Chocolates Matías López

empresa española de alimentación

Chocolates y Dulces Matías López é unha empresa produtora de chocolate española fundada en 1851 polo empresario galego Matías López López.[1] A empresa instalouse nos seus inicios en Madrid para pasar a finais de século XIX ao Escorial.

Chocolates Matías López
"Los gordos y los flacos", obra de Francisco Javier Ortego y Vereda, incluída na publicación titulada Cuando El Escorial olía a chocolate.
Tipoempresa
Data de fundación1851
Fundador(es)Matías López López
SedeMadrid e O Escorial
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]
Anuncio de Chocolates Matías López na revista "Gran Vida" (1908), co texto: "Qué dulce es la vida corriendo en pos del amor y comiendo bombones de Matías López".

Historia editar

Inicios editar

Matías López chegou a Madrid en 1844 con dezanove anos, e traballou nun obradoiro de chocolate desde entón. A súa estratexia era repartir os produtos entre familiares e amigos, e grazas ao marketing oral foi incrementando a demanda. Aos poucos foi adquirindo muíños de cacao, algúns propulsados por vapor, que melloraron a produción.[1] A empresa medrou e trasladou a súa fábrica de Madrid ao Escorial, onde en 1871 comprou a Rafael Taboada & Cía. a azucreira Alianza Industrial, SA, que non tiña éxito.

Mercado editar

As campañas de mercadotecnia de Matías foron innovadoras. Contratou ao famoso litógrafo madrileño N. González, para que en colaboración co debuxante Francisco Ortega Vereda deseñaran o primeiro cartel publicitario de España, coñecido popularmente como "El gordo y el flaco".[2] [3] Chegou a editar unha serie de vinte e cinco postais coa súa publicidade en dúas edicións. A publicidade deste chocolate foi moi famosa no século XIX, incluíndo un pasodoble como himno da compañía.[4]

A expansión provocou a venda de chocolates en toda a Península Ibérica. En 1870 elaboraba cerca de 5 tonetadas ao día, representando o 80% do consumo de chocolate en España[2]. Os custos tarifarios impediron ao principio que se estendese a mercados exteriores cun prezo competitivo. Despois vendeuse nos mercados europeos e americanos.

Política laboral editar

Matías López creou un barrio de vivendas arredor da Fábrica, a Primera Ciudad Lineal para os traballadores, que contaba cunha cooperativa alimentaria ("la Cope"), unha Escola Nacional de nenos e nenas (construída por Viuda e Hijos de Matías López) e unha capela dedicada a San Matías. Foi un dos primeiros en establecer a xornada laboral de 8 horas; e creou a Seguridade Social e a Seguridade Sanitaria para os seus traballadores e as súas familias, sendo un pioneiro no Estado español. Deulles préstamos por 25 anos ou máis para a compra das súas vivendas. Na súa cidade natal, Sarria (Lugo), os seus sucesores instalaron un Colexio Público[5] e o Hospital Municipal Campo de Outeiro, inaugurado en 1909[6].

Século XX e XXI editar

Finado en xuño de 1891, a empresa pasou aos seus fillos, contando naquel momento con 500 traballadores e sendo un dos 3 chocolateiros máis importantes de Europa, despois das suízas Nestlé e Lindt.[3][7] Cos herdeiros á fronte, a empresa pasou por diversas vicisitudes, pasando de sociedade limitada a sociedade anónima e en 1964 a fábrica pechou, deixando 115 empregados no paro. Aínda que non faltou a demanda, os provedores non seguiron dándolles crédito.[8]

Os terreos da fábrica e do barrio dos chocolateiros están hoxe ocupados pola urbanización Parque Real. Os traballadores que tiñan vivendas no barrio foron desaloxados a cambio de terreos anexos a ese barrio. Alí non se construíron as súas novas vivendas e acabaron constituíndo a cooperativa de vivenda Virgen de la Herrería, situada ao outro lado do ferrocarril.

Daquela grande industria non queda nada e os obreiros nunca cobraron os últimos días traballados.

A marca volveu ao mercado en 2014[3][9] cun produto diferente, xa que ao pechar nos anos 60 os obreiros decidiron queimar a fórmula[10].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Rafael Montal Montesa, (1999), El Chocolate, «Las Semillas de Oro», Zaragoza, Goberno de Aragón, pp. 255-258.
  2. 2,0 2,1 "Matías López, el gallego rey del chocolate e inventor de la publicidad moderna" (en castelán). 24 de novembro de 2019. Consultado o 14 de agosto de 2020. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Chocolates y Dulces Matías López (22 de marzo de 2015). "Chocolates y Dulces Matías López. Una Marca con Historia" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2016. Consultado o 6 de novembro de 2016. 
  4. Pedro Montoliú Camps, (2001), Madrid en la posguerra, 1939-1946: los años de la represión, Madrid, p. 357.
  5. "O mecenas Matías López". La Voz de Galicia. 2004-10-30. Consultado o 2022-07-01. 
  6. "Sarria". www.caminofrances.org (en castelán). Consultado o 2022-07-01. 
  7. "Deseño galego: innovación e tradición". Pazo de Vilane; Crónicas do galiñeiro. 2021-04-21. Consultado o 2022-07-01. 
  8. Sánchez Meco, Gregorio, (1996), Cuando El Escorial olía a chocolate (en castelán)
  9. "Matías López, chocolate de lujo de Madrid" (en castelán). 10 de outubro de 2015. Consultado o 14 de agosto de 2020. 
  10. "El Monasterio dulce del Escorial". elmundo.es (en castelán). Consultado o 1 de xullo de 2022. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar