Elizabeth Eleanor Siddal Rossetti nada en Londres o 25 de xullo de 1829 e finada na mesma cidade o 11 de febreiro de 1862, foi unha poeta, artista e modelo británica, retratada a miúdo polos artistas da Irmandade Prerrafaelista e especialmente polo seu esposo, o pintor Dante Gabriel Rossetti.

Infotaula de personaElizabeth Siddal

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Elizabeth Eleanor Siddall Editar o valor em Wikidata
25 de xullo de 1829 Editar o valor em Wikidata
Holborn (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte11 de febreiro de 1862 Editar o valor em Wikidata (32 anos)
Blackfriars (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte accidental Editar o valor em Wikidata (Sobredose Editar o valor em Wikidata)
Lugar de sepulturacemiterio de Highgate Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido de Gran Bretaña e Irlanda Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpintora , modelo , modelo artístico , poeta , escritora Editar o valor em Wikidata
MovementoIrmandade Prerrafaelista Editar o valor em Wikidata
Pseudónimo literarioElizabeth Siddal Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeDante Gabriel Rossetti Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: ac87b631-fa78-4737-b02c-0839fdfe52a7 WikiTree: Siddal-4 Find a Grave: 2752 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Primeiros anos de vida editar

Chamada Elizabeth Eleanor Siddall pola súa nai, Lizzie naceu no fogar da súa familia, no 7 de Charles Street, en Hatton Garden. Os seus pais foron Charles Crooke Siddall, quen afirmaba que a súa familia descendía da nobreza, e Eleanor Evans.

Nos tempos en que Elizabeth naceu, non estaban sumidos na pobreza debido a que o seu pai tiña o seu propio negocio. Ao redor de 1831, os Siddall mudáronse ao municipio de Southwark, no sur de Londres, unha zona menos saudable que Hatton Garden. Alí, en Southwark, naceron o resto dos seus irmáns: Lydia (á que Lizzie se sentía especialmente achegada), Maria, Clara, James e Henry. Aínda que non existe constancia de que asistise á escola, Lizzie sabía ler e escribir, supóndose que os seus pais lle ensinaron. Desenvolveu un amor pola poesía a unha temperá idade, logo de descubrir un poema de Alfred Tennyson nun anaco de papel de xornal que fora utilizado para envolver unha porción de manteiga; este descubrimento inspirou a Lizzie a comezar a escribir.

Vida como modelo dos prerrafaelistas editar

 
Elizabeth Siddall foi a modelo para o cadro de 1851-52 de Sir John Everett Millais Ophelia

Siddal, que tiña como apelido orixinal Siddall (foi Rossetti quen eliminou o segundo "l"), foi descuberta por Deverell en 1849 mentres traballaba como modista de chapeus nunha tenda de Cranbourne Alley. Nin ela nin a súa familia tiñan aspiracións ou intereses artísticos. Foi empregada como modelo por Deverell e a través del foi presentada aos prerrafaelistas.[1] Con vinte anos, o seu alto e delgado corpo e o seu cabelo cobrizo convertérona nunha das primeiras modelos "góticas" prerrafaelistas. William Michael Rossetti, o seu cuñado, describiuna como "unha das criaturas máis belas, cun aire entre dignidade e dozura con algo que excedía a modestia e a autoestima e posuía unha desdeñosa reserva; alta, finamente formada cun pescozo suave e regular, con algunhas características pouco comúns, ollos verde-azulados e poucos brillantes, grandes e perfectas pálpebras, unha tez brillante e un espléndido, groso e abundante cabelo ouro-cobrizo."

O inicio do Lizzie no mundo das modelos foi un comezo extremadamente pracenteiro no que podería ser un mundo sórdido. No principio da súa carreira como modelo, permitíalle continuar a traballar na tenda de chapeus da señora Tozer's a medio xornada, asegurándose así un salario regular mesmo si a carreira como modelo non funcionaba. Esta era unha oportunidade pouco habitual para unha muller do seu tempo.

Mentres posaba para o cadro Ophelia de John Everett Millais (1852), Siddal flotaba vestida nunha bañeira chea de auga para representar o afogamento de Ofelia. Millais pintouna diariamente durante o inverno. Puña candeas debaixo da bañeira para quentar a auga. Nunha ocasión, as candeas apagáronse e a auga volveuse lentamente xeada. Millais estaba tan concentrado na súa pintura que non o notou e Siddal non se queixou. Despois desa sesión ela enfermou gravemente de pneumonía, ou talvez dun arrefriado. O seu pai cría que Millais era responsable e forzouno a pagar unha indemnización para pagar ao doutor. Pensouse que sufría de tuberculose, pero algúns historiadores actualmente cren que é máis probable que fose un malestar intestinal. Outros suxeriron que ela podía ser anoréxica, mentres que outros atribúen a súa pobre saúde a unha adicción ao láudano ou a unha combinación de ambos.

Elizabeth Siddal foi a principal musa de Dante Gabriel Rossetti na maior parte da súa mocidade. Despois de coñecela, pintouna constantemente, excluíndo así case todas as outras modelos e evitando que ela posase para os outros prerrafaelistas. Estes debuxos e pinturas culminaron con Beata Beatrix, pintada en 1863, un ano despois da morte de Elizabeth. Ela morta tal como a atopou foi o modelo para devandito cadro, que mostra a Beatriz de Dante Alighieri orando en éxtase.

Obra editar

Despois de comprometerse con Rossetti, comezou a estudar con el. Tamén pintou un autorretrato, que difire da beleza idealizada polos prerrafaelistas. É significativo porque mostra como se vía a través dos seus propios ollos, non idealizada como noutros retratos. En 1855, o crítico de arte John Ruskin comezou a patrocinar a súa carreira e pagáballe 150 libras ao ano por todos os debuxos e pinturas que realizase. Ela produciu numerosos bosquexos e acuarelas, así como algúns óleos, que presentan os temas propios do prerrafaelismo con ilustracións das lendas artúricas e outros temas medievais idealizados. Tamén comezou a escribir poesía, que foi ben recibida pola crítica. Tanto Rosseti como Ford Madox Brown apoiábana e admirábana.[2]

Últimos anos e morte editar

Rossetti empregouna como modelo desde 1853 sobre todo para os seus cadros de Dante e Beatriz, pero o máis numeroso e persoal foron bosquexos a lapis dela na casa, comezados en 1852 cando se mudou con el a Chatham Place. Dende ese momento volvéronse máis antisociais, pasando o tempo xuntos encerrados embebidos no seu amor e na súa arte. Como ela procedía da clase traballadora, Rossetti temía presentala á súa familia. As súas irmás criticábana duramente e este coñecemento de que non sería aprobada pola súa familia fíxolle ir pospondo o matrimonio. Ademais, Siddal comezou a sospeitar que el quería substituíla por unha musa máis nova, o que era en parte verdade, o que contribuíu a empeorar a súa doenza e sucedérense os momentos depresivos.

Finalmente Siddal e Rossetti casaron o mércores 23 de maio de 1860 na igrexa de Saint Clement na cidade costeira de Hastings. Non houbo familiares nin amigos presentes, e actuaron como testemuñas só un par de persoas atopadas na cidade. Durante os anos anteriores ela viaxara a París e Niza pola súa saúde, e ao momento da cerimonia estaba tan fráxil que tivo que ser levada á igrexa, a pesar de atoparse a só cinco minutos de onde se hospedaban. A tensión polas infidelidades de Rossetti agravara o seu estado, mais ela tamén usaba a súa enfermidade e depresión para chantaxealo e mantelo ao seu lado, e o seu exceso volvéraa adicta ao láudano.[3] En 1861 quedou embarazada, mais deu a luz unha nena prematura morta, o que lle provocou depresión posparto.

A finais de ano volvera quedar embarazada, mais aos tres meses, en febreiro de 1863, suicidouse cunha sobredose de láudano. Despois de cear con Algernon Charles Swinburne, ela quixo ir descansar. Rossetti levouna á casa e foi buscar o seu médico de confianza. Cando chegaron, estaba inconsciente sobre a cama. O doutor dixo non poder facer nada, mais Rossetti chamou outros tres médicos, que mesmo empregaron unha bomba estomacal, mais non serviu de nada. Morreu ás 7:20 da mañá do 11 de febreiro de 1863 na súa casa de Chatham Place, hoxe demolida e cuberta pola estación Blackfriars. Aínda que a morte foi declarada accidental, case seguro que foi un suicidio. Hai suxestións de que Rossetti atopara unha nota de sucidio e, consumido pola pena e o remorso, foi ver a Ford Madox Brown, que lle ordenou que a queimase, xa que o suicidio entón era inmoral, ilegal, traería o escándalo á súa familia e impedido o seu enterramento nun cemiterio.

Antes de ser enterrada no cemiterio de Highgate, Rosetti agachou xunto á súa esposa no cadaleito un caderno coa única copia dos seus poemas inéditos. Nos anos seguintes, Rosetti comezou a ter problemas na vista e temía quedar cego. Comezou a obsesionarse con desenterrar a súa poesía e publicala. Finalmente, el e mais o seu axente literario Charles Augustus Howell conseguiron un permiso de exhumación en 1869 para poder recuperar o caderno. Rosetti non se atreveu a estar presente e Howell mentiulle asegurándolle que o corpo de Elizabeth estaba intacto e mesmo que o seu cabelo vermello crecera e enchera o cadaleito. Varios poemas estaban case ilexíbeis, coas follas roídas polos vermes. A pesar diso, publicounos xunto con algúns novos en 1870.[4]

Na ficción editar

Mollie Hardwick escribiu unha novela de misterio titulada The Dreaming Damozel en 1990.[5] O argumento céntrase en Douran Fairweather, unha anticuaria que está encantada por atopar un pequeno óleo que cre que foi pintado por Elizabeth Siddal. Porén, logo sorpréndese cando atopa o corpo dunha nova, flotando morta nun estanque. A escena de morte imita a pintura Ophelia de Millais, para a que Elizabeth posou. Douran entusiásmase tanto pola coincidencia e o misterio que ignora o consello do seu marido, quen lle advirte que a historia de Rossetti e Siddal estaba infestada de infelicidade.

A relación de Rossetti con Siddal foi obxecto de numerosos dramas de televisión, en particular Dante's Inferno (1967), de Ken Russell, onde foi interpretada por Judith Paris; The Love School (1975), onde foi caracterizada por Patricia Quinn; e Desperate Romantics (2009), onde foi interpretada por Amy Manson.

Galería editar

Notas editar

  1. Marsh, Dr Jen (19 de outubro de 2019). "Elizabeth Siddall feature at 16:45 into the programme on 19/10/2019". BBC Womans Hour. 
  2. William Gaunt (1972). Schoken, Nueva York, ed. The Pre-Raphaelite Dream. ISBN 080520119X. 
  3. Ludinda Hawksley (1999). Essential Pre-Raphaelites. Parragon, Londres. ISBN 1-84084-524-4. 
  4. "El secreto de Highgate". 27 de agosto de 2017. 
  5. Hardwick. British Crime Writers List. Países Baixos: XS4 all. .

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar