Einojuhani Rautavaara

compositor finlandés

Einojuhani Rautavaara (Fi-Einojuhani Rautavaara.ogg pronunciación ), nado en Helsinqui o 9 de outubro de 1928 e finado na mesma cidade o 27 de xullo de 2016,[1][2] foi un compositor finlandés. Rautavaara é considerado un dos compositores finlandeses máis destacados dende Jean Sibelius, así como un dos máis coñecidos.

Einojuhani Rautavaara
Einojuhani Rautavaara na Feira do Libro de Helsinqui en 2014.
Nome completoEino Juhani Rautavaara
Nacemento9 de outubro de 1928
 Helsinqui,
Finlandia Finlandia
Falecemento27 de xullo de 2016 (87 anos)
 Helsinqui
NacionalidadeFinlandia
Educado enAcademia Sibelius e Escola Juilliard
Instrumento(s)Piano
PaiEino Rautavaara
Parella/sMariaheidi Rautavaara
FillosMarkojuhani Rautavaara
PremiosMedalla Pro Finlandia, Wihuri Sibelius Prize, Finnish State Prize for Music, Commander of the Order of the Lion of Finland e Knight's Crosses of the Order of Merit of the Republic of Hungary
Na rede
IMDB: nm1797592 Rottentomatoes: celebrity/einojuhani_rautavaara Allmovie: p636271
Youtube: UCaGmc7t6Tm0iUeuBu2wGQ0w Souncloud: einojuhanirautavaara Spotify: 3MXhtYDNuzQQmLfOKFgPiI iTunes: 4457103 Last fm: Einojuhani+Rautavaara Musicbrainz: bb94bbf5-b2b3-4a5a-bcab-7ba8b60cccea Discogs: 836603 IMSLP: Category:Rautavaara,_Einojuhani Allmusic: mn0002168400 Deezer: 1617785 Genius: Einojuhani-rautavaara Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Rautavaara destacou por ser un compositor prolífico, con obras de gran variedade formal e estilística que grazas á súa accesibilidade conseguiron facerse populares entre o público.[3] As súas variadas composicións son mostra da súa propia personalidade como compositor. O recoñecemento da súa obra púxose de manifesto nos numerosos encargos que recibiu de numerosas institucións en todo o mundo.[4]

Traxectoria editar

Primeiros anos e estudos editar

Einojuhani Rautavaara naceu en Helsinqui o 9 de outubro de 1928. Pasou a súa infancia no distrito de Kallio,[nota 1] onde o seu pai, Eino Rautavaara, fora organista na igrexa, mentres que a súa nai, Elsa, era médico e traballaba con pobres. O seu pai tivera tamén unha destacada carreira como barítono, sendo un dos membros fundadores da Suomen Kansallisooppera (Ópera Nacional Finlandesa), aínda que no momento no que naceu Einojuhani xa deixara a súa carreira como cantante.[5]

Aínda que o seu pai desenvolvera unha exitosa carreira musical, non animou ó seu fillo a ser músico, sendo a súa nai quen o animou a tomar clases de piano, a pesar de que el nunca mostrou unha inclinación particular pola música ou por practicala. De feito o seu interese pola música non chegou ata os anos 1940, durante a adolescencia, nunha época na que se produciu a morte do seu pai primeiro (en agosto de 1939) e da súa nai despois (en abril de 1944). Despois da perda dos seus pais Einojuhani foi adoptado pola súa tía materna, Hilja Teräskeli, que ao igual que a súa nai se afastara da súa infancia estritamente relixiosa e estudara medicina en Helsinqui. Ao ser adoptado pola súa tía marchou a Turku, onde Hilja fora nomeada profesora do departamento de oftalmoloxía da súa universidade, e alí descubriu as biografías dos grandes compositores publicadas por Sulho Ranta, o que o inspiraría a compoñer as súas propias obras aos 17 anos.[5]

Despois de que Einojuhani recibira clases intermitentes de piano, frecuentemente por obriga, nas que frecuentemente tiña que comezar de cero, aos 17 anos retomounas, mais desta vez verdadeiramente tiña ganas de aprender. A casualidade quixo que a súa profesora fora Astrid Joutseno, que empregaba un método liberal que se adaptaba a el.[5] Posteriormente iniciaría os seus estudos de musicoloxía na Universidade de Helsinqui, graduándose en filosofía por dita universidade en 1953.[6][7]

Estudos editar

Einojuhani comezou os seus estudos na Sibelius-akatemia de Helsinqui.
En 1955 estudou na Juilliard School de Nova York con Persichetti.

En 1948 foi admitido na Sibelius-Akatemia, onde estudou composición con Aarre Merikanto, malia que nun principio a súa intención era estudar con Selim Palmgren, mais este ao ver os seus intentos de obras temperás considerou que o que precisaba o xove Rautavaara era aprender rudimentos de harmonía.[5][8] Logo da morte de Palmgren en 1951, Merikanto foi nomeado o seu sucesor como profesor de composición da institución, sendo Rautavaara admitido de inmediato como alumno de composición. Como Joutseno, Merikanto animouno a converterse en compositor.[5] En 1952 finalizou os seus estudos de composición na Sibelius-Akatemia.[8]

En 1955 a Koussevitzky Foundation outorgoulle a Jean Sibelius unha bolsa de estudos polo seu 90 aniversario para permitir que un novo compositor finlandés elixido por el estudase nos Estados Unidos. Sibelius escolleu a Rautavaara, que viña de pasar unha tempada en Viena,[7] que se trasladou a Nova York para estudar na Juilliard School con Vincent Persichetti entre 1955 e 1956, asistindo tamén a clases en Tanglewood con Roger Sessions e Aaron Copland no verán de 1955.[4][6] De todos os seus profesores nos Estados Unidos, Rautavaara destacou a figura de Persichetti, que daquela estaba a escribir o seu libro Twentieth Century Harmony e que empregaba aos seus propios alumnos como coellos de indias para os exercicios do libro. Por outra banda, Sessions foi o primeiro en chamar a atención de Rautavaara na estrutura xeral da obra e as relacións tonais (ou canto menos os centros tonais), algo que ningún dos seus profesores fixera antes, nin tan sequera despois no segundo verán que o compositor finlandés pasou en Tanglewood con Copland.[5] Ese mesmo ano chamou a atención internacional ao gañar a Thor Johnson Composer’s Competition de Cincinnati (Estados Unidos) co seu A Requiem in Our Time para metais e percusión.[8] Rautavaara asume que Sibelius, cuxo principal contacto coa música finlandesa era a radio, escoitara algunhas composicións súas, baseando a súa elección nelas, alo menos a súa composición de inspiración popular Pelimannit e o seu primeiro cuarteto de corda, se ben Sibelius debeu coñecer ben o éxito de A Requiem in Our Time.[5]

Regreso a Europa editar

 
Fotografía da familia de Einojuhani e Mariaheidi Rautavaara co seu fillo Markojuhani no colo.

En 1957, de volta en Europa continuou a súa formación en Ascona (Suíza) con Vladimir Vogel, e ao ano seguinte na Hochschule für Musik und Tanz de Colonia con Rudolf Petzold, á vez que exercía de profesor non numerario na Sibelius-Akatemia (1957-1959).[3][6][7] No país helvético Rautavaara traballou a técnica do dodecafonismo e aprendeu a manexar o conxunto da estrutura dramática na súa música.[5] Foi nesa época cando Rautavaara comezou a escribir óperas, coa composición de Kaivos en 1957, aínda que deixaría o xénero durante máis de 20 anos en favor da música orquestral, de cámara e composicións vocais.[9]

En febreiro de 1959 a profesora de música e soprano Mariaeidi Suovanen chamouno para que a acompañara ao 20 aniversario da Fundación Cultural de Finlandia, onde actuaría como solista na estrea de Genesis de Merikanto. Este sería o inicio da relación entre o compositor e a cantante, coa que casou ese mesmo ano e coa que tivo dous fillos. Porén o matrimonio foi un desastre desde o principio, aínda que se prolongou durante máis de vinte anos ata que se divorciaran en 1982.[5][10][11] Paradoxalmente, a discordia na súa vida privada fíxoo aínda máis creativo, producindo nesta época algunhas das súas obras máis destacadas como o seu primeiro concerto para piano ou o concerto para contrabaixo Angel of Dusk.[5]

Chegada do éxito internacional editar

Entre 1959 e 1961, Rautavaara foi arquiveiro da Helsingin kaupunginorkesteri, e catro anos despois foi nomeado reitor do Instituto de Música de Käpylä (Helsinqui), permanecendo no cargo ata 1966.[3] En 1966 comezou a impartir clases de composición na Sibelius-Akatemia ata 1971, cando foi nomeado Profesor en Artes polo Estado.[4] Ese mesmo ano a Universidade de Oulu encargoulle unha cantata para a cerimonia de graduación do ano seguinte, porén o coro que debía interpretala non podía, polo que decidiu escribir unha cantata distinta, substituíndo o coro por gravacións de paxaros, creando Cantus Arcticus, un concerto para orquestra e paxaros que alterna gravacións de cantos de paxaros con extensas texturas orquestrais para evocar as vastas extensións xeadas do Ártico que suporía o seu primeiro éxito internacional.[5][9]

En 1975 foi admitido na Real Academia Finlandesa.[7] Ao ano seguinte Rautavaara regresou á Sibelius-Akatemia no que sería a súa segunda e última etapa como profesor na institución e que se prolongaría durante 14 anos (1976-1990) nos que tivo como alumnos a Kalevi Aho,[12] Magnus Lindberg,[13] Olli Mustonen[14] ou Esa-Pekka Salonen.[15] A principios da década de 1980 Rautavvara regresou ao xénero operístico coa composición de tres óperas curtas e a ópera a grande escala Thomas (1982-85), mais despois desta a súa produción operística e sinfónica se entrelazou.[9]

En 1984, dous anos despois de separarse da súa primeira muller, Einojuhani Rautavaara casou coa cantante e pedagoga 29 anos máis nova que el Sinikka (Sini) Rautavaara (nada Koivisto).[11] En 1988 instalouse en Helsinqui, e dende 1990 adícase exclusivamente á composición, tendo recibido numerosos premios e sendo a súa música frecuentemente gravada.[4][6] Foi precisamente nos anos 1990s cando unha nova coincidencia o levou polo camiño do éxito internacional logo de compoñer a súa Sinfonía nº 7 por encargo da Bloomington Symphony Orchestra (Estados Unidos). Rautavaara decidiu chamar á súa nova sinfonía Bloomington Symphony, mais case por accidente, o director do selo discográfico finlandés Ondine, Reijo Kiilunen, escoitou que o compositor orixinalmente ía titulala Angel of Light. Kiilunen sabía que este título podía atraer unha maior atención, polo que convenceu a Rautavaara para que mudara o título. Finalmente, a primeira gravación de Angel of Light foi precedida por unha extensa campaña publicitaria que axudou a provocar o interese internacional na obra.[5] Esta obra foi unha sorpresa para moitos que crían que os compositores contemporáneos medraran irremediablemente fora do contacto coas necesidades emocionais do público.[16]

Enfermidade e últimos anos editar

En xaneiro de 2004, mentres desfrutaba do seu éxito obtido a finais dos anos 1990s e principios dos 2000s, estivo próximo a morrer ao sufrir unha disección aórtica. Por sorte Sini estaba na casa e puido chamar a unha ambulancia que o trasladara a un hospital, onde permaneceu seis meses, cinco deles na unidade de coidados intensivos. Finalmente o compositor recuperouse por completo, podendo retomar a súa actividade creadora.[5][9] Rautavaara faleceu no ano 2016 nun hospital de Helsinqui, por mor de complicacións sufridas tras unha operación de cadril.[1]

Obra editar

 
Rautavaara nos anos 1950s.

Einojuhani Rautavaara é un compositor moi prolífico e ten escrito obras nunha gran variedade de formas e estilos. Porén, o groso da súa obra o constitúen as súas sinfonías, concertos e óperas.[6] As influencias de Rautavaara, entre as que teñen cabida o jazz, as músicas tradicionais de distintos países ou as propostas ecoloxistas (exemplificadas en Cantus Arcticus), a electroacústica, a aleatoriedade, a expresividade relixiosa ou mística, fraguaron unha personalidade propia, ben perfilada e distinta.[17] A súa extensa e versátil produción inclúe varias óperas, oito sinfonías, concertos, música de cámara, música para piano e música vocal.[18]

Concepción da música editar

Para Rautavaara a música non debe ser forzada a axustarse a un plan prefixado, senón que debe emerxer libremente, atopar o seu camiño e medrar. O mesmo criterio o aplica ás personaxes cando escribe os libretos das súas óperas. Rautavaara di:[18]

Creo firmemente que as composicións teñen unha vontade propia, aínda que este concepto esperte sorrisos nalgunhas persoas.

— Einojuhani Rautavaara

Sobre as motivacións polas que comeza a xenerarse a música, Rautavaara afirma que unha imaxe, un poema, un son ou un recordo, poden espertar a evocación dunha atmosfera particular. Iso, que el denomina "aura", instálase na súa mente con forza e permanece nela como un mantra ata que se converte en música.[18]

Como moitos outros compositores da súa xeración, especialmente Arvo Pärt e John Tavener, Rautavaara considera a arte creadora como algo próximo á expresión relixiosa, e sinala as conexións entre as variedades artísticas e de éxtase. Mais ao contrario que Pärt e Tavener, Rautavaara adoita facer a súa música como un concerto secular no que os seus temas místicos son importantes, mais non interfiren coa apreciación da música nos seus termos abstractos.[19]

Evolución editar

Rautavaara resume a súa evolución parafraseando unha sentenza frecuentemente feita en referencia á política americana, que di:[16]

Se un artista non é modernista cando é novo, non ten corazón. E se é modernista cando é vello, non ten cerebro.[nota 2]

Inicialmente o estilo de Rautavaara amosou unha tendencia neoclásica inspirada no seu admirado Igor Stravinskii, en Paul Hindemith, así como no denominado clasicismo nórdico encarnado por Carl Nielsen e Jean Sibelius; estas primeiras composición amosan tamén elementos de inspiración tradicional e popular, e influencias de Béla Bartók ou Dmitrii Shostakovich.[4][17] Desta primeira etapa cómpre destacar A Requiem in Our Time, que atraería sobre el a atención internacional ao gañar a Thor Johnson Composer’s Competition.[8]

Non sorprende que o seu enfoque cambiara en maior medida cara ao serialismo despois das súas experiencias en Colonia.[20] A finais da década de 1950 a súa música virou cara ao dodecafonismo, mais enfocado cara ao modelo de Alban Berg, que se adecuaba mellor ao seu temperamento romántico.[17] O tema político, xa a miúdo espiñoso, e a súa escritura dodecafónica da primeira ópera de Rautavaara, Kaivos, levou a que a Suomen Kansallisooppera rexeitase o traballo. Porén esta ópera foi televisada, logo dun traballo de revisión, pola televisión pública finlandesa en 1963. Este feito axudou a establecer a reputación de Rautavaara no seu país de orixe.[20] Dúas das súas sinfonías exemplifican o seu traballo serial: a Sinfonía nº 3 (1961) e a Sinfonía nº 4 (1962). Ambas sinfonías foron das primeiras composicións finlandesas en empregar procedementos seriais, de feito a Terceira Sinfonía é considerada a primeira obra finlandesa completamente serial, mais cunha tendencia romántica que homenaxea as sinfonías de Bruckner, escrita integramente con trompas wagnerianas.[4][8]

Porén, a finais da década de 1960 a súa linguaxe afastouse do serialismo e tomou un carácter máis místico, con melodías profundas e de cores ricas, á vez accesibles e evocadoras.[8] A obra que marca este xiro estilístico é Apollo contra Marsyas, na que emprega un enfoque poliestilístico no que emprega elementos do jazz e a música popular nunha irónica xustaposición contra a música clásica lixeira vienesa.[16] En 1973, os seus percorridos universalistas o levaron a compoñer unha Suite coral sobre a poesía de Federico García Lorca.[17]

A partir de 1980, a súa produción musical reflicte o que el mesmo denominou un estilo "pluralista e neorromántico", situado por algúns críticos nunha esfera posmodernista entre a tradición finlandesa e os postulados modernistas, cunha maior orientación tonal. Entre os traballos realizados a partir desta época destacan varias óperas biográficas como Thomas (1982–85), Vincent (1986–1987, baseada na vida de van Gogh), Aleksis Kivi (1995–1996) ou Rasputin (2001–2003), ou as súas sinfonías nos 5 a 8.[4][18] A súa música de madurez está ao servizo dos seus conceptos programáticos.[19]

O tema da creatividade e a loucura son explorados por Rautavaara nas súas óperas Vincent, Aleksis Kivi e Rasputin.[8] Outro tema tratado por Rautavaara, especialmente na súa ópera Kaivos (1957-58, revisada en 1960-63), é a política.[16]

Rautavaara e os anxos editar

A fascinación polos anxos, vivida dun xeito fondo e persoal e alimentado por experiencias poéticas como a de Rainer M. Rilke, levou a Rautavaara a adicarlles algunhas das súas composicións, comezando por Angels and Visitations (1978). Seguiulle en 1980 o concerto para contrabaixo e orquestra Angel of Dusk, e en 1994 a súa Sétima Sinfonía, subtitulada "Angel of Light".[17] Porén, estas alusións á palabra "anxo" obedecen máis ao seu interese pola poesía de Rilke que a posibles asociacións místicas do compositor.[18]

Premios e recoñecementos editar

Ao longo da súa carreira Einojuhani Rautavaara ten recibido numerosos recoñecementos pola súa obra, tanto na súa Finlandia natal como a nivel internacional. En 1955 recibiu a Medalla Arnold Bax,[7] e en 1965 foille outorgado, xunto con Erik Bergman e Usko Meriläinen o Premio Wihuri Sibelius.[21] A presidencia de Finlandia outorgoulle as medallas Pro Finlandia e nomeouno comandante da Orde do León de Finlandia en 1968 e 1985.[7]

Algunhas das súas obras teñen sido recoñecidas con premios a nivel internacional. O primeiro premio que conseguiu unha obra súa foi o Thor Johnson Composer’s Competition en 1955 con A Requiem of Our Time.[8] Posteriormente outras das súas obras conseguiron recoñecemento, como a súa Sétima Sinfonía "Angel of Light", coa que gañou o Midem classique de Cannes (Francia) e un Grammy, ambos en 1997.[7]

Discografía e obras publicadas editar

A música de Rautavaara foi gravada polos selos Ondine, Finlandia e Naxos, e algunhas das súas óperas como Tietäjien lahja, Alexis Kivi e Rasputin foron editadas en DVD. As súas obras foron publicadas pola editorial británica Boosey & Hawkes.[8]

Notas editar

  1. Kallio é tradicionalmente un distrito de clase traballadora de Helsinqui.
  2. Orixinal en inglés: If an artist is not a modernist when he is young, he has no heart. And if he is a modernist when he is old, he has no brain.
Referencias
  1. 1,0 1,1 Huuhtanen, Matti (28-7-2016). "Finnish composer Einojuhani Rautavaara dead at age 87". The Washington Post (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29-07-2016. Consultado o 29-7-2016. 
  2. "Säveltäjä Einojuhani Rautavaara on kuollut". mtv.fi. 28-7-2016. Arquivado dende o orixinal o 02-08-2016. Consultado o 29-07-2016. 
  3. 3,0 3,1 3,2 last.fm (ed.). "Einojuhani Rautavaara" (en castelán). Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Naxos (ed.). "EINOJUHANI RAUTAVAARA" (en inglés). Consultado o 13 de setembro de 2014. 
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 Finnish Music Quarterly (ed.). "Fortune’s fantasy (on Einojuhani Rautavaara). Late starter" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de abril de 2016. Consultado o 21 de setembro de 2014. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 ondine.net (ed.). "Einojuhani Rautavaara (1928-)" (en inglés). Consultado o 13 de setembro de 2014. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Jean-Marc Warszawski (23 de setembro de 2008). musicologie.org, ed. "Rautavaara Einojuhani né en 1928" (en francés). Consultado o 4 de outubro de 2014. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Boosey & Hawkes (ed.). "Einojuhani Rautavaara" (en inglés). Consultado o 12 de setembro de 2014. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Sinfinimusic.com (ed.). "Einojuhani Rautavaara. 1928 - present, Finland" (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  10. IMDb (ed.). "Ficha de Einojuhani Rautavaara" (en inglés). Consultado o 13 de setembro de 2014. 
  11. 11,0 11,1 Ilta Sanomat, ed. (31 de xullo de 2014). "Suomalainen säveltäjä iski väkivaltaista vaimoaan kirveellä - 23 vuoden perhehelvetti" (en finlandés). Arquivado dende o orixinal o 03 de agosto de 2014. Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  12. Fennica Gehrman (ed.). "Kalevi Aho" (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  13. IRCAM (ed.). "Magnus Lindberg" (en francés). Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  14. Schott Music (ed.). "Olli Mustonen" (en inglés). Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  15. IRCAM (ed.). "Esa-Pekka Salonen" (en francés). Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Rovi Staff. allmusic.com, ed. "Einojuhani Rautavaara. Biography." (en inglés). Consultado o 12 de outubro de 2014. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Orquestra Sinfónica de Galicia, ed. (Programa XVIII. 12 e 13 de abril de 2013). "EINOJUHANI RAUTAVAARA: ANGEL OF DUSK" (PDF) (en galego e castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 6 de outubro de 2014. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 revistadeartes.com.ar (ed.). "Música. Einojuhani Rautavaara" (en castelán). Consultado o 10 de outubro de 2014. 
  19. 19,0 19,1 Blair Sanderson. allmusic.com, ed. "Rautavaara: Angels and Visitations" (en inglés). Consultado o 12 de outubro de 2014. 
  20. 20,0 20,1 Staff, Rovi. allmusic.com, ed. "Einojuhani Rautavaara" (en inglés). Consultado o 8 de abril de 2016. 
  21. Wihuri Foundation for International Prizes (ed.). "Wihuri Sibelius Prize" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2011. Consultado o 4 de outubro de 2014. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar