Cultura de Hallstatt

período cultural da Idade do Ferro
Idades prehistóricas
Holoceno   La Tène   Protohistoria
  Hallstatt
Idade de Ferro
  Bronce final  
  Bronce medio
  Bronce antigo
Idade de Bronce
    Calcolítico    
  Neolítico Prehistoria
Mesolítico / Epipaleolítico
Plistoceno     Paleolítico superior  
    Paleolítico medio
    Paleolítico inferior
  Paleolítico
Idade de Pedra

A cultura de Hallstatt foi a cultura arqueolóxica predominante de Europa Occidental e central da Idade do Bronce Final (Hallstatt A, Hallstatt B) entre os séculos XII e VIII a. C., desenvolvido a partir da cultura dos Campos de Urnas do século XII a.C. e seguida en gran parte da súa área pola cultura de La Tène. Asóciase comunmente con poboacións de fala protocelta.

O nome editar

A cultura de Hallstatt recibe este nome polo poboado así denominado, Hallstatt en Austria, característico da época. As novidades achegadas por esta civilización son o uso intensivo do ferro, coñecido en Europa desde o final da Idade de Bronce, pero non usado máis que raramente.

Característica editar

Os emigrantes europeos (de lingua indoeuropea) representantes da cultura de Hallstatt proporcionaron un tipo peculiar de bocado de cabalo que despois se estendeu bastante (efectuáronse achados en Bélxica). As súas influencias culturais concretáronse na introdución de métodos de doma e monta do cabalo, a difusión da espada de ferro e unha nova técnica de combate dacabalo; e sobre todo existía nos pobos tracio-cimerios unha casta aristocrático-feudal de cabaleiros (localízanse tumbas de gran riqueza con armas, xoias e monturas, e todo de alto valor artístico) que cada vez se fará máis poderosa (nas tumbas dunha época ao redor do 600 a.C. localízanse tamén luxosos carros de catro rodas e carros de combate de dúas rodas).

As rexións afectadas polas penetracións indoeuropeas presentan un mosaico de culturas rexionais moi dispares, pero algunhas delas presentan relacións ou parentescos imposíbeis de explicar pola simple veciñanza xeográfica. Suxeriuse (é unha mera hipótese) que as grandes familias aristocráticas fundaron dinastías e crearon estados ou reinos e que a súa autoridade se estendía noutros territorios vasalos ou concedidos nunha especie de feudo, a miúdo afastados uns dos outros, a semellanza da época medieval. Os vasalos sometidos á mesma dinastía podían ser do norte de Francia ou do norte de Italia pero, dado que estaban nucleados por un mesmo clan dirixente, adoptaban unhas características similares sen prexuízo das variacións locais.

 
Mapa mostrando a distribución da cultura Hallstatt e La Tène.      O centro do territorio Hallstatt (sobre o 800 a.C.) móstrase en amarelo escuro.      A eventual área de influencia da cultura Hallstatt (sobre o 500 a.C.) en amarelo claro.      O centro do territorio da cultura La Tène (450 a.C.) móstrase en verde escuro.      A eventual área de influencia da cultura La Tène (sobre o 50 a.C.) móstrase en verde claro.

Outro factor de asimilación das diversas culturas indoeuropeas é o comercio mediterráneo acreditado por achados diversos, colaborando especialmente cos etruscos e sobre todo cos gregos que estableceron itinerarios comerciais e grandes mercados, cuxa xurisdición daba ao príncipe celta a quen correspondía, unha extraordinaria riqueza.

Difusión editar

A difusión da cultura de Hallstatt desenvólvese polo desprazamento de poboación durante un período moi longo de anos (750 a.C. a 450 a.C. polo menos). A chegada dos pobos practicantes desta cultura é progresiva. Cada chegada redúcese a uns centenares de individuos cun caudillo e unha organización propia; falan unha lingua indoeuropea, pero que é diferente en cada grupo.

Cada grupo de emigrantes establece un poboado ou un grupo de poboados. Eventualmente coa absorción das poboacións locais fórmanse tribos cun certo poder comarcal. A cultura do grupo dominante na rexión imponse a outros grupos menores tamén integrados por indoeuropeos, probabelmente debido á maior penetración na poboación local anterior á súa chegada.

Aínda que os seus establecementos son permanentes parece que despois dunha ou dúas xeracións nun mesmo asentamento trasladábanse a outro lugar, quizais polo aumento da poboación, ou por causas comerciais, creándose grupos culturais similares.

Os achados permiten a miúdo distinguir diferenzas de matices que poderían indicar unha orixe "nacional" ou "tribal" diversa, cando non son de orde cronolóxica.

Na Península Ibérica editar

A práctica da incineración (xeneralizada despois do 600 a.C.) impediu realizar estudos antropolóxicos para determinar a incidencia étnica destes pobos indoeuropeos nos pobos pirenaicos. Con todo, a amplitude dos achados permite asegurar unha incidencia étnica non desprezábel. Aínda así, como non se sabe a cantidade dos indoeuropeos establecidos (pois dos chegados en varias remesas hai que descontar os que marcharon máis tarde) nin a poboación local nin as relacións entre as dúas comunidades, a incidencia non pode establecerse

Efectivamente apréciase que a cultura da incineración penetrou con certa rapidez nos pobos do oeste, centro e norte da Península Ibérica, pobos de cultura neolítica tardía nos que o bronce e os metais para o uso xeral penetraron con bastante traballo, mentres non penetrou na zona costeira mediterránea, onde o uso de metais está máis estendido (os achados de carácter indoeuropeo páranse alá onde empezan os emparentados coa cultura metalúrxica de El Argar), nin no sur, onde se desenvolve a cultura tartesia.

Os poboados dos Celtas ou indoeuropeos da Cultura de Hallstatt compoñíanse, coma os precedentes, de cabanas de madeira de forma circular cunha soa cámara e unha única porta de acceso. O teito era de ramallos e colmo e adoptaba forma de cúpula. Pero estas construcións foron pronto substituídas por cabanas de pedra, de planta rectangular, cunha soa porta e con teito de ramaxe plano, a imitación das existentes na Península.

Como os seus poboados se situaban en lugares planos ou en alturas reducidas próximos aos ríos, ou ben en alturas abertas e accesíbeis (estes últimos eran asentamentos onde a base económica é a gandería, estando xeralmente en zonas montañosas), dedúcese a inexistencia de necesidades defensivas. O seu predominio militar facíaos superiores aos pobos locais. Ademais estes adoptaron os seus mesmos costumes e a súa relixión, de forma que se no período dos protoceltas mesmo pode intuírse algunha precaución defensiva, no período de Hallstatt os indoeuropeos xa non temen ningún ataque local. Curiosamente tampouco se atacan entre si, o que podería indicar a existencia de principados territoriais cunha área de influencia moi definida.

As necrópoles editar

Estudáronse detidamente as necrópoles do período de Hallstatt, case todas localizadas casualmente posto que ningunha indicación permite fixar a súa localización. As tumbas son pouco espectaculares. O defunto era queimado e as súas cinzas e os ósos, conservados logo da incineración, introducíanse nunha urna de barro, remedando unha ola, ás veces xunto a obxectos persoais. Unha tapa pechaba a urna e esta enterrábase con ofrendas ao redor seu colocadas en urnas máis pequenas que contiñan comida, auga e obxectos, dos cales só se conservan os de metal. O enterro facíase nun foxo non moi profundo (menos dun metro) onde se colocaban as urnas, e o foxo era cuberto por unha pedra aplanada, sobre a que se botaba terra ata cubrila. As tumbas localízanse próximas unha á outra e o conxunto forma unha necrópole coñecida por campos de urnas (primitivamente foi denominada polos prehistoriadores alemáns Urnenfeldern). Cando se producía a morte de dúas persoas familiares, estas eran enterradas no mesmo foxo, en urnas separadas, aínda que tamén é posíbel que as tumbas nas que se observan estes dobres ou múltiples enterros tivesen un carácter familiar, onde unha familia ía enterrando os seus mortos durante un certo tempo. Preto das necrópoles situábase o "ustrinium", un espazo plano de pedra onde se queimaban os cadáveres.

Relixión editar

Estando asociadas as prácticas funerarias ás crenzas relixiosas, non hai que dubidar que a nova relixión, descoñecida hoxe en día, impúxose progresivamente ás poboacións locais que, despois do 600 a.C., xa se celtizaran no aspecto relixioso, e practicaban tamén a incineración, sen que se coñezan outros elementos das prácticas relixiosas adoptadas, nin que aspectos da antiga relixión puideron sobrevivir en épocas posteriores.

Metalurxia editar

Os indoeuropeos coñecían a técnica da fundición do ferro, que descubriran os hititas cara ao 2500 a.C., e que se difundiu por Europa Oriental cara ao 2000 a.C. e despois por Europa Central. Con todo o seu uso era moi limitado. Tampouco cos celtas da cultura de Hallstatt pode falarse dunha difusión xeneralizada dos obxectos de ferro na Península Ibérica, e as armas e utensilios que estes usaban eran maioritariamente de bronce.

Coñécense varias espadas da época de Hallstatt, na que teñen a característica de seren alongadas coma as anteriores (do período protocelta) pero máis largas e con pomo en forma de seta inserida na lingüeta. As machadas de ferro son trapezoidais. En xeral as armas de ferro daban aos seus posuidores unha indubidábel superioridade militar, pero nos poboados celtas apenas se atoparon armas. Probabelmente trataríase de poboados pacíficos de comerciantes, que cambiaban de localización cando os produtos que ofrecían, antes innovadores, saturaran o escaso mercado (non hai que esquecer a lonxevidade dos obxectos de ferro e a escaseza da poboación da época) ou ben cando os clientes potenciais aprenderan as técnicas para fabricalos eles mesmos.

Vida cotiá editar

O alimento básico dos indoeuropeos nesta época era o trigo, e tamén as landras.

Por varios achados sábese que os indoeuropeos afeitábanse a cara cunhas navallas de dobre corte. Unían os seus vestidos con fíbulas (imperdíbeis arcaicos) e moi ocasionalmente con botóns de bronce, aínda que as fíbulas atopadas na Península Ibérica corresponden todas ao período de La Tène cando o seu uso se xeneralizou. As mulleres usaban agullas longas con cabeza redonda, probabelmente para o pelo, e pendentes de pezas circulares; coñecían as pinzas e os homes utilizaban cinto, posto que se localizaron fibelas; a abundancia de achados de navallas de afeitar permite supoñer que esta era practícaa xeral, mentres que ata entón os homes usaban barba.

Os celtas eran monógamos, bos xinetes e afeccionados á caza. Practicaban bailes frecuentemente. A agricultura asumía ás veces un carácter de práctica colectiva. Ademais da agricultura practicaban tamén a gandería, e quizais había tamén grupos de guerreiros.

Os celtas eran parcialmente dolicocéfalos, pero de forma pouco acusada, mentres outra parte eran braquicéfalos de gran capacidade cranial. Eran altos, esveltos, de cabelos louros, castaños ou cobreados, (aínda que con porcentaxes apreciábeis de morenos), ollos grises, verdes ou de tons claros e de faccións máis ben agudas. O celta clásico corresponde a un home de boa estatura, cabelo castaño ou louro, ollos verdosos, gran capacidade cranial, braquicéfalo, fronte ancha e plana e o cranio anterior pouco desenvolvido. O occipucio achégase á vertical e as eminencias superciliares están moi desenvolvidas. O ángulo parietal é a miúdo negativo. A cara é ensanchada en relación co cranio. Os seus pómulos son marcados e apartados, e a súa mandíbula inferior cadrada. A cara é rectangular e aplanada. O seu nariz é pouco saliente e a fosa nasal do cranio ten o reverso lixeiramente cóncavo e o extremo levantado. A cabeza en conxunto é grande, mentres o pescozo é estreito.

Non é posíbel asegurar se os indíxenas aceptaron voluntariamente a cultura dos indoeuropeos ou lles foi imposta, pero a superioridade militar destes e a ancestral hostilidade ao externo fan porén plausíbel a idea dunha imposición pola forza.

É predominante en toda a zona do Val do Ebro a cerámica excisa (de ex, fóra, e cisio, cortar), e máis ao leste predominan os vasos bicónicos de pescozo cilíndrico con decoración acanalada. A cerámica do período hallstáttico é máis rica que no período precedente.

A última vaga dos pobos celtas da cultura de Hallstatt trasladouse cara ao Centro da Península, Galicia, León e Asturias, e caracterizouse pola aparición de antenas nos pomos das espadas, as espadas curtas e os puñais de ferradura.

Véxase tamén editar