Coroa húngara

moeda do Reino de Hungría (1919-1927)
Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).

Coroa húngara †
magyar korona (húngaro)

Moeda de 5 coroas de 1922

Billete de 1.000 coroas de 1920

Ámbito: República Popular de Hungría (1918-1919)
República Soviética Húngara (1919)
República de Hungría (1919-1920)
Reino de Hungría (1920-1927)
Fracción:Fillér.
Moedas:20 e 50 fillér.
Billetes:1, 2, 5, 10, 20, 25, 50, 100, 500, 1.000, 5.000, 10.000, 25.000, 50.000, 100.000, 500.000, 1.000.000 coroas.
Emisor:Real Instituto do Estado Húngaro para a Emisión de Billetes

A coroa húngara (en húngaro: magyar korona) foi a unidade monetaria establecida no Reino de Hungría en substitución da coroa austrohúngara, logo do colapso do Imperio Austrohúngaro en 1918, como consecuencia da I Guerra Mundial. Tras un período de forte inflación foi substituída polo pengő, dividido en 100 fillér, o 1 de xaneiro de 1927.

Introdución da moeda editar

Consonte o Tratado de Trianon e outros acordos que regularon o status dos estados que se conformaron como resultado da desintegración do Imperio Austrohúngaro, os antigos billetes tiveron que ser reestampados polos novos países antes de seren substituídos, logo dun período de transición, polas súas novas moedas nacionais.

No caso de Hungría, esta nova moeda foi a coroa húngara, que substituíu a coroa austrohúngara co mesmo valor que esta tiña. Hungría foi o derradeiro país en cumprir a obriga de substitución dos billetes, e a súa sobreimpresión durante o período de transición foi moi doada de copiar, polo que unha gran cantidade dos billetes austrohúngaros foron postos en circulación no seu territorio, e este factor trouxo consigo un período de grave inflación. Finalmente, en 1927, a coroa foi substituída polo pengő, cunha taxa de cambio de 12.500 coroas = 1 pengő.[1]

Moedas editar

O Tratado de Trianon outorgoulle a Checoslovaquia a cidade de Körmöcbánya (actual Kremnica, Eslovaquia), onde se asentaba a Casa da Moeda de Kremnica, a única ceca de Hungría (desde que pechara en 1871 a ceca de Gyulafehérvár, en Transilvania -actual Alba Iulia, Romanía). En consecuencia, a maquinaria e os equipamentos da casa de moeda trasladáronse a Budapest e instaláronse provisionalmente en diversos locais ata que se creou a casa de moeda estatal de Hungría.[2]

Con esa maquinaria cuñáronse unicamente moedas divisionarias de 10 e 20 fillér, primeiro en 1919, baixo a República Soviética de Hungría, cos cuños orixinais utilizados en Körmöcbánya, coas datas de 1916 e 1918, e posteriormente en 1920 e 1921, xa coas datas correctas de cuñaxe, aínda que conservando exactamente o antigo deseño do período austrohúngaro e, mesmo, a marca de ceca de Körmöcbánya: K.B.[2][3]

Anverso Reverso Valor Diámetro Grosor Peso Metal Canto Anos de cuñaxe Retirada
  10 fillér [4] 19 mm 1,5 mm 2,5 g Ferro Estriado. 1920 31-XII- 1926
    20 fillér [5] 21 mm 1,5 mm 3,33 g Ferro Liso. 1920 1921

1922

31-XII- 1926

Eл 1920 fixéronse unhas probas de moedas de cartón (ou billetes monetiformes) con valores de 50 fillér e de 1, 2 e 5 coroas, en cuxos anversos se amosa a imaxe do escudo de armas de Hungría e nos reversos o seu valor nominal. Estas pezas non chagaron a entrar en circulación.[6]

Imaxe (ligazón) Valor Diámetro Material Produción Data
[7] 50 filler 30 mm Cartón Orell Füssli, Zürich Non datadas
[8] 1 coroa 35 mm
[9] 2 coroa 40 mm
[10] 5 coroa 44 mm

En 1922 cuñáronse probas de moedas de 5 coroas en diversos metais e aliaxes (níquel, cuproníquel, bronce, bronce e aluminio, cobre, latón, etc.) na ceca privada Huguenin Frères, en Le Locle, Suíza.[11]

Anverso Reverso Valor Diámetro Grosor Peso Metal Canto Data
    5 coroas [12] 24 mm 2 mm 1,88 g Diversos. Estriado. 1922

Billetes editar

Artigo principal: Billetes da coroa húngara.

O primeiro papel moeda do Reino de Hungría era unha serie de 1, 2, 25 e 200 coroas, similares aos emitidos en Viena desde a fin da guerra. Inicialmente, limitábase a validez deste diñeiro a Austria e a Hungría, aínda que Austria considerou que os billetes húngaros eran demasiado doados de falsificar. Máis tarde, como en Hungría non había un banco nacional, o Magyar Postatakarékpénztár ("Banco Postal de Aforro de Hungría") recibiu o permiso para emitir billetes de 5, 10 e 20 coroas. Pola súa banda, a sobreestampaxe de billetes do anterior Banco Austrohúngaro non comezou ata 1920, o que o converteu no derradeiro dos países xurdidos do Imperio en botar man desta práctica. E finalmente, instituíuse o Banco Real do Estado Húngaro, que recibiu o dereito de emitir billetes do Tesouro.[13]

Billetes do Banco Austrohúngaro (1919) editar

 
Billete de 200 coroas húngaras, producido en Hungría coas pranchas utilizadas polo Banco Austrohúngaro

O Oesterreichisch-ungarische Bank / Osztrák-magyar Bank ("Banco Austrohúngaro") era a institución da que a monarquía do Imperio Austrohúngaro se valera para imprimir en exclusiva os billetes imperiais. Os billetes imprimíanse en Viena, e desde alí subministrábanselle a Hungría. Mais durante a guerra, o secretario xeral da institución en Viena suspendeu deliberadamente a subministración de papel moeda a Hungría.[14][15]

Finalizada a I Guerra Mundial, o Goberno de Hungría dirixido por Károlyi sulicitoulle ao banco conxunto que lle entregase a Hungría as pranchas de impresión e o papel especial para billetes, xa que sería demasiado perigoso o traslado dos billetes xa fabricados, por mor da incerteza política. Os billetes producidos en Budapest con estas pranchas, con valores de 1, 2, 25 e 200 coroas, primeiro baixo o goberno de Károlyi e logo na República Soviética, son idénticos aos emitidos polo Imperio e aos que continuaba a imprimir Austria, aínda que se recoñecen por teren uns números de serie característicos (1 e 2 coroas: superior a 7.000; 25 coroas: superior a 3.000; e 200 coroas: superior a 2.000). Logo da caída da República Soviética, Viena pasou a considerar estes billetes como falsos.[14][15]

Billetes do Banco Postal de Aforro (1919) editar

 
Billete de 1.000 coroas húngaras emitido en 1919 polo Banco Postal de Aforro

Meses máis tarde, no mesmo 1919, emitíronse os billetes do Banco Postal de Aforro (Postatakarékpénztári jegy) conforme un decreto do Consello de Goberno Revolucionario da República Soviética, que naquel momento funcionaba como banco autorizado en exclusiva polo Estado para a emisión de papel moeda. Os billetes dos valores superiores que foran emitidos con anterioridade polo Banco Austrohúngaro foron depositados á par para evitar a inflación.[16][17]

Billetes sobreestampados do Banco Austrohúngaro (1920) editar

 
Sobreestampaxe (1920) sobre un billete imperial de 25 coroas austrohúngaras, para lle dar curso legal no Reino de Hungría por valor de 25 coroas húngaras.

Hungría foi o derradeiro dos novos estados en sobreestampar os anteriores billetes do Imperio Austrohúngaro, para os dotar validez no seu territorio. O goberno de Károlyi planeara comezar a reestampaxe o 21 de marzo de 1919, mais o establecemento da República Soviética modificou o calendario previsto e pospuxo os plans. Finalmente, os billetes (con valores faciais desde as 10 ás 10.000 coroas) comezaron a reestamparse o 18 de marzo de 1920. O motivo co que Hungría reestampou estes billetes consistiu nun selo redondo de cor vermella.[18][19]

Billetes estatais (1921-1924) editar

 
Billete estatal húngaro por valor dun millón de coroas húngaras, emitido en 1923.

E finalmente, en 1921 comezaron a emitirse novos billetes estatais. O seu deseñador foi Ferenc Helbing e comezaron a imprimirse en Suíza, na compañía Orell Füssli, de Zürich (excepto os de baixo valor facial, que requirían menor calidade por non correr tanto risco de falsificación) e máis tarde pasaron a ser producidos na propia Hungría por unha compañía fundada para o efecto, a Magyar Pénzjegynyomda Rt. ("Compañía de Impresión de Billetes"), en Budapest.[20] O tamaño dos billetes aumentaba conforme os seus valores nominais ían ascendendo, o que motivou que as prensas tivesen que ser modificadas, para asumiren os novos tamaños. A partir de 1923 comezaron a emitirse billetes de menor tamaño e cos mesmos deseños ou, nalgúns casos, con lixeiras modificacións. Os billetes estatais emitíronse con valores de 1, 2, 10, 20, 50, 100, 500. 1.000, 5.000, 10.000, 25.000, 50.000, 100.000, 500.000 e 1.000.000 coroas húngaras, entre maio de 1921 e xuño de 1924.[21][22]

Notas editar

  1. "History of hungarian currency". Currency History.
  2. 2,0 2,1 Rádóczy, G. (1984). Páxinas 73-75.
  3. Cuhaj G. S. et al. (2012). Páxina 1.056.
  4. "10 Fillér - IV. Károly Karl IV". Numista.
  5. "20 Fillér - IV. Károly Karl IV". Numista.
  6. Rádóczy, G. (1984). Páxinas 65-66 e 70.
  7. "50 fillér (cartrón)". Papirpenz.hu
  8. "1 coroa (cartón)". Papirpenz.hu
  9. "2 coroas (cartón)". Papirpenz.hu
  10. "5 coroas (cartón)". Papirpenz.hu
  11. Rádóczy, G. (1984). Páxina 70.
  12. "1922 Nickel 5 Korona". Collective Coin.
  13. "Korona (1892-1925)". Papirpenz.hu
  14. 14,0 14,1 Cuhaj G. S. (2008). Páxinas 682-683.
  15. 15,0 15,1 Rádóczy, G. (1984). Páxinas 46,47,52, 62-64.
  16. Rádóczy, G. (1984).. Páxinas 55, 58 e 60.
  17. Cuhaj G. S. (2008). Páxina 684.
  18. Cuhaj G. S. (2008). Páxinas 683-684.
  19. Rádóczy, G. (1984). 20, 26, 27, 42, 44, 46, 48, 49, 51, 52, 54, 55, 57, 58 e 62-64
  20. Rádóczy, G. (1984). Páxinas 22-23.
  21. Rádóczy, G. (1984). Páxinas 39-46.
  22. Cuhaj G. S. (2008). Páxinas 685-688.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar