Coroa groenlandesa

variedade groenlandesa da coroa dinamarquesa

Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).

Coroa groenlandesa †
kalaallit koruuni en groenlandés
Billete dunha coroa
(1913)
Billete de 25 øre
(1913)
Código:DKK
Ámbito:Groenlandia Groenlandia
Símbolo:Kr
Fracción:øre.
Moedas:- 25 e 50 øre.
- 1 e 5 coroas.
Emisor:Banco Nacional de Dinamarca
Taxa de troco:
1 coroa groenlandesa = 1 coroa dinamarquesa (DKK)

A croa groenlandesa (en groenlandés: kalaallit koruuni; en dinamarqués: grønlandsk krone) foi unha moeda emitida en Groenlandia durante o seu período como territorio colonial de Dinamarca, creada a partir da coroa dinamarquesa. A mesma denominación se usou para unha tentativa moderna de establecemento dunha unidade monetaria en Groenlandia, aínda que finalmente a idea foi rexeitada en 2009.[1]

Na actualidade, a moeda circulante en Groenlandia é a coroa dinamarquesa, dividida en 100 øre, que se implantou en 1875.[2]

A coroa groenlandesa nunca foi concibida como unha moeda independente, senón como unha versión da coroa dinamarquesa. Consecuentemente, nunca dispuxo dun código ISO 4217 propio, senón que sempre compartiu o DKK da coroa dinamarquesa.[2][3]

Historia editar

En Dinamarca, a coroa substituíu o rigsdaler o 1 de xaneiro de 1875 a razón de dúas coroas por cada rigsdaler. Desde esa data, todas as emisións de coroas groenlandesas tiveron un valor equivalente ao da coroa dinamarquesa.[2]

Durante as derradeiras décadas do século XIX, cando Groenlandia aínda era unha colonia dinamarquesa, había diversas compañías de Dinamarca que operaban na colonia e que realizaban alí as súas propias emisións de moeda. Naquela época e no primeiro terzo do século XX tamén se introduciron moedas de cinc e de aluminio para a súa circulación en diversos territorios, como Amassalik, onde se acababan de asentar establecementos coloniais.[4]

Xa no século XX, entre 1926 e 1964, a institución gobernamental dinamarquesa que monopolizaba o comercio con Groenlandia, Kongelig Grønlandske Handel ("Comercio Real de Groenlandia") emitiu unha serie de moedas para a súa circulación nese territorio. E en 1944, a Administración colonial emitiu unha moeda de cinco coroas groenlandesas cun deseño moi similar ao da peza dunha coroa dinamarquesa circulante, pero producida pola US Mint, na súa ceca de Filadelfia. As colonias groenlandesas incorporaron a Dinamarca en 1953 eco status de provincias, por un cambio na súa constitución;[5] no entanto, a Administración de Groenlandia seguiu a emitir os seus propios billetes de coroas groenlandesas ata 1968.[6]

En 2006, o Goberno dinamarqués e a autoridade local groenlandesa anunciaron que se chegara a un acordo para producir unha versión propia para Groenlandia dos billetes da coroa dinamarquesa (DKK), e unha situación similar tamén para a coroa feroesa.[7] O proxecto de lei, que foi aprobado por unanimidade polo Parlamento de Dinamarca, establecía o seguinte:[8]

Existe unha política monetaria para todo o reino. Esta responsabilidade recae no Banco Nacional de Dinamarca (Danmarks Nationalbank), que é, en consecuencia, o banco central de todo o reino, e a coroa dinamarquesa é a moeda de todo o reino. Esta lei non modifica tal situación. Independentemente da introdución dos billetes groenlandeses, aplícase a mesma moeda que no resto de Dinamarca. Xa que logo, os billetes groenlandeses son unha forma particular da coroa dinamarquesa e deben entenderse como billetes estándar do banco nacional co texto en groenlandés.— Parlamento de Dinamarca. Lei 42 da sesión 2006-07.

Porén, como resultado dunha votación a mediados de outubro de 2009, decidiuse non introducir os billetes propios polo momento.[1]

Moedas editar

En 1926 a Administración groenlandesa emitiu moedas de cuproníquel de 25 øre, e de aluminio-bronce de 50 øre e dunha coroa groenlandesa, coa inscrición Grønlands Styrelse ("Goberno de Groenlandia") e coa imaxe dun oso polar nos seus reversos. Estas moedas eran da mesma composición e das mesmas dimensións que as correspondentes da coroa dinamarquesa.[9]

En 1944 emitíronse moedas de latón de 5 coroas, de cuxa cuñaxe se encargou a ceca de Filadelfia, pertencente á Casa da Moeda dos EEUU.[10] A esta emisión seguiuna unha segunda dunha coroa de aluminio-bronce en 1957, e outras dúas sucesivas en cuproníquel en 1960 e en 1964.[11]

En 1953, Dinamarca lanzou unha moeda de dúas coroas para conmemorar o comezo dunha campaña contra a tuberculose en Groenlandia, cuxa tiraxe foi de 200.000 exemplares. No anverso figuran os perfís do rei e da raíña de Dinamarca e os reversos amosan un mapa da illa co seu nome en groenlandés: Kalåtdlit Nunat. No entanto, esta moeda considérase parte das series de coroa dinamarquesa, e non da groenlandesa.[12]

Billetes editar

En 1874, a compañía Handelsstederne i Grønland emitiu billetes de 50 øre e dunha coroa, serie que completou o ano seguinte co valor de 25 øre e en 1887 co billete de 5 coroas. Esa compañía continuou a emitir billetes ata 1905.[13]

En 1911 o Kongelig Grønlandske Handel ("Comercio Real de Groenlandia") comezou as súas emisións de papel moeda, con billetes de 25 e 50 øre, e de 1 e 5 coroas.[13]

En 1913 introducíronse uns novos billetes coloniais, nos que figura a inscrición Styrelse af Kolonierne i Grønland ("Goberno das Colonias en Groenlandia") como indicación da autoridade emisora, con valores faciais de 25 e 50 øre, e de 1 e 5 coroas. A partir de 1926, os billetes coloniais marcáronse coa inscrición Grønlands Styrelse ("Goberno de Groenlandia"), cesaron as emisións de valores por baixo das 5 coroas e introducíronse os de 10 e 50 coroas.[13]

En 1953, o Kongelige Grønlandske Handel ("Comercio Real de Groenlandia") retomou a produción de billetes con valores de 5, 10 e 50 coroas. Tamén se emitiron notas de crédito (kreditsedler), mais isto non sucedeu ata 1967.[13]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Greenland rejects new national currency". En Icenews. 13 de outubro de 2009.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Information about currency: Danish Krone". Online Coin Club.
  3. "Current currency & funds code list". Currency-iso.org
  4. Algúns exemplos de moedas privadas de cinc: "1 øre (ANGMAGSALIK)", "5 øre (minas IVIGTUT)" e "5 coroas (THULE KAP YORK)".
  5. Rosenberg, M. (2019). "Learn About Greenland". En ThoughtCo. 11 de abril.
  6. Véxanse máis en detalle nas seccións "Moedas" e "Billetes" deste artigo.
  7. "Kommende grønlandsk seddelserie". Danmarks Nationalbank.
  8. "Lov om pengesedler i Grønland" ("Lei de Billetes de Groenlandia"). Retsinformation.dk
  9. Moedas de "25 øre", de "50 øre" e de "1 coroa" de 1926. Numista.
  10. Moeda de "5 coroas de 194 4". Numista.
  11. Moedas: "1 coroa (1957)" e "1 coroa (1960-1964)". Numista.
  12. "Moeda de 2 coroas da campaña contra a tuberculose". Numista.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 "Greenland Paper Money Index". World Printed Money Picture catalog (Numismondo.net).
  14. Cuhaj, G. S. (2010). Páxina 610.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar