A montaña máxica (Der Zauberberg, no orixinal alemán) é unha novela de Thomas Mann que se publicou en 1924. É considerada a novela máis importante do seu autor e un clásico da literatura en lingua alemá do século XX que foi traducido a numerosos idiomas. Thomas Mann comezou a escribir a novela en 1912, por mor dunha visita á súa esposa no Sanatorio Wald de Davos no que se atopaba internada. Concibiuna inicialmente como unha novela curta, pero o proxecto foi medrando co tempo até converterse nunha obra moito máis extensa. A obra narra a estancia do seu protagonista principal, o mozo Hans Castorp, nun sanatorio dos Alpes suízos ao que inicialmente chegara unicamente como visitante. A obra foi cualificada de novela filosófica porque, aínda que se axusta ao molde xenérico do Bildungsroman ou novela de aprendizaxe, introduce reflexións sobre os temas máis variados, tanto a cargo do narrador como das personaxes (especialmente Naphta e Settembrini, os encargados da educación do protagonista). Entre estes temas ocupa un lugar preponderante o do "tempo", até o punto de que o propio autor a cualificou de "novela do tempo" (Zeitroman), pero tamén se dedican moitas páxinas a discutir sobre a enfermidade, a morte, a estética ou a política.

Der Zauberberg
Autor/aThomas Mann
OrixeReich alemán e Alemaña
Lingualingua alemá
Xénero(s)novela de aprendizaxe, developmental novel, social problem fiction e ficción filosófica
EditorialSifriat Po'alim
Data de pub.1924
editar datos en Wikidata ]

A novela foi vista como un vasto fresco do decadente modo de vida da burguesía europea nos anos anteriores á primeira guerra mundial.

Creación da novela editar

Segundo declara o mesmo autor nunha introdución á novela, a idea inicial de A montaña máxica ocorréuselle por mor da estancia da súa esposa, Katia, no Sanatorio Wald de Davos, en 1912.

[1] En varias cartas, hoxe perdidas, Katia informaba detalladamente ao seu esposo da súa vida cotiá na institución. O propio Mann a visitou durante unha tempada (en maio e xuño dese ano), e puido coñecer en por si o funcionamento da institución. Como escribiu a propia Katia:

Como a Castorp, a Mann o director do sanatorio en que estaba ingresada a súa esposa suxeriulle que permanecese internado por unha tempada, pero o autor rexeitou a idea.[1]

Un argumento similar tiña aparecido xa na novela Tristán, de 1903, na que a personaxe de Anton Klöterjahn leva a súa muller, enferma do pulmón, a un sanatorio na montaña. Alí coñece ao escritor Detlev Spinell. Este convéncea de que toque ao piano unha pasaxe da ópera Tristán e Isolda de Richard Wagner, a pesar de que os médicos lle prohibiron calquera esforzo.

Nun primeiro momento, Mann pensou escribir sobre este tema unha novela curta que fose "a contrapartida humorística" de A morte en Venecia, que publicara en 1912, unha especie de "drama satírico".[1] O seu propósito era publicala na revista satírica Neue Rundschau. Iniciou a escritura do primeiro capítulo da obra inmediatamente despois do seu regreso do sanatorio, interrompendo a novela na que estaba a traballar (Confesións do estafador Félix Krull). Axiña descubriu, con todo, que a historia que tiña na mente demandaba unha maior extensión, polo que terminou sendo unha "novela curta alargada".

O traballo de Mann na obra foi interrompido polo estalido da primeira guerra mundial. Retomouno en 1920, aínda que de forma descontinua. É importante ter en conta que durante o proceso de creación da novela, as opinións políticas de Mann sufriron unha importante transformación. Ao estalar a primeira guerra mundial, apoiou explicitamente a causa belicista e o nacionalismo alemán con varias publicacións, entre as que destaca o ensaio Consideracións dun apolítico, publicado en 1918. Neste ensaio, Mann defendía a tradición cultural alemá (Kultur), opóndoa á das democracias occidentais (Zivilisation). Esta toma de posición fíxoo enfrontarse ao seu irmán, Heinrich Mann. Desde 1922, con todo, Mann, reconciliado co seu irmán, tomou decididamente partido pola democrática República de Weimar.[2]

Mann publicou finalmente a novela, en dous volumes, no outono de 1924, no editorial S. Fischer.[3]

Argumento editar

Chegada ao sanatorio editar

A novela está dividida en sete capítulos, cada un dos cales se subdivide á súa vez en varias epígrafes. O momento histórico en que transcorre a acción non se indica de forma precisa, aínda que o autor ocúpase de comentar no prólogo á obra que se desenvolve:

[...] noutro tempo, no pasado, antano, no mundo anterior á Gran Guerra, con cuxo estalido comezaron moitas cousas que, no fondo, aínda non deixaron de comezar.

A novela ábrese coa viaxe en ferrocarril do mozo de vinte e tres anos Hans Castorp desde Hamburgo até Davos, nos Alpes suízos, para visitar o seu primo Joachim Ziemssen, no Sanatorio Internacional Berghof. Castorp chega ao sanatorio á noitiña dun martes de principios de agosto (non se indica na novela a data exacta). Joachim, que pensa seguir a carreira militar, leva xa cinco meses internado no sanatorio tratándose da súa tuberculose, e advirte a Castorp, cando vai recibilo á estación, de que no lugar se vive cun sentido do tempo enteiramente diferente ao habitual.[4] O sanatorio atópase no alto dunha montaña, a máis de 1.600 metros de altitude.[5] A Castorp, que acode ao sanatorio, non como paciente, senón como simple visitante, asígnaselle a habitación 34, na que acaba de falecer unha enferma estadounidense, e que se atopa situada entre a do seu primo e a dun matrimonio ruso.

Tras narrar a primeira toma de contacto de Castorp co sanatorio e os seus hóspedes, explícanse (no capítulo II) os antecedentes familiares do protagonista, único fillo dunha familia de comerciantes de Hamburgo, que, tras o prematuro falecemento dos seus pais, foi educado primeiro polo seu avó, e logo polo seu tío, o cónsul Tienappel. Aínda que conta cunha boa posición económica grazas á herdanza familiar, acaba de concluír os seus estudos de enxeñaría naval e está ilusionado coa perspectiva de empezar a exercer a profesión.

No momento da súa chegada, Castorp ten a intención de permanecer só tres semanas no sanatorio visitando ao seu primo, antes de incorporarse ao seu traballo nos estaleiros Tunder & Wilms. Na noite da súa chegada, coñece a un dos médicos do sanatorio, o doutor Krokovski.

O primeiro día editar

 
Pista de patinaxe en Davos, cara 1915.

O capítulo III da novela está integramente dedicado a narrar minuciosamente a primeira xornada de Castorp no Sanatorio Internacional Berghof. Lixeiramente molesto polas ruidosas manifestacións de afecto do matrimonio ruso que se hospeda na habitación contigua á súa, Castorp baixa a almorzar ao comedor co seu curmán ás oito da mañá. O comedor é unha sala ampla, máis longa que ancha, e moi luminosa, na que están dispostas sete mesas, cada unha delas con capacidade para dez comensais.[6] Joachim presenta a Hans aos seus compañeiros de mesa, aínda que este non lles presta demasiada atención.

Ao saír do comedor, Castorp é presentado ao médico xefe, o doutor Behrens, que nunha charla aparentemente de cumprido aprecia síntomas de anemia no mozo. A continuación, Castorp e o seu primo saen a pasear polos arredores do sanatorio; crúzanse cun grupo de mozos de ambos os sexos, que forman parte, segundo explicará posteriormente Ziemssen, da "Sociedade Medio Pulmón". Unha moza do grupo, Herminie Kleefeld, asubía co seu pneumotórax para sorprender a Castorp.[7]

 
Ruggero Leoncavallo foi o modelo do personaxe de Lodovico Settembrini en canto á súa aparencia física. A Castorp a súa mestura de deixamento e encanto facíao pensar nun organilleiro.

Castorp comenta que empezou a notar dous estraños síntomas desde que se atopa no sanatorio: sente un estraño ardor na cara, e deixou de apreciar o sabor dos puros que adoita fumar (da marca Maria Mancini). A conversación que segue entre os dous curmáns xira en torno ao tema da morte, pero é interrompida pola chegada dun novo personaxe, Lodovico Settembrini, un escritor italiano, de Padua, admirador de Carducci, de quen recita un himno a Satán. A aparencia de Settembrini, "mestura de deixamento e encanto", fai pensar a Castorp nun organilleiro.[8] A súa conversación, trufada de citas literarias, con referencias á ópera A frauta máxica, o poeta latino Virgilio e a mitoloxía grega, cáusalle a Castorp unha grata impresión. Co tempo, Settembrini, masón, ardente defensor do humanismo, a democracia e o progreso, terminará por converterse en certo xeito no amigable mentor de Castorp en cuestións de filosofía e política.

Os dous curmáns regresan despois ao sanatorio para realizar a cura de repouso prescrita no tratamento de Ziemssen, á que se suma Castorp no seu afán de seguir os costumes do lugar. Teñen unha breve conversa sobre a natureza do tempo, ata que chega a hora do xantar. Concluído este, dan un novo paseo, chegando esta vez até o pobo, ao que segue unha nova cura de repouso. Durante a comida, que a Castorp lle resulta excesiva, fai a súa aparición un novo personaxe, Clawdia Chauchat, rusa, que chama a atención de Castorp polo seu desagradable costume de dar golpes coas portas. Na cura de repouso que vén a continuación, mentres está tombado na chaise longue da terraza da súa habitación, o protagonista é testemuña das bravatas dun enfermo incurable, o señor Albin, que no xardín fantasía coa idea do suicidio ante un grupo de señoras.

Durante a cea, Castorp ve de novo a Clawdia Chauchat, que lle lembra a alguén, aínda que non consegue precisar a quen. Despois establece de novo conversa con Settembrini, quen lle aconsella que abandone canto antes o sanatorio. O protagonista, que se atopa xa moi canso, non toma en serio as palabras do italiano. Déitase pouco despois. Nos seus disparatados soños, mestúranse as persoas que coñeceu no sanatorio con recordos da súa infancia.

As primeiras tres semanas. Settembrini e Clawdia Chauchat editar

O capítulo IV describe a vida de Castorp no sanatorio durante aproximadamente dúas semanas e media. Dous personaxes teñen un especial relevo neste capítulo: Settembrini e Clawdia Chauchat.

Durante os días que seguen ao seu ingreso no Sanatorio Internacional Berghog, o protagonista conversa a miúdo con Settembrini, quen lle fala do seu pai, un famoso erudito, e do seu avó, Giuseppe Settembrini, que fora revolucionario e tomara parte na Revolución de 1830.[9][10] O italiano exponlle tamén a Castorp as súas ideas acerca da enfermidade, a música, e o progreso.[11][12][13]

A conversación arredor da enfermidade comeza cando Castorp, un pouco ao azar, afirma que "a enfermidade, en certo xeito, ten algo de nobre".[14] Settembrini négao vehementemente, expoñendo o seu punto de vista, segundo o cal a idea exposta por Castorp é, en si mesma, enfermiza e escurantista. Acerca da música, as opinións de Settembrini resúltanlle a Castorp bastante chocantes: aínda que lle recoñece "un aspecto moral", en tanto que "estrutura o tempo a través dun sistema de proporcións dunha particular forza e así lle dá vida, alma e valor", afirma sentir cara a ela "unha antipatía de índole política", por canto ás veces pode exercer unha influencia similar á dos estupefacientes.[15] Na terceira conversación, a propósito da profunda admiración que sente polo seu avó o revolucionario, Settembrini expón claramente a súa visión do mundo.

A pesar da innegable fascinación que as palabras de Settembrini exercen sobre o seu ánimo, o protagonista non se deixa convencer de todo por elas, e mesmo manifesta en ocasións que os seus puntos de vista lle parecen absurdos. Opón a Settembrini a figura do seu propio avó, encarnación, para el, dos valores máis positivos do conservadorismo.

Durante este período, Castorp empeza tamén a sentirse interesado por Clawdia Chauchat, que xa o primeiro día lle chamara a atención polos seus ruidosos golpes nas portas. Clawdia é unha muller rusa de 28 anos, casada cun funcionario destinado no Daguestán, de quen vive separada, pois reside practicamente todo o ano en sanatorios. Os seus trazos "tártaros" fascinan a Castorp, a quen lle lembran ademais os dun antigo compañeiro de escola polo que sentía adoración na súa infancia, Pribislav Hippe.[16] Do desagrado inicial que lle producen os modos de Clawdia, Castorp pasa a un estado de namoramento, aínda cando non se atreve a confesalo a si mesmo, e a un morboso interese que o leva a forzar breves encontros con ela, aínda cando non se atreve a dirixirlle a palabra. Madame Chauchat senta nunha mesa relativamente afastada da de Castorp no comedor, que na novela se coñece como "a mesa dos rusos distinguidos".

O primeiro luns da súa estancia no sanatorio, Castorp, tras volver dun paseo que o deixa estrañamente fatigado, asiste a unha conferencia do doutor Krokovski, na que este explica que a enfermidade procede "dunha actividade amorosa reprimida", e defende a "disección psíquica" como método de curación, ideas en parte coincidentes coas entón en voga de Sigmund Freud.

Cando se aproxima o momento no que, segundo o proxectado, debe abandonar o sanatorio, Castorp colle inesperadamente un arrefriado, e descobre que ten febre. Acepta acompañar ao seu curmán á consulta do doutor Behrens, e este descóbrelle unha afección pulmonar e ordénalle gardar cama durante tres semanas. Castorp, por tanto, deberá permanecer no Sanatorio Internacional Berghof por un período non precisado, pero que se supón que será bastante longo.

A aclimatación de Castorp editar

O quinto capítulo da obra cobre un período considerablemente máis amplo que os anteriores: desde setembro do ano da chegada de Castorp ao sanatorio até febreiro do ano seguinte, concretamente ata a noite do martes de Entroido.

Para curarse da súa inesperada enfermidade, Castorp pasa tres semanas na cama, sen participar na rutina diaria do sanatorio, aínda que se informa das novidades a través do seu primo Joachim. Un día recibe a visita de Settembrini, quen lle manifesta o seu desexo de actuar como o seu mentor, ao que o mozo accede encantado.[17] Finalmente, cumprido o período de tres semanas prescrito polo médico, e a finais de setembro, Castorp abandona o leito e incorpórase de novo á vida do sanatorio. Oito días despois, fáiselle unha radiografía, que confirma o diagnóstico inicial de Behrens.[18] A experiencia de ver o esqueleto do seu primo, e o da súa propia man, cáusalle a Castorp unha fonda impresión: "Hans Castorp non se cansaba de mirar [...] aqueles ósos sen carne que non eran senón un memento da morte".[19]

A partir dese momento, Castorp adáptase á perfección á súa nova vida como paciente no sanatorio. Escríbelle á súa familia para explicar a situación, que o obrigará a pospor o seu ingreso previsto nos estaleiros, e prepárase para unha estancia longa, de duración indefinida. Settembrini volve previlo contra o ambiente do sanatorio e a aconsellarlle que se vaia canto antes.[20] Ademais, advírteo contra a influencia "asiática" que pode sufrir alí, nunha velada alusión ao amor disimulado que por entón sente Castorp cara a Clawdia Chauchat.[21] Con todo, o protagonista fai oídos xordos ás palabras de Settembrini.

Por entón, Castorp está xa "perdidamente namorado" de Madame Chauchat, aínda que non se atreve sequera a dirixirlle a palabra, e confórmase con algúns breves encontros aparentemente casuais, que o fan sentir unha gran excitación.[22][23] Como se decata de que o médico xefe, o doutor Behrens, está a pintar un retrato de Clawdia, faise convidar ás súas habitacións coa única finalidade de ver o retrato da súa amada.[24] A conversación co médico, con todo, chama a súa atención cara ao misterio da orixe da vida, e cara a disciplinas como a anatomía, fisiología, a patoloxía, a embriología e outras afíns, sobre as que empeza a ler con fruición.[25] Reflexiona acerca de que é o que distingue á vida da morte, e á materia viva da materia inerte.

Trala celebración da festa de Nadal, que apenas altera a monotonía imperante no sanatorio, Castorp comeza a tomar interese polos moribundos que residen alí, mestura de caridade cristiá e de morbosa fixación coa morte. Secundado polo seu primo Joachim, acode ao leito mortuorio de varios enfermos desafiuzados, tentando facerlles máis agradables os seus últimos momentos.[26] Settembrini oponse rotundamente a esta nova "afección" do protagonista, en xeral moi ben recibida polos destinatarios das súas atencións.[27] Os curmáns dedican bastante atención sobre todo a unha enferma, Karen Karstedt, que non está internada no sanatorio, senón que reside na aldea próxima.[28]

Con estas actividades, pasa o tempo (Castorp xa se habituou á diferente percepción do tempo que reina no sanatorio) e achégase o martes de Entroido, festividade que reviste especial importancia para os habitantes da montaña. Celébrase unha festa de disfraces na que todos beben abundantemente e, para sinalar a abolición por un día das diferenzas sociais, todos os residentes se atúan. Só nesa noite, despois de case sete meses de amala en silencio, Castorp ousa dirixirlle a palabra a Clawdia Chauchat, utilizando o mesmo pretexto que usou na infancia para falar con Pribislav Hippe: pídelle un lapis.[29] Establece conversación coa rusa, en francés, e confésalle o seu amor por ela. Madame Chauchat mantén unha actitude un tanto ambigua cara ás súas aproximacións, pero cabe entrever que despois teñen un fugaz encontro erótico, [cita requirida] que non se narra explicitamente na novela.[30] Clawdia revélalle que ao día seguinte decidiu partir cara ao Daguestán para atoparse co seu marido, o que deixa a Castorp abatido, aínda que deixa aberta a posibilidade do seu regreso.[31] Antes de despedirse, Castorp e Clawdia intercambian as súas respectivas placas pulmonares.

Naphta editar

O capítulo VI iníciase ao día seguinte á partida de Clawdia, que deixa a Castorp desconsolado. Durante certo tempo interrómpese a relación entre Castorp e Settembrini, xa que este último está decepcionado polo comportamento do mozo con respecto a Madame Chauchat. Con todo, chegada xa a primavera, ambos renovan a súa relación.[32] O italiano anúncialle con todo a súa intención de abandonar o sanatorio para instalarse na aldea (en Davos Dorf), xa que finalmente desistiu da súa curación.[33] Castorp comeza entón a acudir a sesións de psicanálise (de "disección psíquica") no despacho do doutor Krokovski, e sente, coincidindo coa floración primaveral, un súbito interese pola botánica.[34] Ziemssen está desexoso de partir para incorporarse á carreira militar, pero os médicos desaconséllanllo vivamente.

Un día que os curmáns están a pasear polos arredores, atópanse por casualidade con Settembrini, que xa abandonou o sanatorio, e pasea en compañía dun profesor de latín que vive realugado na mesma casa ca el, Leo Naphta. A pesar das reticencias do italiano, que ve en Naphta unha influencia prexudicial para Castorp, os curmáns acoden a visitalo á súa casa.

As conversacións entre Naphta e Settembrini, dúas formas opostas de ver o mundo, ocupan numerosas páxinas da novela. Na primeira conversa escoitada por Castorp, Settembrini declárase monista, e Naphta dualista.[35][36] Mentres que Settembrini é partidario da acción, Naphta defende a vida contemplativa, citando a Bernaldo de Claraval e Miguel de Molinos para rebater a aseveración de Settembrini de que o quietismo é propio da mentalidade oriental.[37] A conversación deslízase despois cara a temas políticos, e Naphta expresa, de forma vaga, a súa idea dun "novo reino de Deus", mentres que o ideal de Settembrini é a "República universal".[38][39]

A segunda conversa desenvólvese días despois, cando Castorp e Ziemssen acoden a visitar a Naphta nas súas habitacións, que os sorprende polo seu luxo. Chama a atención de Castorp unha Pietà gótica, do século XIV, que o conmove porque "nunca tería podido imaxinar algo tan feo [...] e ao mesmo tempo tan belo".[40] Castorp e Naphta estableceron unha conversación sobre estética cando inesperadamente chega Settembrini e únese á reunión. Na discusión que segue, Naphta manifesta algúns puntos de vista que sorprenden a Castorp: defende a teoría xeocéntrica de Tolomeo, fronte ao heliocentrismo de Copérnico, xa que só "é verdadeiro o que é beneficioso para o home".[41][42]

A continuación, Naphta expón as súas ideas políticas: é inimigo do Estado, do capitalismo e da  burguesía,[43] e defende a restauración dun suposto estado orixinario da Humanidade.

A ideoloxía que expón Naphta a continuación é unha mestura de milenarismo cristián, anarquismo e comunismo, en palabras de Castorp, "un individualismo anónimo e colectivo".[44] O compoñente comunista ten unha grande importancia, por canto menciona como "solución provisional" a "ditadura do proletariado".[45]

Partida de Ziemssen editar

Chega o mes de agosto, co que se cumpre un ano da estancia de Castorp no sanatorio.[46] Joachim, que leva case ano e medio internado, decide, cando o doutor Behrens lle prescribe outros seis meses de estancia no Berghof, abandonar pola súa conta e risco a institución para incorporarse ao seu rexemento.[47] En canto a Castorp, o doutor ditamina que se restableceu xa, pero el négase a aceptalo, e decide permanecer no sanatorio.[48] Poucos días despois, Ziemssen abandona o Berghof. No outono chega un dos tíos de Castorp, James Tienappel, coa finalidade de arrincar de alí o seu sobriño, xa que non entende por qué se obstina en permanecer alí. A chegada de Tienappel lembra un tanto á do propio Castorp o ano anterior; como Castorp con Madame Chauchat, Tienappel comeza a sentirse fascinado por unha tal señora Redisch. Con todo, despois dunha morbosa conversación sobre a morte no comedor, parte de improviso, desistindo de levar o seu sobriño.[49]

Tras a partida do seu primo, Castorp establece relacións amigables sobre todo con dous enfermos: Anton Karlovich Ferge, ruso, de San Petersburgo, un dos desafiuzados que visitou na época en que practicaba a caridade; e Ferdinand Wehsal, alemán, de Mannheim, namorado platónico, como o foi Castorp, de Clawdia Chauchat.[50] Con eles acode a miúdo a visitar a Naphta e a Settembrini.[51] O interese de Castorp por Naptha vese reforzado cando descobre que é xesuíta, e atopa semellanzas entre a súa condición e a do seu primo Ziemssen, o militar.[52] Varios meses despois, xa próximo o Nadal, ten lugar unha nova conversa entre Naphta e Settembrini, á que asisten como testemuñas Castorp, Ferge e Wehsal, acerca da enfermidade e a morte.[53] No curso de devandita conversación, abórdanse tamén os temas da tortura e a pena de morte, sobre os que Naphta e Settembrini manteñen posicións diverxentes.[54]

O "soño de neve" editar

O episodio titulado "Neve", integrado no capítulo VI, pode considerarse como o punto álxido da segunda metade, e quizais mesmo de toda a novela, aínda que ten un forte carácter episódico.[55]

Durante o segundo inverno que Castorp pasa no sanatorio, cae unha enorme nevada, e o protagonista, desexoso de entrar en contacto coa natureza, decide adquirir uns esquís, e, así equipado, emprende unha serie de excursións polos vales próximos.[56][57]

Durante unha delas, buscando intencionadamente o perigo da «branca nada» da paisaxe nevada, que exerce sobre el unha romántica atracción, Hans Castorp vese atrapado nunha tormenta de neve.[58] Debe refuxiarse do vento a carón dunha cabana solitaria, na que non consegue entrar. Bebe un grolo de porto. O efecto da bebida, sumado ao esforzo ao que non está afeito, cáusalle un estraño soño.[59]

No soño ve inicialmente unha marabillosa baía que lle evoca as costas do Mediterráneo (onde xamais estivo), con mozos alegres e fermosos, fillos do mar e o sol, que se tratan con amabilidade, consideración e respecto.[60] A continuación descobre un estraño templo, no que entra, descubrindo dúas estatuas femininas, que parecen muller e filla. Por algún motivo, a angustia vai invadindo o seu ánimo. A porta do santuario do templo está aberta, e Castorp divisa unha escena terrible: dúas bruxas desgarran e devoran un neno pequeno ante as chamas dun braseiro.[61] Medio esperto, comparando ambas as escenas oníricas, Hans Castorp recoñece que as formas e a civilidade humanas finalmente non son máis que a superación do horrible e o bruto que se atopa en nós. Agora dubida dos seus mentores Settembrini e Naphta, que considera simplistas, pero tamén dos contrarios «morte-vida», «enfermidade-saúde», «mente-natureza». O ser humano é máis nobre que as contradicións, porque estas só existen a través seu, por iso é o seu señor. Por simpatía cara á humanidade Hans Castorp decide, aínda que non reprimir o coñecemento da morte, seguir en diante o seguinte lema, a única frase escrita en cursiva en todo o libro, «En nome da bondade e do amor o home non debe deixar que a morte reine sobre os seus pensamentos».[62] Hans Castorp enseguida esquece a máxima tras escapar a tempo da tormenta. De feito, son fundamentalmente reflexións de Thomas Mann, escritas para si mesmo e para o lector.

Regreso e morte de Ziemssen editar

Tras un ano de ausencia, durante o cal seguiu con éxito a súa carreira militar, alcanzando o grao de tenente, o primo de Castorp, Joachim Ziemssen, de novo gravemente enfermo, vese obrigado a regresar ao Sanatorio Berghof. Chega a principios de agosto, dous anos despois da chegada de Castorp ao sanatorio e do comezo da novela.[63] Ziemssen, que chega acompañado da súa nai, dálle a Castorp noticias de Clawdia Chauchat, coa que coincidiu en Múnic, e infórmao de que pensa regresar ao sanatorio, posiblemente no inverno.[64]

Ziemssen retoma a súa vida de outrora a carón de Castorp e os seus novos compañeiros, Ferge e Wehsal, e as súas visitas a Naphta e Settembrini. Xa antes do regreso de Ziemssen, Castorp descubrira, por mediación de Naphta, a pertenza de Settembrini á francmasonería, e conversara sobre o tema con cada un dos seus "mentores" por separado, acerca dos propósitos desta sociedade.[65] Xa en presenza do primo de Castorp, ten lugar outra conversación entre Naphta e Settembrini sobre literatura, que se inicia cando o primeiro emite un xuízo despectivo achega do poeta latino Virxilio, e ridiculiza a tradición clásica en xeral, o que atrae unha irada resposta por parte de Settembrini.[66] Para Naphta, o que se coñece como tradición clásica non é máis que "unha forma de pensamento típica dunha época concreta, do liberalismo burgués para ser exactos, que como tal pode morrer con ela", en tanto que para o italiano é "o reflexo da esencia do home".[67]

Pasa o tempo e o estado de saúde de Ziemssen vai progresivamente empeorando. Castorp consegue que o médico xefe Behrens lle revele que a súa morte é inminente.[68] Chega un momento en que o enfermo se ve obrigado a gardar cama, e Castorp fai vir de novo a súa nai. Finalmente, Ziemssen falece un día de finais de novembro, ás sete da tarde, deixando a todos conmovidos polo heroísmo co que aceptou o seu destino.[69][70]

Coa morte de Ziemssen conclúe o sexto capítulo da novela.

Unha nova personaxe: Pieter Peeperkorn editar

Finalmente, a comezos do inverno regresa, como Castorp esperaba, Clawdia Chauchat.[71] Faino, con todo, acompañada dun novo personaxe, Pieter Peeperkorn, un holandés que se converteu no seu novo amante. Peeperkorn, inmensamente rico grazas ás súas plantacións de café en Xava, chama pronto a atención de todos os enfermos do sanatorio pola súa desbordante personalidade e polos seus modos imperiosos. O hedonista Peeperkorn é alcohólico e ten un apetito descomunal. Aínda que inicialmente Castorp sofre por verse relegado no amor de Clawdia, termina tamén fascinado por Peeperkorn. Ve na forza da súa personalidade, que subxuga a cantos se atopan na súa presenza, a superación da actitude exclusivamente intelectual ante a vida de Naphta e Settembrini.[72]

Castorp preséntalle a Peeperkorn aos seus dous "mentores", Naphta e Settembrini, aínda que estes non comparten a súa admiración polo holandés. A pesar da interferencia que supón a presenza de Peeperkorn, Naphta e Settembrini continúan as súas interminables disputas, nesta ocasión arredor do papel da Igrexa na historia da humanidade.[73] Aínda que Peeperkorn é incapaz de articular un discurso coherente, a forza da súa personalidade fai que os debates dialécticos entre ambos os adversarios perdan a súa forza.[74]

Nunha conversación posterior, Castorp sincérase con Clawdia, á que continúa amando a pesar da súa profunda admiración por Peeperkorn. Castorp e Clawdia retoman a súa relación, ás costas de Peeperkorn.[75] Días despois, Castorp acode a visitar o holandés, que debe gardar cama frecuentemente, ás súas habitacións. Confésanse a súa mutua amizade, e Castorp termina revelándolle a súa relación con Clawdia. Iso non enturba, con todo, a súa amizade, senón que parece fortalecela.[76]

No mes de maio, o grupo formado por Castorp, Ferge, Wehsal, Settembrini, Naphta, Peeperkorn e Clawdia Chauchat emprende unha excursión para visitar a catarata do val do Flüela.[77] Esa mesma noite, unha enfermeira esperta a Castorp: Peeperkorn acaba de suicidarse, utilizando un enxeñoso mecanismo, que "reproduce a mordedura da serpe de cascabel", para inocularse unha combinación de diferentes velenos.[78][79] Xa antes, nunha conversación con Castorp, o holandés se revelara como un experto en velenos.[80] Madame Chauchat abandona o Sanatorio Berghof para non regresar xamais.

Final editar

Cara ao final da novela, tanto Castorp como o resto dos habitantes do sanatorio caen nun estado de aburrimento ("anestesia dos sentidos"), que os fai dedicar o seu tempo ás actividades máis diversas e banais: a fotografía, a filatelia, a paixón polo chocolate ou o debuxo, sen esquecer os encontros eróticos entre os residentes, aos que novas normas do médico xefe tentan pór fin.[81][82] Algúns personaxes teñen ideas aínda máis aloucadas, como a de resolver o problema da cuadratura do círculo.[83] Pola súa banda, Castorp entrégase apaixonadamente á música, cando o doutor Behrens adquire para o sanatorio un gramófono e unha nutrida colección de discos.[84] A súa peza favorita é un lied de Schubert, Der Lindenbaum, incluído no ciclo Viaxe de inverno.

O doutor Krokovski interésase polo mundo do sobrenatural, sobre todo cando unha paciente, a danesa Ellen Brand, dá mostras de posuír poderes paranormais.[85] Comezan a organizarse sesións de espiritismo. No curso dunha delas, Castorp solicita que apareza o espírito do seu falecido primo Joachim Ziemssen. En efecto, aparécese Ziemssen, e Castorp, sobrecollido, pídelle perdón.[86]

Vanse encrespando os ánimos e aumentan as disputas, dentro e fóra do sanatorio, e ás veces chegan ás mans, anticipando a chegada inminente da primeira guerra mundial.[87] Tamén aumenta a tensión entre Naphta e Settembrini. Nunha das súas continuas discusións, Settembrini ofende a Naphta, quen o reta a un duelo a pistola. A pesar dos esforzos de Castorp por evitalo, o duelo termina levándose a efecto. Settembrini, con todo, dispara intencionadamente ao aire; Naphta, resentido, volve a pistola contra si mesmo e suicídase.[88]

Finalmente, estala a guerra cando Castorp leva xa sete anos no sanatorio.[89] Tras despedirse de Settembrini, o protagonista abandona a institución para alistarse como soldado.[90] Cambia bruscamente o escenario, e móstrase unha batalla, na que varios soldados deben tomar unha posición, aínda cando se sabe que gran parte deles van morrer. Identifícase a Castorp como un dos soldados. Como presaxio da súa próxima morte (que non chega a narrarse) está tarareando Der Lindenbaum.[91]

Personaxes editar

Castorp editar

Segundo declaracións do propio Mann, o personaxe de Castorp é unha especie de "buscador do Graal", na liña do Parzival de Wolfram von Eschenbach, ou do Perceval de Chrétien de Troyes.[92] Na novela, é un personaxe cuxa principal característica é a avidez de coñecemento. A súa personalidade é moi influenciable: Settembrini e Naphta dispútanse a súa alma "como facían Deus e o diaño co home na Idade Media".[93]

Castorp procede da burguesía de Hamburgo (do mesmo xeito que Mann procedía dunha familia de comerciantes de Lübeck). O medio social do que procede determina en gran medida a súa actitude ante a vida, e fai que inicialmente se mostre hostil ás ideoloxías de signo radical, expostas por Naphta ou Settembrini. Para Settembrini, é "un neno mimado pola vida", e Clawdia Chauchat considérao un "joli bourgeois à la petite tache humide".[94]

A elección do nome por parte de Mann non é casual: Hans é un dos nomes máis usuais en Alemaña, polo que pode servir para representar ao alemán típico. Moitos contos populares alemáns están protagonizados por un personaxe con ese nome, como Hans im Glück. Mencionouse tamén, dado que Hans é a versión abreviada de Johannes (en español, Juan), que o nome pode aludir tamén a San Xoán Bautista, precursor de Cristo, ou a San Xoán Evanxelista, autor do Cuarto Evanxeo e da Apocalipse.[95]

Settembrini editar

Settembrini é un dos personaxes fundamentais da novela. Exerce de mentor paternal de Castorp, e representa en certo xeito o sistema de valores da burguesía, así como a afirmación vitalista do traballo, a actividade creativa e o progreso da humanidade. Neste sentido, advirte a Castorp contra a atmosfera mórbida do sanatorio, e en particular contra a súa atracción cara á enfermiza Clawdia Chauchat, e ínstao a levar unha vida activa no mundo de "alá abaixo". O personaxe de Settembrini está igualmente vinculado á tradición humanística, e aos valores da democracia e a Ilustración, con especial énfase na tolerancia e nos dereitos humanos. Dedícase a compor unha «Enciclopedia do Sufrimento».

O seu pensamento, no entanto, non está exento de contradicións: é defensor da guerra cando esta ten unha causa nacionalista (considérase un patriota italiano e é inimigo declarado do Imperio Austrohúngaro).

A súa función de "ilustrador", ou, mellor aínda, "iluminador" de Castorp, ponse de relevo simbolicamente nalgúns momentos, como cando, ao entrar na súa habitación, que se atopaba en tebras, acende repentinamente a luz.[96] O seu admirado mestre, Carducci, escribiu mesmo un himno a Lucifer, outro "portador da luz", ao que chama a forza vindice della ragione. El mesmo gusta de compararse con Prometeo, a personaxe da mitoloxía grega que levou o lume, e, con el, a "iluminación" ao xénero humano.

 
Os irmáns Heinrich e Thomas Mann cara a 1900.

O seu antagonista, Naphta, considera despectivamente a Settembrini un "Zivilisationsliterat" ("literato da civilización"), a mesma expresión que no seu ensaio Consideracións dun apolítico (1918), usara Mann para referirse á caricatura dun certo tipo de escritor francófilo, de ideoloxía liberal, como o que encarnaba o seu propio irmán, Heinrich Mann.[97]Talvez este fose o modelo inicial da personaxe de Settembrini. A medida que Mann foi desenvolvendo a novela, con todo, a personaxe foi encarnando os valores da democrática República de Weimar, aos que Mann se adheriu despois de reconciliarse co seu irmán en 1922. Por este motivo pénsase que, en gran medida, as ideas expresadas por Settembrini son as do propio autor, especialmente nos últimos capítulos da novela.

A aparencia externa de Settembrini está inspirada na do compositor Ruggiero Leoncavallo. Doutra banda, existiu realmente un personaxe chamado Luigi Settembrini, que foi un escritor e patriota italiano que participou activamente na unificación de Italia.[98]

Leo Naphta editar

Leo Naphta é un xudeu converso ao catolicismo que ingresou na orde xesuíta, e que se restablece en Davos por causa da súa enfermidade pulmonar.[99] É o antagonista de Settembrini, co que se disputa a atención de Castorp.

A personaxe de Naphta simboliza os extremismos de ambos os lados que existían na República de Weimar, e que terminarían conducindo á implantación dun sistema totalitario. O seu pensamento, nostálxico da orde medieval, mestura elementos moi heteroxéneos que proceden de ideoloxías como o anarquismo, o comunismo e o fascismo. Manexa con enorme habilidade a dialéctica e a retórica, e é un sofista consumado.[100]

Naphta dispútase con Settembrini a educación de Castorp. Durante algún tempo, Castorp parece dubidar entre un e outro, pero finalmente -sobre todo a partir do episodio «Neve», no capítulo VI-, termina por decantarse por Settembrini. Está claro que o personaxe de Naphta non estaba previsto no primeiro proxecto da novela, senón que se incorporou posteriormente. Como posibles modelos da personaxe citouse a Georg Lukács, León Trotski, e mesmo Friedrich Nietzsche.[101] É destacable o feito de que o autor elixise a un xudeu como personaxe que defende teses totalitarias, do mesmo xeito que ocorre en Doktor Faustus, onde o pensamento fascista está representado polo xudeu Chaim Breisacher.

Clawdia Chauchat editar

Clawdia Chauchat é o único personaxe feminino verdadeiramente relevante da obra e encarna na novela a atracción erótica. O amor que Castorp sente por ela non é a menos importante das razóns polas que termina prolongando a súa estancia no sanatorio, e renunciando, por tanto, á vida de "alá abaixo". Símbolo do desexo sensual que arrebata ao heroe masculino as súas enerxías positivas, os seus modelos literarios poden atoparse tanto na meiga Circe da Odisea como nas ninfas do Venusberg do Tannhäuser wagneriano.

Madame Chauchat é a esposa dun alto funcionario ruso que está destinado no Daguestán, e que lle permite con todo á súa esposa viaxar ao seu antollo por Europa (un dos países que visita é España, que lle causa unha impresión bastante pobre, aínda que leva unha boina como souvenir).[102] Ademais de ser brevemente a amante de Castorp, ten tamén relacións con outros dous personaxes: o médico xefe, doutor Behrens, e Mynheer Peeperkorn.

Os seus trazos asiáticos son moi acentuados: para Settembrini, é unha perigosa encarnación da "lasitude asiática" que aparta ao occidental Castorp do seu destino como home de acción. A Castorp lémbralle a un antigo compañeiro de escola do que estivo namorado, Pribislav Hippe; de feito, continúa vendo nela a Hippe ao longo de toda a novela.

O apelido francés de Clawdia, Chauchat, lembra a expresión "chaud chat" ("gato cálido"). Behrens, de quen se insinúa que foi o seu amante durante un tempo, chámaa, en conversación con Castorp, "a nosa gatiña", e o narrador refírese en varias ocasións aos seus "andares felinos".[103][104] O nome pode estar relacionado tamén co inglés claw, «garra». Mann parece terse baseado para crear esta personaxe nunha enferma que coñeceu no sanatorio no que se atopaba internada a súa esposa, chamada Clawelia.

Pieter Peeperkorn editar

 
Gerhart Hauptmann, modelo da personaxe de Pieter Peeperkorn.

A personaxe de Pieter Peeperkorn, que aparece só cara ao final da novela e cuxa presenza na mesma é relativamente breve, é unha das figuras máis sorprendentes de A montaña máxica. A súa personalidade fascina a Castorp, aínda que Settembrini non ve nel máis que "un vello estúpido".[105] En canto á súa aparencia física, a personaxe está inspirada en Gerhart Hauptmann.[106]

Peeperkorn representa a capacidade de sentir e de gozar intensamente da vida, en contraposición co intelectualismo de Naphta e Settembrini. Foi considerado unha "mestura de Cristo e de Dioniso" Neste sentido, ten precedentes noutros personaxes similares da obra de Mann, como o señor Klöterjahn da novela curta Tristán, ou Hans Hansen, o amigo de Tonio Kröger.[106]

Nun dos poucos momentos nos que é capaz de articular un discurso coherente, pois sempre deixa a medias os seus comentarios, expón a súa visión da vida:

A súa personalidade dionisíaca non está exenta de trazos caricaturescos. En certo xeito, o seu oposto é o apolíneo Joachim Ziemssen; os dous terminan por morrer en circunstancias pouco agraciadas: o primeiro por culpa da enfermidade e o segundo suicidándose, en tanto que Castorp, equidistante de ambos, sobrevive.

Joachim Ziemssen editar

Joachim Ziemssen é o primo de Castorp, ao que este acode a visitar ao sanatorio, así como o seu principal amigo e confidente. Aínda que están estreitamente unidos, até o punto de que o médico xefe Behrens lles dá o sobrenome de Dióscuros, existen moitas diferenzas entre eles.[107] Ziemssen encarna os valores militares, especialmente o sentido do deber, en tanto que Castorp é un civil, o que para el supón non estar obrigado a someterse a esta idea do deber. Estas diferenzas proxéctanse tamén nas súas moi distintas historias de amor: desde o inicio da novela, Joachim está namorado da rusa Marusja, pero, a diferenza de Castorp con Clawdia Chauchat, é incapaz de darlle a coñecer os seus sentimentos.

Mentres que Castorp opta por quedar no sanatorio aínda cando o consideran xa curado, Ziemssen, sen completar a súa curación, abandónao para seguir a carreira militar, xa que o considera o seu deber. A súa decisión ten un final tráxico, xa que, a pesar dos seus éxitos no exército, debe regresar ao Sanatorio Berghof e morre pouco despois. O título do capítulo no que se narra a súa morte («Als Soldat und brav»; en galego, "Como un soldado e como un valente") é unha cita do Fausto de Goethe.[108] Ziemssen destaca pola serena aceptación do seu destino, que lle supón a admiración do resto das personaxes da obra. Características da súa personalidade, como o son a súa determinación ou a súa capacidade de aceptar o destino, atópanse tamén noutros personaxes de Mann, como Gustav von Aschenbach ou Thomas Buddenbrook.

Personaxes secundarios editar

A personaxe do doutor Behrens, médico xefe do Sanatorio Internacional Berghof, está baseada no Dr. Friedrich Jessen, que tratou a Katia, a esposa de Mann, durante a súa estancia no Sanatorio Wald, e que diagnosticou un problema de pulmón a Mann durante a súa visita ao sanatorio.[109][110] O personaxe da novela é un home alto, osudo, de cabelo branco e ollos azuis; un trazo do seu físico que lle chama a atención a Castorp é a cor azul das súas fazulas.[111] Ten o título de conselleiro áulico. A súa esposa faleceu de tuberculose varios anos atrás.[112] É afeccionado á pintura. Algúns pacientes expoñen a dúbida de se as longas estancias no sanatorio que prescribe Behrens non están motivadas, máis que por causas médicas, polo seu propio interese económico. Chanceando, Settembrini chama a Behrens Radamante o primeiro día que Castorp pasa no sanatorio, e así é chamado en numerosas ocasións ao longo da obra.[113]

A figura do doutor Krokovski, subordinado de Behrens, está inspirada noutra personaxe real, Georg Groddeck, psicanalista famoso polos seus estudos das enfermidades psicosomáticas, que impartía, no sanatorio Marienhöhe de Baden-Baden, conferencias acerca da relación entre o amor e a enfermidade con ideas moi semellantes ás que o doutor Krokovski expón en A montaña máxica.[114] Krokovski practica a psicanálise con varios internos, entre eles o propio Castorp, e cara ao final da novela mostra un grande interese polo mundo do paranormal, levando a cabo sesións de espiritismo. Un dato rechamante é que viste sempre de negro.

A enfermeira xefe é Adriatica von Mylendonk, cuxo nome ten resonancias medievais, como sinala Settembrini. Forma parte do persoal do sanatorio tamén unha camareira anana, chamada Emerencia.

Entre os hóspedes do sanatorio, algúns teñen unha maior relevancia, como a estúpida e pretenciosa Karoline Stöhr; Ferdinand Wehsal, namorado platónico de Madame Chauchat polo que Castorp sente certo desprezo; Marusja, a moza rusa á que Ziemssen ama en segredo; o señor Albin, un enfermo incurable que fala a miúdo de suicidarse pero que sobrevive a moitos outros hóspedes; Ellen Brand, a moza danesa con aptitudes paranormais; a señorita Engelhart, compañeira de mesa de Castorp que se converte na súa confidente sobre a relación deste con Clawdia Chauchat; o ruso Anton Karlovich Ferge, que se restablece sorprendentemente tras estar ás portas da morte; a institutriz inglesa Miss Robinson; e moitos outros.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Thomas Mann: "Introducción a La montaña mágica".". Arquivado dende o orixinal o 01 de novembro de 2011. Consultado o 16 de xaneiro de 2016. 
  2. Aníbal Romero: "Literatura y política": Reflexiones sobre la obra de Thomas Mann Arquivado 13 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine. (1995).
  3. Thomas Mann-Werk-Der Autor und sein Verlag: Ein besonderes Verhältnis Arquivado 04 de febreiro de 2016 en Wayback Machine. (en alemán).
  4. LMM, p. 14.
  5. LMM, p. 17.
  6. LMM, p. 65.
  7. LMM, pp. 75-77.
  8. LMM, p. 84.
  9. LMM, p. 139.
  10. LMM, pp. 220-22.
  11. LMM, pp.142-145.
  12. LMM, pp. 163-166.
  13. LMM, pp. 226-230.
  14. LMM, p. 141.
  15. LMM, p. 165.
  16. LMM, pp. 173-178.
  17. LMM, pp. 277-289.
  18. LMM, p. 316.
  19. LMM, p. 315.
  20. LMM, p. 357
  21. LMM, p. 351.
  22. LMM, p. 331.
  23. LMM, pp. 338-341.
  24. LMM, pp. 363-386.
  25. LMM, pp. 386-414.
  26. LMM, pp. 420-454.
  27. LMM, p. 447.
  28. LMM, pp. 455-467.
  29. LMM, p. 482.
  30. LMM, p. 502.
  31. LMM, pp. 489-497.
  32. LMM, pp. 512-515.
  33. LMM, p. 517.
  34. LMM, p. 532.
  35. LMM, pp. 541-556.
  36. LMM, pp. 541-542.
  37. LMM, p. 545.
  38. LMM, p. 554.
  39. LMM, p. 559.
  40. LMM, p. 569.
  41. LMM, p. 574.
  42. LMM, p. 575.
  43. LMM, pp. 576-586.
  44. LMM, p. 585.
  45. LMM, p. 584.
  46. LMM, p. 596.
  47. LMM, p. 604.
  48. LMM, pp. 605-606.
  49. LMM, pp. 620-637.
  50. LMM, pp. 617-620.
  51. LMM, p. 648.
  52. LMM, pp. 648-651.
  53. LMM, pp. 652-680.
  54. LMM, pp. 665-670.
  55. LMM, pp. 680-726.
  56. LMM, pp. 682-684.
  57. LMM, p. 689.
  58. LMM, p. 700.
  59. LMM, p. 712.
  60. LMM, p. 715.
  61. LMM, p. 720.
  62. LMM, p. 724.
  63. LMM, p. 732.
  64. LMM, p. 735.
  65. LMM, pp. 740-757.
  66. LMM, p. 759.
  67. LMM, p. 761.
  68. LMM, pp. 772-775.
  69. LMM, p. 786.
  70. LMM, p. 788.
  71. LMM, p. 795
  72. LMM, pp. 857-858.
  73. LMM, pp. 861-868.
  74. LMM, pp. 865-866.
  75. LMM, p. 880.
  76. LMM, p. 898.
  77. LMM, p. 899.
  78. LMM, p. 912.
  79. LMM, p. 914.
  80. LMM, pp. 848-850.
  81. LMM, p. 920.
  82. LMM, pp. 921-923.
  83. LMM, pp. 924-925.
  84. LMM, pp. 933-958.
  85. LMM, p. 981.
  86. LMM, p. 998.
  87. LMM, pp. 999-1.009.
  88. LMM, pp. 1.032-1.033.
  89. LMM, p. 1.037.
  90. LMM, p. 1.043.
  91. LMM, pp. 1.046-1.047.
  92. "Thomas Mann: "Introducción a La montaña mágica".". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2012. Consultado o 16 de xaneiro de 2016. 
  93. LMM, p. 694.
  94. LMM, p. 495.
  95. Sandt, Lotti. (cop. 1979). Mythos und Symbolik im Zauberberg von Thomas Mann. Bern: P. Haupt. ISBN 3-258-02854-0. OCLC 6356402. 
  96. LMM, p. 277.
  97. Bayón, Fernando (2005). "Thomas Mann y el desencantamiento de las tradiciones alemanas". Revista HMiC: història moderna i contemporània (3): 277–294. ISSN 1696-4403. 
  98. Luigi Settembrini Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en inglés).
  99. LMM, pp. 638-648.
  100. Véxase Rafael Ramis Barceló: "Der Zauberberg: las fuentes del pensamiento filosófico de Leo Naphta" en Ágora, Vol. 29, Nº 2, 2010 , pp. 7-29.
  101. "Naphta or Settembrini?
  102. LMM, p. 819.
  103. LMM, p. 511.
  104. LMM, p. 812.
  105. LMM, p. 855.
  106. 106,0 106,1 Thomas Mann-Werk-Figuren Arquivado 04 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine..
  107. LMM, p. 310.
  108. Vorlesung Literatur und Politik in der Weimarer Republik, por Irmgard Egger Zeimssen (en alemán).
  109. "Davos kaputt", en Página/12, 20 de diciembre de 2004.
  110. «"Zauberberg" - nur der Mythos bleibt», por Josef Nyary, en Hamburger Abendblatt, 3 de noviembre de 2007.
  111. LMM, pp. 69-70.
  112. LMM, p. 188.
  113. LMM, p. 85.
  114. "Thomas Manns Psychoanalytiker Dr. Krokowski und Georg Groddeck", en www.literaturkritik.de