A coroa de Advento é unha tradición católica que simboliza o curso das catro semanas de Advento. Consta dunha coroa[1] feita de ponlas (xeralmente de piñeiro ou abeto ) con catro ou cinco candeas.

A Coroa de Advento. As catro candeas simbolizan os catro domingos do Advento. A cor morada das candeas significa que se trata dun tempo de penitencia. Unha candea, é o rosada e representa o terceiro domingo de Advento.

A tradición do Advento ten orixes propias, hai dous mil anos. Para poder axudar aos fieis, na súa maioría dedicados á agricultura, o calendario da Igrexa, era estacional naqueles tempos, combinando as datas sinaladas, celebracións e rituais cos labores propios dos seus crentes.[2] O Advento coincide no hemisferio norte co inverno, cos días curtos e pouco luminosos que preceden ao Nadal. O nacemento de Cristo comezou a celebrarse o 25 de decembro de cada ano ocupando o lugar das saturnais e o Dies Natalis Solis Invicti, Festival do Nacemento do Sol Inconquistado, festividade romana dedicada ao Sol Invictus e vinculada ao solsticio de inverno.

O anel ou coroa de ramas de árbore perenne decorado con candeas era un símbolo no norte de Europa moito antes da chegada do cristianismo, que do mesmo xeito que con outras tradicións acabou sendo integrado na súa simboloxía.O círculo é un símbolo universal relacionado co ciclo ininterrompido das estacións, mentres que as follas perennes e as candeas acesas significan a persistencia da vida no medio do duro e escuro inverno. Algunhas fontes suxiren que a coroa, reinterpretada como símbolo cristián, era de uso común na Idade Media, mentres que outras cren que non se estableceu como tradición cristiá ata o século XVI no Sacro Imperio Alemán.

O seu uso como calendario anterior ao Nadal atribúese amplamente a Johann Hinrich Wichern (1808-1881), un pastor protestante alemán que foi pioneiro no traballo misioneiro entre os pobres da cidade. Era 1839, e os nenos dunha escola de Wichern preguntaban a diario se chegara o día de Nadal. O pastor construíu un anel de madeira, feito dunha vella roda de carro, con dezanove candeas vermellas pequenas e catro candeas brancas. Durante o Advento prendían unha pequena candea todos os días da semana e, os domingos, unha das catro grandes candeas. As ramas verdes son a esperanza de Xesús para agardar a súa chegada e o seu nacemento. O lazo vermello é o amor de Cristo que nos ten e que nos rodea. A forma do círculo é o amor de Cristo que non ten principio nin fin.[3]

Simboloxía editar

A simboloxía orixinal é bastante e primitiva, relacionada coa morte e renacemento do sol no inverno. O círculo como símbolo do tempo reflectido no ciclo das estacións; as ramas, significando a persistencia da vida a través do elemento vexetal, e o sol como orixe e fonte da vida mediante a luz das candeas.

Catro candeas decoran a coroa de ramas verdes, cuxa cor se corresponde co das vestiduras do sacerdote ao longo dos catro domingos do período de Advento.[2] Empréganse tres cores litúrxicas na coroa de Advento: o morado (ou púrpura), cor de profundización espiritual e preparación nas candeas correspondentes ao tres primeiras semanas de Advento; a cor rosada úsase na misa do Domingo Gaudete (a terceira semana de Advento), e resulta da mestura do morado co branco, para indicar a proximidade de Nadal; finalmente, nalgunhas coroas de Advento ponse unha quinta candea, máis grande e de cor branca, que se acende o día de Nadal. O branco na liturxia simboliza pureza e tempo de xúbilo, e é usado nos momentos principais do calendario litúrxico: Nadal e Pascua.

Nas igrexas e nos fogares cristiáns o aceso das candeas é unha preparación para a Natividade, compártese a luz nas longas noites de inverno,[2] lembrando aos crentes a vinda de Jesús, a luz do mundo:

Xesús faloulles de novo, dicindo: "Eu son a luz do mundo. O que me segue non andará nas tebras, senón que terá a luz da vida".[4]

O uso da luz como símbolo de revelación e salvación a través de Xesús é unha constante no Evanxeo de Xoán.[5][6][7] Acender, semana tras semana, as catro candeas da coroa significa a progresiva preparación para recibir a luz do Nadal. A luz que emana de cada candea acesa lembraranos que Xesucristo é a luz do mundo e que quen está fóra del habita nas tebras. É costume realizar un pequeno rito de iluminación todos os domingos antes do xantar de bendición.

Notas editar

  1. "Coroa". academia.gal. Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Trigilio 2008, p. 169
  3. Castro, Fabián (27 de novembro de 2021). "La Corona de Adviento". catolicus.com (en castelán). Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  4. "Juan 8:12". biblegateway.com (en castelán). Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  5. "Juan 1:9". biblegateway.com (en castelán). "A verdadeira luz que ilumina a toda a humanidade chegou a este mundo.". Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  6. "Juan 9:5". biblegateway.com (en castelán). "Mentres estou neste mundo, son a luz do mundo". Consultado o 16 de decembro de 2021. 
  7. "Juan 12:46". biblegateway.com (en castelán). "Eu, que son a luz, vin ao mundo para que os que cren en min non queden nas tebras.". Consultado o 16 de decembro de 2021. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar