Dólar Morgan

tipoloxía de dólar de prata estadounidense
Dólar Morgan [1]
Cabeza da Liberdade ollando á esquerda. Data no exergo. Aguia que sostén coas súas gadoupas unhas setas e unhas pólas de oliveira, dentro dunha coroa vexetal. Inscrición IN GOD WE TRUST sobre a aguia. Lenda: UNITED STATES OF AMERICA · ONE DOLLAR.

O dólar Morgan é un tipo de moeda dun dólar de prata estadounidense cuñada entre 1878 e 1904, e novamente en 1921. Este modelo substitúe o da serie anterior, coñecida como da "Liberdade sentada" (Seated Liberty Dollar), que cesara pola aprobación da Lei de Moeda de 1873.[2][3]

A moeda debe o seu nome ao responsable do seu deseño, o gravador auxiliar da Casa da Moeda dos Estados Unidos (US Mint) George T. Morgan.[2][3]

En 2006, o deseño do reverso dos dólares Morgan foi utilizado para a cuñaxe dun dólar de prata conmemorativo do antigo edificio da ceca de San Francisco.[4][5]

Caracterización editar

As características metrolóxicas dos dólares Morgan seguen os parámetros definidos na Lei de moeda de 1873.[6] A súa tipoloxía e as cecas da Casa da Moeda dos Estados Unidos onde se cuñaron son as seguintes:[3][7]

  • Anverso. Cabeza da Liberdade ollando á esquerda. Lenda: E·PLURIBUS·UNUM / LIBERTY. Data no exergo. Gravador: George T. Morgan
Caracterización Marcas de ceca
Valor facial 1 dólar. Filadelfia Ningunha
Peso 26,73 g. Carson City CC
Diámetro 38,1 mm. San Francisco S
Canto 2,4 mm; estriado. Nova Orleáns O
Aliaxe prata (90,0 %) e cobre (10, 0 %). Denver C

Lexislación clave editar

  • Lei Bland-Allison (1878). O dólar Morgan foi autorizado pola coñecida como Lei Bland-Allison (Bland-Allison Act). Despois da aprobación da Lei de moeda de 1873, os intereses mineiros fixeron presión para restaurar a cuñaxe libre da prata, o que requiriría que a casa da moeda aceptase toda a prata que se lle presentase e a devolvese convertida en moeda. Pola contra, a Lei Bland-Allison requiría que o Tesouro adquirise prata por valor de entre dous e catro millóns de dólares mensuais para a cuñaxe das moedas de dólar.[8]
  • Lei Sherman (1890). En 1890, a lei anterior foi derrogada pola Lei Sherman de compra de prata (Sherman Silver Purchase Act), que lle esixía ao Tesouro a compra de catro millóns e medio de onzas troy (140.000 kg) de prata cada mes, e só requiría unha produción adicional de dólares de prata durante un ano. Esta nova lei foi derrogada en 1893.[8]
  • Lei de 1898. En 1898, o Congreso aprobou un proxecto de lei polo que se requiría que toda a prata que se conservaba da adquirida baixo a Lei Sherman se cuñase en moedas de dólar. Cando aquelas reservas de prata se esgotaron, en 1904, a casa de moeda cesou a cuñaxe dos dólares Morgan.
  • Lei Pittman (1918). Posteriormente, a Lei Pittman (Pittman Act) autorizou a fundición e a recuperación de millóns de dólares de prata, o que levou consigo o restablecemento da emisión de dólares Morgan durante 1921, ano en que estes foron substituídos por un novo modelo, coñecido como "dólar da Paz" (Peace Dollar).[8]

Historia editar

Contexto histórico-numismático editar

 
En 1876, Richard P. Bland presentou un proxecto de lei no Congreso para recuperar a cuñaxe do dólar de prata.
 
William B. Allison engadiu emendas no Senado ao proxecto de Bland.

En 1873, o Congreso aprobarau a cuarta Lei de moeda da historia dos Estados Unidos, que puxo fin ao padrón bimetálico no país, ao desmonetizar a prata.[9][10] Antes da promulgación daquela lei, podíase traer prata ás casas de moeda para a súa cuñaxe a cambio dunha pequena comisión.[11] Con este sistema, os produtores do metal podían ter a súa prata cuñada en dólares cando o valor intrínseco das moedas fose inferior ao seu valor nominal, o cal lles proporcionaba beneficio e, por outra banda, ampliaba moito a oferta monetaria e xeraba inflación.[12]

A nova lei, xa que logo, puxo fin a esta práctica co cesamento da cuñaxe de moedas de dólar (daquela, os do modelo da "Liberdade sentada"), e só prevía a emisión dun dólar de comercio, tamén de prata, destinado a competir cos reais de oito e cos pesos mexicanos no comercio con Oriente. Baixo a Lei de 1873, aos produtores de metal permitíuselles seguir levando prata ás casas de moeda, mais neste caso para ser transformado en lingotes ou para ser cuñado nos novos dólares de comercio, que inicialmente tiñan curso legal nos Estados Unidos, aínda que lles foi retirado en 1876 para evitar que se reproducisen os problemas existentes antes da aprobación da lei.[12][13]

As restricións á libre cuñaxe da prata establecidas pola lei de moeda non tiveron inicialmente unha forte resistencia por parte dos axentes mineiros, ata que o prezo da prata diminuíu rapidamente por mor do aumento da produción mineira no Oeste dos Estados Unidos.[10] As protestas chegaron tamén dos banqueiros, dos fabricantes e dos agricultores, que consideraban que a maior abundancia de diñeiro en circulación tería un impacto positivo. Organizáronse, entón, en grupos para esixiren a libre cuñaxe da prata logo da crise económica do Pánico de 1873.[14]

 
"Certificado de prata" do Tesouro dos EEUU por valor de 20 dólares (1880)

A partir de 1876 presentáronse numerosos proxectos de lei na Cámara de Representantes para recuperar a posibilidade de cuñar libremente a prata. Un deses proxectos, presentado polo demócrata Richard P. Bland, de Missouri, foi aprobado no outono de 1876. O senador republicano William B. Allison, de Iowa, engadiu emendas importantes ao proxecto no Senado, unha delas para anular a libre cuñaxe da prata que, en principio, prevía o proxecto. Esa mesma emenda daba vía libre á emisión de "certificados de prata" (unha especie de papel moeda) por primeira vez na historia dos Estados Unidos.[14] O proxecto de lei foi inicialmente vetado polo presidente Rutherford B. Hayes, aínda que finalmente o veto foi anulado o 28 de febreiro de 1878.[15] O que se coñeceu como Lei Bland-Allison requiría do Tesouro a adquisición de prata por valor de entre dous e catro millóns de dólares mensuais para a súa cuñaxe en moedas dun dólar, coa relación entre o ouro e a prata de 16:1, o que implicaba que unha onza de ouro se valoraba igual que dezaseis onzas de prata.[11]

Proceso do deseño editar

 
Deseño definitivo do anverso de Morgan, cuñado como proba do medio dólar en 1877
 
Proba do deseño proposto por George T. Morgan (1/2 dólar)
 
Proba do deseño proposto por William Barber

En 1876, o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos (United States Mint), Henry Linderman, comezou a remodelación das moedas do país. Linderman púxose en contacto con C. W. Fremantle, director adxunto da Real Casa da Moeda de Londres, e pediulle que atopase "un gravador de cuños primeira categoría disposto a ocupar o posto de gravador auxiliar da ceca de Filadelfia". Como resposta, Fremantle escribiulle: "as miñas consultas a respecto dun gravador auxiliar lévanme a recomendar decididamente para o posto a George Morgan, de 30 anos, quen se fixo unha reputación considerable, mais para quen non hai moito espazo actualmente neste país". Linderman e Morgan chegaron a un acordo polo que este último pasou a incorporarse á ceca de Filadelfia ás ordes do gravador xefe William Barber, a modo de proba durante seis meses.[16]

Morgan chegou a Filadelfia o 9 de outubro de 1876.[16] As primeiras probas cuñadas dos seus deseños correspondíanse coas pezas do medio dólar.[17]

 
Anna Willess Williams, nun número de 1892 do xornal Ladies' Home Journal.

En 1876, Morgan matriculouse como estudante na Academia de Belas Artes de Pensilvania co obxecto de se preparar para a creación dun deseño da cabeza da Liberdade. Morgan tamén estudou a natureza da aguia de cabeza branca para a preparación do deseño do reverso. Para a imaxe da Liberdade, Morgan buscou representar unha muller común estadounidense, no canto das figuras de estilo grego habituais. Un amigo de Morgan, o pintor Thomas Eakins, suxeriulle como modelo a Anne Willess Williams, de Filadelfia. Morgan mantivo cinco sesións de traballo coa modelo, da que declarou que tiña o perfil máis perfecto que vira xamais.[18]

O 18 de outubro de 1877, Linderman solicitoulle ao superintendente da ceca de Filadelfia, James Pollock, "dar instrucións a Morgan para preparar sen demora, cuños para un dólar de prata, cos deseños e as lendas iguais aos da impresión adxunta para o medio dólar e numerada co 2, substituíndo as palabras 'medio dólar' por 'un dólar'". Linderman tamén lle pediu a Pollock "dar instrucións a Barber para preparar un cuño do reverso para o dólar cunha representación dunha aguia, así como as lendas requiridas pola lei. Seleccionará algunha das súas cabezas da Liberdade que el prefira para o anverso da moeda".[19] Linderman, evidentemente, prefería os deseños de Morgan por riba dos do gravador xefe, e escribiulle a Pollock o 21 de febreiro de 1878: "teño que declarar, para a súa información, que é a miña intención, no caso de que o proxecto de lei da prata se converta en lei, solicitar que o Secretario do Tesouro aprobe os cuños preparados por Morgan".[20]

Produción editar

A produción das moedas non comezou ata o 11 de marzo de 1878, máis dunha semana despois da aprobación da Lei Bland-Allison. A primeira cuñaxe válida, logo dos axustes da prensa monetaria, produciuse ás 15:17 horas na ceca de Filadelfia. Esta peza entregóuselle ao presidente Hayes, e a segunda e a terceira, respectivamente, ao Secretario do Tesouro, John Serman, e ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Henry Linderman.[21]

Linderman tiña a intención de implicar as cecas occidentais de San Francisco e de Carson City na produción para axudar a alcanzar a cota mensual esixida pola Lei Bland-Allison.[22] A presión era tan grande na ceca de Filadelfia que se detivo a produción de todas as demais moedas e comezou a traballar en quendas extraordinarias. No esntanto, o uso das cecas occidentais foise atrasando, xa que todas as matrices dos cuños se preparaban na de Filadelfia, ao non considerarse que as outras cecas tivesen o equipamento necesario para as preparar. Durante a segunda semana de produción, Linderman sinalou o que chamou unha "leve imperfección" nos cuños feitos para o dólar, a raíz do cal se modificaron para reducir o seu relevo e baixar o número das plumas da cola da aguia de oito a sete. Isto levouse a cabo porque o altorrelevo dos cuños lles ocasionaba unha vida útil máis curta e porque, por outra banda, todas as moedas anteriores do país representaban unha aguia de cabeza branca cun número impar de plumas na cola.[23] Estes novos cuños foron enviados tamén ás cecas occidentais de San Francisco e de Carson City o 16 de abril de 1878.[24] A ceca de Nova Orleáns comezou a cuñar os novos dólares de prata en 1879.[25]

A ceca de Denver, estabelecida en 1906, cuñaría os dólares Morgan unicamente en 1921, xunto coas de Filadelfia e San Francisco.[26]

A Lei Sherman de compra de prata e o Pánico de 1893 editar

 
O senador por Ohio John Sherman, autor da Lei Sherman

A emisión de dólares Morgan mantívose relativamente estable ata a aprobación da Lei Sherman de compra de prata o 14 de xullo de 1890.[27] Esta lei, promovida polo senador de Ohio e anteriormente Secretario do Tesouro John Sherman, forzaba o Tesouro a aumentar a compra de prata ata as 4.500.000 onzas troy (140.000 quilogramos) mensuais.[28] Os seus partidarios consideraban que o aumento da adquisición de prata provocaría a inflación, o que suporía un alivio para os agricultores estadounidenses. A lei tamén recibiu o apoio do sector mineiro, porque unha compra de tal volume levaría consigo un aumento do prezo da prata e, xa que logo, dos seus beneficios.[29]

A pesar de que a lei prevía as grandes compras de prata dun xeito indefinido, estipulou que a casa de moeda debía cuñar dous millóns de dólares de prata mensuais só ata 1891.[30] Como o Tesouro xa tiña excedente de dólares de prata, a súa cuñaxe caeu bruscamente a partir de 1892. A prata que ficou logo da cuñaxe dos dólares usouse para producir pezas de dez centavos, e de cuartos e medios dólares.[27]

A principios de 1893, algunhas industrias, sobre todo de manufacturas e do ferrocarril, declaráronse en creba, o que levou a unha etapa de dificultades económica coñecida como Pánico de 1893.[31] En xuño daquel ano, o presidente Stephen Grover Cleveland, que cría que o pánico fora causado pola inflación xerada pola Lei Sherman, convocou unha sesión especial do Congreso para a derrogar, o que sucedeu o 1 de novembro.[30]

O 13 de xuño de 1898, o Congreso ordenou a cuñaxe en moedas dun dólar de toda a prata restante adquirida baixo a Lei Sherman .[30] A produción de dólares Morgan aumentou, por tanto, novamente, ata que a prata se esgotou en 1904 e a cuñaxe cesou.[26][32]

A Lei Pittman editar

Artigo principal: Lei Pittman.
 
O senador Key Pittman, promotor da Lei Pittman

O Goberno alemán empezou unha campaña de propaganda durante primeira guerra mundial para desacreditar nos territorios da India a moeda do Reino Unido, convencendo os cidadáns indios de que os billetes británicos naqueles territorios non poderían cambiarse por prata. Isto deu lugar a unha carreira pola subministración británica de prata.[32] En resposta, o senador demócrata dos Estados Unidos Key Pittman, de Nevada, presentou en 1918 un proxecto de lei coa intención de aliviar financeiramente o Goberno británico. No proxecto, aprobado o 22 de abril, expúñase: "as vendas de prata baixo a autoridade desta lei poden realizarse co propósito de conservar as existencias de ouro existentes nos Estados Unidos, de proporcionar prata para moedas subsidiarias e uso comercial, e de asistir gobernos estranxeiros en guerra cos inimigos dos Estados Unidos". A lei Pittman autorizaba os EEUU para fundir ata 350 millóns dólares de prata, o que comezou inmediatamente despois da súa aprobación. Finalmente, os Estados Unidos fundiron 270.232.722 dólares de prata. Desa cantidade, 259.121.554 vendéronselle ao Reino Unido co custo dun dólar por cada onza troy.[33]

 
Dólar Morgan do derradeiro ano de emisión (1921). Ceca de Filadelfia (sen marca)

Os EEUU só retomaron a cuñaxe de dólares Morgan en 1921, o único ano en que se produciron na ceca de Denver. O Tesouro xa destruía en 1910 os obsoletos cuños do dólar Morgan, que non se cuñaban desde 1904, polo que cumpriu elaboralos novamente desde o principio para esta tiraxe. Outra disposición da Lei Pittman autorizou os EEUU a cuñar unha moeda en substitución de cada dólar de prata que se fundise.[34]

Durante ese mesmo ano 1921 emitiuse por primeira vez un novo deseño de dólar, coñecido como dólar da Paz (Peace Dollar) por conmemorar o final da primeira guerra mundial. En principio, este novo modelo creouse para substituír o dólar Morgan, baixo os auspicios da Lei Pittman pero sen autorización do Congreso, aínda que a lei non describía o deseño do novo dólar.[35] Os cambios no deseño baseábanse nunha autorización previa recollida xa unha lei do Congreso de 1890, na que se indicaba, entre outras cousas: "non se farán cambios no deseño nin no cuño de ningunha moeda máis dunha vez en 25 anos a partir do ano da súa adopción .[36][37]

Os dólares Morgan da ceca de Carson City editar

Ata 1964, os cidadáns estadounidenses podían trocar os certificados de prata por moedas dun dólar nunha casa de moeda da Tesouraría dos EEUU. En 1962, unha persoa fixo esta operación e recibiu a cambio un raro e cotizado exemplar de dólar Morgan, que procedía dunha bolsa que levaba décadas depositada nas caixas fortes da ceca de Filadelfia.[38][39]

Este caso provocou moito interese e, entre novembro de 1962 e marzo de 1964, vendéronse polo seu valor facial millóns de dólares Morgan e do tipo que os substituíu, os dólares Peace. A demanda para trocar os certificados por dólares de prata era tal que chegaban a formarse colas fóra do edificio do Tesouro en Washington e algunhas persoas mesmo ían con carretas.[38]

Durante este proceso, o Tesouro dos Estados Unidos descubriu ademais que nas súas cámaras acoirazadas, dentro dunhas bolsas había máis de 2,8 millóns de moedas dun dólar Morgan cuñadas na ceca de Carson City, cuxa existencia se descoñecía. Os funcionarios da Tesouraría decidiron retelos e non entregalos a cambio dos certificados de prata, coñecedores de que a cantidade de dólares cuñados en Carson City fora moi inferior á do resto das cecas, o que lles achegaría ás moedas un notable valor numismático que acrecentaría a súa cotización.[38][39]

O 12 de maio de 1969 reuniuse a Comisión Conxunta de Moeda para determinar o mellor xeito de vender os dólares Morgan de Carson City atopados; a comisión recomendou organizar unha venda por correo.[40] O 31 de decembro de 1970 aprobouse unha lei que lle ordenaba ao Tesouro transferir os dólares ao Administrador de Servizos Xerais, a quen se lle encomendou organizar unha ampla campaña de publicidade previa (que incluía espazos na televisión) e a posterior venda dos dólares. As moedas foron ordenadas e montadas en pequenos expositores de plástico. O Administrador de Servizos Xerais organizou sete vendas por correo entre 1972 e 1980 e, en total, as estas xeraron uns ingresos de 107 millóns de dólares.[40][41]

Emisións conmemorativas editar

 
Dólar conmemorativo de 2006, co reverso do dólar Morgan (con lixeiras modificacións).

O 15 de xuño de 2006, aprobouse a emisión dun dólar de prata e unha moeda de ouro con valor de cinco dólares en conmemoración da vella ceca de San Francisco, co fin de achegar parte dos beneficios da venda das moedas á rehabilitación do antigo edificio da ceca. Autorizouse a cuñaxe de 100.000 pezas de ouro e 500.000 de prata.[42] O deseño do anverso do dólar de prata amosaba unha vista frontal esquerda do edificio da ceca e o reverso, obra do artista da casa da moeda Joseph Menna, reflectía case exactamente o reverso habitual dos dólares Morgan.[4][5][43]

Pola súa banda, ao celebrarse en 2021 o centenario da derradeira emisión do dólar Morgan, a Casa da Moeda dos Estados Unidos realizou unha emisión conmemorativa desta emblemática moeda, cuñada nas cinco cecas que a compoñen (Carson City, San Francisco, Denver, Nova Orleáns e Filadelfia).[44]

Tiraxes anuais editar

Os dólares Morgan foron cuñados anualmente entre 1878 e 1904 en catro cecas da Casa da Moeda dos Estados Unidos (Filadelfia, Nova Orleáns, San Francisco e Carson City). Posteriormente, en 1921 retomouse a produción só por un ano e unicamente na ceca de Denver.[3][45][46]

Ano Filadelfia Nova Orleáns San Francisco Carson City Denver
1878 10.500.000 9.774.000 2.212.000
1879 14.806.000 2.887.000 9.110.000 756.000
1880 12.600.000 5.305.000 8.900.000 591.000
1881 9.162.991 5.708.000 12.760.000 296.000
1882 11.100.000 6.090.000 9.250.000 1.133.000
1883 12.290.000 8.725.000 6.250.000 1.204.000
1884 14.070.000 9.730.000 3.200.000 1.136.000
1885 17.787.000 9.185.000 1.497.000 228.000
1886 19.963.000 10.710.000 750.000
1887 20.290,000 11.550.000 1.771.000
1888 19.183.000 12.150.000 657.000
1889 21.726.000 11.875.000 700.000 350.000
1890 16.802.000 10.701.100 8.230.373 2.309.041
1891 8.693.556 7.954.529 5.296.000 1.618.000
1892 1.036.000 2.744.000 1.200.000 1.352.000
1893 378.000 300.000 100.000 677.000
1894 110.000 1.723.000 1.260.000
1895 880 450.000 400.000
1896 9.976.000 4.900.000 5.000.000
1897 2.822.000 4.004.000 5.825.000
1898 5.884,000 4.400,000 4.102.000
1899 330.000 12.290,000 2.562.000
1900 8.830.000 12.590.000 3.540.000
1901 6.962.000 13.320.000 2.284.000
1902 7.994.000 8.636.000 1.530.000
1903 4.652.000 4.450.000 1.241.000
1904 2.788.000 3.720.000 2.304.000
1921 44.690.000 21.695.000 20.345.000
Total 305.437.547 186.097.629 131.188.373 13.862.041 20.345.000

Notas editar

  1. "1 Dollar "Morgan Dollar"". Numista.com
  2. 2,0 2,1 "Morgan Dollars". My Coin Guides.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "1 Dollar "Morgan Dollar"". En Numista.
  4. 4,0 4,1 "San Francisco Old Mint Commemorative Coin Program". United States Mint.
  5. 5,0 5,1 "San Francisco Old Mint Commemorative Silver Dollar Coin". United States Mint.
  6. Yeoman, R. S. (2010). Páxinas 218, 221.
  7. A Casa da Moeda dos Estados Unidos (United States Mit) é a ceca oficial dos EEUU, que historicamente contou cunha rede de cecas en diversas localidades, como Filadelfia, San Francisco, Nova Orleans, etc. Véxase "History of the U.S. Mint". United States Mint.
  8. 8,0 8,1 8,2 "Legislation Impacting Morgan Silver Dollars". En Morgan Dollars. My Coin Guides.
  9. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 21.
  10. 10,0 10,1 Fite, E. D. (1919). Páxina 428.
  11. 11,0 11,1 Fite, E. D. (1919). Páxina 429.
  12. 12,0 12,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 23.
  13. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 18.
  14. 14,0 14,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 24.
  15. "Rutherford B. Hayes". En Harness, G. (1992). Presidential Vetoes, 1789-1988. Washington. United States Government Printing Office..
  16. 16,0 16,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 73.
  17. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 74.
  18. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 75.
  19. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 79.
  20. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 83.
  21. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 84.
  22. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 86.
  23. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxinas 87-88.
  24. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 90.
  25. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 219.
  26. 26,0 26,1 Yeoman, R. S. (2010). Páxina 221.
  27. 27,0 27,1 Yeoman, R. S. (2010). Páxina 220.
  28. Fite, E. D. (1919). Páxina 446.
  29. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 27.
  30. 30,0 30,1 30,2 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 29.
  31. Brothers, E. (2011). "The Great Panic of 1893 and its Aftermath". En The Numismatist. Xaneiro. American Numismatic Association. 48-52.
  32. 32,0 32,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 30.
  33. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 31.
  34. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxinas 32, 95.
  35. Yeoman, R. S. (2010). Páxina 222.
  36. Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxina 409.
  37. Richardson, W. Allen. (1891). Supplement to the revised statutes of the United States. 1. Washington. United States Government Printing Office. Páxinas 806-807. 26 Stat L. 484. Chap. 944.
  38. 38,0 38,1 38,2 Yeoman, R. S. (2010). Páxinas 27-28.
  39. 39,0 39,1 "United States Mint Branch at Carson City, Nevada". Gainesville Coins.
  40. 40,0 40,1 Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Páxinas 397-402.
  41. Department of the Treasury, Bureau of the Mint (1972). Domestic and Foreign Coins Manufactured by Mints of the United States 1793-1970. Washington. United States Government Printing Office. Páxinas 137-138.
  42. "Public Law 109-230. June 15, 2006". United States Government Printing Office.
  43. Julian, R. W. (1993). Páxinas 263-265.
  44. Martínez Gallego, J. M. "Homenaje de la US Mint: Centenario de la última emisión del histórico Dólar Morgan de 1921". Crónica Numismática.
  45. Guth, R. "Morgan Dollar Arquivado 06 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". Professional Coin Grading Service (PCGS).
  46. "Morgan Dollar Mintage". En Morgan Dollar. My Coin Guide.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Fite, E. D. (1919). History of the United States. 2ª ed. NNova York. Henry Holt & Co.
  • Julian, R. W. (1993). Silver Dollars & Trade Dollars of the United States. Wolfeboro. Bowers and Merena. ISBN 0-943161-48-7
  • Mercanti, J. M. (2014). Morgan Dollar. Legendary cliins and the making of the modern market: featuring the coins of the Coronet Collection. Whitman, Atlanta. ISBN 9780794842772
  • Van Allen, L. C.; Mallis, A. G. (1991). Comprehensive Catalog and Encyclopedia of Morgan & Peace Dollars. Virginia Beach. DLRC Press. ISBN 978-1-880731-11-6
  • Yeoman, R. S. (2010). A Guide Book of United States Coins. 63ª ed. Atlanta. Whitman Publishing. ISBN 978-0-7948-2767-0

Ligazóns externas editar

Predecesor:
Dólar da Liberdade sentada
 
Moeda dun dólar estadounidense

1878-1904 e 1921
Sucesor:
Dólar Peace