Dulce Chacón Gutiérrez

Poetisa, novelista e dramaturga estremeña

Para a artista e ilustradora mexicana ver Dulce Chacón (ilustradora).

Infotaula de personaDulce Chacón Gutiérrez

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento6 de xuño de 1954 Editar o valor em Wikidata
Zafra, España Editar o valor em Wikidata
Morte3 de decembro de 2003 Editar o valor em Wikidata (49 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteMorte natural Editar o valor em Wikidata (Cancro de páncreas Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía Editar o valor em Wikidata
OcupaciónPoetisa, novelista, dramaturga
Período de actividade1992 Editar o valor em Wikidata -
Xénero artísticoPoesía e teatro Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá e lingua francesa Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsInma Chacón Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: 7a2683b0-9076-4ac0-babe-d87c4f8ac84a Find a Grave: 8168103 Editar o valor em Wikidata

Dulce Chacón Gutiérrez, nada en Zafra, Badaxoz, o 3 de xuño de 1954 e finada en Burlete, Madrid, o 3 de decembro de 2003,[1] foi unha escritora e poeta española. O tema central da súa obra é a represión franquista, e de maneira especial a situación das mulleres durante ese período. Comprometida socialmente, pertenceu a varias asociacións, entre outras: á Asociación de Mujeres contra la Violencia de Género, á Asociación de Mujeres Contra la Guerra, á Plataforma de Cultura contra la Guerra, estas dúas últimas en relación coa Invasión de Iraq no 2003. Diversos colexios e institutos, así como premios literarios levan o seu nome como homenaxe á súa figura. Era irmá xemelga da tamén escritora Inma Chacón.[2][3]

Traxectoria vital e literaria editar

Nada en Zafra, no seo dunha familia podente e conservadora "aristócrata, de dereitas e do bando nacional", nas súas propias palabras.[4] O seu pai, Antonio Chacón, foi alcalde de Zafra durante a ditadura de Franco e tamén unha persoa ilustrada con inquietudes literarias, posto que escribía (co pseudónimo "Hache") e lía poesía á súa familia, o que espertou a vocación literaria da moza Dulce Chacón.[5]

Cando contaba só 11 anos de idade, o seu pai morreu. Un ano máis tarde, a súa nai, María Gutiérrez, foise a vivir con toda a familia a Madrid, onde viviría dende entón. Dulce e Inma, a súa irmá xemelga, foron estudar a un internado. Foi alí onde Chacón comezou a escribir poesía, nun esforzo por evadirse das difíciles circunstancias persoais que estaba a vivir. Das lecturas da súa adolescencia, foron os poetas Celan, Rilke, César Vallejo e José Anxo Valente os que deixaron maior pegada no seu estilo poético.[4] Outras influencias posteriores foron Félix Grande, na poesía, e Julio Llamazares, Luís Landero e José Saramago na narrativa (a estes dous últimos, así como á muller de Saramago, Pilar del Río, uníalle unha grande amizade).[6]

Aínda que comezou a escribir moi pronto, non publicou o seu primeiro libro, o poemario Querrán ponerle nombre, até 1992. Seguiríanlle outras dúas obras poéticas,  Las palabras de la piedra (1993) e Contra el desprestigio de la altura (1995). Por esta última gañou o seu primeiro premio, o Ciudad de Irún.[4] A continuación internouse no terreo da novela. En 1996 publicou Algún amor que no mate, sobre unha muller maltratada polo seu marido.[7] José Saramago cualificouna de "dura pero necesaria". Un ano despois publicou a súa segunda novela, Blanca vuela mañana. 1998 foi un ano de moita intensidade: publicou Matadora, unha biografía de Cristina Sánchez, a primeira muller toureiro española; tamén estreou a súa primeira obra teatral, Segunda mano; e publicou a súa terceira novela, Háblame, musa, de aquel varón. Nesta, retoma algún dos temas de Algún amor que no mate, como é a violencia doméstica, abordando tamén outras formas de intolerancia, como a xenofobia. Con Háblame, Chacón pechaba unha triloxía sobre a incomunicación na parella.[5] A continuación veu un novo poemario, Matar al ángel (1999) e ese mesmo ano Cielos de barro, unha novela coral ambientada na Estremadura da posguerra que Chacón presentou á edición de 2000 do premio Azorín baixo o pseudónimo "Hache".[8] A novela, que obtivo o galardón, estaba dedicada a Antonio Chacón, o pai de Dulce. O título foi un "agasallo" do escritor Julio Llamazares.

A súa seguinte novela foi  La voz dormida, publicada en 2002. Chacón tardou catro anos en completala, comezando a reunir material incluso antes da publicación de Matar al ángel e Cielos de barro. Nela, Dulce Chacón continuou abordando os difíciles anos da posguerra, novelando os testemuños, recollidos en entrevistas por toda España, de mulleres vítimas da represión franquista durante os anos corenta.[4][9] A novela obtivo o premio Libro do Ano 2003, outorgado polo Gremio de Libreiros de Madrid.[4][10] En 2002, estreouse a adaptación teatral de Algún amor que no mate, realizada pola propia Chacón.[2] Dirixiu a adaptación Eduardo Vasco.[11] En 2003 publicou outro poemario, Cuatro gotas.

A carreira de Dulce Chacón truncouna a súa prematura morte. Faleceu o 3 de decembro de 2003, vítima dun cancro de páncreas que lle diagnosticaron un mes antes e que se estendeu ao fígado.[5][12] As súas cinzas foron depositadas na súa localidade natal, xunto aos restos mortais do seu pai, Antonio Chacón.[13] Parte das súas cinzas foron esparexidas nas montañas del Torno, un pequeno pobo do Valle del Jerte (Cáceres).[14] Deixaba marido, dúas fillas e un fillo.[4]

Compromiso social e político editar

 
Castiñeiro na serra del Torno, Cáceres, en memoria de Dulce Chacón, onde repousan parte das súas cinzas.

A pesar da súa pertenza a unha familia conservadora, Dulce Chacón converteuse moi pronto nunha persoa de esquerdas. Segundo declarou, unha das razóns que a levou a súa posición política foi o silencio familiar acerca da represión franquista, particularmente cruenta en Zafra[15], onde nos primeiros meses da guerra, tras a toma da cidade polos sublevados, o 8 de agosto de 1936, unhas duascentas cincuenta persoas foron asasinadas polas novas autoridades. A localidade tiña 7.000 habitantes e, tralo estalido da guerra, ningún dereitista foi asasinado antes da entrada das tropas sublevadas.[16] A causa das vítimas do franquismo foi unha das súas prioridades, e sempre mantivo que o rancor derivado da violencia política durante a guerra civil e o franquismo segue enquistado, ao non ser exposto á luz pública. O seu lema respecto diso era "nin rancor nin esquecemento". Tamén declarou que "a reconciliación real aínda non chegou, porque aínda non se produciu esa conversación. Ouvimos a versión dos vencedores, agora temos que ouvir aos vencidos".[6]

Desta forma, involucrouse en numerosas actividades sociais e políticas de carácter progresista. Escribiu La voz dormida, obra na que recollen e novelan testemuños de mulleres do bando perdedor da Guerra Civil de toda España.[12] En relación coa invasión de Iraq, formou parte da plataforma "Cultura contra la guerra" e leu, xunto co premio Nobel José Saramago, o manifesto antibélico que pechou a gran manifestación contra a guerra do 15 de marzo de 2003 en Madrid. Como parte dunha delegación da plataforma "Mujeres contra la Guerra" tamén acudiu a Bagdad en marzo do mesmo ano para coñecer a situación do pobo iraquí e a súa oposición ao conflito.[17] Ademais, pertenceu á asociación Mujeres contra la Violencia de Género.[5] Tamén formou parte do Colectivo Hermanos, Amigos y Compañeros de José Couso, o cámara asasinado por tropas estadounidenses en Bagdad durante a invasión.

O seu marido, Miguel Ángel Alcántara, definiuna como "unha loitadora, de esquerdas, agnóstica e peleona, e a súa mellor arma era a palabra e a escritura".[18]

Recoñecementos editar

 
Rúa na cidade de Sevilla.

A súa cidade natal concedeu a Dulce Chacón a distinción de filla predilecta da localidade a título póstumo, o 17 de febreiro de 2005. Tamén deu o seu nome a unha praza e instituíu un premio de narrativa española co seu nome. En 2003, a localidade madrileña de Brunete, onde vivía Dulce Chacón, convocou o Premio Literario de Novela Corta Dulce Chacón.[11]

 
Teatro Dulce Chacón (Parla)

O Instituto de Educación Secundaria Obrigatoria de La Garrovilla (Badaxoz) chámase dende o ano 2005 IESO Dulce Chacón en recordo da escritora.[19] O salón de actos de Tocina (Sevilla) leva o seu nome. Tamén un Colexio Público na localidade madrileña de Fuenlabrada, outro na localidade de Rivas Vaciamadrid, e outro na cidade estremeña de Cáceres.[20] A biblioteca principal da Universidade Europea de Madrid tamén leva o seu nome. Tamén no 2005, inaugurouse en Parla o Auditorio Dulce Chacón, que alberga un club social para a terceira idade, un teatro, sás para reunións de veciños e unha biblioteca, entre outras cousas.

En 2009, Barricada publicou o libro-CD La tierra está sorda con 18 cancións relacionadas coa represión franquista. Segundo declarou Enrique Vilarreal «El Drogas», líder do grupo, foi a lectura de La voz dormida o que lle impulsou a crear o libro-CD.[21] Algunhas das cancións inspíranse directamente nos testemuños recollidos e novelados por Chacón.[22] Barricada presentou o traballo en Zafra o 19 de marzo de 2010.[23]

Obra editar

Poesía editar

  • 1992, Querrán ponerle nombre
  • 1993, Las palabras de la piedra
  • 1995, Contra el desprestigio de la altura, premio Cidade de Irún.[5]
  • 1999, Matar al ángel
  • 2003, Cuatro gotas

Novela editar

  • 1996, Algún amor que no mate.
  • 1997, Blanca vuela mañana.
  • 1998, Háblame, musa, de aquel varón
  • 2000, Cielos de barro, premio Azorín 2000.[5]
  • 2002, La voz dormida, premio Libro del Año 2003, concedido polo Gremio de Libreros de Madrid.

Contos editar

  • 2003, Te querré hasta la muerte, en Sobre raíles.[11]

Teatro editar

  • 1998, Segunda mano
  • 2002, adaptación teatral de Algún amor que no mate, candidata ós premios Max 2004 á mellor autora teatral en castellano.[24]

Biografías editar

  • 1998, Matadora

Notas editar

  1. Barrera, L. (4 de decembro de 2003). "Muere la escritora extremeña Dulce Chacón a los 49 años". elperiodicoextremadura.com (en castelán). Consultado o 22 de decembro de 2020. 
  2. 2,0 2,1 "Biografía de Dulce Chacón". lecturalia.com (en castelán). Consultado o 4 de xuño de 2012. 
  3. "Biografía de Inma Chacón". lecturalia.com (en castelán). Consultado o 25 de febreiro de 2011. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 ww2.circulo.es (ed.). "Biografía de Dulce Chacón". Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2010. Consultado o 25 de febreiro de 2011. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Redacción (4 de decembro de 2003). "Dulce Chacón pierde su batalla contra la muerte". elpais.com (en castelán). Consultado o 24 de decembro de 2020. 
  6. 6,0 6,1 Velázquez Jordán, Santiago (2002). "Dulce Chacón: "La reconciliación real de la guerra civil aún no ha llegado"". Espéculo. Revista de estudios literario (Universidad Complutense de Madrid) (22). 
  7. Folleto de la representación teatral de Algún amor que no mate, de Aldaba Producciones.
  8. Martínez Galiana, José Juan (3 de marzo de 2000). "Dulce Chacón gana el Premio Azorín con la novela 'Cielos de barro'". elpais.com (en castelán). Consultado o 24 de decembro de 2020. 
  9. "Dulce Chacón da voz a las mujeres víctimas de la posguerra". El Mundo. 10 de setembro de 2002. 
  10. Mora, Rosa (8 de xuño de 2003). "El premio de los libreros a Dulce Chacón llena de emoción el ecuador de la feria". elpais.com (en castelán). Consultado o 24 de decembro de 2020. 
  11. 11,0 11,1 11,2 "Dulce Chacón" Arquivado 28 de xullo de 2012 en Wayback Machine.. En: escritoras.com. 4 de decembro de 2003.
  12. 12,0 12,1 "Dulce Chacón fallece a los 49 años en su casa de Madrid". El Mundo. 4 de decembro de 2003. 
  13. Holguín, Ana (14 de decembro de 2003). "Dulce Chacón ya descansa en su Zafra natal junto a su padre". El Periódico de Extremadura. Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2003. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  14. "La poesía de Inma Chacón y la segunda República se dieron cita ayer en Piornal". Hoy (Extremadura) Hoy. 14 de agosto de 2006. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 25 de febreiro de 2011. 
  15. Armengou, Montse; Bells, Ricard (2004). ""Las fosas comunes de la Guerra Civil"". Clío. Número 3: pág. 71. Cita de Eduardo Montagut Contreras, baseándose no artigo anterior. 
  16. "La Comunidad » La memoria histórica como proyecto social y cultural » Zafra, agosto del 36". web.archive.org. 2012-01-13. Archived from the original on 13 de xaneiro de 2012. Consultado o 2019-10-24. 
  17. EFE (9 de decembro de 2003). "Dulce Chacón fallece a los 49 años en su casa de Madrid". elmundo.es (en castelán). Consultado o 24 de decembro de 2020. 
  18. Redacción (7 de decembro de 2020). "Vida y obras de Dulce Chacón". estandarte.com (en castelán). Consultado o 24 de decembro de 2020. 
  19. "IESO Dulce Chacón". Arquivado dende o orixinal o 08 de abril de 2019. Consultado o 8 de abril de 2019. 
  20. "Colegio Público Dulce Chacón". 
  21. "Barricada, contra la sordera histórica". Terra Música. 2 de outubro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 14 de outubro de 2019. 
  22. "Las letras de 'La Tierra está sorda'". Noticias de Navarra. 30 de outubro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2010. Consultado o 26 de febreiro de 2011. 
  23. Charla+Acústico de Barricada en nuestro 40 aniversario, en la web del instituto Suárez de Figueroa de Zafra, 10 de decembro de 2010.
  24. Torres, Rosana (3 de marzo de 2004). "'Algún amor que no mate', la última obra de Dulce Chacón, se estrena en Madrid". elpais.com (en castelán). Consultado o 24 de decembro de 2020.