Cidade das Artes e as Ciencias

A Cidade das Artes e as Ciencias (en valenciano: Ciutat de les Arts i les Ciències) é un complexo arquitectónico, cultural e de entretemento da cidade de Valencia (País Valenciano).

Cidade das Artes e as Ciencias
Atardecer sobre a Cidade das Artes e as Ciencias coa vista do Museo das Ciencias Príncipe Felipe, de L'Hemisfèric e a Ponte de fronte
Coordenadas39°27′16″N 0°21′01″O / 39.454527777778, -0.35036388888889Coordenadas: 39°27′16″N 0°21′01″O / 39.454527777778, -0.35036388888889
editar datos en Wikidata ]

O complexo, deseñado por Santiago Calatrava e Félix Candela, foi inaugurado o 16 de abril de 1998 coa apertura de L'Hemisfèric. O derradeiro grande compoñente da Ciutat de les Arts i les Ciències, o Palau de les Arts Reina Sofía, foi presentado en sociedade o 9 de outono de 2005, día do País Valenciano, aínda que a súa programación regular non comezou até o outono de 2006.

A Cidade das Artes e as Ciencias fica ao final da vella canle do río Turia, canle que se converteu nun xardín nos anos 1980, tralo desvío do río pola gran riada de Valencia no ano 1957. Constitúe, hoxe en día, un dos maiores reclamo turísticos da cidade de Valencia.

Edificios editar

 
L'Hemisfèric

Os edificios que a integran son, por orde de inauguración:

L'Hemisfèric editar

Foi o primeiro edificio en inaugurarse. Ten forma de ollo e consta dunha sala de proxeccións de cine IMAX, planetario e Láser. Dispón dunha superficie aproximada de 13.000 m².

Museu de les Ciències Príncipe Felipe editar

 
Museo das Ciencias Príncipe Felipe
 
Interior do Museo
 
Péndulo de Foucault

O Museo das Ciencias Príncipe Felipe, é un museo interactivo de ciencia. Ocupa arredor de 40.000 m² repartidos en tres pisos e ten unha forma semellante ao esqueleto dun dinosauro.

Aberto ao público 13 de novembro do ano 2000. Dispón de varias andares, tamén de amplas prazas tanto interiores coma exteriores onde ademais que se utilizan para a realización de talleres didácticos e actividades. Tamén ten sido sede de diferentes eventos sociais e culturais da cidade como:

  • A Campus Party:

Festa informática que no ano 2000 se converteuse na maior LAN Party de Europa en número de participantes conectados en rede. Seguindo en anos sucesivos á organización deste evento e medrando en número e interese a nivel internacional.

En xullo de 2004, a Campus Party instalouse sobre o lago principal do Museo onde houbo unha gran carpa de 12.800m², recibindo nesa ocasión 4.500 participantes. O evento se converteuse na maior concentración de xogadores de PS2 en rede do mundo. En posteriores edicións e debido ao grande volume de participantes trasladouse a outros centros como a Universidade Politécnica de Valencia e a Fira de Mostres Internacional de Valencia.

  • 57 Congreso Internacional de Astronáutica (IAC 2006)

Celebrouse dito evento en Valencia do 2 ao 6 de outubro de 2006, tendo coma sede principal ao Museo.

O luns 15 de xaneiro de 2007, celebrouse a gala no recibidor do Museo.

Entre os seus contidos destacan:

  • O grande péndulo de Foucault de 30 metros de lonxitude, un dos máis longos do mundo, e cuxa masa é de 130 quilos, a base do péndulo é unha mesa circular forrada de madeira de oliveira e laranxeira, onde se atopa o anel que xera e induce a asistencia electromagnética á esfera do péndulo. O seu ciclo de xiro completo é de 34 horas.
  • No Andar Baixo podemos atopar A ciencia a escena coas seccións: Frío, frío; maxia química; horror ao baleiro; sons: música e natureza; estudo TV, micrarium e robots.
  • No Primeiro Andar atopamos Escaparate da ciencia con: Superheroes; L'Espai dels Xiquets; Cvida; exploratorio; escola do Cadete do Espazo e Avante Toda!.
  • No Segundo Andar O legado da ciencia con: Severo Ochoa, Santiago Ramón y Cajal e Jean Dausset.
  • No Terceiro Andar: Cambio climático e fraga de cromosomas

L'Umbracle editar

 
L'Umbracle

L'Umbracle é un paseo axardinado con especies vexetais autóctonas do País Valenciano (xara, lentisca, romeu, lavanda, madreselva, buganvilla, palmeiras,...) cuberto por arcos flotantes dende onde se pode ver todo o complexo da Cidade das Artes e as Ciencias. Destaca por ser unha construción moderna na cal unha serie de arcadas paralelas cobren un xardín alongado e estreito de palmeiras e outras plantas mediterráneas. A estrutura está feita con trencadís (unha especie de mosaico realizado con fragmentos cerámicos unidos con argamasa, típico da arquitectura modernista) branco, un estilo típico dos edificios de Santiago Calatrava.

Alberga no seu interior O Paseo das Esculturas, unha galería de arte ao aire libre con esculturas de autores contemporáneos (Miquel Navarro, Francesc Abad, Yoko Ono e outros..)

L'Oceanogràfic editar

 
L'Oceanogràfic.

É un parque acuático acuario con carácter lúdico situado no Xardín do Turia. A súa cuberta en forma de nenúfar é obra do arquitecto Félix Candela. Con arredor de 100.000 metros cadrados, é o acuario máis gran de Europa. Hai mostras dos diferentes hábitats mariños de mares e océanos e máis de 40.000 especies. A auga salgada bombease dende a praia da Malva-rosa, pasando por controis de calidade para manter o equilibrio dos ecosistemas respectivos.

Nel podemos atopar dende cangrexos araña, até pingüíns, pasando por golfiños (cun espectáculo acrobático), leóns mariños, morsas ou belugas.

Palau de les Arts Reina Sofia editar

Artigo principal: Palau de les Arts Reina Sofía.
 
Pazo das Artes Reina Sofía
 
Palau de les Arts
 
Palau de les Arts de fronte

O Pazo das Artes Reina Sofía, teatro da ópera de Valencia e sede da Orquestra Simfònica de la Comunitat Valenciana, ten como obxectivo presentar unha programación estábel principalmente de ópera, mais tamén de danza, teatro, música e ciclos de exposicións, conferencias e mostras relacionadas coas artes líricas e escénicas. A alemá Helga Schmidt, promotora da London Symphony Orchestra, asume actualmente a direcció artística do Palau e Lorin Maazel, a dirección da Orquestra Sinfónica Valenciana.

O Palau de les Arts é un é un dos teatros da ópera máis destacábeis en canto a volumetría e estrutura, construído polo arquitecto valenciano Santiago Calatrava cunha dobre intención: a de construír un auditorio e a de facer deste edificio un símbolo paisaxístico con carácter monumental para Valencia.

Ten catro salas principais:

  • Sala principal: Cunha capacidade para a 1.700 prazas distribuídas entre patio e catro niveis de lonxas, concibido fundamentalmente para a representacións de ópera.

Dispón dunha plataforma hidráulica e dunhas instalacións que permiten a representación alternativa de dúas óperas, reducindo o tempo necesario entre a representación de dúas óperas diferentes. A boca ten unha amplitude de 17 metros, unha profundidade de 20 metros e unha alzada de 36 metros. O foso da orquestra é de 166 metros cadrados (o segundo máis grande de mundo despois da Bastille).

Os primeiros meses da súa existencia presentaron algúns problemas, o primeiro dos cales foi a avaría da plataforma principal do escenario que acabou esborrallándose coa escenografía da ópera Don Giovanni en decembro de 2006. Iso obrigou a suspender a última representación da ópera La Bohème, tódalas de La Belle et la Bête, ademais de planear de nova a tempada inaugural ao completo.

En novembro de 2007 padeceu un par de inundacións que supuxeron unha nova paralización da plataforma escénica xa que, a pesar que a avaría do ano anterior estaba reparada, os case 2 metros de auga que entraron na caixa escénica avariaron por completo as máquinas e a electrónica do complexo sistema escénico, co conseguinte barullo na programación da segunda tempada operística, retardo da estrea de Carmen e suspensión da ópera 1984.

  • Aula Magistral: Cunha capacidade para a 400 persoas e unha sala destinada a conferencias ou concertos de cámara
  • Amfiteatre/Auditori: O anfiteatro ou auditorio ten unha capacidade para 1500 persoas. Cedido oficialmente á fundación que xestiona o recinto na tempada 2007-2008, trátase dun espectacular recinto para a multitude de acontecementos. Dende concertos de música clásica até mitins políticos. Dende a súa inauguración tamén padece graves problemas de illamento acústico que provocan que o ruído exterior traspase considerablemente a cuberta do edificio e sexa audíbel durante as representacións.
  • Teatre Martí i Soler: Edificio adxacente ao Palau e independente deste, cunha capacidade para 400 persoas. Recibe o seu nome do famoso compositor valenciano e é unha sala destinada a teatro experimental e a espazo de perfeccionamento. Lamentablemente sufriu considerábeis danos nas inundacións de 2007 e atrasarase a súa inauguración aínda máis do previsto. Por sorte no contaba con equipamento escénico e o custo da súa rehabilitación será menor do que se puidese agardar.

Pont de l'Assut de l'Or editar

 
Ponte de l'Assut d l'Or

A ponte de l'Assut de l'Or ou ponte de la Serradora é unha ponte que cruza a vella canle do río Turia, situado case ao final do Xardín do Turia, xusto ao leste do Museo das Ciencias e ao oeste da Àgora, construcións todas do arquitecto valenciano, Santiago Calatrava.

A ponte foi inaugurada o 12 de decembro do 2008 e con 123 m é o monumento máis alto da cidade. A ponte está aberto aos coches e ten tres carrís en cada sentido. Conecta a Ronda Nord de Valencia coa Ronda Sud. A ponte, de todo branca coma as outras pontes do mesmo enxeñeiro, adopta unha forma de arpa cun solo mastro que sostén a ponte con 29 cables de alta tensión.

Àgora editar

A ágora e unha grande praza cuberta, deseñada tamén por Santiago Calatrava entre a ponte de l'Assut de l'Or e l'Oceanogràfic, actualmente en construción, na que se celebraran concertos e eventos deportivos, e cando estea finalizada está previsto que se celebre no seu interior o Open de tenis da Comunitat Valenciana de 2009.

A súa estrutura é metálica e estará revestida de trencadís azul e cristal. Terá unha altura de 80 metros e ocupará unha superficie elíptica de 5000 metros cadrados. A súa forma lembra, segundo o propio Calatrava, a dúas mans entrelazadas pois a Àgora constará na súa parte superior dunhas ás (os dedos no símil das mans) que permitirán filtrar a cantidade de luz que entrará no seu interior.

Gratacels de Castelló, Alacant i València editar

Tamén están en estudo tres rañaceos, ao estilo do Turning Torso de Malmö, de 308 m, 266 m e 220 m. Actualmente o proxecto está parado e aínda non está claro se se levará adiante.

Historia editar

 
A ponte de l'Assut de l'Or durante a súa construción

En 1989, Joan Lerma, o entón presidente da Generalitat Valenciana, asumiu a idea de José María López Piñero, catedrático de historia da ciencia da Universidade de Valencia, de construír un museo científico nos terreos do Xardín do Turia que lindaban co Camí de les Moreres. Lerma encargou a creación dun equipo que articulase o proxecto, que visitou espazos de similares características en Múnic, Canadá ou Londres para elaborar un proxecto de evidente cariz pedagóxico: un átomo serviría de guía ao visitante para mostrarlle todas as facetas da natureza.

O museo ía ser o centro a partir do cal viraría un complexo, metade cultural, metade turístico, que ía servir para "facer de Valencia un lugar emblemático", segundo expresou o propio Lerma na presentación das obras, dous anos despois. A cidade das ciencias, que era o nome que o Consell daba á iniciativa, constaba dunha torre de comunicacións de 370 metros de altura -a terceira máis alta do mundo naqueles momentos-, un planetario e o museo de carácter científico. O custo total das obras estimábase nuns 25.000 millóns de pesetas, uns 150 millóns de euros.

Aquel proxecto provocou, dende o principio, o receo da oposición. O PP viu na Cidade das Ciencias, unha "obra faraónica" que só serviría para inchar o ego dos socialistas, impulsores da iniciativa. A torre de comunicacións foi o principal branco das críticas. No entanto, a obra seguiu as canles legais para a súa construción.

En maio de 1991, o Consell aprobou a cesión de terreos, catro meses despois presentou o proxecto deseñado por Santiago Calatrava e, a finais daquel ano, deu luz verde á constitución dunha empresa pública que servise de ponte para as concesionarias das obras. As obras iniciáronse a finais de 1994.

A intrahistoria daquel proxecto é, con todo, diferente. O equipo que deseñara o museo non viu con bos ollos a forma en que Santiago Calatrava concibía o edificio e producíronse moitas diverxencias.

Coas obras adxudicadas e os fundamentos da torre construídos, o PP accedeu á Generalitat e ao pouco tempo detivo o proxecto. José Luís Olivas, conselleiro de Economía e Facenda, ordenou a paralización das obras e anunciou que o goberno autonómico redeseñaría a Cidade das Ciencias "cunha filosofía distinta". Tras catro meses de agre polémica o Consell decidiu retomar o proxecto de Calatrava, aínda que non da torre de comunicacións, onde situou un gran chafariz de auga bautizado como "o chorrito" polos medios de comunicación.

A redefinición do complexo engadía a arte á ciencia para conformar a Ciutat de les Arts i les Ciències, que mantiña dous dos edificios proxectados polo goberno de Lerma (o museo das ciencias e o planetario), substituía a icona da iniciativa socialista -a torre-, por un palacio de ópera e engadía un novo elemento: un parque oceanográfico -l'Oceanogràfic-. Calatrava redeseñou o seu traballo inicial e, o 20 de xuño de 1996, presentou o seu segundo proxecto, no que el se faría cargo do deseño de tres dos edificios: L'Hemisfèric en forma de ollo humano, o Palau de les Arts, e o Museu de les Ciències. O mexicano Félix Candea, un dos mestres do arquitecto valenciano, elaboraría o Oceanogràfic. Despois de dous anos paradas, as obras renováronse en 1997.

En abril de 1998 abriu as súas portas ao público L'Hemisfèric. Once meses despois, ás portas dunhas eleccións, o presidente Eduardo Zaplana inaugurou o Museu de les Ciències Príncipe Felipe, aínda que as obras non estaban terminadas. O museo abriuse ao público 20 meses despois. O 12 de decembro de 2002, abriuse L'Oceanogràfic, o maior acuario construído en Europa. E o 8 de outubro de 2005 a obra total culminouse coa apertura do Palau de les Arts, que perdeu a súa condición inicial de sede da Filmoteca para converterse nun teatro de ópera cuxo deseño é moi similar a outro edificio de Calatrava: o Tenerife Opera House.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar