Compota

doce de froitas

A compota[1] (do francés compote, xurdido a partir do verbo latino componere ‘compor’)[2] é unha preparación doce elaborada con froitas cocidas nun almibre[3]. Adoita tomarse coma sobremesa caseira, e tradicionalmente se ten feito especialmente de mazá e de pera, mais que se fai igualmente de distintas froitas (pexego, albaricoque, marmelo, ruibarbo, froitas vermellas). É un alimento de consumo habitual en países como Francia e Alemaña, sendo tamén moi tradicional en Galicia. Consiste en cocer pouco tempo a froita enteira ou en anaquiños con azucre.

Unha compota de ruibarbo e mazá.

As compotas de froita esmagada empréganse frecuentemente nas dietas infantís (aínda que neste caso adoitan posuír menor contido de azucre, ademais de seren enriquecidas con vitaminas diversas, en especial a C). Tamén se emprega en caso de gastroenterite, por ser así a froita máis dixestíbel.

Definición industrial editar

Segundo a Regulamentación Técnico-Sanitaria española para a elaboración e venda de conservas vexetais (R.D. 2420/1978), a compota defínese como "a conserva de froitas ou hortalizas, enteiras ou partidas en anacos, aos que se lles incorporou unha solución azucrada, cunha gradación final inferior a 14º Brix".

Por outra banda, segundo o Código Alimentario Español, compota é "a confección preparada con froita enteira ou partida en anacos regulares e con solución azucrada. Non conterá unha riqueza superior ao 15 por 100 de azucres, expresada en sacarosa". Segundo o mesmo Código Alimentario Español, dáse o nome xenérico de confeccións de froita a"os produtos obtidos a partir de froitas frescas ou dos seus zumes sometidos ou non a un proceso de preparación mecánica previo, tratadas, en todo caso, por cocción con ou sen materias azucradas, e que se conservan posteriormente mediante procedementos axeitados".

A compota en Galicia editar

En moitas cidades, vilas e aldeas de Galicia, a compota é unha das sobremesas típicas da Noiteboa. Faise xeralmente de peras ou mazás, con azucre e canela en rama, e adóitaselle engadir viño branco á auga.

Na illa de Ons chámanlle compota a unha especie de pan feito con ovos batidos aos que se lles incorpora galleta de pan trigo esmiuzada, fariña, azucre, cravo, comiño, canela, pementa e outras especies; unha cebola picada, pirixel, touciño rustrido e unha pouca nébeda. Posto todo nunha pota, introdúcese no forno, coidando de que este estea ben quente, para que a compota se coza até ficar dura. Despois córtase coma se fose pan, cómese no xantar, e é propia dos días de Entroido e Pascua[4].

Notas editar

  1. Nome galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
  2. "Compota". Portal das Palabras. Consultado o 29 de agosto de 2016. 
  3. Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  4. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo

Véxase tamén editar

Outros artigos editar