Christophe-Jean Dumont

Christophe-Jean Dumont, O.P., nado como Jean-René Dumont o 22 de xuño de 1897 en Valenciennes (Francia) e finado o 11 de febreiro de 1991 en París, foi un relixioso dominicano, membro do Apostolado Ruso, sacerdote greco-católico, e pioneiro do ecumenismo.

Infotaula de personaChristophe-Jean Dumont
Nome orixinal(fr) Christophe Dumont Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(fr) Jean-René Dumont Editar o valor em Wikidata
22 de xuño de 1898 Editar o valor em Wikidata
Francia Editar o valor em Wikidata
Morte11 de febreiro de 1991 Editar o valor em Wikidata (92 anos)
Francia Editar o valor em Wikidata
Director Istina (en) Traducir
1927 – 1967 – Bernard Dupuy (pt) Traducir → Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoTeologia cristã (pt) Traducir e ecumenismo Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescritor , Christian theologian (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Orde relixiosaOrde dos Predicadores Editar o valor em Wikidata
Premios

Traxectoria editar

Jean-René-Louis Dumont naceu o 22 de xuño de 1897 en Valenciennes, fillo de Henri e de Nelly (de apelido de solteira Henneton).[1] Estudou no colexio Notre-Dame da súa vila natal, e posteriormente, en 1913 continuou os seus estudos no colexio Saint-Jean de Passy dos lasalianos, entón refuxiados en Froyennes (Bélxica).[1] A ocupación de Bélxica e do norte de Francia na primeira guerra mundial truncou os seus plans de continuar os seus estudos, e foi requirido para ensinar matemáticas en Notre-Dame de Valenciennes (até 1916) e posteriormente no seminario maior de Cambrai (até 1918).[1] Ao rematar o conflito foi chamado para facer o servizo militar, e un ano máis tarde, o 23 de setembro de 1920 fixo a profesión simple como relixioso dominicano en Kain.[1]

Cursou toda a súa formación relixiosa en Filosofía e Teoloxía na casa dos dominicanos en Kain, Le Saulchoir; alí tomou o nome de Christophe, fixo os votos solemnes o 23 de setembro de 1923, e foi ordenado sacerdote o 23 de xullo de 1924.[1] Naqueles anos, a provincia dominicana de Francia decidiu encargarse —logo dunha petición do papa Pío XI— da posta en marcha dun seminario ruso en Lille e dedicarlle dous relixiosos, François Foulon e Henri-Jean Omez. O seminario de San Basilio comezou a funcionar en setembro de 1923.[1] No verán de 1924 Dumont acompañou a Omez nun viaxe ao leste de Europa, participando no IV Congreso de Velehrad, viaxando por Polonia oriental co apoio de Andrei Sheptytskyi, e visitando a Laura de Pochaiv, onde coñeceron ao metropolita Dionizy Waledyński.[1]

En 1926 foi asignado ao seminario san Basilio de Lille e se matriculou en Lingua rusa na universidade.[1][2] O 4 de marzo de 1927 fixo unha primeira solicitude para pasar ao rito bizantino, que lle foi denegada.[1] No verán de 1927 foi tamén asignado ao seminario o francés de orixe checa Antoine Hubatzek; o grupo formado polos tres dominicanos (Omez, Hubatzek, e o propio Dumont) proporcionou unha estabilidade ao seminario.[1][3] Porén, as vocacións que chegaron ao seminario foron escasas, especialmente logo da creación do Pontificio Colexio Ruso en 1929 en Roma, con moitos máis recursos.[1]

Dumont pasou ao rito bizantino finalmente o 30 de xullo de 1928, e participou na creación e consolidación do centro «Istina» (Verdade), dedicado principalmente a Rusia e ao oriente cristián en xeral.[1] Colaborou na revista Revue des sciences philosophiques et théologiques con varios boletíns sobre a historia das doutrinas cristiás orientais logo do cisma, nos que daba a coñecer a obra de pensadores cristiáns acatólicos non traducidos ao francés; outros traballos deste período son os referidos á persecución relixiosa na Unión Soviética.[1] En 1932 a Comisión Pro Russia destituíu a Omez,[4] e pechou o seminario, transformándoo en 1933 nunha casa para a atención dos rusos da rexión.[1]

Entre 1932 e 1967 a súa traxectoria estivo vencellada principalmente á dirección do centro «Istina». Até 1936 traballou con Hubatzek tratando de animar o centro ruso, sen demasiado éxito. Solicitou o seu traslado a París, onde a presenza de católicos rusos era maior, e en agosto de 1936 pasou a ser reitor da igrexa greco-católica da Santa Trindade; a súa actividade motivou que se lle distinguira co título de «arquimandrita» en 1938.[1][5] Durante estes anos tamén continuou a aumentar os seus coñecementos sobre o cristianismo ortodoxo: estivo en 1935 no mosteiro de Valaam, e en 1939 noutro mosteiro en Estonia; en 1936 asistiu tamén a un congreso teolóxico ortodoxo en Atenas.[1]

O estoupido da segunda guerra mundial significou un golpe importante para o centro «Istina», pola marcha de Iuliia Danzas a Roma en 1939, e pola mobilización de Hubatzek, quen foi prisioneiro de guerra e quen non volveu ao centro despois da súa liberación; a Congregación para as Igrexas Orientais enviou entón a Aleksandr Kulik para axudar na parroquia.[1] Porén, a Ocupación de Francia levou a fuxida de moitos rusos, o que tamén impactou negativamente na vida da parroquia. Nesta época ampliou tamén a súa actividade ecuménica aos protestantes, a petición de Henriette Ferrary.[1] Estes acontecementos levaron a que en xullo de 1943 trasladara ao capítulo da súa orde a conveniencia de disociar a actividade do Centro e da parroquia, en previsión de que tomarían camiños diferentes.[1]

Durante os anos seguintes foi mudando a súa actitude cara a unha visión ecuménica máis ampla, como trasladou por carta en 1946 a Giovanni Battista Montini co informe "Le mouvement catholique en faveur de l'Unité chrétienne. Sa raison d'être. Ses caractéristiques. Mesures à prendre pour assurer la rectitude de son développement et l'efficacité de son effort".[6] En 1947 a Congregación para as Igrexa Orientais adquiriu unha propiedade de maior tamaño e posibilidades para o centro ecuménico. Ademais da formación no centro, traballou con discreción as relacións con outros cristiáns (luteranos, ortodoxos, anglicanos) e co Consello Mundial das Igrexas.[1] Na década de 1950 tamén teceu relacións coas igrexas de Grecia e Constantinopla, encontrándose por dúas ocasións co patriarca Atenágoras I.[1]

Foi representante da prensa católica na primeira conferencia panortodoxa, celebrada en Rodas entre o 24 de setembro e o 1 de outubro de 1961.[7]

O 15 de setembro de 1973 foi nomeado membro consultor da Pontificia Comisión para a Revisión do Código de Dereito Canónico Oriental (Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo).[8]

En 1979 volveu a Francia, pasando a residir no convento da Anunciación de París; alí comezou a escribir as súas memorias, que non chegaría a publicar.[1]

Finou o 11 de febreiro de 1991 en París, nunha residencia para sacerdotes anciáns.[2][1]

Obra editar

  • L'Église orthodoxe russe en face du communisme [A igrexa ortodoxa rusa fronte ao comunismo]. 1950. 
  • Problèmes de l'unité chrétienne [Problemas da unidade cristiá]. 1953. 
  • Les voies de l'unité chrétienne: doctrine et spiritualité [As vías da unidade cristiá: doutrina e espiritualidade]. 1954. 
  • Diversité des rites orientaux et enrichissement de la spiritualité catholique [Diversidade dos ritos orientais e enriquecemento da espiritualidade católica]. 1959. 
  • Pio XI e i cristiani separati [Pío XI e os cristiáns separados]. 1969. 

Como editor editar

  • Vatican - Phanar (1958-1970) [Vaticano - Fanar (1958-1970)]. Xunto con Pierre Duprey. 1971. 

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 1,19 1,20 1,21 1,22 Fouilloux, Étienne (11 de xaneiro de 2018). "DUMONT Christophe". Dictionnaire biographique des frères prêcheurs Dominicains des provinces françaises (XIXe-XXe siècles) (en francés) (IMM-EHESS - Institut Marcel Mauss, Centre d'études des mouvements sociaux). ISSN 2431-8736. Consultado o 12/11/2020. 
  2. 2,0 2,1 Голованов, Сергий (2005). Биографический справочник деятелей русского католического апостольства в эмиграции 1917-1991 гг [Directorio biográfico dos líderes do apostolado católico ruso na emigración 1917-1991]. 
  3. Fouilloux 1982, p. 105.
  4. A súa destitución tivo relación cun viaxe á Unión Soviética, non autorizado pola Comisión Pro Russia.
  5. "Nouvelles religieuses" [Novas relixiosas]. La Croix (en francés): 2. 17 de abril de 1938. Consultado o 16/11/2020. Nous sommes heureux d'apprendre que le Souverain Pontife a daigné élever à la dignité d'archimandrite le R. P. C. Dumont, O. P., recteur de l'église catholique russe de Paris depuis 1936 [Comprácenos saber que o soberano pontífice se dignou a elevar á dignidade do arquimandrita R. P. C. Dumont, O. P., reitor da igrexa católica rusa en París desde 1936] 
  6. Destivelle, Hyacinthe (2018). Conduis-la vers l'unité parfaite. Editions du Cerf. ISBN 9782204127851. 
  7. "Список делегатов Совещания" [Lista dos asistentes á Conferencia]. Журнал Московской Патриархии (Xornal do Patriarcado de Moscova) (11): 5–6. 1961. 
  8. Pontificia Commissio Codici Iuris Canonici Orientalis Recognoscendo, ed. (1975). "Istituzione e composizione della Commissione" (PDF). Nuntia (Libreria Editrice Vaticana) (1): 13. OCLC 9237479. In data 15 settembre 1973 sono stati nominati i primi 65 consultori della Commissione [...] Rev.di PP.: [...] Chrystophe Dumont [...] 

Bibliografía editar

  • Bova, Ciro (1998). Christophe Jean Dumont: una vita per l'ecumenismo [Christophe Jean Dumont: unha vida para o ecumenismo]. Bari: Ecumenica Editrice. 
  • Fouilloux, Étienne (1982). Les catholiques et l’unité chrétienne du XIXe au XXe siècle. Itinéraires européens d’expression française [Os católicos e a unidade cristiá do século XIX ao XIX. Itinerarios europeos de expresión francesa]. París: Le Centurion. ISBN 9782227310377. 
  • Fouilloux, Étienne (11 de xaneiro de 2018). "DUMONT Christophe". Dictionnaire biographique des frères prêcheurs Dominicains des provinces françaises (XIXe-XXe siècles) (en francés) (IMM-EHESS - Institut Marcel Mauss, Centre d'études des mouvements sociaux). ISSN 2431-8736. Consultado o 12/11/2020.