Eritrocruorina

composto químico

A eritrocruorina é unha proteína de grande tamaño transportadora de oxíxeno que se encontra no sangue de moitos anélidos e algúns artrópodos[1]. As eritrocruorinas son complexos de enorme tamaño, de máis de 3,5 millóns de Da, que están formadas por moitas subunidades de hemoglobina unidas por outras subunidades non de tipo hemoglobina. As eritocruorinas flotan libremente no plasma, xa que non están dentro de células sanguíneas. A eritrocruorina presenta cooperatividade na unión ao oxíxeno. A natureza extracelular e o grande tamaño destes complexos fixo que se utilizasen nalgúns dos primeiros estudos de cristalización, ultracentrifugación e exame de proteínas por microscopio electrónico.[2]

Eritrocruorina PDB 2GTL.

No caso da eritrocruorina de Lumbricus terrestris esta consta de 180 subunidades, das cales 144 subunidades son de hemoglobina (de catro tipos de cadeas diferentes de hemoglobina) e 36 son doutras cadeas de enlace de tipo non hemoglobínico (de catro tipos distintos). As subunidades de hemoglobina dispóñense en doce estruturas dodecaméricas, e as non hemoglobínicas forman doce estruturas triméricas que proxectan prolongacións cara ao centro do complexo, e interdixítanse estabilizando o complexo. O complexo ten unha forma hexagonal de dobre capa.[2][3]

A estrutura da proteína é en grande medida en hélice alfa; oito hélices conservadas (denominadas do A ao H) forman un armazón para un peto onde está o grupo hemo. O anel imidazol do residuo de histidina "proximal" proporciona o quinto ligando para o ferro hémico; a outra posición do ferro hémico axial está libre para coordinarse co oxíxeno. Moitas eritrocruorinas carecen dos residuos de histidina e valina "distais" que están conservados nas globinas de vertebrados.[4]

Notas editar

  1. Ilan E, Weisselberg E, Daniel E (1982). "Erythrocruorin from the water-flea Daphnia magna. Quaternary structure and arrangement of subunits". Biochem. J. 207 (2): 297–303. PMC 1153860. PMID 7159384. 
  2. 2,0 2,1 William E. Royer, Jr., Kristen Strand, Marin van Heel, Wayne A. Hendrickson. "Structural hierarchy in erythrocruorin, the giant respiratory assemblage of annelids", PNAS June 20, 2000. Accessed July 17, 2007.
  3. Strand K, Knapp JE, Bhyravbhatla B, Royer WE (2004). "Crystal structure of the hemoglobin dodecamer from Lumbricus erythrocruorin: allosteric core of giant annelid respiratory complexes". J. Mol. Biol. 344 (1): 119–34. PMID 15504406. doi:10.1016/j.jmb.2004.08.094. 
  4. InterPro: Erythrocruorin

Véxase tamén editar

Outros artigos editar