Gustaf Eric Carlberg, máis coñecido como Eric Carlberg, nado en Karlskrona o 5 de abril de 1880 e finado en Estocolmo o 14 de agosto de 1963 foi un militar, deportista e diplomático sueco, gañador de cinco medallas olímpicas en tiro deportivo.

Eric Carlberg
Nacemento5 de abril de 1880
Lugar de nacementoKarlskrona
Falecemento14 de agosto de 1963
Lugar de falecementoEstocolmo
NacionalidadeSuecia
Ocupaciónesgrimista, tirador e militar
IrmánsVilhelm Carlberg
editar datos en Wikidata ]
Eric Carlberg (dereita) nos Xogos Olímpicos de 1912.

Traxectoria editar

Militar de carreira, en 1901 chegou ao grao de subtenente do Rexemento de Infantaría de Scania do Norte con base en Kristianstad e ao ano seguinte foi trasladado como tenente ao recentemente formado Rexemento de Granadeiros de Vaxholms con sede na fortaleza de Vaxholms, preto de Estocolmo. Participou nos Xogos Intercalados de 1906 celebrados en Atenas en oito probas, destacando o noveno lugar en pistola rápida(25 metros). No ano 1907 ascendeu a capitán servindo no mesmo rexemento. Nos Xogos Olímpicos de 1908 de Londres gañou a medalla de prata na proba de carabina (50 m. por equipos) con seu irmán xemelgo Vilhelm e Johan Hübner von Holst. Tamén participou nas probas de pistola rápida (25 m. por equipos), onde foi quinto, e de carabina (50 m. albo cego), rematando noveno, entre outras; e tamén na proba de esgrima en espada por equipos, quedando en quinto lugar. En 1910 graduouse no Gymnastiska centralinstitutet , para educadores en educación física. Nos Xogos Olímpicos de 1912 de Estocolmo gañou a medalla de ouro nas probas de pistola militar (30 m. por equipos) e carabina (25 m. por equipos) e a medalla de prata nas de pistola militar (50 m. por equipos) e carabina (50 m. por equipos), amais finalizou sexto na proba de pistola rápida (25 m.) como resultados máis destacados. Participou de novo en espada por equipos na competición de esgrima, finalizando nesta ocasión en cuarta posición, así como na proba de péntatlon moderno, da que se retirou despous de finalizar oitavo en tiro olímpico. Entre 1912 e 1915 estivo destinado en Persia como instrutor da xendarmería dese país co grao de maior e en 1915 ascendeu a coronel. Aos 44 anos participou nos Xogos Olímpicos de 1924 de París, competindo unicamente na proba de pistola rápida (25 metros), onde quedou en décimo quinto. En 1928 por mor da política de desmilitarización emprendida por Suecia desde 1925 pasou a oficial en transición (övergångsstat) e en 1930 pasou á reserva. En 1928 transladárase a Teherán como representante de varias compañías suecas e finlandesas, foi cónsul xeral de Suecia (1930-1935) e Finlandia (1935-1958) nesa capital. Volveu a Suecia en 1958 e escribiu sobre os anos vividos en Persia o libro På uppdrag i Persien – glimtar från en trettioårig vistelse under solens och lejonets tecken

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar