O concerto grosso (plural concerti grossi; en italiano gran concerto) era unha forma instrumental barroca de orixe italiana baseada na contraposición entre un pequeno grupo de solistas (un concertino) e unha orquestra completa (un ripieno ou tutti).

Arcangelo Corelli, gran violinista do barroco que compuxo concerti grossi

O concerto grosso data aproximadamente de 1670 e pode atribuírse a Alessandro Stradella, quen parece escribir a primeira obra musical na cal un "concertino" e un "ripieno" enfróntanse de forma característica, a pesar de non usar o termo concerto grosso. Giovanni Lorenzo Gregori é o primeiro compositor en utilizar o termo concerto grosso. Un dos maiores compositores do chamado concerto grosso foi Arcangelo Corelli, amigo de Stradella. Trala morte de Corelli, publicouse unha colección de doce concertos seus (presumiblemente, os movementos foron seleccionados a partir dun conxunto maior de obras) que obtivo unha rápida difusión por Europa. Compositores tales como Francesco Geminiani e Giuseppe Torelli emularon o estilo de Corelli, quen tamén exerceu unha forte influencia nos concertos de Antonio Vivaldi. O número de movementos que adoita ter o concerto grosso é de tres, segundo a fórmula preferida por Corelli: rápido-lento-rápido.

En tempos de Corelli, distinguíanse dous tipos distintos do concerto grosso: o concerto da chiesa (concerto de igrexa) e o concerto da camera (concerto de cámara). O primeiro era máis formal e xeralmente alternaba entre seccións longas ou adagio (lentas) con allegro (rápidas), mentres que o segundo tiña o carácter dunha suite de danzas, composta por un preludio e varios tipos de movementos de danza. As diferenzas entre ambos os tipos de concerto diluíronse co tempo.

O concertino de Corelli consistía en dous violíns e un violoncello, cunha orquestra de cordas facendo as veces de ripieno, ambos acompañados por unha sección de baixo continuo.

Influencias editar

Outros compositores importantes de concerti grossi foron Georg Friedrich Händel, quen expandiu o ripieno para incluír instrumentos de vento. Varios dos Concertos de Brandeburgo de Johann Sebastian Bach seguen aproximadamente a forma do concerto grosso, especialmente o segundo Concerto, que ten un concertino de frauta doce, óboe, trompeta e un solo de violín.

A forma concerto grosso foi recuperada por diversos compositores do século XX.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar