Cistanche phelypaea lutea

Este artigo trata sobre a planta do xénero Cistanche, para a planta do xénero Silybum, véxase artigo Cardo de Santa María.

Cistanche phelypaea, especie que, en Galicia, só se atopa no Complexo Umia-O Grove

O coutiño[1] ou cardo leiteiro (Cistanche phelypaea subsp. lutea) é unha planta parasita, desprovista de clorofila, da familia das Orobancáceas, que medra en terreos areosos e salinos, como as beiras das marismas. Cómpre ter en conta que tamén recibe o nome vulgar de cardo leiteiro o cardo de Santa María.

O nome xenérico procede do grego kisthós, pola relación co xénero Cistus que, na súa acción parasita, afoga; e o específico phelypaea en honor do científico francés Louis Phélypeaux (1643-1727).

A planta está presente nas Canarias e no sueste da Península Ibérica (Albacete, Alacant, Almería, Granada, Xaén e Murcia), así como no norte de África ata Exipto e Arabia Saudita. Na costa atlántica é común ata a altura de Lisboa, onde desaparace para reaparecer en Galicia, onde só está presente no enseada Umia-O Grove, límite norte da distribución da especie.

Descrición editar

O talo é robusto e carnoso, máis groso na base, cunha altura de ata 40 cm, erecto e non ramificado, dunha cor desde o gris ata o amarelo pálido ou sucio. As follas son tamén carnosas e glabras [2], de forma oval-lanceolada, de cor gris ou amarelada, a modo de escamas envolvendo o talo.

Florece entre febreiro e maio. As flores agrúpanse en inflorescencias apertadas, cilíndricas, zigomorfas [3] A corola é de forma acampanada e tubular formada por 5 pétalos soldados, case iguais, de cor amarela e ás veces cos bordos violáceos. O froito é en cápsula ovoide, dehiscente e con dúas valvas; produce un alto número de sementes de forma case esféricas.

Hábitat editar

Como se trata dunha planta sen clorofila só pode medrar como parasita de plantas leñosas quenopodiáceas [4], mediante unha adaptación das súas raíces en haustorios [5] que penetran nas raíces do hospedador, do que absorben os nutrientes.

Aproveitamento editar

Aínda que en Galicia non se lle dá uso ningún, en África cómense os talos tenros a modo de espárragos. Da base do talo, subterránea, obtense unha fariña comestible tralo seu desecamento. Esta mesma parte da planta úsase tamén como afrodisíaca. Atribúenselle propiedades antidiarreicas e diuréticas.

Notas editar

  1. Nomes vulgares galegos en E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia
  2. Denomínanse glabras as estruturas dos organismos que no presentan pelos, tricomas ou formacións similares na súa superficie externa.
  3. Estruturas vexetais, en especial das flores, que mostran simetría bilateral, pero no polisimetría. É o caso das flores dalgunhas fabáceas ou das orquídeas.
  4. Subfamilia das amarantáceas, plantas herbáceas (salvo algúns arbustos e trepadoras) frecuentes nas zonas costeras e marismas pola súa adaptación a ambientes salinos.
  5. Termo que designa o extremo das hifas dun fungo ou das raíces modificadas de plantas parasitas, como a Cuscuta ou o Orobanche. Estas formacións penetran nas raíces do hospedador pero permanecen fóra das membranas celulares.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar