Conquista española do Imperio Inca

No século XVI os españois chegaron á rexión andina de América do Sur e no transcurso dunhas poucas décadas teñen éxito en derrotar o Tawantinsuyo que se estendía por gran parte da rexión andina e áreas veciñas chegando ata o sur da actual Colombia e o norte das actuais Chile e a Arxentina.

Batalla de Cajamarca

Os españois xa establecidos no Istmo de Panamá desde 1517 oían continuamente falar aos habitantes de zona do poder e riqueza dos seus veciños, estas lerias tiñan a intención de afastar os españois do seu territorio pero, ao comprobaren ser certas moitas destas informacións, realizáronse algunhas exploracións cara ao sur sen éxito.

Francisco Pizarro atraído polas novas de riqueza en asociación con Diego de Almagro con financiamento de Hernando Luque ofreceuse en 1524 ao gobernador Pedrarias Dávila para realizar unha expedición cara ao sur, tardaron dez meses en prepararen as naves e saíron de porto o 14 de novembro de 1524, a viaxe resultou un fracaso pero como a volta a gobernadoría está vacante saen nunha segunda expedición en 1526 chegando tras diversas penalidades ao norte do Imperio Inca dando novas ao volver de veren unha terra rica, poderosa e ordenada.

O propio Pizarro vai a España para pedir permiso ao rei para conquistar a terra inca, o 26 de xuño de 1529 asínanse as capitulacións nomeando a Pizarro gobernador, a Almagro alcalde de Tumbez e a Luque bispo coa obriga de prepararen unha expedición, Pizarro pasa por Estremadura para recrutar xente antes de embarcarse para América e xa a comezos de 1531 sae a expedición, tres barcos e 180 homes. A expedición foi devagar ata chegar a Tumbez, onde desembarcaron para continuar por terra. O 15 de novembro de 1532 entran en Cajamarca, ao día seguinte, 16 de novembro, cando o inca Atahuallpa sae do seu campamento para esixir aos casteláns que saian da cidade, Pizarro fai prisioneiro a Atahuallpa, este ofreceu aos seus captores encher a súa cela de ouro se o liberaban; os españois percorreron o imperio recollendo o ouro e o 11 de marzo de 1533 apresaron a Chalcuchima, xeneral inca pero os casteláns tan só dominan Cajamarca, tentando os xenerais libres liberar a praza. O 24 de xuño de 1533 os españois axustizan a Atahuallpa e os nobres elixen en Cajamarca a Tupac Huallca novo inca. Pizarro e os seus deciden ir para a capital, Cuzco, levando consigo a Chalcuchima e ao novo inca, que morre polo camiño mentres Chalcuchima foi queimado por tentar levantar os seus homes, os españois nomean como novo inca a Manco, o 15 de novembro de 1533 entraban na capital do inca.

Marco histórico editar

Para poder entender a rapidez con que se produciu a conquista hai que ter en conta o estado de descomposición en que se atopaba o Imperio Inca pola guerra civil e polo descontento xeral dentro do imperio, o que posibilitou que os españois tivesen como aliados nobres e señores, así como as etnias que tradicionalmente se opuxeran ao expansionismo inca.

Mudanzas sociais, económicas e políticas editar

Coa conquista polos españois do Imperio, produciuse un proceso de cambio rápido xurdindo dunha sociedade nova. Foi un choque de culturas cunha imposición dunha relixión e dun sistema foráneo de relacións que aproveitaba a estrutura anterior, aínda que alterada. Para os españois supuxo o control dun inmenso imperio composto de amplos espazos difíciles de controlar e ricos con tal de asegurar a man de obra, ben organizado politicamente e gobernado cun sistema tan complexo e eficaz coma o europeo.

O sistema inca estaba baseado na autosuficiencia, fundado na reciprocidade complementado polo troco pero a conquista española supuxo o paso a un sistema mercantilista de orde supracontinental, orientado segundo a demanda exterior, que tamén xerou unha industria mineira baseada na explotación da man de obra indíxena.

Estes cambios bruscos provocaron un brutal descenso demográfico axudado polas guerras e as epidemias.

A estrutura política colonial estaba baseada na figura do vicerrei e con el reorganizouse o imperio con institucións de corte europeo nun modelo centralizado, obrigouse á sedentarización da poboación indíxena por medio de reducións e implantouse unha taxa ao estilo europeo, coa obriga de tributar en metálico, asegurando ao encomendeiro a man de obra, xa que a terra aínda que tras a conquista pasou ao rei, no mundo inca era comunal, este concedeuna en encomenda como premio a servizos prestados e aínda que unha parte da terra se restableceu posteriormente ás reducións, foron frecuentes as usurpacións por particulares que se legalizaban mediante as composicións coa administración mediante o pago dunha cantidade estipulada.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar