Demografía de Somalia

A demografía de Somalia (en árabe: التركيبة السكانية في الصومال) abrangue as características demográficas dos habitantes de Somalia, incluíndo a orixe étnica, as linguas, a densidade de poboación, o nivel de educación, a saúde, o estado económico, as afiliacións relixiosas e outros aspectos da poboación.

Territorios habitados polos somalís no corno de África.
Esta ramificación de clans a partir dos samalís e os garre dá unha idea da complexidade das subdivisiones no mundo dos clans somalís.

Grupos étnicos editar

O 85% dos habitantes de Somalia pertencen á etnia somalí, que se estende tamén por Djibuti, Etiopía, Iemen, e Kenya.[1] Os somalís son de 15 a 17 millóns, falan o somalí, viven en vilas pequenas e son musulmáns sunnitas. Están divididos en clans, aos que os seus membros senten máis pertenza que á etnia. A historia de Somalia está definida polas relacións destes clans, aínda que moitos están dirixidos por señores da guerra que se enfrontaron con frecuencia. No ano 1999, unha serie de señores da guerra aliáronse para formar un partido chamado Transitional National Government, en galego Goberno Nacional de Transición, aínda que moitos quedaron fóra, e os enfrontamentos prodúcense tamén coas demais tribos.[2] Os clans máis importantes distínguense tamén por considerarse clans nobres e polo seu estilo de vida nómade, en contraste cos grupos sab, sedentarios, que son as castes de pastores, agricultores e artesáns.[3]

As demais etnias coñécense como non-somalís, ademais da notable presenza paquistaní, india e etíope no país. Uns cantos clans que non están asociados aos grandes están asociados con eles.

Somalís editar

 
Somalí co seu gando en Kismaayo, en 1993
  • Somalí. Uns 9 millóns no país. Os cinco clans, familias ou tribos principais son darod, dir, hawiye, isaaq e rahanweyn. Os membros destes grandes clans, os seus subclans e as posteriores divisións coñécense como samaale, palabra que fai referencia á súa economía pastoral; dir e hawiye son os maiores. Os demais clans coñécense como sab. Cada un dos grandes clans divídese en subclans ou clans principais, e estes á súa vez en numerosos subgrupos. Os rahanweyn, que viven en vilas que forman acios nas fértiles rexións do río Shebelle, son 2,7 millóns; os garre, un subclan dos darod que viven seguindo aos seus rabaños nas migracións estacionais e atópase sobre todo en Kenya, son 109.000.[4]
 
Agricultora bantú en Kismaayo (Sur de Somalia, 1993)

Clans e subclans somalís editar

  • Darod, divididos en Awrtable, Dhulbahante, Dishiishe, Jidwaq, Leelkase, Majeerteen, Marehan, Moura'agarra, Ogaden e Warsangali.
 
Membros do clan somalí garre no Festival Cultural do lago Turkana, en Kenya.[5]
  • Dir, divididos en akisho, issa, bimaal, gadabursi, jaarso, surre, quranyow dos garre, gurgure, garrire, gurre, bajumal e bursuk, a partir de catro liñaxes: Madahweyne, Madaluug, Madoobe e Meha.
    • Garre. Uns 109.000. Clan dos dir que vive entre o sur de Somalia, Kenya e o sur de Etiopía. Son pastores nómades. Subdividense nos subclans tuuf e quranyow. Adoitan viaxar cos camelos, as ovellas e as cabras. Viven en tendas portátiles feitas coa pel dos animais.
  • Hawiye, divididos en karanle, hilibi, daguuro, habar ceyno, habar idinle, cabdalle sabdi, ibraahim, sabdi, abakar, gugundhabe, gorgate, haskul e rarane. Os poboados están formados por familias emparentadas que forman un círculo ou semicírculo onde gardan os rabaños. Musulmáns polígamos, poden ter catro esposas e cada unha a súa propia tenda cos seus fillos.[6]
  • Rahanweyn ou rahawiin, divididos en digil e mirifle, e numerosos subclans. Falan a lingua maay e numerosos dialectos. Ás veces chámase aos mirifle como rahanweyn e ao clan chámaselle digil-ranhanweyn. A suma segundo algunhas fontes sería de 1,5 millóns de individuos.[7]
    • Digil. Viven ao sueste de Somalia, unha zona chaira e propicia para a práctica da agricultura, ben regada polos ríos Xuba e Shebelle que descenden do macizo etíope. Viven en casas redondas de adobe con teitos cónicos de palla.
      • Tunni. Uns 30.000. Son un subgrupo dos digil, que á súa vez é un subclan dos rahanweyn. Viven no sur do país, ao redor dos ríos Xuba e Shebelle. Cultivan bananas, cana e azucre, millo, xudías, froitas, etc. Forman cooperativas agrícolas supervisadas por un xefe. Viven en chozas redondas de adobe cun tellado cónico de palla. Son todos musulmáns.[8]
      • Dabarre. Uns 40.000. Subgrupo dos digil, á súa vez subgrupo dos rahanweyn. Son ante todo agricultores, exportan plátanos e cultivan cana de azucre, sorgo, sésamo, xudías e froita. Falan af-dabarre.[9]
      • Jiddu. Uns 41.000. Como os demais digil son granxeiros. Exportan plátanos, cana de azucre, etc. Cada aldea está gobernada por un consello de anciáns.[10]
  • Madiban, madhiban ou midgan ou gabooye. Uns 6.800, noutro tempo cazadores, agora artesáns, entre eles barbeiros ou ferreiros, son endogámicos e viven separados das outras castes porque o somalís considéranos impuros. Son musulmáns, pero cren nos espíritos.[11][12]

Outros grupos étnicos editar

  • Bantú. Tamén chamados jareer, gosha ou mushunguli. Os bantús forman a maior parte do resto de habitantes de Somalia, o 7% da poboación, 1 millón. Os bantús posúen máis de 400 grupos étnicos na zona central de África. Atópanse en máis de 10 países. Os somalís forman o grupo bantú somalí, que acabaron en Somalia no marco do comercio árabe de escravos. Viven ao redor dos ríos Xuba e Shebelle.
  • Benadiri ou reer xamar, son unha confederación multirracial de pobos descendentes dos comerciantes dos comerciantes árabes establecidos na zona no século X e que se uniron ás tribos locais. Viven nos distritos Shangani e Hamarweyne, en Mogadixo e Merca.
  • Bajuni. É un pobo pequeno, duns 10.000 membros que vive na costa sur de Somalia. Falan a lingua suahili. Son pescadores. En total, falan o suahili unhas 240.000 persoas en Somalia, con numerosos dialectos, se se engaden os brawan ou barawani.[13]
  • Árabes omanís. Uns 86.000 procedentes de emigracións de Omán no século XIX. Pertencen a unha seita sunnita chamada Ibadaya.
  • Árabes iemenís. Uns 21.000 procedentes do Iemen, onde hai unhas 1.700 tribos ou clans.
  • Baluchis meridionais ou baloch. Hai uns 6.000 baluchis en Somalia, dun pobo formado por varios millóns de individuos procedentes de Baluchistán, en Paquistán, que se estenderon por moitos países. Falan a lingua baluchi de 20 a 30 millóns de persoas. Os baluchis meridionais, que emigraron ás terras árabes fai douscentos anos son en torno 1,8 millóns, repartidos por Irán, Omán, Qatar, Arabia Saudita, Somalia e os Emiratos.[14]

Linguas editar

Artigo principal: Linguas de Somalia.
Exemplo de fala en lingua somalí.

O somalí e o árabe son as linguas oficiais de Somalia. A lingua somalí é lingua materna dos somalís, o grupo étnico máis numeroso do país.[15] É membro da póla cuxita da familia afroasiática.[16]

Ademais do somalí, o árabe, que tamén é unha lingua afroasiática,[17] é unha lingua nacional e oficial en Somalia. Moitos somalís fálana debido ós séculos de relacións co Mundo árabe, a influencia dos medios de comunicación en árabe e a educación relixiosa.[17][18][19]

O inglés tamén é amplamente falado e ensinado. O italiano adoitaba ser unha lingua de importancia, mais a súa influencia diminuíu significativamente despois da independencia. É máis frecuente escoitala entre as xeracións máis vellas.[17] Outras linguas minoritarias son o bravanese, unha variedade da lingua suahili que é falada na zona costeira polo pobo bravanese, así como o bajuni, outro dialecto suahili que é a lingua nai dos bajuni.

Poboación editar

Segundo a revisión de 2017 do World Population Prospects, a poboación total do país era de 14 317 996 no ano 2016, comparado cos 2 264 000 de 1950. A proporción de nenos por debaixo dos 15 anos no ano 2010 era 44,9%, 52,3% entre 15 e 65 anos, mentres que o 2,7% era maior de 65 anos.[20]

Poboación total Poboación entre 0–14 (%) Poboación entre 15–64 (%) Poboación de 65+ (%)
1950 2 264 000 41,2 56,2 2,6
1955 2 522 000 42,6 54,7 2,7
1960 2 819 000 44,2 53,0 2,8
1965 3 171 000 45,3 51,8 2,9
1970 3 601 000 45,5 51,6 2,9
1975 4 118 000 45,8 51,2 3,0
1980 6 436 000 46,2 50,9 2,9
1985 6 364 000 45,1 52,0 2,9
1990 6 599 000 44,4 52,6 2,9
1995 6 525 000 43,2 53,9 2,8
2000 7 399 000 44,1 53,1 2,8
2005 8 360 000 44,6 52,6 2,8
2010 9 331 000 44,9 52,3 2,7

Notas editar

  1. "Somalia". Central Intelligence Agency. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2016. Consultado o 09 de marzo de 2019. 
  2. "Ethnic Groups in Somalia". 
  3. Lewis. A Pastoral Democracy: A Study of Pastoralism and Politics Among the Northern Somali of the Horn of Africa. James Currey Publishers. ISBN 0852552807. 
  4. "Country: Somalia". 
  5. "Marsabit- Lake Turkana Festival". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2019. Consultado o 14 de abril de 2019. 
  6. "Garre in Somalia". 
  7. "The Digil-Rahawiin (Digil-Mirifle) People of Somalia". 
  8. "Tunni in Somalia". 
  9. "The Dabarre of Somalia". 
  10. "The Jiddu of Somalia". 
  11. "Midgan People in Somalia". 
  12. "Somalia: Information on the Madiban/Midgan clan, on whether there is protection for them, and if so, where, and on whether a reasonable internal flight alternative (IFA) exists for them". 
  13. "Swahili, Barawani in Somalia". 
  14. "Baloch, Southern". 
  15. Central Intelligence Agency (2011). The World Factbook, ed. "Somalia". Langley, Virxinia: Central Intelligence Agency. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2016. Consultado o 5 de outubro de 2011. 
  16. I. M. Lewis, Peoples of the Horn of Africa: Somali, Afar and Saho, (Red Sea Press: 1998), p. 11.
  17. 17,0 17,1 17,2 Helena Dubnov, A grammatical sketch of Somali, (Kِppe: 2003), pp. 70–71.
  18. Diana Briton Putman, Mohamood Cabdi Noor, The Somalis: their history and culture, (Center for Applied Linguistics: 1993), p. 15.: "Somalis speak Somali. Many people also speak Arabic, and educated Somalis usually speak either English or Italian as well. Swahili may also be spoken in coastal areas near Kenya."
  19. Fiona MacDonald et al., Peoples of Africa, Volume 10, (Marshall Cavendish: 2000), p. 178.
  20. "Population Division of the Department of Economic and Social Affairs of the United Nations Secretariat, World Population Prospects: The 2010 Revision". Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2011. Consultado o 29 de agosto de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar