Divindades gregas, correspondentes ás Furias romanas.

Os remorsos de Orestes, de William-Adolphe Bouguereau.

Nomes editar

As Erinias, deusas encargadas de castigaren os crimes, especialmente os delitos de sangue, son tamén chamadas Euménides (Εὐμενίδες), que en grego significa « as bondadosas », eufemismo usado para evitar pronunciar o seu verdadeiro nome, por medo de atraeren sobre si a súa cólera. En Atenas, usábase como eufemismo a expresión Semnai Deai (σεμναὶ θεαί), ou « deusas venerables ». En Roma, as Erinias reciben o nome de Furias (Furiæ ou Diræ).

Historia editar

Nadas das pingas do sangue de Urano caído sobre Gaia cando o seu fillo, Cronos o castra, estas tres irmás encarnan a vinganza e habitan, segundo as versións, o Erebo ou o Tártaro, o inframundo, onde descansan ata que son de novo reclamadas na Terra. Os seus nomes son:

  • Alecto, (Ἀληκτώ a implacable), eternamente encolerizada. Encárgase de castigar os delitos morais como a ira, a cólera, a soberbia etc. Ten un papel moi similar ó de Némese, coa diferenza de que se esta se ocupa do referente ós deuses, Alecto ten unha dimensión máis "terreal".
  • Megera, que personifica a envexa, os celos e mailo rancor, castigando principalmente os delitos contra o matrimonio, especialmente a infidelidade.
  • Tisífone, a vingadora dos asasinatos (parricidio, fraticidio, homicidio...).

As Erinias son divindades ctónicas presentes dende as orixes do mundo, e a pesar de que teñen poder sobre os deuses, non estando sometidas nin tan sequera á autoridade de Zeus, viven á marxe do Olimpo polo rexeitamento natural que os deuses senten cara a elas (aínda que teñan que toleralas, moi ó seu pesar). Por outra banda, os homes téñenlles pánico e foxen delas. Esta marxinalidade e a súa necesidade de recoñecemento fan que, segundo conta Esquilo, as Erinias acaben aceptando o veredicto de Atenea, pasando mesmo por enriba da súa inesgotable sede de vinganza.

Posto que o castigo final dos crimes é un poder que non corresponde ós homes (por horribles que sexan), estas tres irmás encárganse de castigalos en vida do autor dos mesmos, perseguíndoo incansablemente ata volvelo tolo na terra e mesmo nos infernos no caso de que morrese, xa que o seu campo de acción non ten límites. As Erinias son convocadas pola maldición lanzada por alguén que clama vinganza. Son deusas xustas, pero implacables, e non se deixan abrandar por rezos nin rogos de ningún tipo. Non teñen conta das circunstancias atenuantes e castigan toda ofensa contra a sociedade e a natureza como por exemplo, o perxurio, a violación dos ritos de hospitalidade e, sobre todo, os crimes de homicidio ou contra a familia.

Símbolos editar

As Erinias son representadas comunmente como mulleres aladas de aspecto terrorífico, cuns ollos dos que mana o sangue, e cabeleiras de serpes, estando moitas veces acompañadas por moitos destes animais. Adoitan portar como atributos propios látegos e fachos.

Culto editar

Na Antigüidade, sacrificábanselles carneiros negros, así como libacións de nephalia (νηφάλια), ou augamel.

Existe en Arcadia un lugar no que se atopan dous santuarios consagrados ás Erinias. Nun deles, elas reciben o nome de Maniai (Μανίαι, as que volven tolo). Neste lugar, segundo a lenda relatada por Esquilo na súa traxedia As Euménides, perseguen a Orestes por primeira vez, vestidas de negro. Preto de alí, e segundo conta Pausanias, atópase outro santuario onde o seu culto asóciase ó das Cárites, « deusas do perdón ». Neste santuario purifican a Orestes, vestidas completamente de branco. Orestes, unha vez curado e perdoado, dedicará un sacrificio expiatorio ás Maniai.