Un ealdorman (do inglés antigo ealdorman, lit. "home vello"; plural: "ealdormen") é o termo usado para un funcionario real de alto rango e maxistrado principal dun shire ou grupo de shires anglosaxón desde o século IX até o tempo do rei Cnut. O termo ealdorman foi traducido ao latín como dux nos primeiros diplomas dos Saxóns occidentais, e como præfectus (que é tamén o equivalente de gerefa, moderno reeve, de onde deriva a palabra Shériff ou shire reeve). Na Vida de Rei Alfred, escrita polo bispo galés Asser, tradúcese como comes[1]. Como principal maxistrado dun shire ou grupo de shires (condado) na Inglaterra anglosaxoa, mandaba o exército dos distritos baixo o seu control, en nome do rei.

Nomeamento editar

Eran designados polo rei e orixinalmente proviñan na súa maioría de familias antigas e poderosas, pero máis tarde foron escollidos de entre os comites (plural de comes, lit. "compañeiro") do rei e moitos, especialmente a comezos do período danés, eran novos no oficio. Cando os reinos máis pequenos, como Sussex e Essex, foron absorbidos por un maior, por exemplo, Wessex, a anterior familia gobernante parece sufrir unha diminución do seu título de "Rei" ou "Vicerrei" a Eorldorman. Presumibelmente, este cargo sería inicialmente hereditario, pero na última fase da época anglosaxoa este cargo non era hereditario ou o era só de forma excepcional. Hai varios exemplos de ealdormen do século X, cuxos fillos se converteron en ealdormen (aínda que non sempre do mesmo distrito), tales como Æthelstan Medio Rei e Æthelweard o Cronista.

Condes editar

Cara ao final do século X, o termo ealdorman desapareceu gradualmente, sendo substituído por eorl, probabelmente baixo a influencia da palabra danesa jarl, que evolucionou a earl en inglés moderno. O termo é análogo en ocasións ao termo francés conde, derivado do latín comes. Pódese pensar nos ealdormen como os primeiros condes ingleses, xa que os seus territorios, ealdormanries (singular ealdormanry, co mesmo significado que condado) evolucionarían até converterse nos grandes ducados da Inglaterra anglonormanda e anglodanesa.

Aldermen editar

Aínda que podemos considerar aos condes como sucesores dos ealdormen, a propia palabra ealdorman non desaparece e sobrevive, chegando até os nosos días como alderman. Este termo, con todo, desenvolveu un significado claramente diferente que pouco ten que ver cos ealdormen, que gobernaron shires ou áreas máis grandes, en tanto que os aldermen son os membros dunha asemblea municipal ou concello.

Notas editar

  1. David A. E. Pelteret, The Earldormen of Alfred’s Reign.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Pelteret, David A. E., [The Earldormen of Alfred’s Reign], versión revisada dun artigo presentado na First Session of the International Medieval Congress, University of Leeds, o 12 de xullo de 2004.
  • Banton, N., "Ealdormen and Earls in England from the Reign of King Alfred to the Reign of King Æthelred II", D.Phil. thesis, University of Oxford, 1981
  • Loyn, Henry R. "The term ealdorman in the translations prepared at the time of King Alfred." English Historical Review 68 (1953): 513-25.
  • Stenton, Sir Frank M. Anglo-Saxon England; 3rd ed. Londres: Oxford University Press, 1971.
  • Williams, Ann. Kingship and Government in Pre-Conquest England, c.500–1066. Basingstoke: Macmillan, 1999 ISBN 0-333-56797-8

Outros artigos editar