Cosme Vázquez

futbolista español

Cosme Vázquez Subiabre, nado en Mondariz o 15 de xaneiro de 1904 e finado en Madrid o 27 de agosto de 1976, foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro. Foi o primeiro galego en marcar un gol na Primeira División, na primeira xornada da tempada 1928/29 que enfrontaba ao seu equipo, o Atlético de Madrid, co Arenas de Getxo.

Cosme
Información persoal
Nome Cosme Vázquez Subiabre
Nacemento 15 de xaneiro de 1904
Lugar de nacemento Mondariz
Falecemento 27 de agosto de 1976
Lugar de falecemento Madrid
Posición dianteiro
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1921–1922 Atlético de Madrid 6 (9)
1922–1923 Real Vigo
1923–1929 Atlético de Madrid 47 (35)
1929–1931 Real Madrid 30 (11)
1931–1932 Celta de Vigo 9 (2)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Procedía dunha familia moi numerosa, fillo de Emelina Subiabre Peña, de nacionalidade chilena. Comezou a estudar enxeñaría, pero deixouno polo fútbol. Xogou no Real Vigo Sporting e logo no novo Celta de Vigo, e axiña destacou pola súa capacidade goleadora, por exemplo xa xogando no Celta na Copa do Apóstolo en Santiago de Compostela, en novembro de 1925, fronte ao Real Madrid.

Logo duns anos en Vigo fichou polo Athletic de Madrid. Na tempada 1925-26 proclamouse subcampión rexional co equipo madrileño e foi tamén subcampión do Campionato de España. No campionato estatal tivo unha destacada actuación, anotando 11 goles e rematando como o terceiro máximo goleador da competición, cun gol menos que os tamén galegos Ramón González e Ramón Polo, do Deportivo da Coruña e do Celta respectivamente. Cosme marcou dous goles nos cuartos de final contra o Espanyol, outros dous nas semifinais contra o Celta (un deles o gol da vitoria na prórroga), e outro na final contra o FC Barcelona que gañaron os cataláns. Na seguinte campaña proclamouse campión do Campionato Rexional Centro.

En xuño de 1928 Cosme defendeu de novo a elástica celeste do Celta nunha xira pola Arxentina e o Uruguai, pero regresou a Madrid coa creación da Liga española de fútbol na tempada 1928-29. Foi o primeiro galego en marcar un gol na Primeira División. Aconteceu xa no primeiro encontro de liga contra o Arenas de Getxo, onde bateu ao gardameta vasco José María Jáuregui.[1] Foi titular no centro do campo xunto a Arteaga, Santos, Ordóñez e o tamén galego Lecube e rematou a tempada como segundo máximo goleador da liga, con 15 goles en 17 partidos, só por detrás dos 16 de Paco Bienzobas.

Ao ano seguinte fichou polo Real Madrid xunto co seu compañeiro no Atlético Luis Olaso. Porén, non triunfou no equipo branco, xogando 16 partidos de liga en dúas tempadas e metendo 4 goles. En 1931 regresou a Vigo para xogar na segunda división co Celta, marcando dous goles fronte ao Murcia e o Cataluña.

Tras rematar a súa carreira como xogador, foi directivo e delegado do Atlético de Madrid, residindo nesa cidade o resto da súa vida.

Notas editar

  1. "Cosme abrió el camino en 1929 al batir la meta del Arenas". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de xaneiro de 2008. p. 42. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar