Historia da
lingua grega

(ver tamén: alfabeto grego)
Protogrego (c. –2000)
Micénico (c. -1600-1100)
Grego antigo (c. –800-300)
Dialectos:
Eolio, Arcadochipriota, Ático,
Dórico, Macedonio, Xónico
Koiné (desde c. -300)
Grego bizantino (c. -3301453)
Grego moderno (desde 1453)
Dialectos:
Capadocio, Chipriota,
Demótico, Griko, Katharevousa,
Póntico, Tsakonio, Ievánico

Na Antigüidade, o grego antigo non constituía a lingua única, literaria e normativa que hoxe se estuda cando se len os textos de autores como Platón ou Aristófanes. Esta lingua, o xónico-ático — lingua de Atenas —, só é en efecto un dos numerosos dialectos gregos daquela presentes no mundo helenófono; é, con todo, o máis prestixioso e, sobre todo, o que máis coñecemos. O seu éxito constátase sobre todo polo feito de que o grego moderno xorde del.

Cómpre, xa que logo, representármonos o chamado grego antigo como un conxunto de dialectos máis ou menos intercomprensíbeis e máis ou menos próximos, que non necesariamente existiron á vez e que, sobre todo, non tiveron a mesma importancia nin o mesmo destino no seo desta familia lingüística.

Disparidades entre os dialectos editar

Se algúns dialectos, como o de Atenas, nos son ben coñecidos, sono en razón de varios factores nos que se inclúen a importancia cultural, literaria, económica e política (en menor medida) e mesmo relixiosa (sobre todo coa aparición do cristianismo) da zona onde se falaban os dialectos en cuestión. Así, o xónico-ático volveuse a lingua maioritaria con diferenza dos textos literarios e científicos gregos (de onde a súa importancia, aínda vixente, na formación de palabras cultas por medio das raíces gregas) logo, coa hexemonía ateniense e as conquistas de Alexandre o Grande, a lingua vehicular (a koiné en sentido propio, «lingua común»), do mundo helenístico e logo romano (ata tal punto que os romanos das clases poderosas, no Imperio, o falaban). Despois a súa expansión foi imparable: lingua de comunicación, a koiné é a lingua grega por excelencia, na que, finalmente, se redactan os Evanxeos cristiáns, cousa que a consagra como lingua litúrxica (e permite que inflúa en gran medida nas linguas de países que comparten esta relixión, como o latín eclesiástico, e logo, tras o Gran Cisma de Oriente, as linguas da Igrexa Ortodoxa: linguas eslavas, copto...). Todos estes fenómenos explican que xónico-ático sexa sinónimo de grego e que sexa esta variante a que se estuda nas clases: é a que mellor se coñece e que mellor se pode describir gramatical e lexicamente.

Pola contra, outros dialectos só nos son coñecidos por escasas inscricións non literarias (moitas veces moi limitadas canto ao léxico, do tipo «X deu Y a Z» ou «X fixo Y para Z»), mesmo algunhas palabras illadas (nas glosas, os gregos estrañábanse que certas palabras se dixesen de certa maneira en determinados dialectos), só son xeralmente estudadas pola filoloxía ou a lingüística. É o caso do eleo, o etolio ou o cirenaico, por exemplo.

Entre os dous, atópanse dialectos que coñecerían o destino do xónico-ático, tamén empregados en literatura, ben coñecidos e que se poden describir moi correctamente no tocante á gramática e o léxico. É a importancia que tomou o xónico-ático o que os foi eliminando do uso e logo da memoria. Entre eles estarían o xónico, o eolio ou o dorio.

As razóns da división dialectal editar

A ausencia aparente de unidade lingüística na Grecia de antes da koiné explícase histórica, cultural e naturalmente. En primeiro termo, desde moi cedo os gregos estableceron unha dicotomía entre os Dorios e os Aqueos, correspondéndose os primeiros cos «invasores» da segunda onda de poboamento, os mesmos que fixeron desaparecer a civilización micénica. Esta separación volvémola atopar, mutatis mutandis, no dominio lingüístico.

Ademais, a Grecia anterior ao período helenístico non constitúe unha nación e se existe o sentimento de pertenza a unha mesma «raza» (opostos ao resto do mundo, os βάρϐαροι bárbaroi, «bárbaros», propiamente «os que fan brrr brrr», «os que farfallan»), esta «raza» grega non mira a unha unidade. De feito, o modelo político dominante é o da πόλις pólis, a cidade; o sentimento de independencia pódese mesmo ver reforzado polo relevo montañoso grego, que illa as diferentes cidades. As conquistas de Alexandre o Grande e logo as dos romanos van, porén, ao faceren da lingua de Atenas unha lingua vehicular, promover o emprego dun só dialecto, o xónico-ático, que se convertera daquela en koiné (de aí o grego medieval e logo o grego moderno). É notable que o grego moderno sexa hoxe unha lingua unificada e que só subsistan escasos dialectos, dos que o máis famoso é sen dúbida o tsakonio (xurdido do dorio, cousa que proba unha vez máis a separación entre Dorios e Aqueos).

Unidade subxacente do grego editar

Esta aparente disparidade, que aparece sobre todo ao historiador, non debe agochar o feito de que os dialectos gregos fican globalmente intercomprensíbeis cando nos situamos en sincronía (é evidente que un dialecto tan arcaico como o micénico do século XIII antes da nosa era non sería sen dúbida comprendido por un falante da koiné do século I da nosa era). Así, as principais diferenzas xorden basicamente da fonética (pero os sistemas fonolóxicos fican bastante próximos: basta con sabermos que un ᾱ /aː/ dórico equivale a un η /ɛː/ xónico), un pouco menos da morfoloxía, aínda menos do léxico e case nada da sintaxe. Pódese logo falar dunha real unidade lingüística: as diferenzas dialectais debían así seren consideradas principalmente como un problema de «acento».

Ademais, como se verá, os dialectos «literarios», os que se empregaban para a literatura, coñeceron unha certa perennidade. Unha traxedia clásica de Sófocles, escrita maioritariamente en xónico-ático, posúe necesariamente pasaxes en «dorio» (ou, máis ben, en algo que se sentía como tal) e colle préstamos ás veces do xónico e do eolio. A lingua literaria, sobre todo poética, pretende ser a miúdo composta, cousa que se ve claramente na poesía de Homero, escrita nunha lingua artificial que nunca se falou, cualificada como dialecto homérico.

En fin, se antes do -403 o grego se escribe de xeito diferente segundo o lugar onde se fala, por medio dos alfabetos epicóricos, tras esta data, aos poucos, segue o modelo xónico de Atenas ao mesmo tempo que se establece a importancia do dialecto xónico-ático e logo da koiné. A desaparición das consoantes antigas (digamma, qoppa, san), que eran porén útiles nalgúns dialectos, é tamén reveladora dunha unidade subxacente: moi rapidamente, o grego escríbese igual en todos lados.

Os dialectos editar

o «grego común» editar

Así é como se denomina o devanceiro común de todos os dialectos gregos, unha lingua restituída e non testemuñada que se estuda principalmente en lingüística comparada e en fonética histórica do grego, que permite determinar as etimoloxías das palabras históricas. Realmente, trátase dunha forma dialectal do indoeuropeo que posúe aínda características que van desaparecer a continuación. Por exemplo, sábese que en grego común existía un par de consoantes presentes tamén en indoeuropeo, notadas *gʷ a sonora, *kʷ a xorda, oclusivas labiovelares /gʷ, kʷ/ (de acordo cos usos filolóxicos, o asterisco indica as formas non testemuñadas). Estas consoantes evolucionaron de xeito distinto segundo os dialectos, cousa que explica aparentes disparidades: así, en xónico-ático, a palabra para «boi» é βοῦς bũs (cf. latín boue(m), que dá o noso boi) pero en micénico, dialecto moito máis antigo, atopamos para a mesma noción unha raíz qo- (para o micénico, notamos con q o fonema /kʷ/): a antigüidade do termo micénico así como a comparación con outras linguas indoeuropeas (gau- en sánscrito) permiten determinar que estas dúas consoantes /kʷ/ e /b/ non poden máis que remontaren as dúas ao *gʷ do grego común e do indoeuropeo.

 

Lista dos dialectos e repartición editar

Os dialectos literarios editar