Unha compresa é un anaco de tea fina ou de gasa que se emprega para conter hemorraxias, cubrir feridas ou aplicar algún medicamento ou calor local. As empregadas para absorber a menstruación poden ser desbotábeis (toalla sanitaria) ou de tea.

Compresa.

Tamén se definen como o anaco de tea ou lenzo usado para tratar feridas que non é venda nin vendaxe, senón un tipo concreto de apósito.[1] Poden ser simples ou acolchadas e usarse con cataplasmas ou con emplastos.

As compresas terapéuticas véñense usando dende a Antigüidade como medidas primarias para atender lesións traumáticas ou enfermidades. Poden estar impregnadas de substancias medicinais ou medicamentos para a dor, a inflamación ou a hemostase.[2]

Tamén se usan compresas frías ou quentes como parte de medidas caseiras analxésicas e antiinflamatorias. As compresas cirúrxicas esterilizadas son indispensábeis nos quirófanos. Empréganse para absorber líquidos corporais e manter unha óptima visualización da área cirúrxica, ou ben para secar as mans despois do lavado.

Notas editar

  1. Nieto Serrano, Matías (1837): Elementos del arte de los apósitos. Madrid: Imprenta de D. Salvador Albert.
  2. Canivell, Francisco (1786): Tratado de vendages y apósitos para el uso de los reales colegios de cirugía: ilustrado con laminas, en que se manifiestan los apósitos necesarios a cada operación. Imprenta de Benito Cano (consultado 3 de setembro de 2011).