Conglomerado (xeoloxía)

En xeoloxía, un conglomerado[1] ou rudita é unha rocha sedimentaria de tipo detrítico formada maioritariamente por clastos arredondados do tamaño de gravas ou maior (>2 mm).[2][3] A natureza litolóxica de ditos clastos pode corresponder a calquera tipo de rocha.[2] Un tipo de rocha similar son as brechas pero estas distínguense dos conglomerados (ver pudingas) por estar compostas de clastos angulosos.[4] Os conglomerados supoñen menos do 1% das rochas sedimentarias do mundo en canto ao peso.[2]

Sección dun conglomerado con cantos redondeados.
Conglomerado con clastos grandes.
Formación Carmelo (conglomerados) en Point Lobos, California.

Os intersticios entre os clastos dos conglomerados adoitan estar recheos con sedimentos de gran máis fino, que forman a chamada matriz, por exemplo areas, limos, arxilas ou unha combinación deles, e poden estar cementados por carbonato de calcio, óxido de ferro ou sílice.

Os conglomerados poden subdividirse en dous tipos. O primeiro tipo son conglomerados cun alto grao de selección granulométrica, cunha variedade litolóxica bastante limitada e pouca matriz. O segundo tipo son conglomerados con pouca selección, máis heteroxéneos en canto á súa litoloxía e con abondosa matriz.[3] O primeiro tipo orixínase polo depósito en cursos de auga, mentres que o segundo se orixina por movementos en masa.[3]

Os conglomerados orixinados a partir de till denomínanse tillitas e orixínanse en ambientes glaciarios.[5]

Clasificación dos conglomerados editar

Os conglomerados poden ser clasificados segundo:

  • A cantidade e tipo de matriz.
  • A composición dos clastos de tamaño grava.
  • O tamaño dos clastos de tamaño grava.

O método de clasificación depende do tipo e os detalles do estudo que se realiza.[4][6]

A primeira aproximación depende do grao de redondez dos clastos. Se os clastos de grava que o compoñen están na súa maioría entre ben redondeados e subredondeados, é un conglomerado propiamente dito (ou pudinga), pero se son angulares, a rocha pasa á categoría de brecha. Ditas brechas poden chamarse brechas sedimentarias para diferencialas doutros tipos de brechas, por exemplo, brechas volcánicas e de falla. As rochas sedimentarias que conteñen unha mestura de clastos redondeados e angulares ás veces denomínanse brecho-conglomerados.[6]

Textura editar

 
(a) Paraconglomerado e (b) Ortoconglomerado

Os conglomerados raramente se compoñen só de clastos do tamaño grava (>2 mm). O espazo entre os clastos de tamaño grava adoita estar ocupado por unha mestura de limo, area e arxila en cantidades variables denominada matriz. Denomínanse paraconglomerados cando os clastos de grava individuais non están en contacto entre si e flotan na matriz. Os paraconglomerados non adoitan estar estratificados e poden conter máis matriz que clastos do tamaño grava. Denomínanse ortoconglomerados cando os clastos de tamaño grava están en contacto entre si. A diferenza dos paraconglomerados, os ortoconglomerados adoitan presentar estruturas de estratificación cruzada e a miúdo están cementados, xa sexa por calcita, hematita ou por cuarzo.[4] [6]

As diferenzas entre paraconglomerados e ortoconglomerados reflicten as diferenzas no modo de sedimentación. Os paraconglomerados orixínanse normalmente en morenas glaciares (till) ou polo depósito de fluxos de lodo. Os ortoconglomerados asócianse normalmente con correntes de auga.[7][4][6]

Composición e procedencia dos clastos editar

 
Sección dun conglomerado polimíctico extraído nunha testemuña de sondaxe de rochas en alta mar, Alasca.

Un conglomerado composto por clastos dun só tipo de rocha ou mineral denomínase monomíctico. Chámase conglomerado oligomíctico cando ademais hai unha pequena presenza de clastos doutra natureza. Se o conglomerado está composto por dous ou máis tipos de rochas ou minerais denomínase conglomerado polimíctico. Se un conglomerado polimíctico contén unha variedade de clastos de rochas e minerais metaestables e inestables, chámase petromíctico.[8][9][6]

Os conglomerados tamén se clasifican segundo a súa procedencia. Se conteñen rochas ou minerais que son significativamente diferentes en litoloxía da matriz envolvente e, por tanto, máis antigos e derivados do exterior da cunca de sedimentación, o conglomerado defínese como extraformacional ou extracuncal. Se ao contrario a natureza dos clastos coincide cos da matriz e, por tanto, son penecontemporáneos e proceden da mesma cunca de sedimentación, clasifícanse como intraformacionais ou intracuncais.[6][8][9]

Recoñécense dous tipos de conglomerados intracuncais: Conglomerados de clastos de lutitas (ou de «cantos brandos»)[10] e conglomerados de clastos planos.[9] Un conglomerado de clastos de lutitas está formado en gran parte por pequenas masas redondeadas de lodo e croios, aglutinados por minerais da arxila, que se forman a partir de material erosionado dalgún lugar próximo, con pouco transporte, dentro do mesmo medio sedimentario: de leitos fluviais ou marxes de lagos. Ao contrario, os conglomerados de croios planos conteñen clastos de croios relativamente planos, creados por tormentas ou tsunamis que erosionan un fondo mariño pouco fondo ou por correntes de marea que erosionan as chairas de marea ao longo dunha costa.[11]

Tamaño dos clastos editar

Os conglomerados distínguense e noméanse de acordo ao tamaño dos clastos, aínda que non hai un acordo estandarizado universal para esta nomenclatura. Un conglomerado composto principalmente de clastos de (2 a 4 mm), chamaríase conglomerado de gránulos; un conglomerado composto principalmente de clastos de (4 a 64 mm), chamaríase conglomerado de croios; un conglomerado composto principalmente por clastos de (64 a 256 mm), chamaríase conglomerado de cantos e un conglomerado composto principalmente por clastos de (>256 mm), chamaríase conglomerado de bloques.[7][9][12]:206

Escala de Udden Wentworth
Tamaño (mm) Nome Tipo de rocha
>256 Bloques Conglomerado/Brecha
64 - 256 Cantos Conglomerado/Brecha
4 - 64 Croios Conglomerado/Brecha
2 - 4 Gránulos Conglomerado/Brecha

Ambientes sedimentarios editar

Ambiente mariño de augas fondas editar

 
Clastos imbricados que están orientados en ángulo respecto a base da canle (liña azul).

No fondo mariño, en turbiditas, a base de cada secuencia adoita estar composta por materiais grosos, ocasionalmente conglomerados. Neste caso, os conglomerados están xeralmente moi ben seleccionados, ben redondeados e a miúdo cunha forte imbricación no eixe maior dos clastos.

Ambiente mariño de augas pouco fondas editar

Os conglomerados están presentes na base das secuencias formadas durante as transgresións mariñas por encima dunha discordancia e coñécense como conglomerados basais. Representan a posición da costa nun momento determinado e son diacrónicos.

Fluvial editar

 
Abano aluvial no Parque Nacional das Montañas Rochosas.

Os conglomerados depositados en ambiente fluvial xeralmente están ben redondeados e ben ordenados. Os clastos transpórtanse como carga de fondo e só en momentos en que o fluxo de auga é elevado. O tamaño dos clastos diminúe a medida que se transportan aínda máis debido ao desgaste, polo que os conglomerados son característicos dos sistemas de ríos inmaturos. Nos sedimentos depositados polos ríos maduros, os conglomerados limítanse xeralmente á base dunha canle de recheo. Os conglomerados depositados nunha contorna fluvial a miúdo teñen unha imbricación de tipo plano AB.[13]

Aluvial editar

Os depósitos aluviais fórmanse en áreas de altorrelevo e xeralmente son de gran groso. Fronte ás montañas, os abanos aluviais individuais fusiónanse para formar chairas trenzadas e estes dous ambientes están asociados cos depósitos máis grosos de conglomerados. A maior parte dos conglomerados depositados neste ambiente están soportados por clastos cunha forte imbricación no plano AB. Os conglomerados soportados por matrices, como resultado da deposición de fluxo de entullos asóciase comunmente con moitos abanos aluviais. Cando tales conglomerados se acumulan dentro dun abano aluvial, en rexións onde se erosionan rapidamente como por exemplo (desertos), a unidade de rocha resultante adoita denominarse fanglomerado.

Glaciario editar

Os glaciares acarrexan unha gran cantidade de materiais de gran groso e moitos depósitos glaciares son de tipo conglomerado. As tillitas, que son os sedimentos depositados directamente polo glaciar, están moi pouco seleccionadas por tamaño e adoitan ser conglomerados soportados por matriz. A matriz é xeralmente de gran fino, consistente en fragmentos de rocha finamente triturados. Os depósitos orixinados polo arrastre das augas asociados con glaciares adoitan ser de tipo conglomerado, e forman estruturas como os eskers.[14]

Exemplos editar

Un exemplo de conglomerado é o que se atopa nas montañas de Montserrat, preto de Barcelona. Alí, a erosión creou canles verticais que lle deron á montaña as súas características formas dentadas ou serradas (Montserrat literalmente significaría "montaña serrada"). A rocha é forte dabondo como para servir de material de construción, utilizado na Abadía de Santa María de Montserrat.

Outro exemplo é o conglomerado de Crestone, que aparece cerca da cidade de Crestone, aos pés da Cordilleira Sangre de Cristo no Val de San Luis en Colorado, Estados Unidos de América. O conglomerado de Crestone consiste nun fanconglomerado pouco seleccionado que se acumulou a partir de abanos aluviais prehistóricos e sistemas fluviais relacionados. Algunhas destas rochas teñen tons vermellos e verdes.

Cantís de conglomerados atópanse na costa de Escocia desde Arbroath cara ao norte ao longo do litoral dos antigos condados de Angus e Kincardineshire. O castelo de Dunnottar érguese sobre un robusto promontorio de conglomerados que sobresae internándose no mar do Norte ao sur da cidade de Stonehaven.

O conglomerado de Copper Harbor atópase na península de Keweenaw e Parque Nacional da Illa Royale no lago Superior.

Tamén se poden ver conglomerados nos outeiros cupuliformes de Kata Tjuta, no Territorio do Norte de Australia[15] ou nas Montañas Buda de Hungría.[16]

No século XIX atopouse unha grosa capa de conglomerado de Pottsville na base dunha capa de antracita en Pensilvania.[17]

Exemplos en Marte editar

No planeta Marte, atopáronse bloques de conglomerados nun afloramento denominado "Hottah", e foron interpretados como formados nun antigo leito fluvial. As gravas descubertas polo vehículo Curiosity da NASA, ían desde o tamaño de areas ao de pelotas de golf. As análises mostraron que os croios foron depositados por un río que fuia moi lentamente e tiña unha profundidade que cubriría desde o nocello á cadeira segundo a zona.[18]

Metaconglomerado editar

A alteración metamórfica transforma os conglomerados en metaconglomerados.[19]

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para conglomerado.
  2. 2,0 2,1 2,2 Boggs, 2009, pp. 165-166
  3. 3,0 3,1 3,2 conglomerate, Encyclopedia Britannica Academic Edition (en inglés). Consultado o 10 de outubro de 2012.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Boggs, Sam. (2006). Principles of sedimentology and stratigraphy (4th ed ed.). Pearson Prentice Hall. ISBN 0-13-154728-3. OCLC 59011627. Consultado o 29 de marzo de 2020. 
  5. The Free dictionary tillita Consultado o 4 de setembro de 2021.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Middleton, Gerard V. (2003). Encyclopedia of sediments & sedimentary rocks. no:[21]. Kluwer Academic Publishers. ISBN 978-1-4020-3609-5. OCLC 738624314. Consultado o 29 de marzo de 2020. 
  7. 7,0 7,1 Nichols, Gary. Sedimentology and stratigraphy (Second edition ed.). ISBN 978-1-4051-3592-4. OCLC 259754358. Consultado o 29 de marzo de 2020. 
  8. 8,0 8,1 Neuendorf, Klaus K. E.; Mehl, James P.; Jackson, Julia A., 1939-; American Geological Institute. (2005). Glossary of geology (5th ed ed.). American Geological Institute. ISBN 0-922152-76-4. OCLC 62276618. Consultado o 29 de marzo de 2020. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Tucker, Maurice E. (2003). Sedimentary rocks in the field (3rd ed ed.). J. Wiley. ISBN 0-470-85123-6. OCLC 51900578. Consultado o 29 de marzo de 2020. 
  10. Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. «canto blando». Vocabulario Científico y Técnico. Acceso 31 de marzo de 2020.
  11. Flügel, Erik. (2010). Microfacies of carbonate rocks : analysis, interpretation and application (2nd ed ed.). Springer. ISBN 978-3-642-03796-2. OCLC 663093942. Consultado o 30 de marzo de 2020. 
  12. Mingarro Martín, F. e Ordóñez Delgado, S. (1982). Petrología exógena I. Hipergénesis y sedimentogénesis alóctona. Madrid: Editorial Rueda. p. 387. ISBN 84-7207-022-0. 
  13. M. E. Tucker (2001). "Sedimentary Petrology: An Introduction to the Origin of Sedimentary Rocks". Wiley. 
  14. Tucker, M. E. Sedimentary petrology, 3ª edition, 2001, WileyBlackwell
  15. Bourman, Robert P.; Ollier, Clifford D.; Buckman, Solomon (2015-06-01). "Inselbergs and monoliths: a comparative review of two iconic Australian landforms, Uluru (Ayers Rock) and Burringurrah (Mount Augustus)". Zeitschrift für Geomorphologie 59 (2): 197–227. ISSN 0372-8854. doi:10.1127/0372-8854/2014/0148. 
  16. Farics, Éva; Farics, Dávid; Kovács, József; Haas, János (2017). "Interpretation of sedimentological processes of coarse-grained deposits applying a novel combined cluster and discriminant analysis". Open Geosciences 9 (1): 525–538. doi:10.1515/geo-2017-0040. 
  17. "Geologic map of Schuylkill County". 1884. Arquivado dende o orixinal o 2008-04-11. 
  18. "NASA Rover Finds Old Streambed on Martian Surface". News. Jet Propulsion Laboratory / California Institute of Technology. 27 September 2012. Consultado o 28 de febreiro de 2016. 
  19. Neuendorf, K.K.E., J.P. Mehl, Jr., and J.A. Jackson, eds. (2005) Glossary of Geology (5th ed.). Alexandria, Virginia, American Geological Institute. 779 pp. ISBN 0-922152-76-4

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar