O epidídimo é unha parte do aparato reprodutor masculino dos animais amniotas, que se encontra sobre o testículo. Trátase dun único tubo, estreito e enroscado, que nos homes adultos pode chegar ao estendelo aos seis ou sete metros de lonxitude,[1]) que conecta os condutos eferentes que saen da parte posterior dos testículos co conduto deferente que ascende en dirección á uretra.

Testículo humano e epidídimo. A. Cabeza do epidídimo. B. Corpo do epidídimo. C. Cola do epidídimo. D. Conduto deferente.
Aparato reprodutor masculino.
Micrografía do epidídimo tinguido con hematoxilina-eosina.

Rexións editar

O epidídimo pode dividirse en tres rexións principais:

  • A cabeza do epidídimo. Situada na parte superior dos testículos. Recibe os espermatozoides procedentes dos condutos eferentes do mediastino do testículo. Caracterízase histoloxicamente por ter un fino mioepitelio. Aquí dilúese a concentración do esperma.
  • O corpo. Parte pegada á superficie lateral posterior do testículo.
  • A cola. Situada na parte inferior do testículo. Ten un mioepitelio máis groso ca o da rexión da cabeza. Aquí ten lugar a absorción de fluídos que fai que o esperma se concentre máis. Conecta co conduto deferente.

Nos réptiles, existe un canal adicional entre o testículo e a cabeza do epidídimo, que é doloroso cando se golpea e recibe os varios condutos eferentes que saen do testículo. Este canal está ausente en mamíferos e aves.[2]

Histoloxía editar

O epidídimo está cuberto por un epitelio pseudoestratificado de dúas capas. O epitelio está separado por unha membrana basal da parede de tecido conectivo que contén células de músculo liso. Os principais tipos celulares que se encontran no epitelio son:

  • Células principais: células columnares que, xunto coas células basais, forman a maioría do epitelio. Estas células esténdense desde o lume do conduto á lámina basal.[3] Teñen estereocilios non móbiles, que son longos e ramificados na rexión da cabeza e máis curtos na rexión da cola.[3] Os estereocilios co microscopio óptico parecen cilios, pero co microscopio electrónico vese que estrutural e funcionalmente son similares a microvilli, polo que ás veces se denominan stereovilli.[4] As células principais segregan ao lume do conduto carnitina, ácido siálico, glicoproteínas, e glicerofosfocolina.
  • Células basais: máis curtas e de forma piramidal. Contactan coa lámina basal pero adelgázanse en dirección á superficie apical para atinguir o lume.[3] Pénsase que son precursores indiferenciados das células principais.[3]
  • Células apicais: encóntranse predominantemente na rexión da cabeza.[3]
  • Células claras: predominantes na rexión da cola.[3]
  • Linfocitos intraepiteliais: son linfocitos distribuídos polo tecido.[3]

Papel no almacenamento do esperma editar

Os espermatozoides formados nos testículos entran na cabeza do epidídimo, avanzan ata o corpo, e chegan á rexión da cola, onde son almacenados. Os espermatozoides que chegan á cabeza do epidídimo non están totalmente maduros, xa que aínda non adquiriron a capacidade de nadar movendo o flaxelo (motilidade) e de poder fertilizar o óvulo. O epidídimo almacena o esperma durante 2-3 meses. Durante o seu tránsito polo epidídimo, os espermatozoides sofren un proceso de maduración, que é necesario para que adquiran estas dúas capacidades.[5] A maduración final só se completa cando os espermatozoides chegan ao tracto reprodutor feminino (capacitación).

Durante a exaculación, o esperma flúe desde a porción inferior do epidídimo, que funciona como depósito de almacenamento, sobe polo conduto deferente e mestúrase coas secrecións da próstata e vesículas seminais, formando o seme. Non se moven utilizando o flaxelo, senón arrastrados polas contraccións peristálticas das capas musculares do conduto deferente. A motilidade dos espermatozoide é activada por produtos prostáticos.

Patoloxía editar

A inflamación do epidídimo denomínase epididimite, que é máis común ca a orquite testícular.

Embrioloxía e estruturas vestixiais editar

Nas femias pode atoparse o conduto de Gartner, que é un resto homólogo do epidídimo.

No embrión o epidídimo desenvólvese a partir do tecido que formaba o mesonefros ou ril primitivo, que se encontra no embrión e en moitos vertebrados acuáticos. A persistencia do extremo superior (cranial) do conduto mesonéfrico orixina un resto vestixial chamado apéndice do epidídimo. Ademais, algúns túbulos mesonéfricos poden persistir formando o paradídimo, un pequeno corpo caudal con respecto aos condutos eferentes testiculares.

Epididimectomía editar

A epididimectomía é a extirpación cirúrxica do epidídimo, que ás veces se realiza para tratar a síndrome da dor post-vasectomía.

Notas editar

  1. Kim, Howard H.; Goldstein, Marc (2010). "Chapter 53: Anatomy of the epididymis, vas deferens, and seminal vesicle". En Graham, Sam D.; Keane, Thomas E.; Glenn, James F. Glenn's urological surgery (7th ed.). Philadelphia: Lippincott Williams & Wilkins. p. 356. ISBN 978-0-7817-9141-0. 
  2. Romer, Alfred Sherwood; Parsons, Thomas S. (1977). The Vertebrate Body. Philadelphia, PA: Holt-Saunders International. pp. 394–395. ISBN 0-03-910284-X. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Kierszenbaum, Abraham L. (2002). Histology and cell biology : an introduction to pathology. St. Louis [u.a.]: Mosby. pp. 556. ISBN 0-323-01639-1. 
  4. Ross, Michael H.; Pawlina, Wojciech (2011). Histology: A Text and Atlas. Lippincott Williams & Wilkins. pp. 110–112. ISBN 978-0-7817-7200-6. 
  5. Jones R (1999). "To store or mature spermatozoa? The primary role of the epididymis". Int J Androl 22 (2): 57–67. PMID 10194636. doi:10.1046/j.1365-2605.1999.00151.x.  abstract Arquivado 12 de febreiro de 2006 en Wayback Machine.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar