Directorio (Francia)

O Directorio foi a penúltima forma de goberno adoptada pola Primeira República francesa, durante a Revolución francesa.

Paul Barras.

Establecido pola Constitución do Ano III que aprobou a Convención termidoriana, iniciouse o 26 de outubro de 1795, e terminou co golpe de Estado do 18 de brumario do Ano VIII (9 de novembro de 1799) que instaurou o Consulado.

Tras o período do Terror imposto pola á máis extremista dos xacobinos, produciuse un retorno cara a posicións máis conservadoras.

Historia editar

O Directorio ten os seus inicios tras o golpe de Estado termidoriano do 28 de xullo de 1794 (9 de termidor do ano II, segundo o calendario republicano francés) e consolídase coa Constitución de 1795 (Constitución do ano III), que establece un novo réxime político. Prolonga a chamada «reacción termidoriana» iniciada poa Convención termidoriana, inaugurando o termo político de «reacción» fronte ao de «revolución».

Segundo a nova constitución, a Convención Nacional é disolta e substituída por unha nova organización política. O poder lexislativo reside nunha asemblea bicameral composta polo Consello dos Cincocentos (electos por sufraxio censitario) e o Consello dos Anciáns (electos polo Consello dos Cincocentos). O poder executivo recaeu nun Directorio composto de cinco "directores", electos por quintos cada ano polo Consello de Anciáns.

A Constitución do ano III buscaba impedir unha nova ditadura personalista ou colectiva como a que se impuxo na súa etapa final con Robespierre, Billaud-Varenne, Barère de Vieuzac e Collot d'Herbois, establecendo o sufraxio censitario, que favorecía á clase política burguesa e moderada.

Despois de que o Directorio procedera á depuración política das institucións da República e xulgara a algúns responsábeis do Terror, durante todo ese período os xacobinos e os antigos sans-culottes foron obxecto dunha vaga de persecucións e asasinatos sistemáticos por parte de grupos monárquicos vingativos. Este Terror Branco monárquico viuse reforzado pola represión institucional tras os intentos de levantamentos xacobinos do 1 de abril e do 20 de maio de 1795 (12 xerminal e 1 de prairial do ano III). Os monárquicos, á súa vez, alimentaban disturbios cada vez máis violentos mantendo presións constantes sobre o goberno e o Consello dos Cincocentos.

Ante a situación permanente de inestabilidade á que tivo que facer fronte o Directorio, este terminaría o 9 de novembro de 1799 co golpe de Estado do 18 de brumario, protagonizado por Napoleón Bonaparte.

Lista de Directores editar

Jean-François Reubell
Paul Barras
Louis-Marie de La Révellière-Lépeaux
Étienne-François Le Tourneur
Lazare Carnot
  • Renovación de xuño de 1796:
François de Barthélemy substitúe a Letourneur, designado ao chou.
Philippe-Antoine Merlin de Douai e Nicolas-Louis François de Neufchâteau substitúen a de Barthélémy e Carnot, que foron destituídos.
Jean-Baptiste Treilhard substitúe a de Neufchâteau, designado ao chou.
Sieyès substitúe a Reubell, designado ao chou.
Louis Gohier substitúe a Treilhard, cuxa elección foi anulada polo Consello de Anciáns despois de 13 meses.
Roger Ducos e o xeneral Jean-François Moulin substitúen a La Révellière-Lépeaux e a de Merlin de Douai, que foron forzados a renunciar.