Christian Santos

futbolista alemán

Christian Robert Santos Freire, nado o 24 de marzo de 1988 en Ciudad Guayana, é un futbolista venezolano, que xoga de dianteiro no Arenteiro, da Primeira División RFEF. Foi 13 veces internacional coa selección de Venezuela entre 2015 e 2018.

Christian Santos
Información persoal
Nome Christian Robert Santos Freire
Nacemento 24 de marzo de 1988 (36 anos)
Lugar de nacemento Puerto Ordaz
Altura 1,84 m.
Posición Dianteiro
Información de club
Club actual Arenteiro
Número 7
Carreira xuvenil
SV Lippstadt 08
2003–2007 Arminia Bielefeld
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2008–2011 Arminia Bielefeld II 78 (28)
2011–2013 Eupen 58 (25)
2013–2014 Waasland-Beveren 0 (0)
2014–2016 NEC Nijmegen 71 (43)
2016–2018 Alavés 31 (5)
2018–2020 Deportivo da Coruña 48 (9)
2020–2021 VfL Osnabrück 29 (8)
2021–2022 Colo-Colo 13 (1)
2022–2023 Juve Stabia 14 (2)
2024– Arenteiro 6 (4)
Selección nacional
2015–2018 Venezuela 13 (1)
Na rede
Twitter: C_Santos11_ Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 20 de marzo de 2024.
Selección: actualizado a 14 de setembro de 2018.editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

Naceu en Ciudad Guayana, Venezuela, fillo dun emigrante galego de Ourense, e unha venezolana de ascendencia alemá,[1] e comezou a xogar ao fútbol na Hermandad Gallega de Puerto Ordaz. Con seis anos trasladouse coa súa familia a Alemaña, instalándose en Lippstadt. Alí seguiu xogando ao fútbol, nas categorías inferiores do SV Lippstadt 08 e posteriormente cos equipos xuvenís do Arminia Bielefeld.

Paso por Bélxica editar

Na tempada 2011/12, despois de cinco anos no filial do Arminia, marchou a Bélxica para xogar no K.A.S. Eupen, da Segunda División do país. Na súa primeira tempada no club belga foi o terceiro máximo goleador da competición, con 15 tantos, superado só por Hervé Onana e Moussa Gueye, mentres que na seguinte marcou 10 goles en liga.

En 2013 deu o salto á Primeira División de Bélxica, fichando polo Waasland-Beveren. Con todo, só disputou 15 minutos de liga en toda a tempada, nun partido ante o Standard de Liège, así como outros 13 na Copa de Bélxica.[2]

Explosión nos Países Baixos editar

Despois de tres anos en Bélxica chegou aos Países Baixos, fichando polo NEC de Nimega, da Segunda División. Na súa primeira tempada no fútbol neerlandés marcou 23 goles en liga, cifra só superada polo seu compañeiro de equipo Sjoerd Ars. Os goles de ambos catapultaron o equipo ata a primeira praza da táboa, proclamándose campións con 21 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, o FC Eindhoven.[3] Xa na máxima categoría, liderou o ataque do equipo de Güeldres, con 16 goles en liga, conseguindo a permanencia con comodidade, e sumou dous goles máis na Copa dos Países Baixos.[4]

Deportivo Alavés editar

O seu bo nivel de xogo chamou a atención de varios clubs e en xullo de 2016 fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo Alavés, da Primeira División española.[4] Debutou co equipo de Pellegrino na primeira xornada de liga, substituíndo a Gaizka Toquero nos minutos finais do partido ante o Atlético de Madrid no Vicente Calderón. Aínda que só dispuxo de 8 titularidades na liga, disputou un total de 21 partidos en dita competición, marcando 3 goles e acabando no noveno posto. Ademais, sumou dous goles en seis partidos na Copa do Rei, acadando o seu equipo a final, onde perdeu ante o FC Barcelona.[5]

Na tempada 2017/18 as súas cifras reducíronse a só 10 partidos de liga e 2 de Copa. Despois de non se adaptar ao fútbol do Alavés, chegou a un acordo co club para rescindir o seu contrato.[6]

Deportivo da Coruña editar

O 28 de xuño de 2018, fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, da Segunda División.[7] Xogou dúas tempadas en Galicia, disputando un total de 49 partidos, a maioría deles saíndo dende o banco. Marcou 9 goles, un deles unha espectacular chilena contra o Huesca que lle deu a vitoria ao seu equipo.[8] Deixou o Deportivo tralo descenso do club á Segunda División B, fichando a continuación polo VfL Osnabrück.[9]

VfL Osnabrück editar

Disputou un total de 32 partidos co equipo da Baixa Saxonia, marcando 8 goles, pero non puido evitar o descenso do equipo, que acabou penúltimo na táboa da 2. Bundesliga e a continuación perdeu a fase de permanencia contra o FC Ingolstadt.[10]

Colo-Colo editar

En setembro de 2021 volveu a América do Sur, asinando como novo xogador do Colo-Colo chileno.[11] Xogou no equipo de Santiago menos dun ano, disputando un total de 15 partidos, 2 deles na Copa Libertadores. O seu rendemento estivo por debaixo das expectativas, xogando como titular só catro encontros e marcando un único gol diante do Palestino.[12]

Juve Stabia editar

Despois duns meses sen equipo, en outubro de 2022 converteuse en novo xogador do Juve Stabia, equipo italiano da Serie C.[12] Xogou un total de 15 partidos co equipo de Castellammare di Stabia, marcando dous goles, antes de deixar o país no mercado invernal.[13]

Unionistas de Salamanca editar

A continuación regresou ao fútbol español como novo xogador do Unionistas de Salamanca, da Primeira División RFEF. No seu segundo partido marcou dous goles fronte ao Linares, despois de saír do banco na segunda metade.[14] Acabou a tempada con 14 partidos e 4 goles, un deles o tanto que supuxo a vitoria por 2-1 sobre o seu exequipo, o Deportivo da Coruña.[15]

Universidad Central editar

En xullo de 2023 regresou á súa Venezuela natal para xogar por primeira vez no fútbol do país, asinando como novo xogador do Universidad Central, da Primeira División.[16] Debutou ante o Zamora e disputou un total de oito encontros co club.

Arenteiro editar

En febreiro de 2024 volveu a Galicia como novo xogador do Arenteiro, da Primeira División RFEF, onde cubriu o oco deixado polo seu compatriota Miku, que fixo o camiño inverso, retornando a Venezuela.[17] Debutou coa camiseta verde uns días despois, na 23ª xornada ante a Cultural Leonesa no Espiñedo, substituíndo a Manín no minuto 76 e facendo o único gol do encontro tres minutos despois.[18]

Selección venezolana editar

Debutou coa selección venezolana o 27 de marzo de 2015, nun encontro amigable contra Xamaica en Montego Bay no que o seleccionador Noel Sanvicente o colocou como titular.[19] Marcou o seu primeiro e único gol internacional no seu terceiro partido coa selección, facendo o único gol venezolano na derrota por 3-1 diante do Brasil no estadio Governador Plácido Castelo de Fortaleza, nun encontro correspondente á clasificación para o Mundial de 2018.[20]

En 2016 foi un dos 23 homes elixidos polo seleccionador Rafael Dudamel para a disputa da Copa América Centenario nos Estados Unidos. Xogou un só partido durante o torneo, ante México, no que lle deu unha asistencia a Velázquez para que este marcase o único gol do seu equipo (1-1).[21] O 12 de setembro de 2018 disputou o seu 13º e último encontro internacional, un amigable diante de Panamá no estadio Rommel Fernández.[22]

Notas editar

  1. Barreiros, Pedro (9 de xullo de 2018). "Roberto Santos: «Estoy feliz de que mi hijo defienda un escudo que es de su padre»" (en castelán). Consultado o 30 de xullo de 2020. 
  2. "Standard Liège 2-2 Waasland-Beveren". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  3. Acedo, Diego (7 de marzo de 2015). "Christian: "He trabajado duro; la selección es algo emocionante"". Marca (en castelán). Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  4. 4,0 4,1 Lekuona, Javier (13 de xullo de 2016). "Oficial: Christian Santos ficha por el Deportivo Alavés". As (en castelán). Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  5. Fuentes, Luis (27 de maio de 2019). "Dos años de la final de Copa del Alavés en el Calderón". Mundo Deportivo (en castelán). Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  6. "El Deportivo anuncia la llegada de Christian Santos" (en castelán). 28 de xuño de 2018. Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  7. Christian Santos, novo xogador do Deportivo
  8. Losada, Victor (6 de xullo de 2020). "Así se fabricó el espectacular gol de chilena de Christian Santos" (en castelán). Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  9. "Christian Santos deja el Deportivo y ficha por el VfL Osnabrück alemán". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de setembro de 2020. Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  10. "Cara y cruz para Lampropoulos y Christian Santos en Alemania" (en castelán). 31 de maio de 2021. Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  11. "Colo Colo sorprende con el fichaje de última hora del venezolano Christian Santos" (en castelán). 10 de setembro de 2021. Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  12. 12,0 12,1 Bastidas, Juan Miguel (12 de outubro de 2022). "Christian Santos consigue equipo tras su mal paso por Colo Colo y firma en equipo de Italia" (en castelán). Consultado o 13 de xuño de 2023. 
  13. "Christian Santos, nuevo fichaje de Unionistas de Salamanca" (en castelán). 1 de febreiro de 2023. Consultado o 14 de xuño de 2023. 
  14. "El explosivo estreno de Christian Santos como jugador del Unionistas" (en castelán). 16 de febreiro de 2023. Consultado o 14 de xuño de 2023. 
  15. "La ley del ex mata al Dépor en un abarrotado Reina Sofía y Unionistas se acerca a la salvación por fin (2-1)" (en castelán). 2 de abril de 2023. Consultado o 14 de xuño de 2023. 
  16. Molina, Geraldine (10 de xullo de 2023). "El ex Colo Colo Christian Santos jugará por primera vez en el fútbol de Venezuela" (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  17. "O Arenteiro fecha a fichaxe de Christian Santos". Nós Diario. 6 de febreiro de 2024. Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  18. Garrote, Pepe (11 de febreiro de 2024). "Debut triunfal de Christian Santos en el Arenteiro (1-0)". La Región (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2024. 
  19. "Xamaica 2-1 Venezuela". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 14 de xuño de 2023. 
  20. "Brasil 3-1 Venezuela". FIFA (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de marzo de 2016. Consultado o 14 de xuño de 2023. 
  21. "México empata ante Venezuela (1-1) y evita a Argentina en cuartos" (en castelán). 14 de xuño de 2016. Consultado o 14 de xuño de 2023. 
  22. "Panamá 0-2 Venezuela". Transfermarkt (en castelán). Consultado o 14 de xuño de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar