A cervexa branca ou cervexa de trigo é unha cervexa que é elaborada cunha cantidade significativa de trigo. Estas cervexas a miúdo conteñen unha proporción apreciábel de malte de cebada. A miúdo son de alta fermentación, e en Alemaña teñen que selo por lei[1]. O seu aroma varía considerabelmente, dependendo de cada estilo.

Cervexa de trigo alemá, nun vaso típico de Weissbier.

Variedades editar

As dúas variedades máis comúns son as witbieren baseadas na tradición belga de empregar aromatizantes como o coandro ou a casca da laranxa[2], e as Weißbieren baseadas na tradición alemá de mesturar canto menos 50% de trigo con malte de cebada para facer unha ale de cor clara[3]. Tanto a witbier belga como a Weißbier alemá reciben o nome de "cervexas brancas" porque historicamente teñen sido sempre máis pálidas que outros tipos de cervexa.

As cervexas brancas belgas a miúdo teñen especias como o coandro ou laranxa ácida engadidas, dándolles un lixeiro aroma a froita.

As cervexas brancas alemás son nomeadas Weizen ("trigo") nas rexións do oeste (Baden-Württemberg) e do norte, e Weißbier ou Weiße ("cervexa branca" ou "branca") en Baviera. Hefeweizen ("hefe" é o alemán para lévedo) é o nome para as cervexas de trigo sen filtrar, namentres que Kristallweizen ("kristall" é o alemán para cristal) é a mesma cervexa filtrada.

Weissbier editar

A Weißbier ou Weissbier (en galego: cervexa branca, coñecida tamén como cervexa de trigo), tamén chamada Hefeweizen, Weizenbier ou Hefeweissbier , é un tipo de cervexa feita de malte de trigo, malte de cebada, lúpulo e lévedo. Normalmente a Weissbier ten unha gradación alcólica de entre 5 % e 6 %. A bebida é principalmente consumida no sur de Alemaña nos estados de Baviera e Baden-Württemberg, porén tamén é bastante popular noutras rexións do país, e noutros moitos países, como en Austria, en Bélxica e nos Estados Unidos de América.

As variedades de Weißbier difiren no gosto e na cor:

  • Hefeweizen, de cor amarelada-marrón opaca, pois o lévedo non é filtrado.
  • Kristallweizen, de cor clara e transparente, leve na degustación.
  • Dunkelweizen ou Hefeweissbier dunkel, cervexa de trigo escura, de gosto máis forte.
  • Weizenstarckbier ou Weizenbock, cervexa tipo bock cunha gradación alcólica entre 5 % e 12 %.

Algúns exemplos de produtores de Weissbieren son, por exemplo, Paulaner, Boston Beer Company, Erdinger, Schneider Weisse ou Franziskaner.

Witbier editar

Artigo principal: Witbier.

A witbier (en francés: bière blanche), ou simplemente Witte é unha cervexa de alta fermentación de cebada e trigo elaborada principalmente en Bélxica, malia que ten tamén presenza nos Países Baixos e noutros lados. Colle o seu nome por mor do lévedo en suspensión e das proteínas de trigo que provocan que a cervexa teña un ton branco cando está fría.

Variedades agres editar

Artigos principais: Lambic, Berliner Weisse e Gose.

Unha variedade menos espallada da cervexa de trigo é a Berliner Weisse (Berlinesa Branca), que ten menos alcol (do 2.5% ao 3%) e é bastante ácida. Os seus seareiros a miúdo engádenlle xaropes doces de limón, framboesa ou aspérula.

A cervexa Gose de Leipzig é semellante á pero un pouco máis forte, con preto do 4% de alcol. Entre os seus ingredientes están o coandro e o sal, e polo tanto non se adapta á Reinheitsgebot. Tanto a Gose como a Berliner Weisse adquiren a súa acidez por medio do uso da bacterias de ácido láctico na fermentación xunto co lévedo.

A Lambic belga tamén está feita con trigo e cebada, pero difire da witbier no seu lévedo. A Lambic é de fermentación espontánea.

Servindo a cervexa de trigo editar

 
Vaso típico de Berliner Weisse.

A cervexa branca ao estilo bávaro sérvese usualmente en vasos dunha forma determinada de 500 ml. En Bélxica, a witbier sérvese normalmente en vasos de 25 cl, pero sen unha forma estándar. A Berliner Weisse sérvese nun schooner.

A Kristallweizen (especialmente en Austria) e os estilos americanos de cervexa de trigo son a miúdo servidos cunha choucha de limón ou laranxa no vaso; isto xeralmente non se ve ben en Baviera.[1]

No norte de Baviera, é común engadir un grao de arroz ás Kristallweizen, que provoca un efecto agradábel de burbullas e que resulta nunha escuma de máis duración[4].

Algo común nos pubs de Baviera é a Cola-Weizen, mestura de refresco de cola e Weizenbier. Tamén é popular en diferentes partes de Alemaña a Bananenweizen (cervexa de trigo con néctar de banana).

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Eric Warner, German Wheat Beer. Boulder, CO: Brewers Publications, 1992. ISBN 978-0-937381-34-2
  2. "The On-Line Guide to Belgian Beer - Beer Styles". www.belgianstyle.com. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2010. Consultado o 2008-06-20. 
  3. "Weissbier". www.germanbeerinstitute.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2010. Consultado o 2008-06-20. 
  4. "Weizenbier or wheat beer". Arquivado dende o orixinal o 06 de novembro de 2007. Consultado o 09 de agosto de 2009. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar