Erschallet, ihr Lieder, erklinget, ihr Saiten! BWV 172

cantata de Johann Sebastian Bach

Erschallet, ihr Lieder, erklinget, ihr Saiten!, BWV 172, (Resoade, cancións; vibrade, cordas!) é unha cantata de igrexa de Johann Sebastian Bach, composta en Weimar en 1714 para o domingo de Pentecoste. Bach dirixiu a primeira interpretación da obra o 20 de maio de 1714 na Schlosskirche, a capela da corte do Palacio ducal. Erschallet, ihr Lieder é unha obra temperá nun xénero ao cal Bach contribuíu posteriormente con ciclos de cantatas completos para todos os eventos do ano litúrxico.[1]

A Schlosskirche en Weimar.

Bach foi nomeado Konzertmeister en Weimar na primavera de 1714, un posto que requiría da interpretación dunha cantata de igrexa cada mes. Compuxo Erschallet, ihr Lieder como a terceira cantata na serie, a partir dun texto probablemente escrito polo poeta da corte Salomo Franck. Ese texto reflicte aspectos diferentes do Espírito Santo. O libretista incluíu unha mención do día para o que está prescrita a lectura do Evanxeo no único recitativo, e para o peche coral empregou unha estrofa do himno de Philipp Nicolai "Wie schön leuchtet der Morgenstern" (1599).

A obra está composta en seis movementos e instrumentada para catro solistas vocais, coro de catro partes, tres trompetas, timbais, óboe, fagot e unha orquestra de corda de dous violíns, dúas violas, e basso continuo. A orquestra con motivo do día de celebración é festiva en comparación coas dúas obras compostas anteriormente en Weimar. A cantata abre cun coro, seguido polo recitativo, no que as palabras de Xesús con cantadas polos baixos, como vox Christi (voz de Cristo). Unha aria grave con trompetas dirixe á Santísima Trindade e entón unha aria de tenor describe o Espírito que está presente na Creación. A continuación, séguelle un dúo íntimo da Alma (soprano) e o Espírito (alto), no que un óboe interpreta a ornamentada melodía do himno de Martiño Lutero "Komm, Heiliger Geist, Herre Gott" e un violonchelo solista proporciona a liña de baixo. O tema da intimidade entre Deus e o Home desenvólvese no seguinte coral, despois de que Bach especificara unha infrecuente repetición do coro de abertura.

Mentres Bach servía como Thomaskantor —director de música de igrexa— en Leipzig dende 1723, interpretou a cantata en varias ocasións, ás veces nunha tonalidade diferente e con trocos na partitura. Os musicólogos están de acordo en que lle gustaba o texto do Evanxeo da cantata, "Se me amas...", e o himno de Pentecoste empregado no dúo, empregando tanto o texto como o himno varias veces. John Eliot Gardiner escribe que Bach "valorou particularmente"[2] esta cantata. Contén características que utilizou de novo en composicións máis tardías, como cantatas, oratorios e as súas misas, por exemplo movementos con tres trompetas e timbais nun compás ternario para eventos festivos e dúos como símbolo de Deus e o home.

Historia editar

 
Johann Sebastian Bach compuxo Erschallet, ihr Lieder para o domingo de Pentecoste. Pentecoste, óleo do Greco (ca. 1600). Museo do Prado.

Johann Sebastian Bach é coñecido como un prolífico compositor de cantatas. Cando asumiu o cargo de Thomaskantor (director de música da igrexa) en Leipzig en 1723, comezou o proxecto de escribir cantatas de igrexa para os eventos do ano litúrxico —domingos e días festivos. Un proxecto que continuou durante tres anos.[3]

Bach foi nomeado organista e músico de cámara en Weimar na corte dos duques correxentes en Saxe-Weimar, Wilhelm Ernst e o seu sobriño Ernest Augustus I, o 25 de xuño de 1708.[4] Anteriormente, compuxera cantatas sacras, algunhas durante a súa etapa en Mühlhausen dende 1706 a 1708. A maior parte delas foron escritas para ocasións especiais e baseáronse principalmente en textos bíblicos e himnos. Entre elas encóntranse: Aus der Tiefen rufe ich, Herr, zu dir, BWV 131; a cantata coral temperá Christ lag in Todes Banden, BWV 4 de Pascua; Gott ist mein König, BWV 71, para celebrar a inauguración do novo consello da cidade o 4 de febreiro de 1708; e o Actus Tragicus para un funeral.[5]

En Weimar, Bach concentrouse primeiro no órgano, compoñendo grandes obras para este instrumento,[4] incluída a Orgelbüchlein, a Tocata e fuga en re menor, BWV 565, e a Tocata e fuga en mi maior, BWV 566. Christoph Wolff suxire que Bach puido ter estudado material musical pertencente á Hofkapelle, (literalmente «capela da corte» ou orquestra da corte), e que copiou e estudou as obras de Johann Philipp Krieger, Christoph Graupner, Georg Philipp Telemann, Marco Giuseppe Peranda e Johann David Heinichen no período comprendido entre 1711 e 1713.[6] A principios de 1713, Bach compuxo as súas primeiras cantatas no novo estilo que incluía recitativos e arias: a chamada Jagdkantate ou Cantata da caza, BWV 208, como homenaxe a Christian, duque de Saxonia-Weissenfels, celebrada o 23 de febreiro,[4] e, posiblemente, a cantata de igrexa para o domingo de Sexaxésima (o segundo domingo antes da Coresma) Gleichwie der Regen und Schnee vom Himmel fällt, BWV 18, nun texto de Erdmann Neumeister.[7]

En 1713, pedíronlle que optara ao posto de director da Marktkirche en Halle, en substitución de Friedrich Wilhelm Zachow.[8] Zachow ensináralle a un novo Georg Friedrich Händel e compuxera numerosas cantatas no novo estilo, adoptando recitativos e arias da ópera italiana. Bach tivo éxito na súa candidatura para o posto, mais rexeitouno[9] logo de que o duque Wilhelm Ernst incrementara o seu salario e lle ofrecera un ascenso.[10]

Bach ascendeu a Konzertmeister o 2 de marzo de 1714, unha honra que implicaba a interpretación dunha cantata de igrexa mensualmente na Schlosskirche:[11] Foi nomeado:

Das praedicat eines Concert-Meisters mit angezeigtem Rang nach dem Vice-Capellmeister... dargegen Er Monatlich neüe Stücke ufführen, und zu solchen Proben die Capell Musici uf sein Verlangen zu erscheinen schuldig... gehalten seyn sollen.[12]
O título de Concert-Meisters, que segue no escalafón ao vicemestre de capela... implica que debe realizar pezas novas cada mes e os músicos de capela baixo a súa responsabilidade deberán asistir a tantos ensaios como el considere oportuno.

As circunstancias eran favorables: Bach gozou dun espazo "agradable e íntimo" na capela da corte, chamado Himmelsberg (Castelo do Ceo),[13] e un grupo profesional de músicos da orquestra da corte. Inspirouse nunha colaboración co poeta da corte Salomo Franck, quen proporcionou os textos para a maioría das súas cantatas de igrexa, captando unha "mensaxe teolóxica pura e sincera" en "elegante linguaxe poético".[14] As primeiras dúas cantatas que Bach compuxo en Weimar baseadas en textos de Franck foron Himmelskönig, willkommen sei, BWV 182, para o Domingo de Ramos, que coincidiu coa Anunciación ese ano,[15] e Weinen, Klagen, Sorgen, Zagen, BWV 12 para o Jubilate.[16] Un mes despois de compoñer Erschallet, ihr Lieder, Bach realizou Ich hatte viel Bekümmernis, BWV 21, o terceiro domingo despois da Trindade, de novo sobre un texto de Franck.[17][18] Erschallet, ihr Lieder, a terceira cantata nesta serie, é a primeira cantata para un día festivo.[19]

Análise editar

Texto editar

 
Parte do texto baséase no himno de Martiño Lutero "Komm, Heiliger Geist, Herre Gott".

Erschallet, ihr Lieder é a terceira das cantatas de Weimar.[20] Foi a primeira composta para un día festivo, o Domingo de Pentecoste, sendo unha celebración importante entre o Nadal e a Pascua.[21] As lecturas prescritas para o día da festa tómanse dos Feitos dos Apóstolos, sobre o Espírito Santo [22], e do Evanxeo de Xoán, no que Xesús anuncia o Espírito que vai ensinar, no seu Discurso de Despedida [23]. Como en moitas cantatas de Bach, o libreto é unha compilación de textos da Biblia, poesía contemporánea e coral. A poesía atribúese a Salomo Franck, a pesar de que os versos non están incluídos nas súas edicións impresas. Varios dos primeiros xestos estilísticos de Bach aparecen aquí, como unha cita bíblica nun segundo movemento recitativo e non nun primeiro movemento coral, arias consecutivas entre si sen un recitativo no medio e o diálogo nun dúo.[24][25]

O texto de Franck mostra elementos de comezos do pietismo: a expresión de sentimentos extremos, por exemplo, "O seligste Zeiten!" ("Oh tempo feliz!") no coro inicial, e unha "actitude mística", por exemplo no dúo da Alma e o Espírito unidos.[24] Na sección central do primeiro movemento, Franck parafraseou o texto evanxélico, que di no versículo 23 que Deus quere habitar co home, "Gott se sich die Seelen zu Tempeln bereiten" ("Deus mesmo deberá preparar as nosas almas para o Seu templo",[26] máis literalmente: "Deus quere preparar [as nosas] almas para convertelas no seu templo"). As palabras para o recitativo son a cita do versículo 23 do Evanxeo de Xoán: "liebet Wer mich, der wird mein Wort halten" ("O que me ama, gardará a miña Palabra, e o meu Pai amarao, e viremos a el e faremos morada con el"[26]). O terceiro movemento diríxese á Trindade e o cuarto ao Espírito que estivo presente na Creación. O quinto movemento é un dúo da Alma e o Espírito, subliñado por unha transcrición instrumental do himno de Pentecoste de Martiño Lutero "Komm, Heiliger Geist, Herre Gott", que se basea no himno en latín "Veni Sancte Spiritus, reple tuorum corda fidelium". O sexto movemento é un coral, do versículo cuarto do himno de Philipp Nicolai "Wie schön leuchtet der Morgenstern".[27] "Geistlich Brautlied" ("Canción nupcial espiritual") de Nicolai continúa co tema da unidade entre a Alma e o Espírito.[28]

Interpretación editar

 
Johann Sebastian Bach.

Co nomeamento de Bach como Konzertmeister e a súa composición mensual e regular de cantatas, conseguiu permiso para celebrar ensaios na igrexa, para garantir un alto nivel de interpretación: "cambiáronse os ensaios das pezas na casa [do Konzertmeister] e ordenouse que sempre deben ter lugar na Kirchen-Capelle [a galería de música na igrexa do palacio], e tamén para poder ser observado polo mestre de capela".[29] A orquestra que tiña a súa disposición estaba composta polos membros da capela da corte, tres directores, cinco cantantes, e sete instrumentistas, ampliable baixo demanda con músicos militares, músicos da cidade e coristas dun Gymnasium.[30]

Bach levou a cabo a primeira interpretación de Erschallet, ihr Lieder o 20 de maio de 1714. O seu fillo Carl Philipp Emanuel Bach lembrou que a dirixiu frecuentemente e tocou o primeiro violín: "el tocaba o violín de xeito limpo e penetrante, e isto fixo que puidera manter á orquestra en mellor orde que se o tivera feito dende o clave".[13] As partes da primeira actuación perdéronse, mais tanto a partitura como o material da interpretación de actuacións posteriores sobreviviron. Bach interpretou a cantata de novo, posiblemente en Köthen entre 1717 e 1722,[2][31] e varias veces como Thomaskantor en Leipzig. Para a interpretación do 28 de maio de 1724,[32] mudou a instrumentación lixeiramente e traspuxo a obra de dó maior a re maior. Volveu á tonalidade de dó maior para unha actuación o 13 de maio de 1731.[32] Existe unha parte do quinto movemento para órgano dunha actuación posterior.[33]

John Eliot Gardiner apuntou que Bach "apreciaba particularmente" esta cantata e que nela estableceu "un modelo para enfoques posteriores do tema pentecostal".[2] Bach empregou o texto do Evanxeo do recitativo nun movemento coral en outras cantatas para Pentecoste —Wer mich liebet, der wird mein Wort halten, BWV 59[34] e Wer mich liebet, der wird mein Wort halten, BWV 74.[35][36]

Partitura e estrutura editar

Na versión de Weimar, Bach realizou a partitura da cantata para catro cantantes solistas (soprano (S), alto (A), tenor (T) e baixo (B)), un coro a catro voces e unha orquestra de tres trompetas (Tpt), timbais (Tim), frauta doce (Fl bico) ou traverso (Fl), óboe d'amore (Oa), dous violíns (Vn), dúas violas (Va), fagot (Fg), violonchelo (Vc) e basso continuo (Bc).[31] É unha alegre e rica instrumentación para unha festividade, mentres que as dúas cantatas anteriores en Weimar non empregaran os instrumentos de vento-metal.[27] Bach empregou a orquestra de corda francesa con dúas partes de viola, como na maioría das cantatas ata 1715, cando comezou a preferir a orquestración italiana cunha única viola.[37] En Weimar, unha frauta doce ou un traverso dobraba ao primeiro violín unha oitava superior; na primeira actuación de Leipzig foi un traverso. Adaptouse unha parte para órgano obbligato (Org) en substitución do óboe e o violonchelo no quinto movemento nunha representación posterior.[33] A obra ten unha duración aproximada duns 25 minutos.[38] Na versión de Weimar e a versión de 1724, Bach solicitou unha repetición do coro inicial, engadindo as palabras "Chorus repetatur ab initio" (repetición do coro de abertura) logo do coral.[33]

Na seguinte táboa dos movementos, a partitura segue a versión de Weimar da Neue Bach-Ausgabe,[31] e as abreviaturas para voces e instrumentos do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música de España.[39] As tonalidades tómanse da versión de Weimar. A indicación do compás de catro por catro indícase mediante o símbolo  .

N.º Título Texto Tipo Voces Ventos Cordas Baixo Tonalidade Compás
1 Erschallet, ihr Lieder Franck Coro SATB 3Tpt Tim Fg 2Vn 2Va Bc dó maior 3/8
2 Wer mich liebet, der wird mein Wort halten Biblia Recitativo B Bc la menor - dó maior  
3 Heiligste Dreieinigkeit Franck Aria B 3Tpt Fg Bc dó maior  
4 O Seelenparadies Franck Aria T 2Vn 2Va Bc la menor  
5 Komm, laß mich nicht länger warten Franck Aria SA Oa Vc fa maior 3/4
6 Von Gott kömmt mir ein Freudenschein Nicolai Coral SATB Fg 2Vn 2Va Bc dó maior  
7 Chorus repetatur ab initio

Música editar

 
John Eliot Gardiner dirixiu as cantatas de Bach no ano 2000.

O texto da cantata non conta unha historia, senón que reflicte diferentes aspectos do Espírito Santo, que se celebra en Pentecoste. Iníciase coa louvanza xeral e logo concéntrase nunha soa liña do Evanxeo. A continuación, diríxese á Santa Trindade, refírese ao Espírito que estaba presente na creación e mostra un diálogo entre a Alma e o Espírito. Conclúe cunha estrofa do himno de Nicolai, o cal recolle o tema da unidade entre Deus (Espírito) e o home, como se mostra no diálogo. Así, o texto parte do xeral cara a unha reflexión cada vez máis persoal e íntima.[40]

John Eliot Gardiner, que dirixiu unha integral das cantatas de igrexa de Bach no ano 2000, situou as cantatas pentecostais na metade do proxecto, que vía como unha "exploración durante un ano das súas cantatas no seu contexto temporal". Describiu Pentecoste como "a culminación deses 'grandes cincuenta días' que seguen á Resurrección, un motivo da finalización da obra de Xesús na terra e a chegada do Espírito Santo" e comentou que Bach "crea unha música de sincero optimismo e exuberancia na celebración de... o milagreiro acendido da chispa pentecostal divina que permite aos seres humanos comunicarse a través da barreira do idioma". En canto a Erschallet, ihr Lieder, a primeira cantata escrita para a ocasión, observou que Bach reflicte as "etapas na evolución da relación de Deus co home", tanto pola partitura como pola elección das súas tonalidades.[40] Na primeira versión de Weimar, os primeiros movementos están en dó maior, baixa a la menor (o relativo menor, unha terceira por debaixo) no cuarto, baixa de novo a fa maior (unha terceira por debaixo adicional) no quinto e sexto. A instrumentación é maxestosa, con tres trompetas e timbais no primeiro movemento e tres trompetas de novo no terceiro, reducidas ás cordas no cuarto e a instrumentos solistas no quinto movemento.[41]

"Erschallet, ihr Lieder" editar

 
Trompeta natural, copia de Francisco Pérez sobre Johann Leonhard Ehe III.

"Erschallet, ihr Lieder" (Resoade, cancións) é un concerto festivo, marcado como Coro por Bach.[42] As palabras e a música baséanse posiblemente nunha cantata de felicitación secular —en alemán Glückwunschkantate— que se perdeu. Unha edición das obras de Franck contén unha cantata para o Día de Aninovo, Erschallet nun wieder, glückwünschende Lieder (Soade de novo, felicitando cancións), que puido ter servido de modelo.[43][44] O movemento é en forma de da capo: a primeira sección repítese tras unha sección central contrastante.[27] Está composta para tres "coros": un de trompetas, outro de cordas e fagot, e un coro de catro partes.[2] O terceiro, simbolizando a Trindade, aparece de novo nun compás de 3/8 cando se empregan as tres trompetas.[45] A primeira parte comeza con fanfarras de trompeta, alternando cunhas fluídas coloraturas nas cordas. As voces entran como coro homofónico en terceiras. Repiten o primeiro compás do motivo da fanfarra na palabra «Erschallet» (resoade!) mentres as trompetas repiten tamén o motivo. As voces repiten o motivo do segundo compás da fanfarra en «ihr Lieder», e as trompetas contestan. O coro repite os compases tres e catro en «erklinget, ihr Saiten», a través da interpretación das cordas.[46] Como colofón, a primeira sílaba de «seligste Zeiten» (tempo feliz) é sostida nun acorde de sétima (primeiro no compás 53),[2] durante o cal os instrumentos tocan os seus motivos.[47]

Na sección media en la menor, as trompetas descansan[48] mentres que outros instrumentos interpretan colla parte coas voces.[49] A imitación polifónica expándese na idea de que Deus preparará ás almas para ser os seus templos. A primeira secuencia progresa dende a voz máis grave ata a máis aguda, con entradas despois de dous ou tres compases. A voz máis aguda comeza a segunda secuencia e as outras voces entran nunha sucesión próxima, separadas un ou dous compases. Gardiner interpreta a polifonía como "conxurándose ante nós a elegante trazaría deses 'templos' que Deus promete facer das nosas almas".[2] A primeira parte é repetida como da capo.[27]

O movemento garda semellanzas coa abertura de Tönet, ihr Pauken! Erschallet, Trompeten!, BWV 214, composta en 1733 sobre outro texto chamando aos instrumentos a soar,[50] que Bach posteriormente empregou cun texto diferente ao comezo do seu Oratorio de Nadal, BWV 248.[45][51] Bach empregou unha orquestración festiva con tres trompetas en métrica ternaria na súa Misa en si menor, BWV 232 para a corte en Dresde, no «Gloria»,[52] en contraste co precedente «Kyrie».[53]

"Wer mich liebet, der wird mein Wort halten" editar

O único recitativo da cantata cita unha liña do Evanxeo do día: "Wer mich liebet, der wird mein Wort halten" (O que Me ama, gardará a Miña Palabra, [e Meu Pai amarao e Nós viremos a el e moraremos con el]). Bach reflicte a promesa de Xesús de "morar nel" a través de liñas melismáticas en contrapunto con motivos no violonchelo similares aos motivos do quinto movemento. Asignou as palabras de Xesús ao baixo como a vox Christi (voz de Cristo).[45] Ilustrou o descanso final en Deus terminando sobre unha redonda en do1, a nota máis grave que pedía a un solista. O musicólogo Julian Mincham describe a liña vocal:[54]

The initial bars of melody are warm and quietly authoritative, but at the mention of dwelling with Him the movement takes on a very different character. The bass line becomes enlivened with little leaps of delight ... The singer's last note is a bottom d (c in the transposed version) several notes lower than a bass's accepted range. ... when achieved it is an arresting sound, confirming the rock-like certainty of the promise that we shall eventually reside with God.
Os compases de melodía iniciais son de cálida e serena autoridade, mais ante a mención da morada con El o movemento adquire un carácter moi diferente. A liña do baixo convértese en máis animada con pequenos saltos de pracer... A última nota do cantante é un re grave (do na versión trasposta) varias notas por debaixo do rango aceptado para o baixo. ... cando o consegue é un son impresionante, confirmando a certidume como unha rocha da promesa de que nós deberiamos finalmente residir en Deus.

"Heiligste Dreieinigkeit" editar

A primeira aria,[55] dirixida á Santísima Trindade, "Heiligste Dreieinigkeit" (Santísima Trindade), está acompañada por un coro de tres trompetas e basso continuo,[56] unha estraña combinación que expresa a idea das palabras. A trompeta simboliza a autoridade.[57] En ocasións, as trompetas tocan a unísono, para ilustrar adicionalmente a Trindade.[49] O tema está composto sobre as tres notas do acorde maior. A aria divídese en tres seccións.[48]

Bach escribiu unha aria acompañada só por un instrumento de metal obbligato na súa Misa (Kyrie e Gloria en si menor), composta en 1733 para a corte de Dresde e posteriormente integrada na súa Misa en si menor. A aria de baixo Quoniam tu solus sanctus da Misa, que reflicte a santidade e maxestade de Deus, está escrita para corno da caccia, dous fagots e basso continuo.[58] Cando ensamblou a misa completa, amañou a aria empregando só instrumentos de vento para reflectir ao Espírito Santo en Et in Spiritum Sanctum, que tamén é un movemento con moitos símbolos da Trindade.[59]

"O Seelenparadies" editar

 
Violín barroco de Jacob Stainer, 1658.

A segunda aria,[60] para tenor, "O Seelenparadies" (O paraíso das almas), tamén contén tres seccións e compás ternario,[48] mais en contraste co movemento previo, describe en ondas continuas das cordas en unísono[61] o Espírito que estaba presente na Creación, chamado "O Seelenparadies, das Gottes Geist durchwehet, der bei der Schöpfung blies" (O paraíso das almas, avivadas polo Espírito de Deus, que sopra na creación).[40] Alfred Dürr escribe que a música "expresa a impresión de liberación da gravidade terrenal".[57][62]

"Komm, laß mich nicht länger warten" editar

O último movemento solista, titulado Aria,[63] "Komm, laß mich nicht länger warten" (Vén, non me fagas esperar máis), consiste nun diálogo entre a Alma e o Espírito Santo e aseméllase a unha canción de amor. A parte do Espírito está asignada ó alto,[64] mentres que os dúos similares da Alma e Xesús en cantatas posteriores son para soprano e baixo —por exemplo, en Ich hatte viel Bekümmernis, BWV 21 e Wachet auf, ruft uns die Stimme, BWV 140.[65]

Bach estableceu o texto nunha complexa estrutura unindo ás dúas cantantes, un óboe e un violonchelo solistas. A soprano e a alto cantan sobre a súa unidade nunha linguaxe "neoerótica"[20] ou "abertamente erótico/pietista":[40] "Vou morrer, se teño que estar sen ti", di unha; "Eu son túa e ti es miña!", contéstalle a outra. O violonchelo proporciona un intricado contrapunto,[34] que Albert Schweitzer describe como "un motivo de purificada felicidade".[48] As voces e o violonchelo forman outro trío, outro símbolo da Trindade.[65] A musicóloga Anne Leahy, do Dublin Institute of Technology, sinala que Bach tiña posiblemente a terceira estrofa en mente, que fala do amor, e emprega o instrumento que leva o seu nome, o óboe d'amore.[66]

O óboe d'amore interpreta unha melodía ricamente ornamentada do himno de Pentecoste Komm, Heiliger Geist, Herre Gott[67] (Vén, Espírito Santo, Señor Deus, enche coa bondade da Túa graza os corazóns, vontades e mentes da Túa fe. Inflama o Teu ardente amor neles[26]). Bach establece este himno, que parece próximo ao seu corazón, dúas veces nos seus Dezaoito grandes preludios corais, como BWV 651 e BWV 652.[65]

Bach empregou de novo dúos cando compuxo en 1733 a súa Misa ("Kyrie" e "Gloria" en si menor) para a corte de Dresde. Escribiu dous movementos de duetos no estilo dos duetos de amor da ópera da época e localizounos no centro de cada parte da Misa: "Christe eleison" para dúas sopranos no centro do "Kyrie",[53] "Domine Deus" no centro da estrutura simétrica do "Gloria".[68] Cando recompilou a Misa en si menor, elixiu outro dúo Et in unum Dominum Jesum Christum para o "Credo", con partitura para soprano e alto,[69] do mesmo xeito que fixo en Erschallet, ihr Lieder.

"Von Gott kömmt mir ein Freudenschein" editar

 
"Wie schön leuchtet der Morgenstern", primeira publicación do himno de Philipp Nicolai en 1599.

O texto do coral de peche tómao da "Geistlich Brautlied" (Espiritual canción nupcial) Wie schön leuchtet der Morgenstern de Philipp Nicolai, continuando o tema da unidade entre a Alma e o Espírito.[28] "Von Gott kömmt mir ein Freudenschein" (Un ledo resplandor chégame de Deus) está ilustrado por unha parte de violín engadida ao coro de catro partes.[70] O texto finaliza coas palabras:

Nimm mich freundlich
In dein' Arme, daß ich warme
Werd' von Gnaden!
Auf dein Wort komm' ich geladen.
Tómame como a un amigo
nos teus brazos, para que poida quentarme
coa túa Graza
á Túa Palabra veño invitado.[71]

Ata 1724, o coro de apertura repetíase despois do coral, marcado como Chorus repetatur ab initio no manuscrito.[72][19]

Gardiner describe a cantata como "evidentemente... unha obra que el valorou particularmente", engadindo que "eleva con música de xenuíno optimismo e exuberancia na celebración dos primeiros dons da recentemente esperta natureza, así como o milagreiro acendido da divina chama pentecostal que permite aos seres humanos comunicarse a través das barreiras do idioma". Dürr comenta que "todos os diversos cambios que fixo mostran a cantidade de problemas que afrontou Bach coa obra —como o número de representacións documentadas (canto menos catro) suxire— parece que lle gustaba particularmente".[73]

Publicación editar

A cantata foi publicada por Breitkopf & Härtel en 1888 no volume 35 da primeira edición completa das obras de Bach pola Bach Gesellschaft, editada por Alfred Dörffel.[74] Na histórico-crítica Neue Bach-Ausgabe, a segunda edición completa das obras de Bach, Dietrich Kilian editou ambas, a versión reconstruída de Weimar (1959)[31] e a primeira versión de Leipzig (1960) no volume 13, engadindo o informe crítico en 1960.[75]

Notas editar

  1. Ambrose 2012.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Gardiner 2006, p. 2.
  3. Wolff 1991, p. 30.
  4. 4,0 4,1 4,2 Koster 2011.
  5. Arnold 2009, p. 37.
  6. Arnold 2009, p. 40.
  7. Dürr 1971, pp. 209-210.
  8. Wolff 2002, p. 149.
  9. Wolff 2002, p. 151.
  10. Wolff 2002, p. 155.
  11. Wolff 2002, p. 147.
  12. Magdolna 2008, p. 9.
  13. 13,0 13,1 Wolff 2002, p. 157.
  14. Wolff 2002, p. 165.
  15. Wolff 2002, p. 156.
  16. Dürr 2006, p. 14.
  17. Dürr 1971, p. 344.
  18. Wolff 2002, p. 162.
  19. 19,0 19,1 Dürr 1971, p. 296.
  20. 20,0 20,1 Robins 2013.
  21. Isoyama 1998, p. 32.
  22. (Hechos "2:1-13". BibleGateway (en castelán). )
  23. Juan "14:23-31". BibleGateway (en castelán). 
  24. 24,0 24,1 Dürr 2006, p. 347.
  25. Arnold 2009, p. 38.
  26. 26,0 26,1 26,2 Dellal 2012.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Dürr 1971, p. 297.
  28. 28,0 28,1 Zedler 2008, p. 68.
  29. Wolff 2002, p. 148.
  30. Wolff 2002, pp. 157-158.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 Bach digital Weimar 1960.
  32. 32,0 32,1 Bach 2012.
  33. 33,0 33,1 33,2 Isoyama 1998, pp. 32-33.
  34. 34,0 34,1 Dürr 1971, p. 298.
  35. Dürr 1971, p. 301.
  36. Zedler 2008, pp. 68-69.
  37. Buelow 2004, p. 533.
  38. Dürr 2006, p. 346.
  39. "Abreviaturas de música" (PDF) (en castelán). Centro de Documentación de Música y Danza. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de xuño de 2013. Consultado o 11 de setembro de 2016. 
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 Gardiner 2006, p. 3.
  41. Dürr 2006, pp. 346-347.
  42. Kilian 1965, p. 1.
  43. Dürr 1951.
  44. Kilian 1965, prefacio.
  45. 45,0 45,1 45,2 Zedler 2008, p. 69.
  46. Lowen 1999, p. 1.
  47. Lowen 1999, p. 6.
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 Isoyama 1998, p. 33.
  49. 49,0 49,1 Zedler 2008, p. 70.
  50. Dürr 1971, p. 665.
  51. Dürr 1971, pp. 115-117.
  52. Rathey 2003, p. 8.
  53. 53,0 53,1 Rathey 2003, p. 6.
  54. Mincham 2010.
  55. Kilian 1965, p. 12.
  56. Lowen 1999, p. 11.
  57. 57,0 57,1 Dürr 2006, p. 348.
  58. Amati-Camperi 2005.
  59. Baxter 2013, p. 5.
  60. Kilian 1965, p. 15.
  61. Lowen 1999, p. 13.
  62. Quinn 2007.
  63. Kilian 1965, p. 19.
  64. Lowen 1999, p. 14.
  65. 65,0 65,1 65,2 Zedler 2008, p. 71.
  66. Leahy 2011, p. 30.
  67. Braatz & Oron 2006.
  68. Rathey 2003, p. 11.
  69. Rathey 2003, p. 14.
  70. Lowen 1999, p. 16.
  71. Browne 2005.
  72. Kilian 1965.
  73. Dürr 2006, p. 349.
  74. Heidelberg 2014.
  75. Bach digital Leipzig 1960.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Partituras
Libros
Fontes en liña

As gravacións completas das cantatas de Bach están acompañadas por notas en liña de músicos e musicólogos: John Eliot Gardiner comentou no seu Bach Cantata Pilgrimage, Tadashi Isoyama escribiu para Masaaki Suzuki e Christoph Wolff para Ton Koopman.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar