Compromiso de Connecticut

Acordo político de 1787 que definiu o poder lexislativo dos Estados Unidos

O Compromiso de Connecticut de 1787 nos Estados Unidos, tamén coñecido como o Gran Compromiso, foi un acordo conquerido na Convención de Filadelfia sobre a creación dos corpos lexislativos dos Estados Unidos. Grazas a este pacto establecéronse dúas cámaras para exercer o poder lexislativo: unha, que sería a Cámara de Representantes, proporcional á poboación; e outra, o Senado, na que se garantiría a igual representación dos estados da Unión.

Retrato de Roger Sherman (1721-1793), artífice do acordo, feito por Ralph Earl cara 1775.

Contexto editar

Nos debates para dotar aos Estados Unidos dun parlamento, fixéronse dúas propostas:

  • O Plan Virxinia, formulado por James Madison e presentado na Convención de Filadelfia por Edmond Randolph. Nel propóñense dúas cámaras lexislativas: unha con membros electos por votación popular cada tres anos, outra escollida polos parlamentos dos estados cada sete anos. A poboación sería o criterio para adxudicar o número de membros de ambas as dúas cámaras.[1] Este deseño favorecía a representación baseada na poboación.
  • O Plan de Nova Jersey, no que figuraba cada estado como un igual. A proposta foi liderada por William Partterson de Nova Jersey e defendía un parlamento unicameral coa mesma representación por estado.[2] Do mesmo xeito, mantiña un poder central semellante o establecido nos Artigos da Confederación.[3]

Ademais destes, Charles Pinckney presentou outra proposta (que se coñece fragmentariamente) e tamén Alexander Hamilton, que defendía a existencia dun goberno central forte e denostaba especialmente o Plan de Nova Jersey.[4][5][6]

O acordo editar

A concreción da separación de poderes e a participación dos estados neles foron asuntos divisorios no nacemento dos Estados Unidos. Os pequenos estados, con pouca poboación, querían que se oísen as súas voces no goberno dos Estados Unidos do mesmo xeito que a daqueles estados grandes e cunha ampla cantidade de poboación, tales como Virxinia ou Nova York.[7] O Plan de Nova Jersey foi rexeitado polos delegados na Convención o 19 de xuño de 1787, pero debido as desavinzas entre os estados pequenos e grandes, fixo que a Convención quedase estancada.[8]

Entón, Roger Sherman, canda Oliver Ellsworth, representantes de Connecticut, desempeñaron un papel importante na construción deste compromiso combinando elementos do Plan de Virxinia e do de Nova Jersey.[9] A idea de Sherman establecía un lexislativo bicameral: unha delas baseado na poboación dos Estados (Cámara de Representantes), recollendo parcialmente o Plan Virxinia, e a outra, a favor do Plan de Nova Jersey, no cal todos os estados votaban en igualdade (Senado).[10] O Compromiso de Connecticut foi votado o 16 de xullo de 1787, sendo aprobado por cinco estados a favor e catro en contra.[11]

O Compromiso de Connecticut trasladouse ao artigo 1 da Constitución dos Estados Unidos. Nela estipúlase a bicameralidade do Congreso: a proporcionalidade segundo a poboación para repartir os escanos da Cámara de Representantes e a igualdade dos estados no Senado, adxudicando dous senadores a cada un deles.[12]

Notas editar

  1. "Virginia Plan (1787)". National Archives (en inglés). 2021-05-17. Consultado o 2023-08-23. 
  2. "June 15, 1787: The New Jersey Plan (U.S. National Park Service)". www.nps.gov (en inglés). Consultado o 2023-08-23. 
  3. "Plans of Government Proposed at the Convention". Center for the Study of the American Constitution (en inglés). Consultado o 2023-08-23. 
  4. "Avalon Project - The Plan of Charles Pinckney (South Carolina), Presented to the Federal Convention". avalon.law.yale.edu. Consultado o 2023-08-23. 
  5. "Alexander Hamilton's notes for a speech proposing a plan of government at the Federal Convention, [18 June 1787].". Library of Congress, Washington, D.C. 20540 USA. Consultado o 2023-08-23. 
  6. "Hamilton and the U.S. Constitution". www.pbs.org (en inglés). Consultado o 2023-08-23. 
  7. "The Constitution". The White House (en inglés). Consultado o 2023-08-23. 
  8. "Constitutional Convention". Constitution Annoted. 
  9. "The Connecticut Compromise – Today in History: July 16". Connecticut History: a CTHumanities Project (en inglés). 2020-07-16. Consultado o 2023-08-23. 
  10. Rakove, Jack N. (1987). "The Great Compromise: Ideas, Interests, and the Politics of Constitution Making". The William and Mary Quarterly 44 (3): 424–457. ISSN 0043-5597. doi:10.2307/1939765. 
  11. "Law Library Services - CT Judicial Branch". www.jud.ct.gov. Consultado o 2023-08-23. 
  12. "Article I". LII / Legal Information Institute (en inglés). Consultado o 2023-08-23. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar