Codeso

especie de planta

O codeso común[1] (Adenocarpus complicatus), é unha especie da familia das fabáceas, semellante á xesta. Tamén recibe os nomes comúns de cítiso e piorno.[2]

Descrición editar

Arbusto de até 2 m, aínda que xeralmente é de menor tamaño. Pólas estriadas en sentido lonxitudinal. Follas trifoliadas e pecioladas; cada folliña lanceolada ou oblanceoalada, cubertas dun veludo polo envés e lampiñas ou lago vilosas pola face. Flores en acios terminais alongados, máis estreitos canto máis preto do ápice; cáliz bilabiado cuberto de pelos (en ocasións glandulares) co labio superior máis curto ca o inferior e dividido profundamente en dous lóbulos triangulares; corola con forma de bolboreta de cor amarela ou amarela-alaranxada, de 9–15 mm de lonxitude. Froito en legume densamente cuberto de tubérculos glandulares, de 15–45 mm de longo por 5–6 mm de largura. Florea na primavera e no verán.[3]

Distribución e hábitat editar

Medra na rexión mediterránea e suroeste de Europa (chegando até o centro de Francia). Na Península Ibérica esténdese por todas as comarcas con terreos silíceos, dende o País Vasco a Galiza polo norte, e por toda a metade occidental, penetrando até o centro. Medra en matogueiras, uceiras e bosque aclarados dos pisos inferior e montano (desde o nivel do mar até uns 1.500 m de altitude), fundamentalmente en terreos silíceos (granitos, gneis etc), ás veces en solos areentos.[4] Tamén aparece na illa de Madeira; no norte de África aparece nas montañas do norte de Marrocos (Rif e Atlas Medio central e setentrional) e nas de Kabylia en Alxeria (Montes de Akfadou, Jebel Tamesguida e Jebel Babor).[5]

Diversidade editar

É unha especie extraordinariamente polimorfa, que comprende varias razas ou subespecies que na Península Ibérica non amosan unha distribución claramente diferenciada.

  • A. complicatus L. J.Gay subsp. complicatus ten as franzas, o cáliz e o eixo da inflorescencia provistos de pelos curtos e pouco mestos. Medra principalmente na metade norte da Península Ibérica en zonas de clima máis ou menos continental.
  • A. complicatus subsp. aureus (Cav.) C.Vicioso no que as franzas e o cáliz están densamente cubertos de pelos longos. Medra de preferencia en terreos areentos do centro e centro-oeste de España: Estremadura, Castela e León e Castela-A Mancha. Plantas semellantes aparecen no centro e centro-norte de Portugal (Estremadura, Beira Alta).
  • A. complicatus subsp. parvifolius (DC.) García Adá & al. que ten o cáliz cuberto de galndulas estipitadas, e ás veces leva algúns pelos longos non glandulíferos; esténdese de preferencia polo norte de España desde Áraba a Galiza, noroeste de Portugal e penetra até o centro da Península onde é máis raro.[4]

Etnografía editar

O codeso común é unha das sete plantas esenciais usada nas herbas de San Xoán; polo que é considerada con propiedades máxicas e medicinais. Existe a tradición de pedir un desexo e anoar os seus varelos para que se cumpra, quizais derivado de que fose un arbusto sagrado na antigüidade.[Cómpre referencia]

Taxonomía editar

Adenocarpus complicatus foi descrita por (Carl von Linné) J.Gay e publicado en Annales des Sciences Naturelles, Botanique II, 6: 125. 1836.[6][7]

Etimoloxía

Adenocarpus: nome xenérico que procede do grego aden, que significa "glándula" e karpos, que significa "froito", facendo referencia a unha característica dos legumes destas plantas.[8]

complicatus: epíteto latino que significa "dobrado sobre si mesmo".[9]

Variedades
Sinonimia
  • Adenocarpus divaricatus var. divaricatus Sweet
  • Adenocarpus intermedius subsp. complicatus (L.) C.Vicioso
  • Adenocarpus parvifolius DC.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para codeso.
  2. "Codeso". Real Academia Galega. Consultado o 2022-04-06. 
  3. Luceño Garcés, M. (1998). Flores de Gredos. Ávila:Caja de Ávila. ISBN 84-930203-0-3. 
  4. 4,0 4,1 López González, Ginés A. (2007). Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares (3ª ed.). Madrid Mundi-Prensa. ISBN 84-8476-312-9. 
  5. Charco García, Jesús (2001). Guía de los árboles y arbustos del norte de África. Madrid:Agencia Española de Cooperación Internacional. ISBN 84-7232-878-3. 
  6. "Codeso". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 18 de maio de 2013. 
  7. Codeso en PlantList
  8. Codeso en Flora de Canarias
  9. En Epítetos Botánicos

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Zuloaga, F. O., O. N. Morrone, M. J. Belgrano, C. Marticorena & E. Marchesi. (eds.) 2008. Monogr. Syst. Bot. Missouri Bot. Gard. 107: 3 Vols., 3348 p.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar