Denominación de Orixe Valdeorras

D.O. Valdeorras
Industrias
46 [1]
Superficie
1 165 ha [1]
Viticultores
1 470 [1]
Produción uva
6 390 052 kg [1]
Viño cualificado
3 340 060 l [1]
Valor estimado
17 816 533 [1]
Páxina web
www.dovaldeorras.com
Enderezo
Estrada N-120, pk.463
Vilamartín de Valdeorras.


A Denominación de Orixe Valdeorras está situada no nordeste da provincia de Ourense, pertencendo a unha das cinco Denominacións de Orixe de viño de Galicia. Abarca as superficies vitícolas dos municipios da Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín e Vilamartín de Valdeorras.

Historia editar

Os viños de Valdeorras atopan a súa orixe na época romana; nun microclima mediterráneo-oceánico no cal os romanos plantaron viñedos e construíron lagares. Deste xeito, crearon unha cultura de atención á viña e elaboración de viño (influenciada pola chegada da cristianización).

Tras anos de esforzo e dedicación, en 1945 recoñeceuse como Denominación de Orixe Valdeorras por Orde Ministerial. Esta entidade tiña como obxectivos traballar a recuperación de variedades autóctonas como o godello e o mencía, apostar pola calidade, impulsar o control, facilitar a promoción e buscar novos camiños de expansión e comercialización. Posteriormente, en 1977, creouse o Consello Regulador que rexe os destinos da Denominación de Orixe.

Numerosas investigacións para a implantación de novas tecnoloxías e a modernización do proceso de produción, conseguiron que os viños desta Denominación estean entre os mellores de España cunha alta exportación.[Cómpre referencia]

Características da zona editar

O viño elaborado contén calidades producidas polas características físicas da localización dos viñedos. Esta zona ourensá caracterízase por ter un clima mediterráneo-oceánico, cunha influencia atlántica, que produce invernos fríos, veráns cálidos e outonos e primaveras suaves; a situación ideal para producir viños secos de primeira calidade.

En Valdeorras, debido o paso do río Sil de este a oeste, existe un val de carácter asimétrico, é dicir, ladeiras con moita pendente na zona esquerda e máis reducida na dereita. Este é o río máis importante, mais non é o único influente nos viñedos, xa que o Xares, Bibei, Cigüeño e Casaio, aínda que non producen vales, proporcionan ladeiras nas cales hai unha menor fertilidade e unha boa drenaxe que garante nos viñedos un rendemento moderado e con uvas maduradas adecuadamente.

Variedades editar

Nesta Denominación de Orixe prodúcese tanto viño branco como tinto, cada un deles coas súas características e variedades.

Por unha parte, os viños brancos que se elaboran principalmente de Godello, posúen unha cor amarela cun matiz verdoso, cun aroma franco e intenso. Por outra parte, os viños tintos, elaborados principalmente con Mencía, conteñen unha cor vermella e picota que lles proporciona unha identificación de xuventude.

Aínda que as variedades máis empregadas son o Godello e o Mencía, existen unha maior variedade tanto de uvas recomendadas coma de autorizadas:

  • Brancas recomendadas: Godello (de preferencia), Loureira, Treixadura, Dona Branca, Albariño, Torrontes e Lado.
  • Brancas autorizadas: Palomino ou Xerez.
  • Tintas recomendadas: Mencía, Tempranillo, Bracellao, Merenzao, Sousón, Caíndo tinto, Espadeiro e Ferrón.
  • Tintas autorizadas: gran negro, garnacha tintureira e mouratón.

Os tipos de viños pertencentes á Denominación de Orixe Valdeorras son os seguintes:

En viños brancos o Valdeorras Godello (100% da variedade Godello), Valdeorras Castes Nobres (mínimo un 85% de variedade recomendada) e Valdeorras Branco (elaborado con variedades recomendadas e autorizadas); e en tintos o Valdeorras Mencía (un mínimo de 85% da variedade Mencía), Valdeorras Castes Nobres (mínimo un 85% de variedade recomendada) e Valdeorras Tinto (uvas tanto da variedade recomendada e autorizada). Ademais destes dous tipos de viño (branco e tinto), tamén elaboran Valdeorras Espumoso (viño espumoso tradicional cun mínimo de 85% de Godello) e Valdeorras Torrado (viño doce elaborado de variedade tinta ou Godello).

Normativa editar

A Denominación de Orixe Valdeorras foi recoñecida pola Orde Ministerial do 31 de xullo de 1957, pasando a considerarse entre os mellores viños de España. Non foi ata 1977 cando se modificou dita Orde aprobando o Regulamento da Denominación de Orixe e o seu Consello Regulador (Orde Ministerial do 24 de febreiro de 1977). Posteriormente, o anterior Regulamento foi parcialmente modificado pola Orde do 2 de febreiro de 2000, ratificada pola Orde do 9 de maio do 2000. Finalmente, a Orde do 7 de marzo do 2005 volveu modificar dito Regulamento a través da Orde APA/2498/2005, do 7 de xullo de 2005 quedando recollido no BOE.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Os viños da nosa terra", separata de Faro de Vigo, 12/7/2015.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar