O espírito é algo que é invisíbel á vista humana e que dá indicación da forza en movemento. O hebreo "re´ach" e o grego "pneu´ma"[1], son traducidas usualmente como espírito. O Dicionario da Real Academia Galega define o espírito como "o que constitúe a vida psíquica, intelectual e afectiva dunha persoa".[2]

Theodor von Holst, Bertalda, Assailed by Spirits (en galego, Bertalda, atacada por espíritos), c. 1830

Etimoloxía editar

A palabra espírito provén do latín "spiritus" que ven á súa vez do verbo "spirare" (soprar), que pode ser unha onomatopea do son que se realiza ao respirar. Asociado á capacidade de respirar significa a forza vital, a coraxe e o ánimo[3], e nas concepcións animistas, a alma como principio e esencia da vida.

Concepcións editar

O espírito é a alma racional ou o entendemento en xeral[4]; este é o significado predominante na filosofía moderna e na filosofía contemporánea, e na linguaxe común.

Para comprender o que é o espírito debe superarse a comprensión clásica e moderna, e valorar a contemporánea.

  • A clásica di que o espírito é un principio substancial, xunto con outro principio material, o corpo. O primeiro sería a parte inmortal, coa capacidade de transcendencia. Convive un determinado tempo coa outra parte, o corpo, que é mortal, opaco e pesado. A morte separa unha parte da outra, e cada unha destas partes ten destinos diferentes: o espírito para o máis alá, a eternidade, mentres que o corpo para o máis acá, o po cósmico. Esta visión é dualista e non explica a experiencia de unidade que vivimos: cada persoa ñe un bloque, un único complexo, e non a suma de dúas partes.
  • A moderna di que o espírito non é unha substancia, senón o modo de ser propio do ser humano, cuxa esencia é a liberdade. Seguramente cada persoa é un ser de liberdade porque plasma a vida e o mundo, pero o espírito non é exclusivo do ser humano nin pode ser desconectado do proceso evolutivo, senón que pertence ao cadro cosmolóxico. É a expresión máis alta da vida, sustentada á súa vez polo resto do universo.
  • A concepción contemporánea, froito da nova cosmoloxía, di que o espírito posúe a mesma antigüidade que o universo. Antes de estar en nós, está no cosmos. Espírito é a capacidade de inter-relación que todas as cousas gardan entre si. Forma un entramado de fíos cada vez máis complexo, xerando unidades sempre máis altas. Cando os dous primeiros quark cume comezaron a relacionarse e a formar un campo relacional, alí estaba nacendo o espírito. O universo está cheo de espírito porque é reactivo, pan-relacional e auto-organizativo. En certo grao, todos os seres participan no espírito. A diferenza entre o espírito da montaña e o do humano non é de principio senón de grao. O principio funciona nos dous, pero de diferente forma.

Espírito humano editar

A singularidade do espírito humano é ser reflexivo e autoconsciente. A través del séntese insertado no todo a partir dunha parte que é o corpo animado e, por iso, portador da mente. No nivel reflexo, espírito significa subxectividade que se abre ao outro, se comunica e así se auto-transcende, xestando unha comuñón aberta, ata coa suprema alteridade. Definindo: vida consciente, aberta ao Todo, libre, creativa, marcada pola amorosidade e o cuidado, iso é concretamente o espírito humano. Se espírito é relación e vida, o seu oposto non é materia e corpo, senón morte e ausencia de relación. Pertence tamén ao espírito o desexo de encapsularse e rexeitar a comunicación co outro. Pero nunca o consegue totalmente porque vivir é forzosamente convivir. Aínda negándose, non pode deixar de estar conectado e de desconectarse.

Esta comprensión fainos conscientes do vínculo que liga todas as cousas. Todo está envolto no inmenso proceso complexísimo da evolución, atravesado en todas as etapas polo espírito que emerxe, cada vez, baixo formas diferentes, inconsciente nunhas e consciente noutras.

Nesta acepción, espiritualidade é toda actitude e actividade que favorece a relación, a vida, a comuñón, a subxectividade e a transcendencia cara horizontes cada vez máis abertos. Ao fin, espiritualidade non é pensar en Deus senón sentir a Deus como o Vínculo que pasa a través de todos os seres, interconectándoos e constituíndonos, a nós e ao cosmos. O que constitúe a vida psíquica, intelectual e afectiva dunha persoa. O home ten corpo e espírito.

Notas editar

  1. O pneuma ou sopro animador, admitido pola física estoica e que dela pasou a diversas doutrinas antigas e modernas. Este é o significado do que xurdiron todos os demais.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para espírito.
  3. Este termo significa en ocasións disposición ou actitude, como nas expresións de Blaise Pascal.
  4. Foi René Descartes quen fixo valer o significado como alma racional ou entendemento.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar