O dominó é un xogo de mesa para dúas ou máis persoas, formado por 28 pezas rectangulares que por unha das caras están divididas en dúas partes, cada unha delas marcada por puntos indicando valores numéricos do 1 a 6 ou deixadas en branco.

Albert Anker: A nena e as pezas de dominó. Segunda metade do século XIX.
Conxunto de dominós duplo-seis.

As pezas adoitan estar dotadas dun grosor que lles dá a forma de paralelepípedo. Xeralmente están feitas de marfil, óso ou madeiras escuras, como ébano, cos puntos marcados en cores contrastantes. Existen pezas feitas en diversidade de materiais, desde cartón a modelos de luxo en pedras como mármore, granito ou metais diversos, amais de plásticos variados.

A Federación Galega de Dominó foi creada no ano 2000. No ano 2012 pertencían a ela seis asociacións, con 250 persoas asociadas[1].

Historia editar

O dominó naceu na China a partir dos xogos de dados. A forma actual de 28 fichas dobres e rectangulares foi introducida en Europa a través de Italia a mediados do século XVIII, se ben o seu nome é de orixe francesa. Ten moita popularidade en Latinoamérica, especialmente en países do Caribe hispano como Venezuela, Colombia, República Dominicana, Porto Rico, Cuba ou Panamá.

O xogo editar

  1. As fichas póñense cara a abaixo e remóvense, repartíndose sete fichas por xogador. Se sobran fichas, déixanse en reserva.
  2. O xogador que ten o seis dobre inicia o xogo. En caso de que ningún xogador teña esta ficha, comeza quen teña o cinco dobre, e así de forma descendente con todos os dobres. Se ningún xogador ten un dobre, comeza quen teña a ficha con maior número de puntos: o 5-6, o 4-6 etc.
  3. En cada quenda cada xogador colocará unha das súas fichas nos extremos do xogo coa restrición de que dúas fichas só poden colocarse xuntas cando os cadrados adxacentes sexan do mesmo valor (ex. o 1 co 1, o 2 co 2 etc. ata o 6).
  4. Os xogadores poden colocar unha ficha por quenda, agás se teñen os dous dobres dos dous extremos. Unha vez rematada a quenda, o seguinte xogador que tira é o situado á dereita do que perdeu a quenda.
  5. No caso de que un xogador non poida colocar ningunha das fichas, debe ir collendo das que están como reserva até que poida botar unha. Cando se esgotan estas, o xogador que non poida botar ningunha ficha ten que pasar.
  6. O xogo remata cando un xogador queda sen fichas ou cando todos os xogadores pasan a mesma quenda sen tirar. Neste segundo caso, faise un reconto dos puntos de cada xogador (por exemplo, unha ficha 4-5 vale nove puntos), e quen ten menos puntos gaña.

O dominó na cultura editar

Existe un xogo paralelo consistente en colocar fichas de dominó en posición vertical formando circuítos, de xeito que ao tirar a primeira vaian caendo o resto de forma sucesiva. Este xogo ten campionatos propios, onde se premia a lonxitude do circuíto e a creatividade e beleza das figuras que forman as fichas. Esta variante deu nome ao efecto dominó, referido á sucesión de causas e consecuencias en calquera outro ámbito.

O relevo das fichas de dominó serviu de base para crear o alfabeto braille, onde os puntos en relevo permiten ás persoas cegas ler mediante o tacto.

Na área matemática das poliformas, un dominó é a figura rectangular formada por dous cadrados colocados un a carón do outro.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. *"O Campionato de España de Dominó reunirá en Compostela 400 xogadores" Arquivado 07 de decembro de 2012 en Wayback Machine., artigo en Galicia 24 horas, decembro de 2012.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar