Enclave en xeografía editar

 
C é un exclave de B e enclave de A.

En xeografía, un enclave é un territorio totalmente cercado por un territorio estranxeiro. Se un outro país ten soberanía sobre el, pódese tamén chamar este país de exclave.

Un tal territorio é así:

  • un enclave do territorio estranxeiro que o cerca.
  • un exclave do país con soberanía sobre el.

Os enclaves poden tamén existir cando unha subdivisión administrativa dun país é situada fóra da súa división principal.

A palabra enclave vén do latín inclavatus, significando pechado. Exclave é unha extensión creada posteriormente.

A orixe dun enclave pode ser debida a razóns históricas, políticas ou mesmo xeolóxicas: certas zonas tornaranse enclaves simplemente por causa da mudanza do leito dun río.

Exemplos de enclaves son Llívia, territorio español rodeado de territorio francés. Algúns enclaves son territorios independentes: este é caso de San Marino e mais do Vaticano, enclaves de Italia, e do reino do Lesoto, enclave de Suráfrica.

 
C é un exclave de B mais non é un enclave de A.

Certos países, que apenas teñen fronteira cun outro, poden ser considerados enclaves se dispuxeren dunha pequena fronteira marítima (casos de Gambia, case totalmente rodeada polo Senegal, de Brunei, case totalmente rodeado por Malaisia, ou de Mónaco, case totalmente rodeado por territorio de Francia).

No entanto, se a liña de costa for significativa en termos de cumprimento, o país non é tido por enclave: exemplos son os casos de Portugal (só ten fronteira con España), Corea do Sur (só ten fronteira coa Corea do Norte) e Irlanda (só ten fronteira co Reino Unido).

Outros exemplos que non poden ser tecnicamente considerados enclaves son os territorios cercados por augas internacionais, como os casos de Oecusi-Ambeno (Timor-Leste), as cidades de Ceuta e Melilla (España), Xibraltar (Reino Unido) Cabinda (Angola), Kaliningrado (Rusia) e a zona de Dubrovnik, na Dalmacia (Croacia).

Tamén se a dimensión do territorio separado do principal é significativa, non é costume tomalo por exclave. Un exemplo extremo é o de Alasca.

Enclave en xeoloxía editar

En xeoloxía, enclave é un corpo estraño inserido nunha rocha, moi común en rochas ígneas plutónicas. Ocorre nun magma que absorbe porcións de rochas máis profundas e cando se solidifica envolve esta rocha diferenciada.

Enclave en cultura editar

En cultura enténdese por enclave o conxunto de actividades literarias desenvolvidas nun espazo social que, aínda que está situado nunha localización xeográfica distinta, está vinculado a outro que actúa como metrópole, pertencendo ambos a un mesmo sistema literario e cultural[1].

O teórico estoniano Naftoli Bassel[2] empregou o termo enclave nun sentido máis amplo do habitual baixo as perspectivas da xeopolítica e a sociolingüística, considerando como enclave calquera territorio illado no interior dun espazo xeográfico máis amplo co que non comparte características identitarias esenciais de carácter étnico, lingüístico, social, económico ou cultural. A procedencia deste tipo de enclaves pode variar. Así, poden proceder de situacións coloniais ou estar vinculados a cambios de fronteiras ou soberanía territorial. Ademais, Bassel estende o emprego deste termo ás minorías nacionais que se atopan nun territorio alleo por razóns de tipo migratorio ou pola permanencia de grupos en territorios propios que perderon a súa antiga soberanía ou autonomía. Cómpre sinalar, por outra parte, que Bassel considera que a lingua de orixe (a do enclave) e a contextual (a do territorio que rodea o enclave) son diferentes.

Para Bassel, as principais tarefas que un estudo interliterario debería levar a cabo nese ámbito serían as relativas á determinación do grao de (in)dependencia da literatura do enclave fronte aos sistemas orixinario e contextual. Tamén interesarían os fenómenos da mestizaxe e o intercambio cultural e literario[3].

No caso do sistema literario galego, dous exemplos de enclaves serían o habaneiro e o bonaerense (entre finais do século XIX e a fin da ditadura franquista).

Notas editar

  1. Torres Feijó, E. J. (2004): “Contributos sobre o objecto de estudo e metodologia sistémica. Sistemas literários e literaturas nacionais”, in Anxo Abuín e Anxo Tarrío (coords.): Bases Metodolóxicas para unha Historia Comparada das Literaturas da Península Ibérica. Santiago de Compostela, USC, pp. 423-444.
  2. Bassel, N. (1991), “National Literary and Interliterary System”, Poetics Today, 12 (4), pp. 773-779.
  3. “Enclave”, Equipo Glifo (Anxo Tarrío coord .) (1998) . Dicionario de termos literarios, Santiago de Compostela, Centro Ramón Piñeiro - Xunta de Galicia.