Elías foi un profeta xudeu que viviu no século IX a.C.. O seu nome é unha forma helenizada que provén do hebreo Ēliyahū (אליהו) e que significa "o meu Deus é Yahveh".[1] Elías era oriúndo de Tishbé, na rexión de Galaad, ao oriente do río Xordán.[2] A Biblia refírese a el en I Reis 17-21 e II Reis 1-2.

Elías
Nacemento904 a. C.
Lugar de nacementoTisbe
Falecemento850 a. C.
Lugar de falecementoXericó
NacionalidadeReino de Israel
EtniaIsraelitas
RelixiónYahwisme
Ocupacióntaumaturgo e Profeta
editar datos en Wikidata ]

Contexto histórico editar

O ministerio profético de Elías comezou na época do reinado de Acab (fillo de Omrí), quen gobernou o reino de Israel entre 874 a.C. e 853 a.C.[3]

Os autores dos Libros dos Reis citan como fonte dos seus relatos outro libro perdido, coñecido como "o libro das crónicas dos Reis de Israel".[4] Posiblemente de devandita fonte ou outra referida ao profeta xorde a narración sobre o enfrontamento entre Elías e o rei Acab, "quen fixo o mal aos ollos de Deus, máis que todos os que o precederan" e "tomou por muller unha cananea, Xezabel, filla de Itobaal, rei de Sidón e foi tras Baal e Asera, serviuno e prosternouse ante el".

Non só o corazón de Acab se desviou dos preceptos de Deus, senón tamén todo o pobo, o que provocou a execución da maioría dos profetas de Israel e como consecuencia da iniquidade, Deus fixo que sobreviñera unha gran seca en Samaria e polo tanto, unha gran fame na rexión.

A primeira misión editar

Elías aparece de súpeto no relato anunciando a Acab a seca. Despois, escóndese nun regato próximo ao Xordán e é alimentado por corvos; logo, por mandato de Yahveh, vai a Sarepta, un poboado próximo, á casa dunha viúva, onde o profeta multiplica a comida e resucita o seu fillo. Trátase do primeiro caso no que se recolle a resurrección dun morto. Elías enfróntase a Xezabel, que ordenara que matasen os profetas de Yahveh.

Elías desafiou os catrocentos cincuenta profetas de Baal a que aceptasen o sacrificio dun boi nun altar preparado para ser incinerado; Elías fixo que preparasen un altar igual e ademais que mollasen a madeira tres veces ata que se enchese un foxo arredor da ara. Yahveh aceptou o sacrificio de Elías, para confusión dos profetas de Baal, e no monte Carmelo derrotounos e degolounos coa axuda do pobo, tralo que remata a seca.

Características de Elías editar

 
O Profeta Elías. Mykhailo Boychuk (1913)

"Elías era un home coma calquera de nós":[5] trala súa vitoria fuxiu por temor á vinganza de Xezabel e adentrouse no deserto, desexándose a morte. Non obstante, logo de que o Anxo de Deus lle dese de comer e beber sentiuse reconfortado e andou ata o monte Horeb, onde se agochou nunha cova.

En medio dunha depresión, o profeta Elías rezou a Yahveh e demostrou un exceso de celo na súa misión. Deus manifestóuselle e apoiouno como "unha voz apacible e suave" tras ventos, tremores e un lume e deulle novas misións, acabando por sinalar a Eliseo como o seu sucesor.

A segunda misión editar

A maldade de Acab e Xezabel enfrontada por Elías non se limitaba ao culto de Baal, senón que se proxectaba no despoxo dos seus súbditos. O episodio da viña de Nabot[6] é representativo da repetida historia do despoxo das terras dos campesiños polos gobernantes e grandes propietarios. Outros profetas referíanse a estas situacións.[7] Elías expresou a senten<a divina contra Xezabel e contra a descendencia de Acab. Derrotado e morto este en combate coas tropas do rei de Aram, a pesar dos bos augurios dos falsos profetas, secedeuno o seu fillo Ocozías, "que andou polo camiño do seu pai e da súa nai" e "fixo pecar a Israel" e morreu deseguido.

Segundo a Biblia [8] trala muerte de Ocozías (852 a. C.) Deus traspasou o oficio de profeta a Eliseo, "un carro de lume con cabalos de lume apartounos os dous; e Elías subiu ao ceo nun remuíño". (2 Reis 2:11) á vista de Eliseo. Eliseo tomou o manto de Elías e deste xeito foi recoñecido por Yahveh como o seu profeta.

Elías nas tradicións xudía e cristiá editar

Na tradición xudía Elías é agardado nos fogares israelís durante durante todas as festividades da Pascua e resérvaselle un asento na mesa. O Libro de Malaquías prevé que Elías regresará o Día do Xuízo, predición que lle dá o status de símbolo do Mesías, conferíndolle especial importancia na crenza xudía.[9]

Moitos creron que Xoán o Bautista foi Elías que veu preparar o seu camiño.[10] De feito, para reforzar esta misión, o propio Xoán vestía como Elías.[11] Os evanxeos sinópticos, na pasaxe da transfiguración, amosan a Elías e a Moisés falando con Xesús.[12] O apócrifo Apocalipse de Elías móstrao ao lado de Henoc combatendo contra o "fillo da iniquidade" que os mata, despois do cal eles resucitan, de xeito semellante ao que ocorre coas dúas testemuñas da Apocalipse no seu enfrontamento coa Besta.

O título ou nome Elías nas escrituras emprégase de diversas maneiras, por exemplo:

  • Elías o Profeta.
  • Precursor: neste caso Elías é un título que se dá a aquel que é un precursor, como por exemplo Xoán o Bautista, quen foi enviado a preparar o camiño para Xesús.
  • Restaurador: aplícase a persoas por motivos das misións particulares que haberían de cumprir, como por exemplo Xoán o Revelador.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Trátase dun nome propio hebreo composto e que incorpora parte do tetragramaton, onde se atopa o nome divino, Yahveh (New Bible Dictionary, 2.ª edición, Wheaton: Tyndale Press, 1982; John C. Wells, Longman Pronunciation Dictionary, Harlow: Longman, 1990, páx. 239: "Elijah").
  2. De aí que se lle chame "o tisbkita" na versión da Biblia elaborada por Cipriano de Valera.
  3. Philip Wilkinson, Religiões [2008], Rio de Janeiro: Zahar, 2011, páx. 298.
  4. 1Reis "22:39". BibleGateway (en castelán). 
  5. Santiago "5". A Biblia Galega. 
  6. 1Reis "21". BibleGateway (en castelán). 
  7. Pode verse en Isaías "1-5". A Biblia Galega.  e Miqueas "1-7". A Biblia Galega. .
  8. 2Reis "2:1-13". BibleGateway (en castelán). 
  9. Wilkinson, Religiões, p. 298.
  10. Mateo "11:7-15". BibleGateway (en castelán). , Malaquias "3:23". BibleGateway (en castelán). )
  11. 2Reis "1:8". BibleGateway (en castelán). , 2Reis "2:1-13". BibleGateway (en castelán). 
  12. Marcos "9:4". BibleGateway (en castelán). 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar