultado o 4 de marzo de 2016. 
  3. Marchetti F, Wyrobek AJ (2008). "DNA repair decline during mouse spermiogenesis results in the accumulation of heritable DNA damage". DNA Repair (Amst.) 7 (4): 572–81. PMID 18282746. doi:10.1016/j.dnarep.2007.12.011. 
  4. Ahmed EA, Scherthan H, de Rooij DG (2015). "DNA Double Strand Break Response and Limited Repair Capacity in Mouse Elongated Spermatids". Int J Mol Sci 16 (12): 29923–35. PMC 4691157. PMID 26694360. doi:10.3390/ijms161226214. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar