Constitución francesa de 1791

A Constitución francesa de 1791 foi a primeira constitución escrita na historia francesa, promulgada pola Asemblea Nacional Constituínte o 3 de setembro de 1791 e aceptada por Lois XVI o 14.[1] Contiña a reforma do Estado francés, quedando Francia configurada como unha monarquía constitucional.

Constitución de 1791

A Constitución establece que a soberanía reside na nación e xa non no rei, que se titula "rei dos franceses". Proclama a liberdade de pensamento e de prensa, e a liberdade relixiosa. Suprime a nobreza e as distincións hereditarias, as ordes de cabalaría, as corporacións e gremios, e establece o libre acceso aos oficios e funcións que até aquelas se reservaban á nobreza ou se herdaban. O mantemento dos lugares de culto pasa a depender do Estado que remunerará os relixiosos.[2]

Aceptación da Constitución de 1791 (autoría descoñecida, século XVIII).

Garante a inviolabilidade da propiedade privada. Crea un servizo de instrución pública para prover os cidadáns cunha educación básica libre e de balde. Crea tamén un establecemento público de beneficencia para encargarse dos nenos orfos e coidar os discapacitados.[2]

Instaura a división dos poderes executivos, lexislativos e xurídicos.

  • A elaboración das leis correspondía a unha Asemblea Lexislativa. Votaba as leis, os impostos e declaraba a guerra, con aprobación do rei.
  • O poder executivo quedaba en mans da monarquía, o rei tiña o poder de nomear e destituír os ministros.
  • O poder xudicial outorgábaselle a uns tribunais independentes.

Declárase a igualdade dos cidadáns ante os impostos, que serán proporcionais ás propiedades e ingresos. O sistema fiscal tamén foi modificado: elimínanse os impostos indirectos e implántanse impostos directos, cunha cantidade que dependía da riqueza que se posuíra (xa foran terras, propiedades urbanas ou negocios industriais ou comerciais).

O sistema de elección dos deputados da Asemblea Lexislativa era o seguinte: clasificábanse os varóns franceses (as mulleres quedaron excluídas da cidadanía) en "cidadáns activos" (os que pagaban impostos directos equivalentes a 3 días de traballo, tiveran máis de 25 anos e residiran desde había máis dun ano na súa comarca) e "cidadáns pasivos" (quen non pagasen impostos). Só os "cidadáns activos" elixían os electores do seu departamento. Ditos electores eran quen escollían os deputados provinciais para a asemblea. En 1791, Francia contaba con 4 298 360 cidadáns activos que representaban o 61% dos homes e o 15% da poboación total.[3] Este tipo de elección denomínase censitaria (só poden votar os máis ricos) e indirecta, posto que os deputados non son votados directamente por todos os que teñen dereito a voto, senón a través dos seus representantes.

Preámbulo editar

O preámbulo da constitución francesa de 1791 foi a Declaración dos dereitos do home e do cidadán:[4]

Preámbulo
Os representantes do pobo constituídos en Asemblea nacional, considerando que a ignorancia, o olvido ou o menosprezo dos dereitos do home son as únicas causas das calamidades públicas e da corrupción dos gobernos, resolveron expoñer, nunha declaración solemne, os dereitos naturais, inalienables e sagrados do home, a fin de que esta declaración, constantemente presente para todos os membros do corpo social, lles recorde sen cesar os seus dereitos e os seus deberes; a fin de que os actos do poder lexislativo e do poder executivo, ao poder cotexarse a cada instante coa finalidade de toda institución política, sexan máis respectados e para que as reclamacións dos cidadáns, en adiante fundadas en principios simples e indiscutibles, redunden sempre en beneficio do mantemento da Constitución e da felicidade de todos.
En consecuencia, a Asemblea nacional recoñece e declara, en presenza do Ser Supremo e baixo os seus auspicios, os seguintes dereitos do home e do cidadán:
Artigo primeiro.- Os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos. As distincións sociais só poden fundarse na utilidade común.
Artigo 2.- A finalidade de toda asociación política é a conservación dos dereitos naturais e imprescritibles do home. Tales dereitos son a liberdade, a propiedade, a seguridade e a resistencia á opresión.
Artigo 3.- O principio de toda soberanía reside esencialmente na Nación. Ningún corpo, ningún individuo, poden exercer unha autoridade que non emane expresamente dela.
Artigo 4.- A liberdade consiste en poder facer todo aquilo que non prexudique o outro: por iso, o exercicio dos dereitos naturais de cada home non ten outros límites que os que garanten aos demais membros da sociedade o goce destes mesmos dereitos. Tales límites só poden ser determinados pola lei.
Artigo 5.- A lei só ten dereito a prohibir os actos prexudiciais para a sociedade. Nada que non estea prohibido pola lei pode ser impedido, e ninguén pode ser constrinxido a facer algo que esta non ordene.
Artigo 6.- A lei é a expresión da vontade xeral. Todos os cidadáns teñen dereito a contribuír á súa elaboración, persoalmente ou por medio dos seus representantes. Debe ser a mesma para todos, xa sexa que protexa ou que sancione. Como todos os cidadáns son iguais ante ela, todos son igualmente admisibles en toda dignidade, cargo ou emprego públicos, segundo as súas capacidades e sen outra distinción que a das súas virtudes e os seus talentos.
Artigo 7.- Ningún home pode ser acusado, arrestado ou detido, como non sexa nos casos determinados pola lei e con amaño ás formas que esta prescribiu. Quen soliciten, cursen, executen ou fagan executar ordes arbitrarias deberán ser castigados; pero todo cidadán convocado ou aprehendido en virtude da lei debe obedecer de inmediato; é culpable se opón resistencia.
Artigo 8.- A lei só debe establecer penas estrita e evidentemente necesarias, e ninguén pode ser castigado senón en virtude dunha lei establecida e promulgada con anterioridade ao delito, e aplicada legalmente.
Artigo 9.- Posto que todo home se presume inocente mentres non sexa declarado culpable, se se xulga indispensable detelo, todo rigor que non sexa necesario para apoderarse da súa persoa debe ser severamente reprimido pola lei.
Artigo 10.- Ninguén debe ser incomodado polas súas opinións, inclusive relixiosas, a condición de que a súa manifestación non perturbe a orde pública establecida pola lei.
Artigo 11.- A libre comunicación de pensamentos e de opinións é un dos dereitos máis preciosos do home; en consecuencia, todo cidadán pode falar, escribir e imprimir libremente, a cambio de responder do abuso desta liberdade nos casos determinados pola lei.
Artigo 12.- A garantía dos dereitos do home e do cidadán necesita dunha forza pública; polo tanto, esta forza foi instituída en beneficio de todos, e non para o proveito particular de aqueles a quen foi encomendada.
Artigo 13.- Para o mantemento da forza pública e para os gastos de administración, resulta indispensable unha contribución común; esta debe repartirse equitativamente entre os cidadáns, proporcionalmente á súa capacidade.
Artigo 14.- Os cidadáns teñen o dereito de comprobar, por si mesmos ou a través dos seus representantes, a necesidade da contribución pública, de aceptala libremente, de vixiar o seu emprego e de determinar a súa pro rata, a súa base, a súa recadación e a súa duración.
Artigo 15.- A sociedade ten dereito a pedir contas da súa xestión a todo axente público.
Artigo 16.- Toda sociedade na cal non estea establecida a garantía dos dereitos, nin determinada a separación dos poderes, carece de Constitución.
Artigo 17.- Sendo a propiedade un dereito inviolable e sagrado, ninguén pode ser privado dela, salvo cando a necesidade pública, legalmente comprobada, o esixa de modo evidente, e a condición dunha xusta e previa indemnización.

Notas editar

  1. Pierre Armand Dufau, Jean Baptiste Duvergier, J. Guadet, Collection des constitutions, chartes et lois fondamentales des peuples de L'Europe et des deux Amériques: avec des précis offrant l'histoire des libertés et des institutions politiques chez les nations modernes; et une table alphabétique raisonnée des matier̀es, Volumen 1, París, 1832, tomo VI, páx. 132. Dixitalizado por Google.
  2. 2,0 2,1 Véxanse introdución e Título I no texto da Constitución en "Ligazóns externas".
  3. Jean Tulard, Jean-François Fayard & Alfred Fierro, Histoire et dictionnaire de la Révolution française. 1789-1799, ediciones Robert Laffont, colección «Bouquins», París, 1987, 1998, páxs. 650-651, ISBN 978-2-221-08850-0.
  4. "Declaración de los Derechos del hombre y del ciudadano - 1789 - Monografias.com". Consultado o 13 de outubro de 2012. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar