Diego de Romai

arquitecto español

Diego de Romai, nado en 1641 e finado en Santiago de Compostela o 12 de xuño de 1694, foi un entallador e arquitecto galego. Traballou principalmente na súa cidade natal durante o período barroco inicial. O seu nome, consonte á grafía antiga, adoita aparecer tamén como Diego de Romay.

Infotaula de personaDiego de Romai
Biografía
Nacemento1641 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Morte12 de xuño de 1694 Editar o valor em Wikidata (52/53 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Suponse que naceu en Santiago de Compostela, pois alí foi bautizado, na igrexa de Santa María Salomé o día 7 de abril de 1641. Pertencía a unha familia de artistas: seu pai, Francisco, era entallador, e súa mai, Antonia de Bran, pertencía tamén a unha familia do mesmo oficio. O seu irmán, Antonio, e seu cuñado, Antonio de Castro Santos foron pintores, mentres outro irmán, Alonso, foi crego.[1]

Diego recibiu as primeiras ensinanzas do oficio do entallado do seu pai, e sen dúbida, o seu ingreso nas obras da catedral permitiulle un contacto máis estreito con outros artistas que alí colaboraban, dos que destacaba por eses anos o ceénse Domingo de Andrade. De todos xeitos non era difícil, na pequena cidade que era a Compostela daquela época, estabelecer fortes lazos con outros artistas, a pesar de posíbeis rivalidades, pois vivían moi próximos uns doutros. De feito, Diego pasou a ser xunto con Andrade un dos discípulos predilectos de José de la Peña Toro[2], que era arquitecto (ou mestre de obras na fala da época).

Xa en 1660, non tendo aínda vinte anos de idade, deseñou un retablo para a capela do Rosario do convento de San Domingos de Bonaval, segundo se sabe documentalmente, pois a obra desapareceu.

Diego de Romai casou tarde, pois non o fixo até 1675. A súa dona era María Francisca de Sanjurjo[3], filla do prateiro Sebastián Vázquez de Orxas e María Sanjurjo Vaamonde. Os lazos coa súa familia política permitíronlle estabelecer relacións con membros da aristocracia residente en Santiago. Tiveron tres fillas, Mª Bernarda, Juana e Micaela, das que dúas foron monxas, e un só fillo, Francisco, nado en 1687, que ficou baixo a tutela da familia do seu cuñado, o precitado Antonio de Castro Santos, debido á privación de saúde mental da súa propia esposa.

Proba da súa posición foi que optou ao posto de Procurador Xeral do concello de Santiago, para o ano 1686, obtendo o cargo con apoio da veciñanza. Rompe así o monopolio de curiais e fidalgos urbanos, que con anterioridade acostumaban acceder ao cargo. Cómpre dicir que Romai, en boa medida, logrou ser procurador mercé ao recurso presentado o ano anterior por outro artífice: o prateiro Matías Vieites do Casal, que fora quen de recorrer perante a Real Audiencia da Coruña.

O seu testamento permítenos saber que era un home con intereses culturais, pois posuía unha notábel biblioteca para a súa época. Entre outros, contaba cos tratados de Vitruvio, León Bautista Alberti, Sebastiano Serlio, Andrea Palladio ou frei Lorenzo de San Nicolás. Mais tamén outros libros de filosofía, historia e algúns relixiosos (figuran por exemplo Diego de Saavedra y Fajardo, Francisco de Quevedo, Juan Huarte de San Juan)[4]

Obra editar

Mestre ensamblador editar

 
Vista do mosteiro mercedario de Conxo. Diego de Romai dirixiu as obras da igrexa e o claustro.

Na primeira parte da súa vida artística independente, Diego de Romai actuou como mestre de entallado, deseñando retablos. Algunhas destas obras desapareceron no transcurso do tempo. Das que se conservan caben destacar as das capelas laterais da igrexa do mosteiro de Conxo (1664-1665) ou o cadeirado do coro baixo de San Martiño Pinario (1673), no que completaba obras anterior de Mateo de Prado. Fóra da cidade episcopal interveu, consonte contrato de 1667, e xunto con Domingo de Andrade, no trazado do retablo da capela da Virxe do Rosario, na igrexa de Santa Baia de Arealonga, preto de Vilagarcía de Arousa, que executou Mateo de Prado[5]. Anos máis tarde Romai actuou como arquitecto da capela cuxas obras foran interrompidas (véxase abaixo).

Mestre arquitecto editar

A primeira obra na que participa é na igrexa do mosteiro de Conxo, na que continúa as obras interrompidas polo falecemento do arquitecto Melchor de Velasco (1669). Carécese das probas documentais precisas, mais por eses anos, Romai estaba a traballar no seu claustro (desde 1674) e nas escaleiras (1690), polo que é lóxico supor, ante a carencia doutros nomes, que fose el quen estivese a cargo das obras do templo, que logo ficarían de novo suspendidas polo falecemento do propio artista no 94. A fachada da igrexa sería continuada, a inicios do século XVIII, por frei Gabriel de Casas.

Entre 1670 e 1673 remata a igrexa da Compañía de Xesús (actual igrexa da Universidade), aínda que se limita, basicamente, a seguir o deseño que elaborara o granadino Bartolomé Fernández Lechuga, un dos introdutores do proto-barroco en Galicia (e que abandonara Santiago en 1638).

En outubro de 1674, o arcebispo Andrés Girón encargoulle a que sería a obra mestra de Romai: completar o mosteiro da Encarnación das Mercedarias Descalzas, popularmente coñecidas como As Madres. Romai acabou a igrexa en 1689, desentendéndose do resto das obras, que proseguiron até ben entrado o século seguinte. Para o espazo do templo deu planta de cruz latina, de nave única, cubriu o cruceiro cunha media laranxa. Na fachada tivo o acerto de facer que ficase enfocada cara á Porta de Mazarelos, unha das sete antigas entradas da cidade, de xeito que desde a praciña de Mazarelos queda enmarcada polo arco da porta, o que crea unha das perspectivas barrocas máis orixinais da cidade. Isto, esixiu que o convento fose elevado sobre un longo pedestal. A fachada foi trazada evocando a da igrexa da Encarnación de Madrid, de Gómez de Mora[6]. Romai presenta unha fachada axustada á liña da fábrica do convento, con tres corpos, o primeiro de tripla portada con arcos a idéntica altura; un segundo corpo no que domina un relevo da Anunciación, gardado por senllos escudos laterais do arcebispo Girón, e un terceiro corpo cun oco centrado rectangular. O conxunto está flanqueado, nos esquinais, por pilastras caixeadas, o que constitúe unha marca de estilo de Romai. Porén, o arquitecto evitou coroar a fachada con frontón, como si ocorre no seu precedente madrileño, de xeito que resulta a maneira dun gran paralelepípedo, que sobresae en altura, rompendo a aliñación superior do resto do convento.

A última das súa obras relixiosas foi a da capela do Rosario na igrexa de Santa Baia de Arealonga, en Vilagarcía de Arousa, que contrata en 1690. O contratante Andrés Núñez Buceta, impuxo refacela a fundamentis, seguindo as trazas anteriores de Melchor de Velasco[7]. Romai utilizou unha planta de cruz grega, de orde dórica, cuberta con cúpula. As obras, logo de deixalas en 1692, foron rematadas por Pedro de Monteagudo.

Desde o inicio da súa carreira como arquitecto, Romai interveu en obras de cariz civil. Son habitualmente vivendas, sobre as que ás veces fai reparacións. Das obras enteiras que lle pertencen destacan a Casa das Pomas, na rúa Nova de Santiago, cuxo propietario era o cabido diocesano. Romai acometeu as obras entre 1687 e 1691. Erguida sobre soportais, sobresaíndo sobre a liña do resto de edificacións, esta flanqueada, nas esquinas, por pilastras que exhiben unha rica ornamentación de froitas.

Outros predios notábeis son as casas que construíu para Gómez de Riobóo (Cantón do Toural, nº 2 e 6), de factura análoga, máis sen pilastras laterais, que corresponden aos anos comprendidos entre 1687 e 1690.

Outras actuacións editar

Fóra de Santiago, en Santa Cruz de Ribadulla, deseñou unha fonte para o pazo de Ortigueira, en 1676. Dous cans deitan a auga pola súa boca, mentres están agarrados por senllos salvaxes.

Notas editar

  1. Fernández Gasalla, Diego de Romai, páx. 172;Fernández Álvarez, Mª Agustina, Arte y sociedad en Compostela: 1660-1710, páx. 80
  2. Fernández Gasalla, Diego de Romai
  3. xurde con nomes: Francisca de Ulloa y Sotomayor, Francisca de Ulloa Vaamonde y Sotomayor, Mª Francisca Vázquez de Orjas, cfr. Fernández Álvarez, Mª Agustina, Arte y sociedad en Compostela: 1660-1710, páx. 77
  4. O reconto de bens de Romai está reproducido por Fernández Álvarez, op. cit., páx. 267 e ss
  5. Fernández Álvarez, op. cit., páx. 198
  6. cfr. Mª Teresa Ríos Miramontes, A arquitectura barroca en Galicia, in A Arte Galega: Estado da cuestión, páx. 265
  7. cfr. Fernández Álvarez, op.cit. 198

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Rodríguez Miramontes, Mª Teresa, A arquitectura barroca en Galicia, in A Arte Galega: Estado da cuestión. Santiago de Compostela. Consello de Cultura Galega. 1990, resume os datos adiantados antes no artigo Romay, Diego de, na primeira edición da Gran Enciclopedia Gallega.
  • Fernández Gasalla, Leopoldo,Las bibliotecas de los arquitectos gallegos en el siglo XVII: los ejemplos de Francisco Dantas y Diego de Romay. El Museo de Pontevedra. XLVI. 1992. Identifica os libros que figuran no reconto de bens que se fixo trala súa morte e analiza o contido da súa biblioteca e a influencia sobre a súa obra.
  • Fernández Álvarez, Mª Agustina, Arte y sociedad en Compostela, 1660-1710. Sada (A Coruña). Ed. do Castro. 1996, contén abundantes datos da vida e obra de Diego de Romai, aínda que están dispersos, mais un índice axuda a localizalos; exhuma o seu testamento e reconto de bens.
  • Fernández Gasalla, Leopoldo, Diego de Romay, in VV. AA., Artistas Galegos Arquitectos: Séculos XVII e XVIII. Vigo. Nova Galicia Ed. 2004, páxs. 172-202, é unha posta ao día dos datos sobre Romai, con gravados orixinais do propio artista e fotos das súas obras importantes.
  • Fernández Gasalla, Leopoldo, La arquitectura en tiempos de Domingo de Andrade. Arquitectura y sociedad en Galicia (1660-1712), Santiago de Compostela. Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela. 2004, páxs. 1033-1120, é o estudo máis extenso e completo realizado ata agora. Baséase nunha revisión documental completa dos arquivos galegos e na bibliografía precedente, ademais de realizar unha análise detallada de cada obra.