Charlotte Perkins Gilman

Intelectual norteamericana, escritora, conferenciante, feminista e reformadora social.


Charlotte Anna Perkins, nada en Hartford (Connecticut) o 3 de xullo de 1860 e finada en Pasadena (California) o 17 de agosto de 1935, foi unha intelectual norteamericana multidisciplinar, moi activa en defensa dos dereitos civís das mulleres entre finais de 1890 e mediados de 1920. A súa obra máis coñecida é The Yellow Wallpaper publicada en 1892, un relato breve con toques autobiográficos escrito tras unha profunda depresión posparto. A utopía Herland (1915), está considerada a precursora da ciencia ficción feminista moderna. A súa figura serviu de modelo debido ás súas ideas e o seu estilo de vida pouco ortodoxo para a época.

Infotaula de personaCharlotte Perkins Gilman

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento3 de xullo de 1860 Editar o valor em Wikidata
Hartford, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Morte17 de agosto de 1935 Editar o valor em Wikidata (75 anos)
Pasadena, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Causa da morteSuicidio e Cancro de mama Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEstados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpoeta , artista , economista , activista polos dereitos das mulleres , editora literaria , escritora , filósofa , socióloga , novelista , sufraxista Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
FamiliaBeecher family (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
CónxuxeCharles Walter Stetson (pt) Traducir
George Houghton Gilman (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaisFrederic Beecher Perkins (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Mary Ann Fitch Westcott (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Premios
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: 73327a93-0279-46c2-bc55-5347e4acc139 Discogs: 2299070 WikiTree: Perkins-6599 Find a Grave: 10452488 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Mocidade editar

Foi filla do matrimonio entre Mary A. Fitch Westcott (1829-1893) e Frederic Beecher Perkins (1828-1899) xunto ao seu irmán Thomas Adie Perkins (1859). Os seus outros dous irmáns Thomas Henry (1858) e Mery Clarissa (1866) non chegaron a cumprir o ano de idade.[1] O seu pai Frederick, bibliotecario de profesión, pertencía á influente familia Beecher, entre as que se atopaban a sufraxista Isabella Beecher Hooker, a escritora abolicionista Harriet Beecher Stowe (autora da Uncle Tom's Cabin) e a educadora conservadora Catharine Beecher. A súa Nai, Mary A. Fitch, era da burguesía conservadora de Rhode Island.

En 1859, tralo abandono do fogar por parte do seu marido Frederick, a nai debeu facerse cargo da familia. Nos escritos autobiográficos de Perkins son constantes as mencións aos cambios de domicilio, pois en ocasións aloxábanse en casas de familiares ou amigos próximos mentres a súa nai buscaba traballo co que poder manter a familia, algo que ela mesma describe como "catro anos durante os que pasa por sete colexios diferentes, algo que termina cando cumpre os 15 anos". Charlotte pasou longas tempadas convivindo coas súas tías paternas tralo abandono familiar por parte de Frederick.

Na súa adolescencia as súas amizades eran maioritariamente femininas, chegando a manter unha estreita relación romántica con Martha Luther, algo que posteriormente Charlotte describirá na súa autobiografía do seguinte xeito: “Estabamos moi unidas, eramos cada vez máis felices xuntas, ao longo de catro deses intensos anos de mocidade. Ela era a persoa máis próxima e querida que había ter ata ese momento. Era amor, pero non sexo (...) Con Martha, coñecín a felicidade perfecta (...) Non só nos apreciabamos moito, senón que nos divertiamos deliciosamente xuntas.”[2]

En 1878, aos dezaoito anos, Charlotte conseguiu matricularse e asistir finalmente de xeito estable á Escola de Deseño de Rhode Island ata graduarse en 1883.[3] Para custear a súa educación, Charlotte dedicouse a dar clases particulares, vender acuarelas e tarxetas de felicitación así como a realizar elaborados deseños publicitarios para anuncios, traballos cos que continuaría trala súa graduación para sufragar os gastos.[2] Como curiosidade, o 8 de agosto de 1880, na súa correspondencia persoal con Martha, Charlotte chegou a bautizar orgullosa o seu proxecto emprendedor baixo o nome de "Perkins & Co. Designers". Foi unha época de adolescencia idílica e gran felicidade para Charlotte a cuxos recordos recorrería máis adiante nos momentos máis complicados que se aveciñaban.

Matrimonio e rol familiar editar

Durante o verán de 1881, cando Martha se atopaba de vacacións coa súa familia fóra da cidade, coñeceu a Charles A. Lane. O 1 de novembro dese mesmo ano casaron, e trasladáronse a Hingham (Massachusetts) con plans de formar unha familia. O matrimonio tivo dous fillos: Charles C. (1883) e Margaret L. (1886).

 
Charlotte Perkins Gilman, 1884.

Nun breve período de tempo todo cambiou para sempre. Para Charlotte, supuxo un impacto emocional bastante forte do que quedou constancia tanto na súa autobiografía como na correspondencia existente entre ela e Martha[4][5] que durou ao longo das súas vidas.

En 1882, con 22 anos, Charlotte coñeceu a Charles Walter Stetson, un novo artista co que casou o 2 de maio de 1884. Un ano máis tarde, o 23 de marzo de 1885, naceu a súa filla Katharine Beecher Stetson. Nos meses posteriores ao nacemento Gilman sufriu unha profunda depresión. Nunca ata o momento se sentira atraída polo matrimonio, a familia e moito menos pola maternidade ou a vida doméstica. O que comezou como unha ilusión, trala decepción emocional sufrida con Martha, converteuse nun novo pozo emocional.

Charlotte, que por aquel entón contaba con 26 anos, buscou a axuda dun reputado neurólogo, o doutor Silas Weir Mitchell de Filadelfia. Diagnosticáronlle esgotamento nervioso e prescribíronlle unha cura de descanso, un tratamento controvertido do que Mitchell era pioneiro. Tras seis semanas, Gilman puido marchar a casa coas seguintes instrucións: «Viva unha vida tan doméstica como se poida. Teña á súa filla consigo todo o tempo... Bótese durante unha hora tras cada comida. Como máximo teña dúas horas de actividade intelectual ao día. E nunca toque unha pluma, un lapis ou un pincel na súa vida».

Por aquel entón a depresión posparto non era un cadro clínico coñecido polos especialistas, polo que malia buscar axuda especializada o único que recibiu foron as habituais prescricións de repouso absoluto, desaconsellándolle o traballo intelectual ou calquera outra ocupación máis aló do rol doméstico e familiar o que a levou a un agravamento da súa depresión e achegouna perigosamente a un colapso emocional total.

Separación e divorcio editar

Durante o verán de 1888, Charlotte marchou unha tempada a Bristol (Rhode Island) xunto á súa filla Katharine e alí comezou a notar unha progresiva mellora da súa depresión. Gilman finalmente decidiu separarse do seu esposo, ao consideralo necesario para mellorar a súa saúde mental. Anos máis tarde, en abril de 1894, o matrimonio divorciouse, algo insólito para a época. Esta experiencia foi de moita axuda para ela, para máis adiante escribir unha das súas obras máis coñecidas e valoradas The Yellow Wallpaper (1892).

 
Charlotte Perkins Gilman e a súa filla Katherine Beecher Stetson (1897).

Despois da separación, Gilman marchou coa súa filla a California. En 1890 produciu 15 ensaios, poemas, e unha novela. Para Charlotte foi unha época de gran creatividade, activismo social e actividade intelectual. Paralelamente participaba activamente en varias organizacións feministas e reformistas como a Pacific Coast Woman's Press Association, a Woman's Alliance, o Economic Club, a Ebell Society, a Parents Association e o State Council of Women.

Carreira literaria editar

En 1892 publicou a súa primeira obra O papel da parede amarelo, un relato breve inspirado na súa propia experiencia durante a súa época depresiva e o seu cura de repouso, unha das súas obras máis coñecidas e valoradas. Charlotte escribiuno entre o 6 e o 7 de xuño de 1890 na súa casa de Pasadena (California), e foi impresa un ano e medio despois no The New England Magazine no número de xaneiro de 1892. Desde a súa edición orixinal, foi incluída en numerosas coleccións de literatura feminina, literatura estadounidense e libros de texto.[6] A historia trata sobre unha muller que sofre unha enfermidade mental logo de estar dous meses atrapada dentro de casa mirando ao mesmo repugnante empapelado amarelo. Gilman escribiu esta historia para cambiar a opinión da xente sobre o papel da muller na sociedade, ilustrando como a falta de autonomía das mulleres anaba en detrimento da súa saúde mental, emocional e ata física. A narradora da historia debe facer o que o seu esposo e o seu doutor mandan, aínda que o tratamento que prescriben contrasta directamente co que ela de verdade necesita: estimulación mental, e a liberdade de escapar á monotonía da habitación na que se atopa confinada. O empapelado amarelo era esencialmente unha resposta ao médico[7] que intentara restablecela da súa depresión a través dunha cura de descanso, ela envioulle unha copia da historia.[6]

 
Charlotte Perkins Gilman falando nunha manifestación sufraxista.

Comezou a impartir conferencias sobre o nacionalismo para o Radical Nationalist Party e gañou visibilidad pública co seu primeiro volume de poesía, In This Our World, publicado en 1893. A súa carreira como conferenciante quedou impulsada,[6] pasando a ser os seus discursos unha fonte habitual de ingresos. A súa fama creceu xunto co seu círculo social de activistas das mesmas opinións e escritores do movemento feminista.

O seu exmarido Charles, vólvese a casar con Grace Ellery Channing, amiga íntima de Gilman. En 1894, Charlotte manda á súa filla ao oeste para vivir con eles. Gilman conta nas súas memorias que estaba feliz pola parella, posto que «a segunda nai de Katherine era tan boa como a primeira, mellor en máis dun sentido».[8] Charlotte permanecerá próxima á parella e á súa filla formando unha familia moi pouco convencional para a época.

Anos máis tarde, en 1918, a súa filla Katharine Stetson casou co artista Frank Tolles Chamberlin[9]. O matrimonio tivo dous fillos: Dorothy (n. 1918) e Walter (n. 1920). En 1919 trasládanse a vivir a Pasadena. Nunca perderán o contacto con Gilman, sendo habitual que manteñan unha fluída correspondencia malia a distancia.

Entre 1894–1895 Gilman editou o semanal literario The Impress, que se publicaba pola Pacific Coast Women’s Press Association (anteriormente o Bulletin). Acabou ás 20 semanas debido á crítica social que suscitaba o seu estilo de vida, que incluía ser unha nai pouco natural e unha muller que se divorciou do seu marido. Logo de catro meses de conferencias que acabaron en abril de 1897, Gilman comezou a pensar sobre as relacións de xénero e a economía na vida estadounidense, isto fixo que creara o primeiro esbozo de "Mulleres e economía". O libro foi publicado o ano seguinte (Women and Economics, 1898) e colocou a Gilman no foco de atención internacional.[10]

Despois de que a súa nai morrese en 1895, Charlotte decidiu regresar ao leste por primeira vez en oito anos. Alí entrou en contacto con George Houghton Gilman, primo seu ao que non vira en aproximadamente quince anos, que era un avogado de Wall Street. Con 40 anos de idade, Charlotte volverá contraer matrimonio por segunda vez, o 11 de xuño de 1900, co seu primo Houghton Gilman, un home solidario coas súas aspiracións feministas que soubo apoiala nos seus proxectos e darlle a liberdade necesaria para realizar o seu traballo.[8] O seu matrimonio non se parecía en nada ao precedente con Walter. Dous anos despois, en 1902, nacerá o seu fillo Yadir Gilman.

En 1903 escribiu un dos seus libros máis aclamados pola crítica, The Home: Its Work and Influence, que ampliaba o contido de Women and Economics, afirmando que as mulleres están oprimidas nas súas casas e que a contorna no que viven debe modificarse polo seu saúde mental. Entre as viaxes e a escritura, a súa carreira como figura literaria estaba asegurada.[8] Charlotte estenderá o seu prolífico período creativo, comezando a publicación como editora e escritora da revista The Forerunner que desde 1909 ata 1916 deu difusión a gran parte da súa ficción.

En 1925, finaliza o seu autobiografía, The Living of Charlotte Perkins Gilman, que se publicará máis tarde a título póstumo. Así mesmo, continuará dando conferencias reivindicando a independencia económica das mulleres. Tras varios anos vivindo en Nova York, Charlotte, Houghton Gilman e o seu fillo Yadir trasládanse á antiga casa de Houghton en Norwich, Connecticut.

Últimos anos editar

En 1934, trala repentina morte do seu marido dunha hemorraxia cerebral, Gilman regresa a Pasadena, xunto á súa filla. Ao pouco tempo diagnosticóuselle un cancro de peito incurable.[11] Apenas un ano despois, Charlotte, firme defensora da eutanasia para os enfermos terminais, decidiu non continuar vivindo coa súa enfermidade.

Suicidouse o 17 de agosto de 1935 cunha sobredose de cloroformo, morrendo rápida e tranquilamente.[8] Na súa nota de suicidio escribiu: "Cando toda a utilidade terminou, cando un ten a certeza dunha morte inminente e ineludible, é o máis simple dos dereitos humanos elixir unha morte fácil e rápida en lugar dunha morte lenta e horrible".[3]

Notas editar

  1. "Perkins Family genealogical records, after 1926.". Harvard University Library (en inglés). Consultado o 01/12/2017. 
  2. 2,0 2,1 Gilman, Charlotte Perkins (1935). The Living of Charlotte Perkins Gilman. New York & London: D. Appleton & Century Co. ISBN 978-0060904227. 
  3. 3,0 3,1 Kessler, Carol Farley (1995). Charlotte Perkins Gilman: Her progress toward Utopia with selected writings. Syracuse University Press. ISBN 978-0815603047. 
  4. Correspondencia parcial (en inglés)
  5. "Martha Luther Lane (1862-1948). General Correspondence. Series III (en inglés)". Charlotte Perkins Gilman Digital Collection. Radcliffe Institute for Advanced Study, Harvard University. Arquivado dende o orixinal o 13/09/2017. Consultado o 1/12/2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Bates Dock, Julie (1998). Charlotte Perkins Gilman's “The Yellow Wall-paper” and the History of Its Publication and Reception. A Critical Edition and Documentary Casebook. University Park, PA: The Pennsylvania State University Press. ISBN 978-0-271-01733-4. 
  7. S. Weir Mitchell
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Knight, Denise D. (1994). The Abridged Diaries of Charlotte Perkins Gilman. Charlottesville, VA:: University of Virginia Press. ISBN 9780813917962. 
  9. "F. Tolles Chamberlin (1955)". Schlesinger Library, Radcliffe Institute, Harvard University. Consultado o 1/12/2017. 
  10. "New York Heral Tribune book review by Clara G. Stillman (1935)". Schlesinger Library, Radcliffe Institute, Harvard University. Consultado o 1/12/2017. 
  11. Wynn Allen, Polly (1928). Building Domestic Liberty: Charlotte Perkins Gilman's Architectural Feminism. Massachusetts: University of Massachusetts Press. ISBN 978-0-87023-628-0. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar