Columna de Traxano

Coordenadas: 41°53′45″N 12°29′03″L / 41.89583, -12.48417

A Columna de Traxano é un monumento romano ergueito polo arquitecto Apolodoro de Damasco por orde do Senado. Está localizada en Roma, no Foro de Traxano, preto do Quirinal, ao norte do Foro romano.

Columna de Traxano

Completada en 113, esta columna exenta é famosa polos seus baixorrelevos en espiral, que cobren todo o fuste, e que conmemoran a vitoria do emperador Traxano nas guerras da Dacia (Romanía actual).

Descrición editar

A columna é do tipo "centenaria", é dicir, 100 pés de altura (equivalente a 29,78 metros, 39,86 metros se se inclúe o alto pedestal da e a estatua da parte superior). Na base do zócolo da columna, aparece unha inscrición na que se menciona que o Senado decidiu a súa construción para marcar a altura do outeiro próximo (o Quirinal) e o espazo que se tivo que escavar para facer unha grande obra (referencia ao Foro Traxano[1]).

A base estaba formada por unha xigantesca coroa de loureiro. O fuste presenta un friso, de forma helicoidal, con máis de 150 secuencias e cunha lonxitude de 199 m de lonxitude[2], creado a partir de 18 enormes bloques de mármore de Paros, dunhas 40 toneladas de peso cada un e un diámetro de 3,83 metros[3].

No interior do fuste, unha escaleira en espiral (columna coclide), con 185 chanzos, facilita o acceso á plataforma do cume.

A columna estaba coroada por unha estatua de Traxano realizada en bronce dourado. A estatua foi destruída na Idade Media, e en 1588, colocouse outra de San Pedro[4], coas chaves na man e mirando cara a súa basílica.

Hai autores que formulan a hipótese de que, orixinalmente, estivera policromada pero o certo é que foi recibiu unha cubrición de leite de cal que contribuíu de xeito importante á súa conservación[5].

Análise estilística editar

Na representacións dos relevos, o valor máis relevante é o do tratamento que se lle dá aos inimigos, pois fronte a antecedentes doutras culturas, por exemplo os relevos asirios, aquí os inimigos non son menosprezados, senón que a conquista colle valor pola dureza da campaña: ataques, saqueos, manobras militares, a construción da ponte sobre o Danubio. Todas as operacións bélicas están presentes nos diferentes episodios[2] e serven para enaltecer a figura do conquistador. Preséntase máis como unha serie de episodios épicos que como unha crónica aséptica.

A figura do emperador nunca se presenta frontalmente, senón de forma lateral coma se o espectador o contemplara de lonxe e de lado.

Prescíndese dunha escala realista, pois as figuras humanas aparecen con maior volume cós cabalos, ou cás naves cruzando o río, ou cás propias cidades. Igualmente, as figuras en segundo xorden por riba das que están no primeiro plano[4].

Hai autores que afirman a influencia noutras columnas posteriores como a columna de Marco Aurelio ou, fóra das fronteiras do imperio, no relevo rupestre de Bishapur, onde se representa a gran vitoria de Sapor I sobre as tropas de Valeriano (260) no que capturou máis de 70 000 prisioneiros que empregaría na construción de Gundeshapur e do dique de Shustar, no río Karum[1].

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Bianchi Bandinelli, Ranuccio (1981). Del helenismo a la Edad Media. Univeristaria. Akal. ISBN 978-84-7339-252-5. 
  2. 2,0 2,1 Hartt, Frederick (1989). Arte. Historia de la pintura, escultura y arquitectura. Arte y estética. Akal. p. 270. ISBN 978-84-7600-411-1. 
  3. Bianchi Bardinelli, Ranuccio (2002). Roma. L'arte romana nel centro del potere (en (italiano)). BUR Biblioteca Univ. Rizzoli. ISBN 9788817100557. 
  4. 4,0 4,1 Honour, Hugh; Fleming, J. (1987). Historia del arte. Reverté. pp. 186–187. ISBN 9788429114416. 
  5. Gallico, Sonia (2007). Roma y la ciudad del vaticano. ATS Italia Editrice. p. 74. ISBN 978-88-7571-350-8. 

Véxase tamén editar