A débeda pública ou débeda soberana é aquela emitida polo goberno, xeralmente cun compromiso de realizar liquidacións periódicas de intereses e de devolver o valor nominal no prazo de vencemento. A débeda pública acostúmase expresar na propia moeda do país. Calquera emisión de bonos realizada por unha entidade pública é débeda pública, pero ás veces o termo emprégase para referirse á emisión de bonos nunha moeda diferente da do Estado. O termo crise de débeda pública foi acuñado pola prensa para facer referencia aos casos nos que un goberno está en risco de non poder asumir os pagamentos da súa débeda pública.

As condicións nas que un goberno pode vender débeda dependen da solvencia que os mercados estiman que ten. Aínda que as axencias internacionais de cualificación crediticia avalían a súa débeda, son os participantes no mercado os que toman a decisión de adquirila.

Historia editar

 
Bono do Estado de EEUU: 1976 8% Nota do Tesouro

A primeira emisión de débeda pública en forma de bonos produciuse no que hoxe son os Países Baixos no ano 1517.[1] Os Países Baixos non existían naquel momento, os bonos emitidos pola cidade de Ámsterdam considéranse os seus predecesores, que posteriormente se fusionaron coa débeda pública do país. O tipo de xuro medio naquel momento flutuaba arredor do 20%.

A primeira emisión de bonos de débeda pública realizada polo goberno dun Estado realizouna o Banco de Inglaterra en 1693 por medio da tontina (operación de lucro na que un fondo económico achegado por varias persoas se reparte entre os superviventes nunha data fixada de antemán) para financiar unha guerra contra Francia. Guillerme III de Inglaterra, o Príncipe de Orange, creou o Banco de Inglaterra e copiou da República dos Sete Países Baixos Unidos o sistema de emisión de bonos para así aumentar a débeda pública nos territorios nos que gobernaba como estatúder co obxectivo de financiar os esforzos de Inglaterra na guerra.

Máis tarde, os gobernos europeos empezaron a emitir bonos perpetuos (bonos sen data de vencemento) para financiar guerras e outros gastos do goberno. A utilización de débeda perpetua cesou no século XX e agora os gobernos emiten débeda con data límite de vencemento.

Riscos editar

Risco de crédito editar

A emisión de bonos de débeda pública na moeda do país tómase ás veces como unha aproximación da débeda de risco cero teórica, dado que se supón que o goberno pode elevar os impostos ou emitir máis moeda para amortizar o bono ao seu vencemento. Déronse casos nos que un goberno incumpriu a súa débeda interna, por exemplo en Rusia no 1998 (a «crise do rublo»).

Risco de cambio editar

O risco de cambio é a perda potencial como consecuencia das variacións do tipo de cambio, é dicir, aquel no que o valor da divisa na que se paga o bono de débeda diminúe con respecto da divisa de referencia do comprador do bono. Por exemplo, un investidor alemán pode considerar que a débeda dos Estados Unidos ten un maior risco de cambio cá débeda alemá, dado que o dólar pode baixar con relación ao euro. De igual forma, un investidor estadounidense pode considerar que a débeda alemá ten máis risco de cambio cá débeda estadounidense, xa que o euro pode baixar con respecto ao dólar. Mercar débeda nunha moeda que historicamente non mantén o seu valor pode non ser unha boa decisión, mesmo se o tipo de xuro que se ofrece é elevado.

Risco de inflación editar

O risco de inflación é a incerteza que provoca a existencia de inflación sobre a taxa de rendemento real dun investimento, é dicir, o valor da moeda na que se paga un bono de débeda pública diminúe ao longo do tempo. Os investidores esperan certa inflación, polo que o risco está en que a taxa de inflación sexa maior cá esperada. Moitos gobernos emiten bonos indexados á inflación que protexen aos investidores contra este risco por medio da vinculación das liquidacións de xuros e do pagamento ao vencemento cun índice de prezos ao consumidor.

Oferta monetaria editar

Se un banco central, por exemplo o Banco Central Europeo (BCE) merca débeda soberana, como bonos ou letras do Tesouro, aumenta a oferta monetaria e, en consecuencia, créase diñeiro. No caso de Europa e o BCE, a mutualización da débeda consiste na emisión común de débeda europea, titulizada e negociábel nos mercados, emitida por unha única entidade –na actualidade, ante a falta dun “Tesouro Europeo” é o Mecanismo Europeo de Estabilidade. Durante a crise da COVD-19 formulouse a mutualización da débeda en Europa.[2] Iso favorece os países máis endebedados e economicamente fráxiles, pois a responsabilidade de pagar esta débeda recaería en todos os países membros. Significa que, se, por exemplo, Portugal non tivese fondos para transferir ao “Tesouro Europeo” para facer fronte á súa parte da débeda europea mutualizada, os restantes países membros estarían obrigados a transferir máis fondos, de forma que a Tesouraría da Unión Europea non podería predeterminar.[3]

Crises de débeda pública editar

Animación coa evolución da débeda pública e o déficit dos países europeos entre 1980 e 2013

A situación de tensións e dificultades que se presentan no financiamento do erario dun país. Os problemas poden manifestarse na imposibilidade de pagar os compromisos asumidos polo Estado, na dificultade para atopar investidores para facer novos créditos ou na suba do tipo de xuro que deben pagar os Estados pola emisión de nova débeda.

A orixe destas crises vén producida por unha crecente acumulación de débeda pública emitida para financiar os déficits orzamentarios acumulados dun país. A crise desencadea cando o importe total da débeda é dun importe no que o Estado non pode facer fronte ao pagamento de xuros ou á amortización do capital prestado, porque estes alcanzan unha porcentaxe considerable dos recursos públicos. Fálase de crise de débeda externa nos casos nos que o erario público ten unha débeda excesiva co resto do mundo, e non dispón de moeda estranxeira para satisfacer os seus intereses e amortizacións.

Crise das subprime e influencia nas débedas europeas editar

As crises de débeda privada poden influír de diversos xeitos na débeda pública. Entre 2006 e 2008 comezou nos Estados Unidos unha crise por causa das hipotecas de alto risco (subprime) asociada á falta de regulación do mercado de derivados financeiros. Tres das principais globais axencias de cualificación (Moody's, Standard & Poors e Fitch) falseaban a cualificación crediticia de produtos derivados simplemente para gañar máis diñeiro.[4] Ao darlles as mellores notas -ás veces triplo A, a mesma que os bonos do Tesouro dos Estados Unidos de América-, as axencias enviaban ao mercado a mensaxe de que eses activos eran seguros e pagaba a pena investir neles.[5]

A crise das subprime derivou na crise do euro en varios Estados de Europa. Sendo a política monetaria dictada pola Unión Europea, non se mutualizou a débeda nin se puido recorrer á desvalorización da moeda para o manexo da inflación e a débeda. A crise tivo un grande impacto na política da UE, provocando cambios políticos en 8 países dos 17 que forman a eurozona, conducindo a cambios de goberno en Grecia, Irlanda, España, Eslovenia, Eslovaquia e os Países Baixos. A débeda pública ascendeu en 2013 en España ao 93,4% do PIB (Produto Interior Bruto). Varios países do oeste e do sur de Europa, como Portugal, España, Irlanda ou Grecia foron resgatados ou estiveron en risco de selo. Nese contexto varios medios acuñaron o termo despectivo PIGS e variantes.

PIGS, PIIGS, PIIIGS, PIGGS e PIIGGS editar

 
Acrónimos pexorativos PIGS, PIIGS e PIIGGS.

PIGS é un acrónimo pexorativo en inglés (de pig = porco) co que varios medios financeiros anglosaxóns facían referencia aos países da Europa meridional, onde se abordaban os problemas de déficit e balanza de pagamentos dos devanditos países. Despois da Gran Recesión, o termo a miúdo inclúe Irlanda (co acrónimo PIIGS ou o tamén despectivo ou racista GIPSI = xitano) e Islandia (co acrónimo 'PIIIGS) para referirse aos países, algúns coñecidos anteriormente como "exemplares", que sufriron un aumento da crise en comparación co resto de Europa.[6] Tamén se engadía ás veces a Gran Bretaña formando o acrónimo PIGGS ou PIIGGS. En 2012, CNBC press suxeriu que Francia tamén se debería engadir ao acrónimo.[7]

Notas editar

  1. Shemsizedek, Negus (2019-07-10). "World Government bond". World Credit Union Authority (en inglés). Consultado o 2022-03-01. 
  2. 20minutos (2020-07-22). "¿Qué significa mutualizar la deuda?". www.20minutos.es - Últimas Noticias (en castelán). Consultado o 2022-03-01. 
  3. "Mutualização da dívida pública europeia: o que podemos aprender da experiência nacional? (Parte I)". Tudo Menos Economia (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 01 de marzo de 2022. Consultado o 2022-03-01. 
  4. "A crise da débeda soberana". Terra e tempo. Arquivado dende o orixinal o 01-03-2022. Consultado o 1-3-2022. 
  5. Velázquez-Gaztelu, Juan Pedro (2007-08-15). "Las alarmas no sonaron a tiempo". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-03-01. 
  6. http:/ / www.ceps.eu/book/adjustment-difficulties-gipsy-club
  7. https://www.cnbc.com/id/47440687

Véxase tamén editar

Outros artigos editar