A débeda[1] (do latín debĭta, «o que se debe a alguén») é un compromiso de pago obrigado entre dúas entidades (persoa, grupo, empresa, estado). Se a palabra débeda se emprega esencialmente para devolver diñeiro, é dicir, débeda económica, unha débeda é tamén un concepto moral. Certas débedas morais son imposibles de cuantificar ou de reembolsar, por exemplo, cando unha persoa salva a vida doutra persoa.

Palacio da Bolsa de Madrid, España.

As débedas xogan un rol central na organización das actividades humanas, sobre todo económicas. Xeralmente, unha débeda permite un investimento que transforma o tecido produtivo, xerando melloras para a produción. Por exemplo, un estado pode endebedarse para construír infraestruturas tales como estradas, que á súa vez van favorecer os intercambios. Ou sinxelamente, un campesiño pode pedir a axuda dos seus veciños para traballar unha terra, que poderá entón frutificar e dar beneficios.

No capitalismo, o sistema bancario é un puntal esencial da economía de mercado. Os bancos centrais controlan a emisión de moeda e emiten débeda pública. Efectivamente, a débeda non é senón un medio para controlar a macroeconomía e a taxa monetaria, un instrumento en función de varios índices: o crecemento económico, a inflación ou o desemprego dun país. Co fin de asegurar a confianza dos diferentes axentes económicos, as débedas están reguladas pola lei. En Dereito, o concepto de débeda forma parte do dereito das obrigacións.[2] Pero as dinámicas complexas da débeda son dificilmente comprensibles e, a pesar do dereito, causan un risco certo sobre a economía ou as sociedades humanas. Non pode facerse caso omiso aos riscos exteriores, como o clima ou a saúde das persoas, nin á dimensión psicolóxica asociada á percepción do futuro, do valor ou do risco nos seres humanos. Se os axentes económicos perden confianza no futuro ou na súa capacidade para cumprir as súas promesas, o fráxil equilibrio pode romper.

En contabilidade, unha débeda é un pasivo ou un activo, visto desde o punto de vista do debedor ou do acredor, cuxo vencemento e importe están fixados de modo preciso. Neste sentido, as débedas dunha persoa, dunha empresa, dun país ou dunha institución son o conxunto dos préstamos que terá que reembolsar.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para débeda.
  2. Dette Arquivado 21 de outubro de 2017 en Wayback Machine., na páxina web Legifrance.gouv.fr. Consultado o 27 de xuño de 2016.