Delfínidos

familia de mamíferos cetáceos
Delfínidos
Delphinidae
Golfiños oceánicos

Rango fósil: oligoceno superior - actualidade

Manda de arroaces do Indopacífico
no mar Vermello
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Odontoceti
Infraorde: Delphinida
Superfamilia: Delphinoidea
Familia: Delphinidae
Gray, 1821 [1]
Xéneros e Especies
Véxase o texto

Delfínidos (Delphinidae) é unha familia de mamíferos cetáceos odontocetos que inclúe aos golfiños ou delfíns, canda outras especies como os arroaces, as toniñas, os caldeiróns ou a candorca.

Stenella coeruleoalba.

Na bibliografía internacional coñécense como golfiños oceánicos, para distinguilos dos golfiños de auga doce, que pertencen a outras familias (aínda que algúns delfínidos tamén poden vivir en estuarios e ríos).

De entre 2 e 9 m de lonxitude, o seu corpo é fusiforme, coa cabeza grande, cun fociño alongado, e só posúen un espiráculo (como todos os odontocetos).

Están entre as especies máis intelixentes que habitan o planeta. Como outros cetáceos, os golfiños utilizan os sons, a danza e o salto para comunicárense entre eles, para orientárense e para conseguiren as súas presas (aínda que para esta última función válense sobre todo do seu sistema de ecolocalización.

Son carnívoros estritos, e cada día consomen unha cantidade de alimento equivalente a un terzo do seu peso. Aliméntanse basicamente de peixes e luras e outros cefalópodos, que atrapan cos seus dentes cónicos. Tamén comen crustáceos como camaróns, gambas e cangrexos.

Moitas especies vistan as costas e frecuentemente interactúan cos seres humanos. Hoxe en día as principais ameazas ás que están expostos son de natureza antrópica.

Etimoloxía editar

O nome da familia deriva do nome latino do golfiño (ou delfín) común, delphīnus, -i,[2] que Linneo empregou para designar ao seu xénero tipo, Delphinus. Este nome, á súa vez, deriva do grego δελφίς (delphís), "delfín",[3] ou δελφύς (delphýs).[4]

Evolución editar

Artigo principal: Evolución dos cetáceos.

Durante moito tempo creuse que os cetáceos eran descendentes dos mesoniquios, orde extinta de ungulados terrestres carnívoros. Agora crese que derivan doutros mamíferos terrestres, de artiodáctilos relacionados cos hipopótamos.[5] Durante o Eoceno (hai uns cincuenta millóns anos), os antepasados dos cetáceos refuxiábanse na auga, de forma similar a como fan hoxe os tragúlidos.[6]

 
Proceso evolutivo dos golfiños (Delphinidae).
En negro móstrase a silueta do cranio e na parte inferior a escala en metros (m)

Un longo proceso evolutivo levou a un pequeno animal terrestre a vivir no mar até transformarse no actual golfiño. Na figura adxunta podemos ver, de arriba a abaixo, o paso das primeira forma enteiramente terrestre até a mariña, pasando por algunhas formas intermedias anfibias. A primeira remóntase a hai uns 50 millóns de anos, polo tanto o proceso desenvolveuse no transcurso da Era Terciaria. A forma anfibia alcanzouse logo de cinco millóns de anos, e outros tantos foron necesarios para que se formase a característica cola con aleta horizontal. As sucesivas transformacións déronse na dirección de afianzar a súa especialización, e refírense ao aumento da masa cerebral e ao nacemento dunha forma alargada do morro, cunha dentadura diferente.

Os esqueletos dos golfiños modernos teñen dous pequenos ósos na pelve, remanente do que algunha vez foron extremidades posteriores.

  • Mesonychidae:
Antepasado terrestre eocénico que viviu hai uns 50 millóns de anos.
  • Protocetidae:
A primeira forma acuática coñecida, probablemente anfibia, que viviu hai uns 45 millóns de anos.
  • Dorudontidae:
Forma completamente acuática de hai uns 40 millóns de anos.

Os rexistros fósiles demostran que os odontocetos apareceron no Mioceno. Os primeiros golfiños coñecidos (da extinta familia Kentriodontidae) xa posuían un desenvolvido sentido da ecolocalización e o órgano do melón. Os esqueletos dos golfiño smodernos presentan dous pequenos ósos na zona sacra da columna vertebral, que corresponden a vestixios da pelve.

Anatomía editar

 
Esqueleto de Lagenorhynchus obliquidens.
 
Anatomía dun delfín tipo.
Véxase tamén: Espiráculo e Melón (cetáceos).

As especies pertencentes á familia Delphinidae teñen un corpo fusiforme, adaptado á natación rápida. A aleta caudal utilízase para a propulsión, mentres que as aletas pectorais úsanse para o control da dirección.

Os patróns básicos de coloración da piel son tons grises, máis claros no ventre e máis escuros nas costas. Moitas veces combínase con liñas e manchas de diferente cor.

Ao igual que outros odontocetos, na cabeza teñen o melón, un órgano esférico que utilizan para a ecolocalización.

En varias especies da familia, as mandíbulas alónganse, formando un fociño delgado típico. Posúen dentición homodonte, cun número de pezas dentarias que oscila entre 20 e 50 en cada mandíbula.

Respiran a través dun só orificio na parte superior da cabeza, denominado espiráculo.[7]

O seu cerebro é grande, co córtex cerebral bastante desenvolvido en comparación coa media dos mamíferos.[8]

Taxonomía editar

A familia dos delfínidos conta con 17 xéneros que reúnen máis de 30 especies:

Familia Delphinidae

 
Delphinus delphis.
 
Stenella attenuata.
 
Tursiops truncatus.
 
Lagenorhynchus obscurus.
 
Globicephala melas.
 
Orcinus orca.

Hibridacións editar

 
Cría de balfín, híbrido Tursiops truncatus x Pseudorca crassidens.

No caso da familia Delphinidae non se coñecen casos de hibridacións entre especies en estado natural, pero en catividade referíronse uns poucos, apenas dous, como o cruzamento dunha femia de arroaz (Tursiops truncatus) e un macho de falsa candorca (Pseudorca crassidens), nun parque acuático das illas Hawai (o Sea Life Park).[9]

Estes híbridos (Tursiops truncatus x Pseudorca crassidens) adoitan coñecerse co nome de balfíns adaptación do inglés wholphin, é dicir, un acrónimo da unión das palabras 'balena' (whale) e 'delfín' (dolphin), nome por demais bastante incorrecto.[10][11]

O primeiro balfín rexistrado naceu o 15 de maio de 1985.[12]

Comportamento editar

Os golfiños son considerados moitas veces como uns dos animais máis intelixentes do planeta.[13] A comparación da intelixencia entre diferentes especies é complicada debido, entre outras cousas, ás diferenzas no aparello sensorial, aos modos de resposta e á natureza da cognición. Porén, o comportamento dos golfiños foi estudado extensamente, tanto en catividade como na natureza.[14]

Conduta social editar

Os golfiños son animais sociais que viven en grupos familiares. En lugares con grande abundancia de alimentos, estes grupos poden exceder dos 1 000 individuos.[15] O golfiños poden establecer fortes lazos sociais, onde incluso algúns individuos feridos ou enfermos son coidados por outros, mesmo axudando a respirar ao levalos á superficie se fora necesario. Polo menos na especie Tursiops truncatus demostrouse que cada arroaz posúe un nome propio ou asubío característico, que serve para chamalo á manda.[16]

Os golfiños mostran un desenvolvemento da cultura, algo que por moito tempo creuse que era único do ser humano (e posiblemente doutras especies de primates). En maio de 2005, descubríronse en Australia Tursiops aduncus (golfiños do Indopacífico) que ensinaban ás súas crías a usar as ferramentas, cubrindo os seus fociños con esponxas para protexelos mentres se alimentaban. Este coñecemento traspásase polas nais ás súas fillas, a diferenza dos primates, onde o coñecemento é xeralmente transmitido a ambos os sexos.[17]

Os delfíns tamén poden participar en actos de agresión cara a outros delfíns. Un delfín macho adulto é moi probable que presente no seu corpo varias cicatrices produto de trabadas. Os delfíns machos participan nestes actos de agresión, quen sabe se debido a conflitos entre compañeiros e á competencia polas femias.[18]

Reprodución e sexualidade editar

A cópula dos golfiños sucede fronte a fronte. O acto real adoita ser breve, pero pódese repetir varias veces nun lapso de tempo curto.

O período de xestación varía segundo as especies. O pequeno tucuxi (Sotalia fluviatilis) ten unha xestación de 11 a 12 meses, mentres que para a candorca o período de xestación é de ao redor de 17 meses. Só teñen unha cría por parto. Polo xeral, a actividade sexual comeza a unha idade temperá, incluso antes de alcanzar a madurez sexual. A idade desta varía segundo a especie e o xénero.

Os golfiños son coñecidos por teren relacións sexuais por razóns distintas á reprodución.[Cómpre referencia]

Alimentación editar

Existen varios métodos de alimentación entre e dentro das especies pertencentes á familia dos Delphinidae. Peixes e luras son o alimento principal, pero a falsa candorca e a candorca tamén se alimentan doutros mamíferos mariños. Os delfínidos utilizan moi diversas tácticas de caza: moitas veces cazan usando a súa velocidade, pero tamén usan a ecolocalización para buscar presas enterradas na area. Os golfiños que cazan peixes agrupados en bancos forman mandas e acurralan a estes para que se separen do resto do grupo. Outros golfiños acurralan ás súas presas na beira dunha praia, e logo aproveitan as ondas para capturalas, aínda que esta é unha táctica arriscada. Candorcas e falsas candorcas teñen moitas outras tácticas de caza, debido á ampla gama de presas que consomen. Á parte das tácticas xa mencionadas, tamén axexan ás súas presas ou golpean bancos de xeo para desequilibralas.

Vocalizacións editar

Os golfiños son capaces de realizaren unha ampla gama de sons utilizando sacos aéreos nasais situados xusto debaixo do espiráculo. Existen tres categorías de sons:[19]

  • Asubíos de frecuencia modulada.
  • Refachos de impulsos sonoros.
  • Clics (utilizados para a ecolocalización).

Ecolocalización editar

 
Proceso de ecolocalización nun golfiño: En verde, os sons xerados polo golfiño; en vermello os provenientes do peixe.
Artigo principal: Ecolocalización.

A ecolocalización ou ecolocación refírese á emisión por parte dos golfiños dunha ampla gama de sons en forma de breves series de impulsos sonoros chamados "clics" e a obtención de información sobre o contorno mediante a análise dos ecos que reciben de volta. Esta capacidade de utilizar emisións sonoras tanto de alta como de baixa frecuencia, combinada cunha audición direccional moi sensíbel, facilita unha ecolocalización extremadamente precisa e outorga a este animais un sistema sensorial único nomar.[20]

Ameazas editar

Ameazas naturais editar

Exceptuando aos seres humanos os golfiños teñen poucos inimigos naturais.

As especies máis grandes non teñen depredadores. Para as especies máis pequenas, unicamente a candorca, que tamén é un golfiño, pero moi grande,[21] e algunhas poucas especies de tiburóns como o tiburón touro, o tiburón tigre ou o tiburón branco, supoñen un risco potencial, especialmente para as crías.

Ameazas humanas editar

 
Lagenorhynchus acutus mortos nas illas Feroe, produto da caza.

A contaminación dos océanos, mares e ríos constitúe un grave problema para a supervivencia das poboacións de golfiños. Pesticidas, metais pesados, plásticos e outros contaminantes industriais e agrícolas, que non se desintegran rapidamente no medio acuático, poden causar a redución de poboacións de golfiños.

Son tamén moi comúns as mortes e lesións causadas polas colisións dos golfiños con embarcacións, especialmente nas hélices.

Diversos métodos de pesca, sobre todo a pesca de cerco do atún, causan a morte a golfiños que queden atrapados nas redes.[22]

Nalgunhas partes do mundo, tales como no Xapón e nas Illas Feroe, os golfiños consideráronse tradicionalmente como alimento.[23][24]

Os golfiños e o home editar

Os golfiños sempre tiveron unha estreita relación co home. A parte das ameazas que sofren estes animais por parte dos humanos, úsanse en espectáculos e no exército. Por outra parte, orixinaron varias lendas en moitas culturas.

Notas editar

  1. Delphinidae Grat, 1821 en ITIS
  2. Charlton T. Lewis, Charles Short, A Latin Dictionary
  3. Henry George Liddell, Robert Scott, A Greek-English Lexicon
  4. Liddel & Scott, Op. cit.
  5. University Of California, Berkeley (7-2-2005). "UC Berkeley, French Scientists Find Missing Link Between The Whale And Its Closest Relative, The Hipp". ScienceDaily. Consultado o 4-06-2010. 
  6. Ian Sample (19-12-2007). "Whales may be descended from a small deer-like animal". The Guardian. Consultado o 4-06-2010. 
  7. Fundación Dolphin Assistance (2009). "Anatomía del Delfín". Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2010. Consultado o 14 de febreiro de 2011. 
  8. AllAboutDolphins.net (2006). "El Cerebro de un Delfín". Consultado o 14 de febreiro de 2011. 
  9. msnbc.com (2005). "Whale-dolphin hybrid has baby wholphin" (en inglés). Consultado o 14 de maio de 2012. 
  10. Non é correcto pois as falsas orcas non son baleas, senón golfiños (pertencen á mesma familia Delphinidae que o arroaz). Por outra parte, resulta moi pouco específico, pois non é descartábel que outras especies da familia poidan hibridarse tamén (coa axuda de biólogos ou veterinarios).
  11. "Hibridación". Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2012. Consultado o 14 de maio de 2012. 
  12. Whale-dolphin hybrid has baby wholphin
  13. Cristian Frers. "Cristian Frers". InterNatura - Informes. 
  14. Dolphinaris. "Comunicación del Delfín". Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2010. Consultado o 30 de agosto de 2013. 
  15. "Bottlenose Dolphins (Tursiops truncatus)- Altruism" (en inglés). Davidson College. 
  16. Así o manifesta o artigo "Bottlenose dolphins can use learned vocal labels to address each other" de Stephanie L. King e Vincent M. Janik1, publicado na revista norteamecricana Proceedings of the National Academy of Sciences, [1] Arquivado 20 de agosto de 2013 en Wayback Machine. e en El País (España), 23-VII-2013 [2]
  17. Nic Fleming (05 de decembro de 2007). "Dolphins woo females with bunches of weeds" (en inglés). The Telegraph. Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2010. Consultado o 30 de agosto de 2013. 
  18. George Johnson. "Is Flipper a Senseless Killer?" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2006. Consultado o 30 de agosto de 2013. 
  19. "Delfines". Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2009. Consultado o 30 de agosto de 2013. 
  20. Ecolocalización
  21. "Enviromental grafitti. First Time In World History, Killer Whales Filmed Hunting Dolphins". Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2010. Consultado o 14 de maio de 2012. 
  22. Notícias. Redes de pesca matam entre 700 e 1,3 mil toninhas ao ano (en portugués)
  23. Japón matará 20.000 delfines para comérselos como sushi. 20 minutos.es
  24. "Matanza de delfines en Islas Feroe. Los Tiempos.com". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2009. Consultado o 14 de maio de 2012. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar